Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Mércores, 24 de agosto de 2022 Páx. 45605

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 4 de agosto de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan subvencións para proxectos de saúde pública no campo do VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS) realizados en Galicia por entidades privadas sen ánimo de lucro (código de procedemento SA645A).

A infección polo VIH (virus de inmunodeficiencia humana) e a sida (síndrome de inmunodeficiencia adquirida) continúan a ser un dos principais problemas de saúde pública a nivel mundial, aínda que en menor medida nos países desenvolvidos. En Galicia, a pesar das melloras experimentadas nos últimos anos, cómpre continuar co impulso das accións de saúde pública encamiñadas a enfrontar este importante problema de saúde que representan o VIH e as demais ITS.

O Plan galego anti VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS) establece como os seus obxectivos xerais: previr e controlar a extensión da infección polo VIH/sida e outras ITS; manter a universalidade da atención sanitaria para as persoas con infección polo VIH/sida e outras ITS; reducir o estigma e a discriminación das persoas afectadas; minimizar o impacto da infección polo VIH/sida e outras ITS e mellorar a esperanza e calidade de vida das persoas afectadas polo VIH e outras ITS.

Para a consecución destes obxectivos, o Plan consta dunha serie de programas multidisciplinares que desenvolven a política da saúde pública de Galicia e na cal participan os servizos sanitarios, sociais e as entidades privadas sen ánimo de lucro.

Aínda que existen diferentes vías de acceso que fan posible recibir a asistencia sanitaria de maneira universal, algunhas persoas descoñecen que existe unha infraestrutura social de apoio e as vías de acceso a ela, o que dificulta que se poidan beneficiar destes servizos. Para facilitar o acceso a estes servizos é fundamental o traballo das entidades sen ánimo de lucro que colaboran co Plan galego anti VIH/sida e outras ITS.

Dentro do marco das actividades anti VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS) no campo da saúde pública atópase o apoio a proxectos de entidades privadas sen ánimo de lucro, que participan e colaboran, desde os seus respectivos ámbitos, coa Consellería de Sanidade no esforzo global anti VIH/sida en Galicia. Esta orde vai dirixida a achegar financiamento a proxectos priorizados de acción de saúde pública que realizan estas entidades no campo do VIH/sida e outras ITS.

A orde conta cun total de 28 artigos, unha disposición adicional e tres disposicións derradeiras. Ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a proxectos de saúde pública no campo do VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual, e poderán concorrer á concesión destas axudas todas aquelas entidades privadas sen ánimo de lucro que pretendan desenvolver un proxecto obxecto da presente orde na Comunidade Autónoma de Galicia.

O contido desta orde adecúase aos principios de boa regulación previstos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas: principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia.

Concretamente, esta norma é necesaria e eficaz para poder desenvolver as referidas actuacións en materia de prevención e control da transmisión do VIH e outras ITS, e resulta proporcional porque se trata dun instrumento útil e básico para a execución da acción con poboacións expostas ou especialmente vulnerables. Garante o principio de seguridade xurídica e responde a razóns de interese xeral. En aplicación do principio de transparencia, definíronse claramente o alcance e obxectivo e atende ao principio de eficiencia, ao non supor cargas administrativas accesorias e contribuír á xestión racional dos recursos públicos existentes.

Esta orde recolle os principios de actuación en materia de igualdade establecidos no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

Para tal fin, con suxeición ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da dita lei, e na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno da Xunta de Galicia, e en uso das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar no ano 2022, en réxime de concorrencia competitiva, a concesión de subvencións a proxectos de saúde pública relacionados coa infección polo VIH, a sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS) que realicen en Galicia entidades privadas sen ánimo de lucro ao longo do período comprendido entre o 1 de xullo de 2022 e o 30 de xuño de 2025.

O código do procedemento regulado a través desta orde é o SA645A.

Os proxectos subvencionados deben desenvolver as súas actividades un mínimo de 3 meses no período comprendido entre o 1 de xullo e o 31 de decembro de 2022, un mínimo de 6 meses entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2023, un mínimo de 6 meses entre o 1 de xaneiro de 2024 e o 31 de decembro de 2024, xunto cun mínimo de 3 meses entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2025.

Como máximo subvencionaranse os dez proxectos que resulten máis valorados, en función dos criterios de valoración establecidos no artigo 15 desta orde.

Artigo 2. Normativa aplicable

1. As solicitudes, a súa tramitación e a resolución axustaranse ao previsto nesta orde.

Aos aspectos non contidos nesta orde aplicaráselles o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu Regulamento de execución aprobado mediante o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; así como a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación.

2. En canto ao cómputo de prazos, observarase o disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 3. Orzamento

1. A contía total das subvencións concedidas nesta orde ascende a 901.200,00 euros e financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 1202.413A.481.2 para o ano 2022 e as que correspondan para os seguintes anos, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. Este orzamento distribuirase en catro anualidades do seguinte xeito:

a) Ano 2022 (2º semestre): 161.363,00 €.

b) Ano 2023: 295.935,00 €.

c) Ano 2024: 295.935,00 €.

d) Ano 2025 (1º semestre): 147.967,00 €.

A efectividade da asignación aos proxectos seleccionados dos importes das subvencións para os anos 2023, 2024 e 2025 queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para eses anos.

