Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Venres, 22 de xullo de 2022 Páx. 41123

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 12 de xullo de 2022, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Apotheca.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Apotheca, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a continuación:

Feitos:

1. O 11 de marzo de 2022, María Araújo Pérez, en representación do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Apotheca foi constituída pola entidade One Collective NFP, mediante escritura pública outorgada en Vigo (Pontevedra) o 15 de febreiro de 2022, ante o notario Julio Manuel Díaz Losada, co número de protocolo 270.

3. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

4. A dotación inicial da Fundación é 30.379,48 €, depositados nunha conta bancaria aberta a nome da Fundación.

5. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto «a promoción dos valores e condutas solidarios como parte integral e cotiá da vida das persoas, en particular o fomento da inclusión de criterios de economía social no enfoque da actividade de autónomos e pequenas e medianas empresas».

6. O padroado inicial da Fundación está formado por Dustin James Dillon, como presidente; Nathaniel John Walter, como vicepresidente; Jordy Osmani Vallecillo Tinoco, como tesoureiro; José Marcos Glasscock Gil, como secretario, e Rubén Acuña Fernández, como vogal.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevou ao vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como de interese para a actividade de traballadores autónomos e pemes con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

8. Mediante a Orde da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, do 9 de xuño de 2022 (DOG núm. 122, do 28 de xuño), pola que se clasifica de interese para a actividade de traballadores autónomos e pemes a Fundación Apotheca, adscribiuse a dita fundación ao protectorado da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009 polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade (DOG núm. 130, do 8 de xullo), correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Apotheca, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, así como nos decretos 14/2009 e 15/2009, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Apotheca, polo que, á vista da proposta de resolución formulada polo Servizo de Calidade de Procedementos e Sistemas,

RESOLVO:

1. Declarar de interese galego a Fundación Apotheca.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Gallego, sección da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; ao Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego; e ao Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como á demais normativa que resulte de aplicación, onde se establece especialmente a obriga de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, a ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Contra esta resolución pódese interpoñer un recurso de alzada, ante a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo os artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2022

José Ramón Pardo Cabarcos
Secretario xeral técnico da Consellería de
Promoción do Emprego e Igualdade