Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Xoves, 11 de agosto de 2022 Páx. 43508

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 26 de xullo de 2022 pola que se suprime a oficina do rexistro auxiliar do Servizo de Mediación e Conciliación (SMAC) en Vigo.

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no seu artigo 26.5 que o Sistema único de rexistro dependerá da consellería competente en materia de administracións e, no artigo 33.3, que as oficinas da Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro se crearán, modificarán e suprimirán mediante unha orde da persoa titular da consellería competente en materia de administracións públicas.

O Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 196, do 13 de outubro), dispón no seu artigo 8.2 que a creación, modificación ou supresión das oficinas de rexistro auxiliares se fará mediante orde da consellería competente en materia de administracións públicas, por proposta da consellería ou entidade correspondente, logo de informe da Oficina de Rexistro Xeral.

O Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, regula no seu artigo 12 as funcións da Subdirección Xeral de Coordinación do Rexistro e Atención á Cidadanía, entre as que consta a de dirección, coordinación e control das oficinas de rexistro e atención á cidadanía.

No anexo I do Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, figura a listaxe inicial de oficinas de rexistro. A relación actualizada está á disposición da cidadanía no portal institucional www.xunta.gal, segundo o previsto na disposición adicional segunda dese decreto.

A informatización das actividades que desenvolve o Servizo de Mediación e Conciliación (SMAC) en Vigo fai que cada vez teña menos actividade a oficina do rexistro auxiliar deste organismo, situación que se vai repetir a longo prazo. Por outra banda, a sede do SMAC situada na avenida Cánovas del Castillo número 14 de Vigo esta próxima ao edificio administrativo da Xunta de Galicia en Vigo, polo que a Oficina de rexistro e atención á cidadanía deste edificio pode asumir perfectamente a carga de traballo que supón a supresión do rexistro auxiliar do SMAC.

Esta supresión faise tendo sempre en conta os principios de eficacia e economía que deben inspirar a actuación e a organización administrativa.

Polo exposto e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

Suprímense a oficina do rexistro auxiliar do Servizo de Mediación e Conciliación (SMAC) en Vigo.

Disposición derradeira primeira

O establecido nesta orde non suporá incremento de gasto.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Nesa mesma data, actualizarase para a cidadanía a relación de oficinas de rexistro auxiliar, existente na páxina web institucional.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2022

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes