Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Venres, 22 de xullo de 2022 Páx. 41155

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 14 de xullo de 2022 pola que se convoca o I Congreso Nacional de Violencia de Xénero para as Forzas e Corpos de Seguridade.

Conforme os fins que a Lei 1/2007, do 15 de xaneiro lle asigna á Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), en colaboración coa IPA (International Police Association) e financiado con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (Ministerio de Igualdade) dentro do acordo de colaboración asinado coa Consellería de Emprego e Igualdade,

RESOLVO:

Convocar o Congreso nacional de violencia de xénero para as forzas e corpos de Seguridade, de acordo coas bases que se indican a continuación:

Primeiro. Obxectivo

A promulgación da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero e o desenvolvemento dos eixes de actuación coas vítimas de violencia de xénero a través da elaboración de guías e protocolos, e sobre todo, o Pacto de Estado, é necesario revisar os resultados e analizar que dificultades e obstáculos se atopan as vítimas cando entran en contacto co sistema de asistencia integral.

Neste congreso vanse tratar todos aqueles aspectos que afectan o trato coas vítimas, no cal os e as axentes das Forzas e Corpos de Seguridade están estreitamente relacionados, en xeral todo o proceso de acompañamento das vítimas, e sobre todo, co fin de mellorar os recursos destinados á atención inicial e protección destas.

Segunda. Contido

1. Políticas de igualdade e de seguridade: dificultades no acceso das vítimas ao sistema de protección integral. Valoración forense das vítimas.

2. Asistencia integral das vítimas. A atención ás vítimas das FFCCS e relación coas redes asistenciais.

3. A protección das vítimas. Medios tecnolóxicos e novas formas de vixilancia.

4. O proceso xudicial para as vítimas.

5. Novidades xurídicas ao redor dos procesos xudiciais de VG.

6. Análise do labor de investigación e protección policial das vítimas.

Fase de intervención policial. Fundamentos do chamado «Protocolo Cero».

– Atención inicial das vítimas.

– Aspectos operativos relacionados co vitimario.

Fase de protección das vítimas.

– O sistema VioXén.

7. Comunicación. A violencia de xénero desde os medios de comunicación de masas.

Terceira. Persoas destinatarias e desenvolvemento

Persoal pertencente as forzas e corpos de Seguridade.

Persoal da Secretaria Xeral de Igualdade.

Persoal dos servicios sociais e centros de información á muller.

Persoal interesado en xeral.

Datas: 15 e 16 de setembro de 2022.

Modo de participación: presencial (as ponencias serán gravadas para a súa posterior difusión).

Horario: das 10.00 ás 19.00 horas.

Cuarta. Número de prazas

Catrocentas (400).

Quinta. Inscrición

As solicitudes de participación neste deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (htpp://Agasp.xunta.gal), sen que se admita outra forma ou modelo de solicitude.

O código do congreso para a inscrición é 221247, no punto de xornadas de seguridade pública.

(https://Agasp.xunta.gal/gl/course/221247)

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata as 22.55 horas do día 13 de setembro de 2022.

A presentación da solicitude para participar comportará o consentimento da persoa interesada para a gravación do congreso.

Sexta. Comprobación de datos

Os datos persoais proporcionados polas persoas interesadas para a xestión das solicitudes de participación neste congreso, así como aqueloutros que se recollan ou elaboren con motivo do desenvolvemento deste, serán tratados pola Agasp na súa condición de responsable do tratamento, coa finalidade de levar a cabo a selección do alumnado, a impartición da formación e a xestión xeral deste.

As sesións deste congreso serán gravadas. A retransmisión das sesións formativas, e a gravación destas, poderá ser accesible unicamente ao profesorado e alumnado a que van dirixidas e a persoal que a Agasp autorice, podendo no caso de proceder facelas públicas.

Prohíbese expresamente a descarga, a difusión, a distribución ou a divulgación das gravacións, e particularmente a súa compartición en redes sociais, xa que estes usos poden conculcar o dereito á protección de datos, o dereito á propia imaxe e os dereitos de propiedade intelectual, e poderían xerar responsabilidade disciplinaria, administrativa ou civil. As gravacións non poderán ser usadas para outros fins fóra do ámbito docente.

As persoas interesadas poderán solicitar, ante a persoa responsable do tratamento, o acceso, a rectificación, a limitación e a supresión dos seus datos, así como oporse ao seu tratamento por motivos relacionados coa súa situación particular, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos?langId=gl_ES

Contacto delegado/a de protección de datos e información adicional en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos?

Sétima. Criterios de selección

A orde de admisión virá determinada pola data e a hora de presentación das solicitudes ata completar o número de prazas.

Oitava. Publicación da listaxe do alumnado seleccionado

A Agasp publicará no enderezo <https://Agasp.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das listaxes foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na lista de espera ou foron excluídas.

Novena. Cambios ou substitucións na selección. Renuncia, asistencia e seguimento

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por razóns de conciliación familiar.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada enviando un correo electrónico a formacion.Agasp@xunta.gal, o máis pronto posible e, en todo caso, antes do comezo da actividade formativa, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro).

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíñeas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade. O seguimento da actividade:

a) Son obrigatorias a asistencia á sesión deste congreso e a puntualidade.

b) Seguimento:

1. Durante o congreso realizaranse controis de seguimento desta actividade.

2. A non asistencia ao congreso deberase xustificar documentalmente, ante o servizo de formación en seguridade pública, nun prazo máximo de dez (10) días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia.

Décima. Certificado oficial

Ao final deste congreso emitiráselles un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a o espazo persoal do alumnado na páxina web da Agasp ( https://Agasp.xunta.gal/gl/usuario) a aquelas persoas rexistradas sempre que o seu seguimento sexa igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electrónica mente pola Agasp e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o modo de seguimento da actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo primeira. Facultades da Agasp

1. A Agasp reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.

2. A Agasp garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

A Estrada, 14 de xullo de 2022

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública