Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Venres, 29 de xullo de 2022 Páx. 41915

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 28 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión das axudas destinadas a sufragar os danos sufridos en establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís, derivados dos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022, segundo o Decreto 130/2022, do 21 de xullo, de medidas urxentes de axuda para a reparación dos danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento IG100A).

Durante o mes de xullo de 2022 unha vaga de incendios forestais ameazou o territorio da nosa comunidade autónoma, especialmente en zonas das provincias de Lugo e Ourense, nunha situación de extrema dificultade derivada da combinación de altas temperaturas, unha seca prolongada e un episodio meteorolóxico extraordinario denominado sistema convectivo de mesoscala. Esta vaga de incendios, que queimou unha superficie de 19.000 hectáreas, causou graves danos en diversos bens de titularidade pública e privada, incluíndo determinados establecementos nos cales se desenvolve algunha actividade económica.

Para facerlles fronte, publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 140, do 22 de xullo de 2022, o Decreto 130/2022, do 21 de xullo, de medidas urxentes de axuda para a reparación dos danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022.

No citado Decreto indícase que, logo de informe da Axencia Galega de Emerxencias do 20 de xullo de 2022, declarouse como de emerxencia de natureza excepcional a situación producida polo episodio dos incendios que asolaron o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia durante o mes de xullo de 2022.

Así mesmo, no artigo 8 do Decreto establécese que serán obxecto de axuda os danos provocados nos establecementos comerciais, industriais, turísticos ou mercantís como consecuencia dos estragos ocasionados polos incendios nas súas edificacións, instalacións, maquinaria e nas mercadorías depositadas nelas, así como nos vehículos comerciais ou industriais afectos a estas actividades, nas condicións e requisitos que se determinen nas correspondentes convocatorias de axudas ou resolucións de concesión directa.

As axudas outorgaranse de forma directa por mor do interese público, social, humanitario derivado das excepcionais circunstancias que concorren neste caso, e concederanse nos termos e nas condicións establecidos nas presentes bases reguladoras.

A disposición derradeira primeira do citado Decreto faculta os distintos titulares das consellerías e das entidades do sector público a ditar os actos e as medidas necesarios para a súa aplicación.

Esta resolución ten por obxecto fixar as bases das axudas do Igape para sufragar os gastos de reparación sufridos en establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís, derivados dos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022.

As bases obxecto de aprobación ampáranse no Regulamento (UE) nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, en particular, na sección 8 relativa ás axudas destinadas a reparar os prexuízos causados por determinados desastres naturais.

Esta resolución axústase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar as bases reguladoras das axudas do Igape para sufragar os danos sufridos en establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís, derivados dos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022, conforme o establecido no Decreto 130/2022, do 21 de xullo (código de procedemento IG100A), que se xuntan a esta resolución como anexo I, e proceder á súa convocatoria.

Segundo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Créditos

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polo seguinte importe:

Partida orzamentaria

Ano 2022

06.A1-741A-7701

1.000.000 €

Cuarto. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado, para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento do beneficiario.

Quinto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases reguladoras anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2022

Francisco José Conde López
Presidente do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO I

Bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) destinadas a sufragar os danos sufridos en establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís, derivados dos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022

Durante o mes de xullo de 2022 unha vaga de incendios forestais ameazou o territorio da nosa comunidade autónoma, especialmente en zonas das provincias de Lugo e Ourense, nunha situación de extrema dificultade derivada da combinación de altas temperaturas, unha seca prolongada e un episodio meteorolóxico extraordinario denominado sistema convectivo de mesoscala. Esta vaga de incendios, que queimou unha superficie de 19.000 hectáreas, causou graves danos en diversos bens de titularidade pública e privada, incluíndo determinados establecementos nos cales se desenvolve algunha actividade económica.

Para facerlles fronte, publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 140, do 22 de xullo de 2022, o Decreto 130/2022, do 21 de xullo, de medidas urxentes de axuda para a reparación dos danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022.

No citado Decreto indícase que, logo de informe da Axencia Galega de Emerxencias do 20 de xullo de 2022, declarouse como de emerxencia de natureza excepcional a situación producida polo episodio dos incendios que asolaron o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia durante o mes de xullo de 2022.

Así mesmo, no artigo 8 do Decreto establécese que serán obxecto de axuda os danos provocados nos establecementos comerciais, industriais, turísticos ou mercantís como consecuencia dos estragos ocasionados polos incendios nas súas edificacións, instalacións, maquinaria e nas mercadorías depositadas nelas, así como nos vehículos comerciais ou industriais afectos a estas actividades, nas condicións e requisitos que se determinen nas correspondentes convocatorias de axudas ou resolucións de concesión directa.

As axudas outorgaranse de forma directa por mor do interese público, social, humanitario derivado das excepcionais circunstancias que concorren neste caso, e concederanse nos termos e nas condicións establecidos nas presentes bases reguladoras.

A disposición derradeira primeira do citado Decreto faculta os distintos titulares das consellerías e das entidades do sector público a ditar os actos e as medidas necesarios para a súa aplicación.

Estas bases reguladoras ampáranse no Regulamento (UE) nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, en particular, na sección 8 relativa ás axudas destinadas a reparar os prexuízos causados por determinados desastres naturais.

Artigo 1. Obxecto

Estas bases teñen por obxecto regular a xestión do procedemento para a concesión das axudas que se concedan para sufragar os danos sufridos en establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís, derivados dos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022.

Artigo 2. Natureza das axudas

1. A concesión destas axudas terá carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, de que poidan ser beneficiarios os afectados.

2. Non obstante, cando os mencionados sistemas non cubran a totalidade dos danos producidos, as axudas previstas nestas bases reguladoras concederanse con carácter complementario e serán compatibles en concorrencia con outras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos ou recursos procedentes de sistemas públicos ou privados, estatais ou internacionais, ata o límite do valor do dano producido ou, de ser o caso, da contía ou porcentaxe establecida nestas bases.

En todo caso, o beneficiario da axuda cederá á Administración autonómica todas as accións de que dispoña para a reclamación das cantidades achegadas por esta ás persoas causantes do sinistro, sen prexuízo do dereito dos beneficiarios a reclamar polos danos e perdas sufridos que non sexan obxecto da axuda ou que excedan da indicada axuda.

Artigo 3. Réxime xurídico

1. O procedemento de concesión rexerase polo establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

2. As axudas outorgaranse de forma directa por mor do interese público, social e humanitario derivado das excepcionais circunstancias que concorren neste caso, e concederanse nos termos e condicións que se establecen nas presentes bases, amparadas no previsto na sección 8 do Regulamento (UE) nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, relativa ás axudas destinadas a reparar os prexuízos causados por determinados desastres naturais.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. As persoas físicas ou xurídicas, titulares dos establecementos comerciais, mercantís, industriais e turísticos en que se producisen os danos derivados directamente dos incendios ou da súa extinción.

2. De conformidade co disposto no artigo 3 do Decreto 130/2022, do 21 de xullo, de medidas urxentes de axuda para a reparación dos danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022, as persoas beneficiarias das axudas están exentas do cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Actuacións subvencionables e contía das axudas

1. Serán obxecto de axuda os danos orixinados nos establecementos comerciais, industriais, turísticos ou mercantís como consecuencia dos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022. Para os efectos da determinación dos danos, teranse en conta os estragos ocasionados nas edificacións, instalacións, maquinaria e mercadorías depositadas nos citados establecementos, así como nos vehículos comerciais ou industriais afectos a estas actividades, na parte non comprendida tanto polas axudas que aproben outras administracións públicas como por calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, de que poidan ser beneficiarias as persoas afectadas.

2. Quedarán excluídas da percepción destas axudas as actividades de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica.

3. A contía da axuda será do 100 % do importe dos danos causados polos incendios conforme a valoración levada a cabo no informe de taxación de danos, cos seguintes límites:

a) 600.000 euros por persoa beneficiaria.

b) A suma da axuda concedida xunto con outras axudas e/ou indemnizacións que aproben outras administracións públicas ou calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, para a mesma actuación, non poderá exceder do 100 % do importe dos danos causados polos incendios conforme a valoración do informe de taxación de danos.

Artigo 6. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 14.00 horas da data de finalización accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

2. No modelo de solicitude realizaranse as seguintes declaracións:

a) Declaración de non ter solicitado ou obtido outras axudas, ingresos e/ou recursos procedentes doutro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou concedido algunha outra axuda, ingreso e/ou recurso, deberá indicarse cales son e o seu importe.

b) Compromiso de comunicar calquera outra axuda, ingresos e/ou recursos procedentes doutro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, que lle sexa concedido para a mesma finalidade e o seu importe.

c) Declaración da persoa solicitante de que é o titular do establecemento comercial, industrial, turístico ou mercantil e de cal é a súa relación co inmoble afectado (propiedade, alugueiro, outra).

d) Declaración de que as copias dixitalizadas presentadas no expediente constitúen unha reprodución exacta dos seus orixinais.

e) Declaración de que todos os datos da solicitude e dos documentos que se achegan son certos.

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015), se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, con indicación do enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. Xunto coa solicitude deberase achegar a seguinte documentación:

a) Documento acreditativo da representación da persoa que actúe en nome da persoa solicitante, de ser o caso.

b) Título ou documento admisible en dereito que acredite a titularidade da persoa solicitante co establecemento afectado.

c) Título ou documento admisible en dereito que acredite a vinculación da titular do establecemento co inmoble danado.

d) Copia da póliza de seguro ou, de non ter seguro, declaración xurada de que os danos no establecemento danado non estaban asegurados.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán requiridos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que se realizou a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando o exixa a relevancia do documento no procedemento ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias presentadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos, requirirase a persoa solicitante para que no prazo de dez (10) días hábiles emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndolle que, no caso de non atender o requirimento, se terá por desistida da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE).

f) Consulta de concesións doutras subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo II e presentar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán realizarse electronicamente accedendo a través do enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

Artigo 10. Órganos competentes

O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da axuda será a Área de Investimento do Igape e a persoa titular da Dirección da Área de Investimento é o órgano competente para resolver o arquivamento, as desistencias e a renuncia de dereitos nos expedientes tramitados na súa área, nos casos previstos na lexislación vixente, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

A competencia para ditar a resolución, que poña fin ao procedemento na vía administrativa, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

Artigo 11. Resolución, notificación e recursos

1. A Área de Investimento do Igape ditará a proposta de resolución con base neste procedemento, e elevaraa á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, quen resolverá a concesión das subvencións por delegación do Consello de Dirección do Igape.

A resolución estimará, desestimará ou inadmitirá a axuda solicitada. Na resolución estimatoria indicaranse a persoa beneficiaria e o importe da axuda concedida.

Será causa de denegación da axuda o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras.

2. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape na ligazón tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción electrónico).

3. O prazo para resolver e notificar a resolución será dun mes, contado desde a data de presentación da solicitude. Finalizado o dito prazo sen que se dite e notifique a resolución, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. As solicitudes resolveranse por rigorosa orde cronolóxica de entrada en rexistro.

5. A resolución porá fin á vía administrativa e contra ela poderá interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, se fose expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, ante a persoa titular da Dirección da Área de Investimento, no caso de recursos de reposición contra as resolucións de arquivamento, por delegación do Consello de Dirección do Igape, e ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, no caso de recursos de reposición contra as resolucións de concesións ou denegacións das axudas, por delegación do Consello de Dirección do Igape. En ambos os casos, o prazo para interpoñer o recurso será un mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que de acordo co establecido nestas bases reguladoras se produza o acto presunto.

Artigo 12. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas, fóra dos casos permitidos nestas bases, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 13. Obrigas das persoas beneficiarias

a) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse de forma inmediata ao seu coñecemento e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o Igape, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Ceder ao Igape todas as accións de que dispoña a persoa beneficiaria para a reclamación das cantidades achegadas polo Igape ás persoas causantes do sinistro, sen prexuízo do dereito da persoa beneficiaria a reclamar polos danos e perdas sufridos que non sexan obxecto da axuda ou que excedan da indicada axuda.

d) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 14. Pagamento da subvención

1. As axudas entenderanse concedidas en atención á situación, produto da situación de emerxencia excepcional en que se atope a persoa beneficiaria polo que, de acordo co disposto no artigo 28.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, non requirirán outra xustificación que a acreditación por calquera medio admisible en dereito da titularidade do establecemento danado, sen prexuízo dos controis que se establezan para verificar este aspecto.

2. O aboamento da subvención realizarase nun único pagamento, mediante transferencia bancaria na conta da persoa beneficiaria indicada na solicitude dentro dos quince (15) días hábiles seguintes ao da notificación da resolución de concesión.

Artigo 15. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando concorra algún dos seguintes supostos:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.

b) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o tivesen impedido.

c) Resistencia, excusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación ou control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso se derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e a regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea, ou de organismo internacional.

d) Incumprimento das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e, en todo caso, nos supostos establecidos no artigo 33 da devandita lei, así como o incumprimento de calquera outra que resulte da normativa aplicable.

Artigo 16. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 17. Remisión normativa

En todo o non recollido nestas bases reguladoras aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no Decreto 130/2022, do 21 de xullo, de medidas urxentes de axuda para a reparación dos danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022.

missing image file
missing image file
missing image file