Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Martes, 19 de xullo de 2022 Páx. 40490

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 8 de xullo de 2022, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se dá publicidade da encomenda de xestión á empresa pública Tecnologías y Servicios Agrarios, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsatec) para a prestación dun servizo de apoio técnico á representación autonómica de Galicia no Consello de Emprego, Política Social, Sanidade e Consumidores da Unión Europea.

De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade da Resolución do conselleiro de Sanidade, do 29 de xuño de 2022, pola que se encomenda á empresa pública Tecnologías y Servicios Agrarios, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsatec) a prestación dun servizo de apoio técnico á representación autonómica de Galicia no Consello de Emprego, Política Social, Sanidade e Consumidores da Unión Europea.

– Actividades:

O obxecto do encargo é prestar un servizo de apoio técnico á persoa representante da Consellería de Sanidade, en representación da Comunidade Autónoma de Galicia, no Consello de Emprego, Política Social, Sanidade e Consumidores (EPSCO) da Unión Europea en Bruxelas, durante o segundo semestre de 2022, e abrangue a realización das seguintes actividades:

a) Apoio ás reunións dos grupos de traballo preparatorios do Consello, conforme o calendario que se aprobe.

b) Recompilación, tradución e elaboración dun informe coa información relativa aos asuntos tratados nas reunións preparatorias así como nas reunións do Consello, que será remitido a quen proceda.

c) Apoio ás visitas de autoridades e outros axentes sociais da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Captación polos medios necesarios de información e documentación de interese para a súa difusión entre as comunidades autónomas.

e) Apoio á distribución da información e documentación aos departamentos das CCAA e ás oficinas das CCAA en Bruxelas.

– Natureza e alcance da xestión encomendada:

A Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, regula a colaboración no ámbito do sector público autonómico, partindo dos principios de colaboración, cooperación e asistencia recíprocas co fin de garantir a eficacia do sector público e o uso eficiente dos recursos públicos. Asemade, introduce no seu artigo 8 o concepto de autoprovisión de bens e servizos dentro do propio sector público.

O artigo 10 da citada lei recolle os instrumentos e procedementos para facer efectivos os principios de cooperación, colaboración e asistencia, entre os que se atopan as encomendas de xestión, reguladas especificamente no artigo 13, que remite á Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

– Prazo de vixencia:

O prazo de execución dos traballos comezará o día 1 de xullo de 2022 e rematará o 31 de decembro de 2022, sen posibilidade de prórroga.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2022

Alberto Fuentes Losada
Secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade