Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Venres, 5 de agosto de 2022 Páx. 42768

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 21 de xullo de 2022, da Dirección Xeral de Formación Profesional, de prórroga de seccións bilingües en determinados centros de ensinanzas artísticas de réxime especial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Mediante a Orde do 14 de xullo de 2014 (DOG do 23 de xullo) autorizouse a posta en marcha, con carácter experimental, de seccións bilingües de lingua inglesa no Conservatorio Profesional de Música de Vigo, no Conservatorio Profesional de Música da Coruña e no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela. Igualmente, mediante a Orde do 7 de xullo de 2016 (DOG do 20 de xullo) autorizouse a posta en marcha, con carácter experimental, de seccións bilingües de lingua inglesa no Conservatorio Superior de Música de Vigo e na Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña.

Posteriormente, as anteditas autorizacións foron prorrogadas por períodos de dous anos por resolución da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, de acordo co establecido no artigo 9 das anteditas ordes. Por Resolución do 15 de xullo de 2020 (DOG do 24 de xullo) prorrogáronse as autorizacións por dous cursos académicos das seccións bilingües de lingua inglesa nos ditos centros.

No artigo 9 das correspondentes ordes de autorización establécese que o proxecto ten unha duración de dous cursos académicos, prorrogables en períodos de dous cursos académicos, logo do informe favorable do Servizo de Inspección Educativa emitido tendo en conta a adecuación ás condicións e obxectivos indicados na súa posta en marcha e a permanencia das circunstancias que xustificaron a súa implantación.

Igualmente, na disposición derradeira primeira das citadas ordes autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para ditar cantas normas se consideren oportunas para o desenvolvemento delas.

Emitidos os correspondentes informes favorables polos servizos de inspección educativa, de acordo co establecido no artigo 9 das citadas ordes,

RESOLVO:

Primeiro. Prorrogar, por un período de dous cursos académicos e coa finalidade de favorecer a práctica de idiomas entre o alumnado de ensinanzas artísticas, as seguintes seccións bilingües:

– A sección bilingüe de lingua inglesa no Conservatorio Superior de Música de Vigo.

– A sección bilingüe de lingua inglesa na Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña.

– A sección bilingüe de lingua inglesa no Conservatorio Profesional de Música da Coruña.

– A sección bilingüe de lingua inglesa no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela.

– A sección bilingüe de lingua inglesa no Conservatorio Profesional de Música de Vigo.

Segundo. Contra esta resolución poderá interpoñerse recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2022

José Luis Mira Lema
Director xeral de Formación Profesional