Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Martes, 26 de xullo de 2022 Páx. 41279

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

EXTRACTO da Orde do 7 de xullo de 2022 pola que se regula o réxime de axudas a centros privados concertados para a realización de probas de nivel lingüístico para o alumnado que realice os seus estudos no ano 2022 (código de procedemento ED531D).

BDNS (Identif.): 640006.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

Esta convocatoria está destinada a todos os centros privados concertados non universitarios dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades nos cales se impartan ensinanzas de educación secundaria obrigatoria, bacharelato e/ou formación profesional.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto regular o procedemento de solicitude e concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a centros privados concertados que impartan ensinanzas de educación secundaria, bacharelato e/ou formación profesional para a realización de probas de nivel lingüístico para o alumnado (código de procedemento ED531D).

2. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 7 de xullo de 2022 pola que se regula o réxime de axudas a centros privados concertados para a realización de probas de nivel lingüístico para o alumnado que realice os seus estudos no ano 2022 (código de procedemento ED531D).

Cuarto. Financiamento e contía das axudas

1. O financiamento das axudas previstas nesta orde efectuarase con cargo á partida orzamentaria 10.30.423A.780.3, por un importe máximo de 150.000,00 €, con cargo ao orzamento de 2022.

2. Ao abeiro do disposto no artigo 25.2 do citado Decreto 11/2009, a concesión das subvencións condiciónase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será 1 mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades