Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Venres, 29 de xullo de 2022 Páx. 41734

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 28 de xullo de 2022 mediante a que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria das axudas previstas polo Decreto 130/2022, do 21 de xullo, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022, destinadas a titulares de infraestruturas de uso público do medio natural dentro da Rede galega de espazos protexidos e reservas da biosfera afectados polos incendios forestais no ámbito da competencia da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (código de procedemento MT100B).

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ten atribuída a conservación, protección, uso sustentable, mellora e restauración do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, segundo o establecido no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Durante o mes de xullo de 2022, unha vaga de incendios forestais ocasionou graves danos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e afectou diversos bens de titularidade pública e privada, incluíndo afeccións importantes nas infraestruturas de uso público do medio natural.

A ordenación do uso público nos espazos incluídos na Rede galega de espazos protexidos é fundamental para unha adecuada valorización do medio, así como para que os galegos desfruten do medio natural. Os centros de interpretación do medio natural son fundamentais nas políticas de educación ambiental e de información á poboación sobre os valores naturais.

Nesta situación de emerxencia resulta de vital importancia o restablecemento das infraestruturas de uso público e interpretación do medio natural, para que a recuperación do medio se compase coas necesarias infraestruturas de uso público para acceso da poboación.

O Decreto 130/2022, do 21 de xullo, de medidas urxentes de axuda para a reparación dos danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022 (DOG núm. 140, do 22 de xullo), establece a posibilidade de outorgar axudas aos titulares de infraestruturas de uso público do medio natural dentro da Rede galega de espazos protexidos e reservas da biosfera afectados polos incendios forestais, tendo a concesión destas axudas carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, de que poidan ser beneficiarios os afectados.

O réxime xeral das axudas e subvencións nas administracións públicas establécese nas disposicións básicas da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A nivel regulamentario, a norma principal constitúea o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Esta orde cumpre coas exixencias da citada normativa.

En concordancia co establecido no Decreto 130/2022, do 21 de xullo, de acordo co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. As subvenciones reguladas por estas bases teñen por obxecto o outorgamento de axudas específicas para sufragar os gastos derivados das actuacións que se leven a cabo para a reposición ou reparación das infraestruturas de uso público do medio natural dentro da Rede galega de espazos protexidos e reservas da biosfera, como consecuencia dos incendios que se produciron durante o mes de xullo do ano 2022 en Galicia (código de procedemento MT100B).

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as entidades titulares de infraestruturas de uso público e de interpretación do medio natural que fosen afectadas pola vaga de incendios que se produciron en Galicia no mes de xullo de 2022:

a) Concellos.

b) Montes veciñais en man común.

2. As persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no seu artigo 10.

Artigo 3. Réxime e principios de aplicación

1. O procedemento de concesión rexerase polo establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

2. As axudas outorgaranse de forma directa por mor do interese público, social e humanitario derivado das circunstancias excepcionais que concorren neste caso; a concesión estará, en todo caso, subordinada á existencia de crédito adecuado e suficiente.

3. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

4. Conforme o anterior e o artigo 6.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, esta orde publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio: http://cmaot.xunta.gal/axudas-e-subvencions.

Artigo 4. Actividades subvencionables e importe

1. Poderán ser obxecto das axudas previstas nesta orde as seguintes actuacións realizadas nas infraestruturas de uso público e de interpretación do medio natural, que fosen afectadas pola vaga de incendios que se produciron en Galicia no mes de xullo de 2022:

a) A reposición ou reparación de elementos estruturais de sendas e rutas sinalizadas, incluíndo sinalización, miradoiros, varandas de madeira e tramos de pasarelas de madeira.

b) A reposición ou reparación das infraestruturas e instalacións de interpretación do medio natural, incluíndo carteis e outras instalacións de interpretación do medio natural.

c) A reposición ou reparación de elementos de áreas recreativas no medio natural.

2. Concederase o 100 % do seu custo subvencionable, cun importe máximo de 20.000 euros/proxecto.

3. Os montes veciñais en man común poderán presentar unha única actuación que se axuste ao recollido nas letras 1.a), 1.b) ou 1.c) do artigo 4 desta orde. O límite máximo por monte veciñal en man común será de 20.000 euros.

4. Os concellos poderán realizar un máximo de dúas actuacións, que se axusten ao recollido nas letras 1.a), 1.b) ou 1.c) do artigo 4 desta orde, e ambas poderán estar incluídas na mesma letra. O límite máximo por Concello será de 20.000 euros por actuación, cun máximo total de 40.000 euros.

Artigo 5. Ámbito territorial

1. As axudas desta convocatoria aplicaranse a proxectos que se desenvolvan no ámbito territorial da Rede galega de espazos protexidos e das reservas da biosfera afectados polos incendios que se produciron durante o mes de xullo do ano 2022 en Galicia.

Artigo 6. Crédito

1. As axudas concederanse con cargo ao crédito previsto na aplicación orzamentaria, 08.03.541B 781.0 para os montes veciñais en man común por importe de 200.000 euros, e na aplicación 08.03.541B.760.0 para os concellos por importe de 350.000 euros, ambas dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.

2. Os importes sobrantes nunha aplicación poderán dedicarse ao incremento da outra aplicación en caso de maior demanda, sen que os solicitantes teñan que presentar unha nova solicitude.

3. No caso de esgotamento do crédito dispoñible, publicarase a dita circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio http://cmaot.xunta.gal.

Artigo 7. Destino das subvencións

1. Para os efectos desta orde, considéranse gastos subvencionables aqueles en que incorrese a persoa beneficiaria nas actuacións levadas a cabo como consecuencia dos incendios acaecidos no mes de xullo de 2022, na reposición ou reparación das infraestruturas e instalacións afectadas polos incendios.

2. Non será obxecto de subvención:

a) O imposto sobre o valor engadido (IVE).

b) E todos aqueles gastos que figuran no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como non subvencionables.

En todo caso, a contía da subvención non poderá ser nunca superior ao custo da actuación subvencionable.

Artigo 8. Iniciación e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

2. A solicitude de axuda, segundo o anexo I desta orde (código do procedemento MT100B), inclúe as seguintes declaracións da persoa solicitante:

a) Declaración do total das solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas.

b) Declaración de conta para a transferencia bancaria.

c) Declaración que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

d) Declaración de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Declaración de non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) No caso de concellos, declaración responsable de que o beneficiario non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiaria dunha subvención.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

4. O defecto nas solicitudes seralles notificado ás persoas interesadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e daráselles un prazo máximo e improrrogable de dez días para emendar os erros ou omisións, con indicación de que, de non facelo así, se considerará que desisten da súa petición, logo da resolución que se deberá ditar nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo das administracións públicas.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. Xunto coa solicitude de axuda (anexo I desta orde, código de procedemento MT100B) presentarase a seguinte documentación:

a) Certificación no modelo do anexo II, na cal se faga constar o acordo polo cal se solicita a subvención para as actuacións que se pretende executar ao abeiro desta orde. No referido acordo deberá constar expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na orde, e o acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

O acordo estará referido a todas as actuacións que integran o proxecto, polo que se deberán consignar a denominación e o orzamento de cada unha, así como o orzamento total.

O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

No caso dos concellos, certificación emitida pola secretaría do concello solicitante.

No caso dos montes veciñais en man común, certificación emitida polo/a representante legal da entidade solicitante.

b) Memoria xustificativa da necesidade das actuacións de reposición ou reparación de elementos nas infraestruturas e instalacións para as cales solicitan a subvención, asinada polo/a representante legal da entidade solicitante.

c) Nas solicitudes para as actuacións subvencionadas deberá achegarse o proxecto ou anteproxecto desta/s co seguinte contido mínimo:

– Memoria explicativa.

– Orzamento detallado.

– Planos a escala suficiente.

d) Así mesmo, deberá presentarse unha declaración responsable emitida polo representante legal da entidade solicitante, no modelo do anexo III, referida á plena dispoñibilidade sobre os terreos e/ou infraestruturas onde se pretende realizar as actuacións.

e) Cando se actúe en nome dunha persoa xurídica, deberase acreditar a representación con que se actúa.

No caso da persoa representante, e de acordo co artigo 5.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, deberá acreditar esa representación mediante algún dos seguintes medios:

– Por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna (poder notarial, representación legal, copia de escrituras ou poder onde se acredite a representación legal...).

– Mediante apoderamento apud acta efectuado por comparecencia persoal ou comparecencia electrónica na correspondente sede electrónica, ou a través da acreditación da súa inscrición no Rexistro electrónico de apoderamentos da Administración pública competente.

f) No caso de montes veciñais en man común, presentarán as certificacións previstas no artigo 10 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) NIF da entidade representante.

d) Consulta das referencias Sixpac dos terreos afectados polos lumes.

e) Certificación de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias (AEAT).

f) Certificación de estar ao día no pagamento das obrigas coa Seguridade Social.

g) Certificación de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

h) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

i) Subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Instrución

1. En todas as solicitudes de actuacións consideradas subvencionables, e por petición da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, o persoal do Servizo de Patrimonio Natural da correspondente xefatura territorial realizará unha inspección previa, na cal se observará se a acción ou proxecto se axusta á realidade física e económica e cumpre cos requisitos exixidos nesta orde.

2. As resolucións de concesión poderán ditarse sucesivamente, de forma individual para cada unha das solicitudes presentadas, a medida que se vaia verificando que toda a documentación que exixe o artigo 9 da presente orde é correcta e está completa, ata o esgotamento do crédito consignado na correspondente partida orzamentaria.

3. A persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural elevará as sucesivas propostas de concesión á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, quen resolverá.

Artigo 13. Resolución, notificación e modificación

1. O prazo para resolver e notificar os procedementos iniciados en virtude desta orde será de tres meses, contados a partir da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. Será causa de denegación da concesión da subvención o esgotamento do crédito consignado para estes efectos na partida orzamentaria fixada no artigo 6 desta orde.

3. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia - Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

6. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

7. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

8. Segundo o establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima as persoas interesadas para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.

9. Contra a resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo.

10. O órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria, debendo cumprirse en todo caso os requisitos recollidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Aceptación

1. Os representantes das persoas beneficiarias disporán dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben comunicar a renuncia á subvención concedida.

2. Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención.

3. As persoas beneficiarias das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidas.

4. A Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderá comprobar, cando o considere conveniente, o destino das cantidades subvencionadas.

Artigo 15. Xustificación e pagamento

1. Poderase realizar un pagamento do 100 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado, de acordo co establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que se fará efectivo unha vez realizada a notificación da subvención.

De ser o caso, a persoa beneficiaria deberá solicitar por escrito á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, segundo o modelo do anexo IV, nun prazo de 10 días contados desde o seguinte ao de notificación da resolución de concesión da axuda, o aboamento dun único pagamento anticipado do 100 % da axuda concedida.

2. De acordo co establecido no artigo 3.4 do Decreto 130/2022, do 21 de xullo, exímense as persoas beneficiarias da obriga de constituír garantías, logo da súa autorización polo Consello da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que regula a Lei de subvencións de Galicia.

3. As persoas beneficiarias terán de prazo máximo para executar as actuacións subvencionadas ata o 30 de novembro de 2022.

4. O pagamento da cantidade concedida a cada persoa beneficiaria queda condicionado á xustificación dos gastos.

5. Con carácter xeral, e salvo que a resolución de concesión da axuda dispoña o contrario, o prazo para xustificar o remate das actividades e o pagamento dos conceptos correspondentes a elas finalizará o 12 de decembro de 2022. Porén, poderase conceder, por petición xustificada da persoa interesada realizada antes da finalización do prazo establecido, sempre que non se prexudiquen dereitos de terceiros, unha ampliación do prazo da xustificación das axudas, que non excederá a metade do prazo inicialmente previsto. As persoas beneficiarias deberán presentar, no prazo máximo que se indique na resolución e na forma indicada, a seguinte documentación:

a) Solicitude de pagamento, segundo o anexo V desta orde, que inclúe unha declaración complementaria relativa á obtención doutras subvencións, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, de acordo co formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

b) Para xustificar os gastos das axudas reguladas:

i. Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

ii. Unha memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas, que conterá:

• Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e, se é o caso, data de pagamento. No caso de que a subvención se outorgue segundo un orzamento, indicaranse as desviacións producidas.

• As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior e a documentación acreditativa do pagamento. De acordo co artigo 27 da Lei 39/2015 en relación co artigo 49 do Decreto 11/2009, as facturas ou documentos de valor probatorio equivalente achegaranse ao procedemento, no caso de non estar en formato electrónico, mediante copia auténtica electrónica do documento en papel ou noutro soporte non electrónico susceptible de dixitalización.

• Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e da súa procedencia.

• Os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, debe ter solicitado o beneficiario.

• Se for o caso, a carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como dos xuros derivados destes.

6. A Dirección Xeral de Patrimonio Natural poderá solicitar calquera documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.

7. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto nos artigos 45.2 e 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 16. Control das actividades subvencionadas

1. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderá, en calquera momento, inspeccionar e controlar o destino das axudas e o cumprimento dos fins para os cales foron concedidas. En consecuencia, a Consellería de Medio Ambiente Territorio e Vivenda poderá solicitar, en calquera momento da tramitación do procedemento, canta documentación considere necesaria para comprobar a adecuada execución das actividades que foron obxecto das axudas, consonte o establecido no artigo 30.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Disposicións xerais

1. O réxime de infraccións e sancións aplicable será o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As persoas beneficiarias están obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar os servizos competentes da Consellería de Medio Ambiente Territorio e Vivenda, así como a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da comunidade autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como a que lles requira calquera órgano comunitario de inspección ou control, de acordo co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Procederá a revogación das axudas concedidas, así como o reintegro total ou parcial das contías percibidas e a exixencia dos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 36 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, nos casos e termos previstos no seu artigo 33.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 19. Compatibilidade

As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras axudas de calquera outra Administración pública para as mesmas finalidades, sempre e cando a suma das axudas concedidas non supere o importe total dos gastos conforme o establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Rexistro Público de Subvencións

1. A concesión das axudas reguladas nesta orde será obxecto de inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións dependente da Consellería de Facenda, co fin da ordenación e coñecemento da actividade subvencionable en Galicia. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

2. As persoas interesadas terán, en calquera momento, o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos seus datos que figuren no Rexistro Público de Subvencións, de conformidade co establecido na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

3. A solicitude para ser entidade beneficiaria das axudas incluídas nesta orde levará implícita a autorización, no suposto de que se lle conceda a axuda solicitada, para a inscrición, no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na solicitude. Non obstante, as entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións cando concorran algunha das circunstancias previstas na alínea d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente Territorio e Vivenda as competencias para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Así mesmo, deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural as facultades relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file