Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Venres, 19 de agosto de 2022 Páx. 44462

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 4 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o programa Retorna mocidade, para persoas galegas residentes no estranxeiro interesadas en retornar e cursar determinados estudos de formación profesional no curso académico 2022/23 en centros educativos de Galicia (código de procedemento ED333B).

O Estatuto de autonomía de Galicia, nos seus artigos 1.2 e 4.3, establece que a Comunidade Autónoma de Galicia asume como tarefa principal a defensa da identidade de Galicia e a promoción da solidariedade entre todos os integrantes do pobo galego, configurando como un principio reitor da súa política social e económica facer efectivo o dereito das persoas galegas a viviren e traballaren na súa propia terra.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece a competencia plena para regular e administrar o ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (BOE do 4 de maio), establece nos seus artigos 39 a 44 os principios xerais, os obxectivos, os contidos, os títulos e as validacións da formación profesional integrada no sistema educativo español.

A Estratexia Retorna, aprobada polo Consello da Xunta de Galicia, inclúe medidas tanto específicas como transversais, destinadas, por un lado, a rexuvenecer a poboación galega e contribuír a superar a crise demográfica que atravesa a comunidade, e, por outro, a facilitar o dereito das persoas emigrantes galegas e descendentes a regresar a Galicia.

O obxectivo principal deste programa é incentivar o retorno das persoas galegas do exterior, non só das persoas emigrantes, senón tamén dos/das seus/súas descendentes, favorecendo a súa incorporación e a dos/das seus/súas fillos/as nos centros educativos que imparten ensinanzas de formación profesional da nosa comunidade autónoma, e a súa posterior incorporación ao mercado laboral galego.

Trátase de que a mocidade galega que resida no exterior veña a Galicia cursar unha formación de ámbito profesional que lle permita, logo de remataren os estudos, incorporarse a aqueles sectores do mercado laboral galego con máis demanda de profesionais.

A través deste programa preténdese tamén que a sociedade galega se enriqueza cos coñecementos e as experiencias profesionais internacionais que acheguen estas persoas galegas que residiron ou naceron no estranxeiro e que agora retornan a Galicia, ao mesmo tempo que se reforza a súa vinculación con esta comunidade autónoma.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que lle foron concedidas a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases e convocar o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de cincuenta e catro prazas (54) para o acceso da mocidade galega do exterior, ás ensinanzas formación profesional relacionadas no anexo III que se desenvolverán en centros da Comunidade Autónoma de Galicia no curso 2022/23. Xunto coa praza na ensinanza solicitada, concederase unha bolsa para a viaxe, o aloxamento e a manutención.

2. Este procedemento habilitarase na Guía de procedementos e servizos co código ED333B.

Artigo 2. Persoas destinatarias

1. Poderá concorrer a esta convocatoria a cidadanía galega residente no exterior e que cumpra o disposto no artigo 3.

2. Quedan excluídas desta convocatoria, as persoas que xa fosen beneficiarias, así como aquelas persoas beneficiarias que causasen baixa ou renunciasen á bolsa convocada pola Orde do 9 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan cen bolsas para a mocidade do exterior, co fin de cursar estudos de formación profesional de grao superior que se inicien no curso académico 2019/20 nun centro de Galicia con ensinanzas sustentadas con fondos públicos (código de procedemento ED333B), ou a outras bolsas de edicións anteriores.

3. Quedan excluídas desta convocatoria aquelas persoas que xa fosen beneficiarias das bolsas de excelencia para a mocidade exterior (BEME), convocadas pola Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 3. Requisitos

1. Requisitos que se deberán cumprir e acreditar no prazo de presentación de solicitudes:

a) Ser menor de 40 anos.

b) Estar en posesión da nacionalidade española.

c) Residir no estranxeiro.

d) Acreditar un mínimo de dous anos de residencia fóra de España inmediatamente anteriores á data da presentación da solicitude.

e) Cumprir, polo menos, unha das seguintes condicións:

– Ser emigrante nacido/a en Galicia.

– Ser emigrante non nado/a en Galicia, pero ter residido en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar.

– Ser descendente por consanguinidade de emigrante nado/a en Galicia, sempre que a persoa solicitante nacese no estranxeiro.

f) No caso das persoas nacidas no estranxeiro, estar vinculadas a un concello galego. Este requisito poderase acreditar con posterioridade, pero sempre antes de que remate o prazo de emenda da documentación preceptiva.

Artigo 4. Dotación e contía da axuda

1. A Consellería destinará a estas axudas, con cargo á aplicación orzamentaria 10.30.422M.480.1, un total de trescentos cincuenta e un mil euros para cincuenta e catro bolsas (54), cunha contía máxima de 6.500 euros cada unha. A dotación total da bolsa por ano é a seguinte:

a) 199.800 euros no ano 2022.

b) 151.200 euros no ano 2023.

A distribución dos pagamentos será a que se amosa na táboa seguinte e estará condicionada aos requisitos de matriculación e rendemento académico, así como a asistencia ás actividades lectivas da formación seleccionada, cun porcentaxe máximo de faltas de asistencia ás actividades lectivas dun 10 % das horas totais do curso.

Distribución dos pagamentos

Requisitos

Curso 2022/23

(6.500 euros)

1º pagamento, de 3.700 euros, no 1º trimestre da formación

Estar matriculado/a

2º pagamento, 2.800 euros, no 2º trimestre da formación (anualidade 2023)

Ter aprobado o 70 % dos módulos cursados no primeiro trimestre

2. Coa contía asignada, a persoa beneficiaria deberá afrontar todos os gastos que se xeren para poder realizar a formación concedida.

Artigo 5. Forma, prazo e lugar de presentación de solicitudes

1. As persoas solicitantes deberán cubrir os campos do formulario que figuran na aplicación informática Ciclosadmisión, https://www.edu.xunta.gal/ciclosadmision/, e incorporar os documentos requiridos no artigo 6 desta orde á dita aplicación. Rematado este proceso deberán confirmar a solicitude que, unha vez enviada, non poderá ser modificada. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado, que figura como anexo I desta orde a título informativo, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Entendendo que as persoas ás que vai dirixida esta convocatoria teñen acceso e capacidade para realizar este trámite, e as especiais circunstancias que poderían presentarse nos países nos que residen, establécese a obrigatoriedade de relacionarse exclusivamente por medios electrónicos para a tramitación deste procedemento de conformidade co establecido no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

2. As persoas solicitantes residentes en Cuba que así o desexen poderanse dirixir á Federación de Sociedades Galegas na Habana, na cal existen persoas habilitadas para a presentación electrónica das súas solicitudes.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que a persoa solicitante lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica, incluída no anexo I.

3. A presentación da solicitude implicará a aceptación do disposto nesta orde e responsabilizarase, de acordo co establecido no artigo 28.7 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, da veracidade dos documentos presentados; será unha infracción grave falsear calquera das condicións requiridas para a obtención da subvención solicitada, de acordo co artigo 37.1 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. Para calquera información adicional, as persoas interesadas poderanse dirixir ao correo electrónico: retorna.mocidade.fp@edu.xunta.gal

5. O prazo para presentar solicitudes será de 45 días naturais, que se contarán desde o día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (DOG) e finalizará ás 23.59.59 horas (hora peninsular española) do día no que finalice o dito cómputo.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán presentar por vía electrónica, xunto coa solicitude, a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da residencia actual no estranxeiro.

b) Documentación xustificativa do tempo de residencia no estranxeiro durante un mínimo de dous anos inmediatamente anteriores á data de fin de presentación de solicitudes.

c) Documentación acreditativa da súa vinculación con Galicia:

– Persoas nadas en Galicia: pasaporte ou certificado de nacemento en Galicia.

– Persoas non nadas en Galicia, pero que residiron en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar: histórico do padrón municipal do/dos concello/s galego/s onde residiron.

– Descendentes por consanguinidade de emigrante nado/a en Galicia: certificados de nacemento ou libros de familia que acrediten toda a liña de parentesco por consanguinidade, desde a persoa emigrante nacida en Galicia ata o nacemento da persoa solicitante.

d) Para as persoas solicitantes nadas no estranxeiro, documentación acreditativa da súa vinculación cun concello galego no Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro (PERE), ou calquera outra documentación acreditativa deste aspecto.

e) Documentación acreditativa da experiencia laboral relacionada coa praza que solicita.

f) Documentación acreditativa da formación relacionada coa praza que se solicita.

2. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

As copias de documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades poderá requirir calquera outra documentación ou dato adicional que considere necesario para completar o expediente ou para unha mellor valoración del.

5. Todos os documentos que se acheguen deberán ser oficiais e estar expedidos polas autoridades competentes, de acordo co ordenamento xurídico do país de que se trate. Cando os documentos achegados ao expediente polas persoas solicitantes estean nun idioma distinto do galego ou do español, deberase presentar tradución xurada deles en calquera destes idiomas.

6. A persoa beneficiaria presentará, na súa solicitude, unha declaración responsable do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

Artigo 7. Comprobación dos datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI/NIE da persoa solicitante, de ser o caso.

– DNI/NIE da persoa representante, de ser o caso.

– NIF da entidade representante, de ser o caso.

– Expediente académico.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no formulario de inicio e achegar o documento correspondente. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación do documento correspondente.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes realizarase de maneira electrónica a través da aplicación accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Artigo 9. Órganos competentes e instrución do procedemento

1. A Dirección Xeral de Formación Profesional será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das prazas e bolsas asociadas, e correspóndelle ao Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades ditar a correspondente resolución.

2. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes e examinadas estas e a documentación complementaria, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades exporá as listaxes provisionais de solicitudes admitidas e excluídas, nas que se sinalarán os motivos de exclusión, a través da publicación no portal educativo (https://www.edu.xunta.gal).

3. As persoas excluídas disporán dun prazo de cinco (5) días hábiles contados a partir do día seguinte ao desta publicación na páxina web (que rematará ás 23.59.59 horas-hora peninsular española), para emendaren a falta ou achegaren os documentos preceptivos. Transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que a persoa interesada desiste da súa petición, nos termos e nas condicións que se establecen no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 10. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria, de acordo cos criterios obxectivos fixados no seguinte artigo.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

– Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo ou persoa en quen delegue.

– Catro vogais, con categoría de subdirector/a xeral, xefe/a de servizo ou membro da Inspección Educativa.

– Secretaría: actuará como secretario/a unha persoa asesora da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, con voz pero sen voto.

3. A Comisión de Valoración constituirase na sede da Subdirección Xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo. O seu funcionamento rexerase polo disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 11. Criterios de valoración e procedemento de selección

1. Para a concesión das prazas e bolsas asociadas farase unha comparativa entre as solicitudes presentadas que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria e establecerase unha prelación entre elas, de acordo cos criterios de valoración, que se determinan a seguir, e as prazas solicitadas.

2. A Comisión de Valoración examinará as solicitudes presentadas e avaliará os méritos acreditados para cada unha das ensinanzas ofertadas e solicitadas. A puntuación máxima será de 25 puntos, conforme este baremo:

a) Vinculación con Galicia, ata 15 puntos coa seguinte distribución:

1) Nado/a en Galicia e/ou que residiu en Galicia de xeito continuado durante dez anos antes de emigrar: 15 puntos.

2) Nado/a no estranxeiro e fillo/a dunha persoa emigrante nado/a en Galicia: 10 puntos.

3) Outras persoas descendentes dunha persoa emigrante nado/a en Galicia: 5 puntos.

b) Acreditar experiencia laboral relacionada coa praza que solicita: 5 puntos.

c) Acreditar formación relacionada coa praza que solicita: 5 puntos.

3. Unha vez avaliados o resto dos méritos acreditados documentalmente, a Comisión de Valoración emitirá un informe no cal se concretará o resultado da avaliación efectuada establecendo unha orde das persoas solicitantes segundo as puntuacións outorgadas en cada ensinanza ofertada. Para o caso de empate na puntuación obtida, daráselle prioridade a quen teña a maior vinculación con Galicia (epígrafe a), en segundo lugar quen acredite maior experiencia laboral relacionada (epígrafe b), en terceiro lugar quen acredite maior formación relacionada (epígrafe c), e en cuarto lugar a data de nacemento máis recente.

4. A lista de persoas candidatas ordenada polas puntuacións outorgadas publicarase no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (https://www.edu.xunta.gal). As persoas interesadas poderán presentar as reclamacións oportunas no prazo de cinco (5) días hábiles a contar a partir do seguinte ao da dita publicación (que rematará as ás 23.59.59 horas-hora peninsular española).

Artigo 12. Adxudicación das prazas e das axudas asociadas

1. Resoltas as reclamacións, a Dirección Xeral de Formación Profesional elaborará a correspondente proposta de adxudicación das axudas coa seguinte distribución:

a) Lista das 18 persoas candidatas que obtiveran a maior puntuación en cada unha das ensinanzas, que serán propostas como admitidas definitivas.

b) Lista das persoas candidatas que cumprindo os requisitos acadan puntuacións inferiores ás 18 primeiras clasificadas en cada unha das ensinanzas ofertadas, que serán propostas como suplentes.

c) Lista de persoas candidatas excluídas por non acreditar o cumprimento dos requisitos exixidos.

