Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Mércores, 10 de agosto de 2022 Páx. 43355

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 8 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras do programa Nova oportunidade das persoas traballadoras autónomas, cofinanciado polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TR790A).

O contexto económico actual require seguir adoptando medidas de apoio a novas iniciativas empresariais e seguir atendendo o mantemento da actividade económica e o emprego.

Nestes últimos anos moitos negocios das persoas traballadoras autónomas tiveron que pechar a súas portas e deixaron estas persoas e as súas familias sen o seu sustento económico e, por outra banda, as necesidades do mercado requiren da posta en marcha de novos negocios. Conciliar e acompañar as novas iniciativas empresariais resulta imprescindible na actual coxuntura actual en canto que a formación e/ou mentoring como medidas de acompañamento están a ser unha peza clave para o emprendemento.

Galicia non se pode permitir desaproveitar o capital humano de quen tivo a experiencia de emprender e non tivo o éxito esperado. Como sociedade temos a obriga de pór en valor esa experiencia e facilitar a volta ao emprendemento das persoas traballadoras autónomas que tiveron que pechar os seu negocios ou daquelas que desexan emprender nun novo sector emerxente. A decisión de calquera persoa que desexe pór en marcha unha idea de emprego por conta propia debe ser apoiada pola Administración pública.

O cesamento na actividade da persoa traballadora autónoma non debe representar o final da súa vida emprendedora. Co programa Nova oportunidade búscase a segunda oportunidade das persoas emprendedoras que adquiriron experiencia e que por diversas causas tiveron que cesar na súa actividade pero queren volver emprender un negocio e pór en valor a experiencia adquirida.

O programa Nova oportunidade lévase a cabo apoiando as persoas traballadoras autónomas que cumpran os seguintes requisitos:

– As que cesaron nunha actividade como persoa traballadora autónoma e estean inscritas como demandantes de emprego previamente á nova alta como persoa traballadora autónoma.

– As que queren cambiar de sector actividade e están de alta como persoas traballadoras autónomas pero queren volver emprender noutro sector.

Nesta convocatoria incorpórase o establecemento de métodos de custos simplificados conforme o disposto no artigo 14 do Regulamento (UE) nº 1304/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, «as normas xerais aplicables ás opcións de custos simplificados a título do FSE establécense nos artigos 67, 68, 68 bis e 68 ter do Regulamento (UE) nº 1303/2013».

As bases das axudas reguladas nesta orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que, de acordo coa finalidade e obxecto deste réxime, non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

A competencia en materia de políticas activas de emprego correspóndelle á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade segundo o disposto no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e no Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

Esta orde tramítase de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022; no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

O financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo á aplicación orzamentaria 11.04.322C.470.6, código de proxecto 2017 00021, cun crédito de 4.967.160 euros, que figuran na Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022. A desagregación dos importes orzamentarios é a seguinte:

• Bono alta nova oportunidade, cunha dotación orzamentaria de 4.200.000 €, con cargo á aplicación orzamentaria 11.04.322C.470.6, código de proxecto 2017 00021, cofinanciada polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

• Bono formación e/ou mentoring, cunha dotación orzamentaria de 767.160 €, con cargo á aplicación orzamentaria 11.04.322C.470.6, código de proxecto 2017 00021, financiada con fondos propios libres da Comunidade Autónoma de Galicia.

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro); no Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da (UE) ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño) e no Regulamento (UE) núm. 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro).

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e autorización do Consello da Xunta, e no exercicio das facultades que confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública de axudas do programa Nova oportunidade para as persoas traballadoras autónomas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TR790A).

2. Establécense dous tipos de apoio ás persoas traballadoras autónomas:

1ª. Para as que cesaron na súa actividade e van volver emprender un negocio como persoas traballadoras autónomas e son demandantes de emprego no momento previo á nova alta como persoa traballadora autónoma.

A súa finalidade é facilitarlle a volta á actividade económica á persoa emprendedora a quen lle foi mal no seu anterior negocio pero que ten a experiencia práctica e a iniciativa de volver emprender, no mesmo ou en diferente sector.

2ª. Para as que estean de alta como persoas traballadoras autónomas e queren volver emprender noutro sector.

A finalidade é facilitarlle o cambio de actividade económica á persoa emprendedora que desexa cambiar a súa actividade, ten a experiencia práctica e a iniciativa de volver emprender e quere facelo noutros sectores económicos como os considerados emerxentes ou vinculados á economía circular, entre outros.

Os apoios do programa estrutúranse en dous bonos:

– Bono alta nova oportunidade para axudar á posta en marcha do novo negocio.

– Bono formación e/ou mentoring para acompañar e axudar na posta en marcha do negocio.

3. A xestión desta orde realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Marco normativo

As solicitudes, tramitación e concesión destas subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022; no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; nos regulamentos (UE) nº 1407/2013, 1408/2013 e 714/2014 da Comisión Europea, relativos ás axudas de minimis, e nesta orde.

Ademais, no caso do Bono alta nova oportunidade, por tratarse de subvencións cofinanciadas polo PO FSE Galicia 2014-2020, será de aplicación a seguinte normativa comunitaria: o Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Social Europeo (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013), e o Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, modificados polo Regulamento (UE; Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1296/2013, (UE) nº 1301/2013, (UE) nº 1303/2013, (UE) nº 1304/2013, (UE) nº 1309/2013, (UE) nº 1316/2013, (UE) nº 223/2014 e (UE) nº 283/2014 e a Decisión nº 541/2014/UE e polo que se derroga o Regulamento (UE, Euratom) nº 966/2012, o Regulamento (UE) nº 2020/460 do Parlamento Europeo e o Consello, do 30 de marzo de 2020, polo que se modifica, entre outros, o Regulamento (UE) nº 1303/2013 no relativo a medidas específicas para mobilizar investimentos nos sistemas de atención sanitaria dos Estados membros e noutros sectores das súas economías, en resposta ao gromo da COVID-19 (iniciativa de investimento en resposta ao coronavirus), o Regulamento (UE) nº 2020/558 do Parlamento Europeo e o Consello, do 23 de abril de 2020, polo que se modifica, entre outros, o Regulamento (UE) nº 1303/2013 no que respecta a medidas específicas para ofrecer unha flexibilidade excepcional no uso dos fondos estruturais e de investimento europeos en resposta ao gromo da COVID-19, o Regulamento (UE) nº 2020/2221 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de decembro de 2020, polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 1303/2013 no que respecta aos recursos adicionais e as disposicións de execución co fin de prestar asistencia para favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais e para preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía (REACT UE), así como na Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020.

Artigo 3. Orzamento

1. No exercicio económico de 2022, as subvencións reguladas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 11.04.322C.470.6, código de proxecto 201700021, cun crédito de 4.967.160 €, que figuran na Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, e a súa concesión queda sometida á condición suspensiva de existencia de crédito para o ano 2022 adecuado e suficiente no momento da resolución, e queda desagregado da seguinte forma:

a) Bono alta nova oportunidade, cunha dotación orzamentaria de 4.200.000 €, con cargo á aplicación orzamentaria 11.04.322C.470.6 no código de proxecto 2017 00021, cofinanciada polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, nunha porcentaxe do 80 %, con encaixe no obxectivo temático 8 Promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral, prioridade de investimento 8.3. Traballo por conta propia, espírito emprendedor e creación de empresas, incluídas as microempresas e pemes innovadoras, obxectivo específico 8.3.1. Aumentar as competencias emprendedoras e incrementar o número de empresas e iniciativas de traballo por conta propia sostibles creadas, facilitando o seu financiamento e mellorando a calidade e a eficiencia dos servizos de apoio e consolidación, e liña de actuación 114. Programa de promoción do emprego autónomo.

b) Bono formación e/ou mentoring, cunha dotación orzamentaria de 767.160 €, con cargo á aplicación orzamentaria 11.04.322C.470.6 no código de proxecto 2017 00021, financiada con fondos propios libres da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas. As axudas deben estar tramitadas no exercicio corrente xa que a convocatoria non é plurianual.

3. Se o orzamento asignado non é suficiente para pagar todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación. Para estes efectos, terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentou de acordo co previsto no artigo 7.2 desta orde. No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou más solicitudes presentadas, a orde de prioridade virá determinada pola hora.

4. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa. No caso do Bono alta nova oportunidade, pola súa condición de cofinanciado polo FSE, é necesario informe favorable previo da modificación orzamentaria por parte do organismo intermedio do PO FSE Galicia 2014-2020 (actualmente a Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos).

Artigo 4. Persoas beneficiarias e requisitos

Serán beneficiarias destas axudas tanto as persoas autónomas que queren volver emprender de novo como as persoas autónomas que queren cambiar de sector de actividade:

1. Persoas autónomas ou que teñan sido autónomas con anterioridade, e que queren volver emprender:

Serán beneficiarias das axudas as persoas que se dean de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, no período do 1 de xaneiro de 2022 ao 30 de outubro de 2022, e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter cotizado anteriormente a esta nova alta polo menos durante 3 meses ininterrompidos na súa vida laboral no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.

b) Estar inscrita como persoa demandante de emprego nos servizos públicos de emprego con carácter previo a nova alta e carecer de ocupación efectiva, non ter contrato laboral en vigor e atoparse en tal situación na data inmediatamente anterior á de inicio da actividade laboral.

c) Transcorrer un período mínimo de dous meses entre a nova alta na Seguridade Social e a anterior baixa.

d) Ter o domicilio fiscal en algún concello de Galicia e desenvolver a súa nova actividade económica ou profesional en Galicia.

2. Persoas autónomas que queren cambiar de sector de actividade:

Tamén serán beneficiarias das axudas deste programa as persoas que estean de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, e iniciaran unha nova actividade nun sector distinto ao anterior, no período do 1 de xaneiro de 2022 ao 30 de outubro de 2022, e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter cotizado, anteriormente a esta nova alta polo menos durante 6 meses ininterrompidos na súa vida laboral, no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA), ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.

b) Ter un alta como persoa traballadora autónoma nun sector diferente o anterior, para o que se terá en conta o CNAE e o IAE (modelos 036 ou 037).

c) Ter o domicilio fiscal en algún concello de Galicia e desenvolver a súa nova actividade económica ou profesional en Galicia.

En ambos casos os requisitos deberán cumprise ben na data da solicitude ou ben na data do inicio da actividade, segundo o caso.

Artigo 5. Axudas

1. As axudas consistirán en dous tipos de bonos:

a) Bono alta nova oportunidade: concederáselles unha axuda de 9.000 € ás persoas que cumpran os requisitos establecidos no artigo 4. As axudas do Bono alta nova oportunidade estarán cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

b) Bono formación e/ou Bono mentoring: a persoa beneficiaria do Bono alta nova oportunidade poderá recibir unha axuda de ata 1.600 € para realizar un mínimo de 40 horas de formación nas seguintes materias: formación xerencial, xestión comercial ou financeira, márketing dixital ou calquera outra que teña relación directa co negocio que se vai emprender e que así se xustifique.

Igualmente poderá contar cun mínimo de 40 horas, co acompañamento dunha persoa mentora, con traxectoria profesional e/ou sectores de actividade similares ao da persoa beneficiaria e que se axuste ás súas necesidades e características.

O mínimo previsto de 40 horas poderase repartir entre ambas as actuacións de formación e mentoring ata acadar ese mínimo.

O gasto orixinado polas accións de formación e/ou de mentorización deberá ser efectivamente xustificado segundo o previsto no artigo 17 desta orde con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, en todo caso, antes do 20 de decembro de 2022.

Non se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos, como é o caso do IVE, cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, segundo dispón o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Esta formación ou mentorización poderá ser impartida por entidades públicas ou privadas e deberá estar finalizada antes do remate do prazo para a xustificación.

2. A axuda máxima total será de 10.600 €.

3. No caso do Bono alta nova oportunidade, ao tratarse de axudas cofinanciadas polo FSE, para a xustificación dos importes dos incentivos establécese un método de custos simplificados consistente nun baremo estándar de custo unitario, conforme o disposto nos artigos 67.1.b) e 67.5.a) i) do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018.

Artigo 6. Competencia

A competencia para coñecer, resolver e propor os correspondentes pagamentos das subvencións previstas nesta orde corresponderalle, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade á persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

Artigo 7. Solicitudes e prazo de presentación

1. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de outubro de 2022.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Para garantir que as persoas que carecen de medios para relacionarse telematicamente coa Administración, e de acordo co previsto no artigo 13.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poidan presentar no Rexistro electrónico a solicitude referente a este procedemento, a persoa solicitante poderá contar, entre outros, coa asistencia efectiva da Rede de técnicos de emprego de Galicia da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Artigo 8. Emenda das solicitudes

A sede electrónica remitirá as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa interesada para que nun prazo de dez (10) días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará a persoa interesada desistida da súa petición, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Procedemento de concesión, instrución e tramitación

1. O procedemento de concesión das axudas e subvencións recollidas nesta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e pola finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Emprego.

3. En aplicación dos principios de eficacia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, a orde de prelación para a resolución das solicitudes virá determinada pola data en que se presentase a documentación completa requirida nestas bases reguladoras.

Artigo 13. Documentación complementaria

1. As solicitudes deberanse presentar no modelo normalizado que figura no anexo I (solicitude) desta orde e deberán ir acompañadas da documentación que se relaciona:

a) No caso de persoas autónomas, se xa se deu de alta no momento da presentación da solicitude, modelo de alta no Censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria (modelo 036 ou 037).

b) No caso de persoas mutualistas, se xa estaba de alta no momento da presentación, certificado de alta como mutualista.

c) No caso de persoas mutualistas, certificado de baixa como mutualista e certificado do tempo que pasou en situación de mutualista.

d) Cando se actúe mediante representación, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa representada.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

3. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón deles.

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante e, de ser o caso, do representante.

b) NIF da entidade solicitante e/ou representante, de ser o caso.

c) TXSS-Consulta de vida laboral dos últimos 12 meses.

d) Informe de períodos de inscrición no Servizo Público de Emprego.

e) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

f) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia.

g) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

h) Certificado de domicilio fiscal.

i) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

j) Consulta de concesións pola regra de minimis.

k) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas

l) Consulta de imposto de actividades económicas.

2. No caso do Bono alta nova oportunidade, por tratarse de axudas cofinanciadas polo FSE que inclúen algún requisito de mantemento do emprego ou da actividade, a persoa solicitante da axuda autoriza o organismo intermedio do PO FSE Galicia 2014-2020 (actualmente a Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos) para consultar a información da Administración pública competente relativa ao cumprimento do dito mantemento.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro do anexo I e achegar os documentos correspondentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 15. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización pola Intervención da proposta emitida polo órgano instrutor, as resolucións serán ditadas polo órgano competente para resolver, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, e deberán serlles notificadas ás persoas interesadas. As resolucións, concesorias ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver e notificar a resolución será, como máximo, de tres meses e computarase desde a data de entrada da solicitude no Rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei de subvencións de Galicia.

3. Unha vez que o órgano competente notifique a resolución, as persoas interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada.

4. A resolución deberá conter a referencia de que a axuda concedida está suxeita aos réximes de minimis regulado polos regulamentos (UE) nº 1407/2013, 1408/2013 ou 717/2014 da Comisión Europea.

5. Para o caso particular das axudas do Bono alta nova oportunidade, na notificación da resolución de concesión da subvención comunicaráselle á persoa beneficiaria o financiamento con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, con concreción do eixe, obxectivo temático, prioridade de investimento, obxectivo específico, liña de actuación e porcentaxe de cofinanciamento de que se trate. Ademais, a resolución de outorgamento da subvención comprenderá a identificación da persoa beneficiaria, contía da subvención e obrigas que correspondan á persoa beneficiaria, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que se deban obter con ela, o plan financeiro e o prazo de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

Igualmente, ao tratarse de axudas confinanciadas polo FSE, na resolución de concesión informarase a persoa ou entidade beneficiaria de que a aceptación da subvención comunitaria implicará a súa aparición na listas pública de operacións cos nomes das persoas beneficiarias, así como o resto da información recollida no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046 e polo Regulamento (UE) nº 2020/2221, en relación co artigo 115.2 da mesma norma xurídica.

6. As persoas interesadas teñen dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xullo.

7. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá pór os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo.

8. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderase formular, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de acordo coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 16. Anticipos de pagamento

Realizaranse pagamentos anticipados das subvencións reguladas por estas bases, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 63, 65 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei.

Os pagamentos anticipados suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo a actuación subvencionada. Este pagamento quedará suxeito ás seguintes condicións:

a) Anticiparase ata o 100 % do importe da subvención concedida.

b) As persoas beneficiarias quedarán exoneradas da constitución de garantía, conforme o establecido na letra i) do artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

c) Coa aceptación da subvención realizarase o pagamento anticipado.

d) Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, sexa debedor/a en virtude de resolución declarativa firme da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 17. Xustificación e pagamento

1. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De non se achegar con anterioridade, a xustificación da axuda quedará condicionada á presentación, no prazo que se estableza na resolución de concesión e, en todo caso, ata o 20 de decembro de 2022, da documentación que se exixa de forma expresa nela, entre a cal deberá figurar a seguinte:

– Declaración expresa doutras axudas, segundo o anexo II.

– No caso de persoas mutualistas, deberase presentar certificado de alta na mutualidade de colexio profesional correspondente con indicación dos períodos de alta nela, de ser o caso, salvo que xa o achegase no momento da solicitude.

No caso de persoas traballadoras autónomas ou mutualistas que non estivesen de alta no momento da solicitude, deberán achegar, a maiores, a seguinte documentación:

– Modelo de alta no Censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria (modelo 036 ou 037).

– Certificado de alta na mutualidade correspondente.

– Certificado de alta en vida laboral da Seguridade Social, no caso de oporse á consulta, tal como se indica no artigo 14.3 desta orde.

Para a xustificación do Bono formación e/ou o mentoring previsto no artigo 1, deberase presentar a conta xustificativa simplificada conforme o artigo 51 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A conta xustificativa simplificada presentarase no modelo do anexo III desta orde, que incluirá:

– Certificado das entidades formadoras da asistencia da persoa solicitante ao curso/actividade obxecto de subvención, onde consten o nome do curso/actividade, lugar e datas de realización, módulo e distribución de horas, ou, no caso de accións de mentoring, certificado das entidades ou persoas mentoras, no cal figuren as actuacións realizadas, segundo o modelo que figura na web da oficina do autónomo e na sede electrónica da Xunta de Galicia.

– Declaración responsable das actividades realizadas.

– Declaración responsable dos pagamentos.

– Unha relación clasificada dos gastos da actividade ou actividades realizadas, con identificación do provedor e da factura, o seu importe, data de emisión e data de pagamento, que se deberá efectuar obrigatoriamente mediante transferencia ou ingreso bancario.

A persoa beneficiaria está obrigada a conservar toda a documentación e a presentala, de ser requirida para iso, en calquera control financeiro posterior.

3. A liquidación do importe final das subvencións concedidas calcularase en función da xustificación presentada e de acordo co establecido nestas bases reguladoras e na resolución de concesión.

No caso de que os gastos totais xustificados e admitidos sexan inferiores ao importe da subvención concedida, efectuarase a redución proporcional correspondente, sempre que se cumprisen os obxectivos previstos.

Artigo 18. Incompatibilidades e concorrencia

1. Esta axuda será incompatible coas axudas á promoción do emprego autónomo (TR341D) convocadas para o exercicio 2022, coas axudas do programa Emega (SI429A), convocadas para o exercicio 2022 e coas axudas do Programa I de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais (TR802G) do programa Aprol-Economía social convocadas para o exercicio 2022.

2. Esta axuda será compatible coa orde de promoción do autoemprego das persoas galegas retornadas (PR937A) e co Programa II: fomento do acceso á condición de persoa socia (TR802J) do programa Aprol-Economía social.

3. Por outra banda, as axudas previstas nesta orde serán incompatibles coas axudas que polos mesmos conceptos e gastos poidan outorgar as administracións públicas, agás as outorgadas polo Igape dentro do programa Re-acciona, coas que si serán compatibles.

Artigo 19. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias das subvencións:

a) Para o caso das persoas beneficiarias recollidas no punto 1 do artigo 4, permanecer de alta no RETA ou na mutualidade de colexio profesional durante un tempo mínimo de 12 meses desde a súa alta como persoa traballadora autónoma, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o que deberá acreditar de maneira fidedigna.

b) Para o caso das persoas beneficiarias recollidas no punto 2 do artigo 4, permanecer de alta no RETA ou na mutualidade de colexio profesional durante un tempo mínimo de 12 meses desde a súa alta na nova actividade, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o que deberá acreditar de maneira fidedigna.

c) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións.

d) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Ademais, no caso particular das axudas do Bono alta nova oportunidade, cofinanciadas polo FSE, someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas persoas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberase efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a se ditar a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) No caso particular das axudas do Bono alta nova oportunidade, cofinanciadas polo FSE, facilitar a información necesaria relativa ao desenvolvemento da actividade, que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo, e presentar os indicadores de produtividade e resultado a que se refire o anexo I do Regulamento (UE) nº 1304/2013, modificado polo Regulamento (UE) nº 2018/1046, a través da aplicación Participa 1420 ou segundo o modelo que estará á súa disposición na páxina web da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Neste senso, na súa cobertura deberá respectarse o principio de integridade dos datos.

Os indicadores de produtividade relativos á persoa solicitante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do ou da participante coa actividade subvencionada, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao momento do cumprimento dos prazos de mantemento da condición de persoa traballadora autónoma a que se refire a alínea a) deste artigo. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento.

Para estes efectos, seralles facilitado ás entidades beneficiarias o acceso á aplicación PARTICIPA 1420.

i) No caso particular das axudas do Bono alta nova oportunidade, cofinanciadas polo FSE, someterse ás actuacións de comprobación e control e facilitar toda a información requirida polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, que incluirán as correspondentes visitas sobre o terreo, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

j) No caso particular das axudas do Bono alta nova oportunidade, cofinanciadas polo FSE, manter unha pista de auditoría suficiente, manter de forma separada na contabilidade o ingreso da axuda percibida e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, durante un prazo de dous anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas anuais en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. De ser o caso, o comezo deste prazo será oportunamente comunicado polo organismo intermedio do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 (actualmente, a Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos).

k) No caso particular das axudas do Bono alta nova oportunidade, cofinanciadas polo FSE, cumprir coas medidas de comunicación e información establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do 17 de decembro de 2013 modificado polo Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046 e polo Regulamento (UE) nº 2020/2021. En particular, as accións de información e comunicación contarán co emblema da Unión Europea e a referencia ao Fondo Social Europeo e nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo de A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre o proxecto e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada.

l) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 21. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

2. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións e axudas concedidas no suposto de non estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento da subvención.

3. Procederá o reintegro total no caso de incumprimento, salvo que se acrediten causas alleas á vontade da persoa beneficiaria, respecto da obriga establecida no artigo 19, letra a) de manter a actividade empresarial (alta no RETA ou mutualidade) durante polo menos 12 meses desde o inicio da actividade

4. Procederá o reintegro parcial no caso de incumprimento, salvo que se acrediten causas alleas á vontade da persoa beneficiaria, respecto da obriga establecida no artigo 19 letra a) de manter a actividade empresarial (alta no RETA ou mutualidade) durante polo menos 12 meses desde o inicio da actividade, e sempre que o cumprimento se aproxime de forma significativa ao cumprimento total, entendendo como tal ter mantido a actividade durante polo menos 9 meses, e que a persoa beneficiaria acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos, procederá o reintegro das subvencións percibidas, de forma proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos doce meses.

5. O incumprimento da obriga en materia de publicidade do financiamento público, mediante a colocación do cartel, segundo o previsto no artigo 19.j), terá como consecuencia o reintegro do 2 % da subvención concedida.

Non obstante, no suposto de resultar aínda posible o cumprimento desta obriga, o órgano xestor requirirá a persoa beneficiaria para que incorpore o cartel, nun prazo non superior a 15 días, con expresa advertencia de que o seu incumprimento implicará o inicio do expediente declarativo da procedencia do reintegro.

6. Procederá o reintegro da axuda concedida por non xustificar os requisitos regulados no artigo 4 desta orde e non achegar as xustificacións reguladas no artigo 17.2 desta orde.

7. Procederá o reintegro parcial pola diferencia entre os totais xustificados e admitidos cando sexan inferiores aos totais concedidos, practicando a redución correspondente, sempre que se cumprisen os obxectivos previstos.

8. Para o caso particular das axudas do Bono alta nova oportunidade, cofinanciadas polo FSE:

a) Reintegro do 10 % da axuda recibida por incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude de outras axudas incompatibles.

b) Reintegro do 100 % do importe da subvención percibida máis xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder por incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas incompatibles.

c) Reintegro do 5 % da axuda recibida por incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude de outras axudas compatibles.

d) Reintegro do exceso percibido máis xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder por incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención de outras axudas compatibles.

Artigo 22. Exclusións

1. Non poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas en que concorran as circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, encontrarse declaradas en concurso, agás que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal, sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Dar lugar, por causa de que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, as persoas administradoras das sociedades mercantís ou aquelas que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, nos termos regulamentariamente establecidos.

f) Non estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, nos termos regulamentariamente establecidos.

g) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.

2. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria cando estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

Artigo 23. Seguimento e control

A Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos as persoas beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión e, especificamente, comprobará, ao rematar o período de mantemento da actividade empresarial establecido no artigo 19 letra a), o seu cumprimento por se procede aplicar algún tipo de reintegro.

Artigo 24. Axudas baixo condicións de minimis

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro); ao Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da (UE) ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño) e ao Regulamento (UE) núm. 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro).

Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir a persoa ou entidade beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais; para as empresas do sector de transporte de mercadorías por estrada este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios. Para o cómputo dos límites de deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro.

Artigo 25. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Disposición adicional primeira. Seguimento

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade levará a cabo a función de control, así como a de avaliación e seguimento deste programa.

Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Disposición adicional segunda

De forma excepcional, segundo a artigo 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade poderá requirir a documentación orixinal que considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas para os diferentes tipos de axuda previstas nesta orde.

Disposición adicional terceira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, na persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións concesorias das que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería, así como a tramitación e resolución dos expedientes de redistribución dos créditos necesarios para o financiamento desta orde.

Disposición adicional cuarta. Comunicación a Base de Datos Nacional de Subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaria Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2022

Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file