2. A proposta de adxudicación elevarase ao conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que resolverá o que proceda, nos termos previstos no artigo 34 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación profesional e Universidades no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 13. Publicación da concesión das prazas e das axudas

1. Publicaranse no DOG, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución pola cal se resolve esta convocatoria, coa lista de persoas beneficiarias, a lista de suplentes, así como a lista de solicitudes denegadas.

2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través do portal da formación profesional http://www.edu.xunta.es/fp

3. Estas publicacións tanto no DOG como no portal educativo da Consellería e no portal da formación profesional producirán efectos de notificación as persoas interesadas.

Artigo 14. Aceptación ou renuncia

1. A persoa beneficiaria terá a obriga de aceptar a bolsa segundo o modelo que se indicará na publicación de concesión.

2. A renuncia á concesión poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para o cal se poderá utilizar o anexo II.

3. No caso de que se comunicase a renuncia, o órgano competente para resolver ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. No caso de que as persoas adxudicatarias renuncien á concesión, ou causen baixa por calquera outro motivo, poderán ser substituídas pola persoa seguinte na orde de puntuación que figure na lista de suplentes.

5. Unha vez publicada a concesión, as persoas beneficiarias deberán formalizar a matrícula nas ensinanzas adxudicadas no período indicado na publicación de concesión.

6. A non formalización da matrícula no prazo indicado, suporá a renuncia da persoa beneficiaria á praza concedida, e poderá ser substituída pola persoa seguinte na orde de puntuación que figure na lista de persoas suplentes.

Artigo 15. Pagamento das axudas

1. O primeiro pagamento das bolsas farase logo de publicada a resolución da concesión das bolsas no DOG, da efectiva formalización da matrícula na ensinanza por parte da persoa interesada e do comezo efectivo da ensinanza.

2. O segundo pagamento das bolsas farase no 2º trimestre da formación, unha vez comprobado no expediente académico do/da alumno/a que ten aprobado o 70 % dos módulos cursados no primeiro trimestre.

3. As axudas faranse efectivas en dous pagamentos, segundo consta no artigo 4 desta orde, directamente á persoa beneficiaria, a través da conta bancaria aberta en España. A certificación desta conta bancaria deberá achegarse por vía electrónica no prazo e segundo o procedemento indicado da resolución de concesión.

4. A persoa beneficiaria está obrigada a comunicarlle á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as mesas actividades subvencionadas na presente concesión. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 16. Prazo de duración do procedemento de concesión

O prazo máximo de resolución será de cinco meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, a solicitude poderase entender desestimada, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias das prazas convocadas nesta orde quedan obrigadas a:

a) Formalizar a matrícula nas ensinanzas de formación profesional solicitadas nesta convocatoria.

b) Destinar a axuda á finalidade para a que se concede, asistir ás actividades lectivas da formación solicitada e ter o rendemento académico establecido no artigo 4.1. A non asistencia ás actividades lectivas da formación seleccionada (cunha porcentaxe de faltas de asistencia ás actividades lectivas superior ao 10 % das horas), suporá o reintegro total da axuda recibida.

c) Comunicar o enderezo para os efectos de notificacións, correo electrónico e teléfono de contacto en Galicia, así como os cambios que se poidan producir neles.

d) Comunicar por escrito por vía electrónica (anexo II) á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a renuncia á praza e á bolsa, así como calquera modificación substancial que afecte as condicións desta.

e) Abrir unha conta bancaria en España na cal figure como titular.

f) Participar nas accións de fomento do emprego ou de inserción laboral que se desenvolvan nesta comunidade autónoma.

g) Asistir ás reunións ou actividades que organice a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para o desenvolvemento do programa.

h) Someterse aos requisitos legais e regulamentos que recolle a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións de Galicia, en concreto ás recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar o departamento que concede a subvención, ás de control financeiro que realice a Intervención da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Contas. En particular, a de acreditar o cumprimento das obrigas tributarias, coa Seguridade Social e de non ter pendente pagamento de débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

i) Comunicarlle á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

j) Subministrar á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, en virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1 /2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades das obrigas previstas no título I da citada lei.

2. A persoa beneficiaria está obrigada ao reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, logo do procedemento establecido no artigo 77 e seguintes do citado Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

3. A persoa beneficiaria está obrigada a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lles correspondan.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade, das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 19. Compatibilidade das axudas da presente convocatoria

1. As axudas asociadas á presente convocatoria son compatibles con outras de carácter xeral, aínda que o importe total recibido nunca poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da actividade subvencionada. No caso de comunicarse a percepción de outras axudas ou subvencións compatibles deberá acreditarse documentalmente que non se está a superar o custo das actividades subvencionadas.

2. Esta convocatoria é incompatible coas bolsas de excelencia para a mocidade do exterior (BEME), convocadas pola Secretaría Xeral da Emigración, por Resolución do 4 de xaneiro de 2022 (DOG núm. 23, do 3 de febreiro).

Artigo 20. Perda das axudas

1. A falsidade dos datos ou a falsificación dos documentos que se presenten, calquera que sexa o momento en que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de todos os dereitos das persoas solicitantes que incorran en tal situación e a devolución total da contía percibida, ademais das responsabilidades que procedesen, seguindo o procedemento establecido no artigo 77 e seguintes do citado Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. Calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. O incumprimento das condicións establecidas na concesión das prazas desta orde dará lugar ao reintegro, total ou parcial, por parte da persoa beneficiaria da subvención ou da axuda pública percibida.

Artigo 21. Devolución voluntaria da bolsa

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a persoa beneficiaria poderá realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta de Abanca ES82 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención. O importe da devolución incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei de subvencións de Galicia, ata o momento en que se produza a devolución efectiva por parte da persoa beneficiaria.

Artigo 22. Adaptación

Esta orde adáptase ás normas que lle son aplicables da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás que figuran no regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 23. Prioridade de aloxamento en centros residencias docentes dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

As persoas beneficiarias terá prioridade na concesión dunha praza nos centros residenciais docentes dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades sobre o resto de persoas candidatas que participen nos procedementos de solicitude de prazas nestes centros para o curso 2022/23.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Formación Profesional para adoptar as medidas e os actos necesarios para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Réxime de recursos

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Ensinanzas

Concello

Código
de centro

Centro

Módulo formativos e profesionais da formación específica

A Coruña

15024513

CIFP Someso

Formación específica básica de albanelaría e fontanaría (597 horas). 18 prazas

MF0276_1: Labores auxiliares de obra (50 h)

MF0869_1: Pastas, morteiros, adhesivos e formigóns (30 h)

MF0871_1: Tratamento de soportes para revestimento en construción (100 h)

MF0872_1: Recebados e gornecidos «a boa vista» (unidade formativa UF0644, 60 h)

MF0873_1: Pintura e materiais de imprimación e protectores en construción (120 h)

MP0134: Módulo de prácticas profesionais non laborais (80 h)

MP3024: Fontanería e calefacción básica (157 h)

Culleredo

15005749

CIFP Universidade Laboral

Formación específica básica de fontanaría, calefacción, electricidade e telecomunicacións en edificios (860 horas). 18 prazas

MF1154_1: Instalación de tubaxes (170 h)

MF1155_1: Instalación e mantemento de sanitarios e elementos de climatización (unidades formativas UF0411 e UF0412, 150 h)

MP0090: Módulo de prácticas profesionais non laborais (160 h)

MF0816_1: Operacións de montaxe de instalacións eléctricas de baixa tensión e domóticas en edificios (150 h)

MF0817_1: Operacións de montaxe de instalacións de telecomunicacións (unidades formativas UF0540 e UF0541, 150 h)

MP0118: Módulo de prácticas profesionais non laborais (80 h)

Ferrol

15005754

CIFP Ferrolterra

Formación específica básica de fontanaría, calefacción, electricidade e telecomunicacións en edificios (860 horas). 18 prazas

MF1154_1: Instalación de tubaxes (170 h)

MF1155_1: Instalación e mantemento de sanitarios e elementos de climatización (unidades formativas UF0411 e UF0412, 150 h)

MP0090: Módulo de prácticas profesionais non laborais (160 h)

MF0816_1: Operacións de montaxe de instalacións eléctricas de baixa tensión e domóticas en edificios (150 h)

MF0817_1: Operacións de montaxe de instalacións de telecomunicacións (unidades formativas UF0540 e UF0541, 150 h)

MP0118: Módulo de prácticas profesionais non laborais (80 h)