2. No ano 2022 a contía total das subvencións concedidas nesta orde financiarase integramente con cargo aos fondos do IRPF e nos anos 2023 a 2025 financiarase con cargo a fondos propios e fondos do Estado procedentes do tramo autonómico da asignación tributaria do 0,7 % do IRPF destinado á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no campo do VIH/sida.

3. A contía máxima dos créditos previstos no número 1 deste artigo poderá ser ampliada nos supostos e condicións previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. En todo caso, o incremento de crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia da concorrencia dalgunha das circunstancias previstas no citado artigo ou da dispoñibilidade de fondos procedentes do Estado. Cando proceda, será necesario aprobar a oportuna modificación orzamentaria. Nestes supostos, o órgano concedente das subvencións terá que publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que esta publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo computo de prazo para resolver.

No caso de que se producise este incremento de crédito, repartiríase do seguinte xeito:

a) Faríase unha repartición entre as entidades que non acadaron o 100 % do solicitado na asignación ordinaria.

b) Esta nova repartición faríase seguindo o mecanismo de asignación establecido no artigo 16, é dicir, por orde de prelación e ata o esgotamento do novo crédito.

c) A xustificación deste novo crédito dispoñible faríase do mesmo xeito que o crédito inicialmente outorgado a cada entidade.

4. En calquera caso, a concesión destas subvencións limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias existentes no momento da súa resolución. As subvencións que se concedan e as contribucións que se conveñan terán carácter ocasional, estarán suxeitas a limitación orzamentaria e non xerarán ningún dereito de continuidade na asignación de financiamento ás entidades destinatarias para exercicios sucesivos.

5. O ritmo de execución das actividades ao longo do período subvencionable deberá axustarse á dispoñibilidade orzamentaria de cada anualidade, tal e como se detalla no artigo 24.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

Poderán solicitar e ser beneficiarias destas subvencións as entidades privadas sen ánimo de lucro que presenten un único proxecto e que cumpran co obxecto e normas desta orde, sempre e cando non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, que imposibilitan obter a condición de beneficiaria das subvencións.

Artigo 5. Requisitos

1. Presentar un proxecto de saúde pública de actuación no campo do VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual para os anos 2022, 2023, 2024 e 2025.

2. O proxecto deberá realizarse integramente na Comunidade Autónoma de Galicia e deberá ter como área xeográfica de actuación, polo menos, unha das seguintes áreas sanitarias:

a) Área Sanitaria da Coruña e Cee.

b) Área Sanitaria de Santiago de Compostela e A Barbanza.

c) Área Sanitaria de Ferrol.

d) Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.

e) Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

f) Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

g) Área Sanitaria de Vigo.

3. Para desenvolver o proxecto, a entidade beneficiaria deberá dispor en Galicia, como mínimo, de:

a) Un local con capacidade para levar a cabo o proxecto.

b) Unha persoa contratada para desenvolver o proxecto, que actuará como representante técnica do proxecto ante a Consellería de Sanidade, e que deberá estar dispoñible durante todo o período subvencionable.

4. O proxecto recollerá obrigatoriamente a promoción do uso de preservativos e a súa distribución.

5. Para cumprir os obxectivos do proxecto poderase empregar material divulgativo editado pola Consellería de Sanidade ou polo Ministerio con competencias en materia de sanidade. Calquera outro material divulgativo que se pretenda usar e/ou distribuír deberá presentarse previamente no Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles da Dirección Xeral de Saúde Pública, para que neste servizo se valore a súa idoneidade e se realice a validación e autorización previa do seu uso e/ou distribución.

Os materiais e publicacións (en formatos impresos ou electrónicos) que se elaboren no contexto das axudas reguladas por esta orde deberán incorporar de forma visible o seu financiamento público e axustarse ademais aos criterios oficiais de identidade corporativa da Xunta de Galicia. Así mesmo, estarán libre de mensaxes e imaxes que reproduzan estereotipos de xénero e roles sexistas.

6. Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

7. Cumprir a normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal no desenvolvemento do proxecto subvencionado.

8. Presentar a solicitude no prazo e na forma que establece o artigo 8.

Artigo 6. Contidos do proxecto

Poderán subvencionarse os proxectos que, como mínimo, teñan por obxecto algunha das seguintes actividades:

1. Facilitar e fomentar o uso do preservativo nos colectivos máis vulnerables ás ITS.

2. Promover a realización da proba do VIH ás persoas con prácticas de risco.

3. Campañas efectivas de concienciación respectuosas e inclusivas de todas as ITS dirixidas ás persoas do colectivo LGTBI.

4. Campañas efectivas de concienciación respectuosas e inclusivas de todas as ITS e que terán como destinatarios específicos as e os adolescentes e a mocidade LGTBI.

5. Campañas de visibilización e información do tratamento de profilaxe ao VIH, para evitar esta infección.

6. Programas específicos de prevención do VIH e outras ITS para persoas en contorno de prostitución.

7. Programas de prevención para persoas que viven co VIH e/ou en casas de acollida para persoas afectadas polo VIH/sida.

8. Programas de rúa ou achegamento que faciliten o acceso á información sobre o VIH e as demais ITS e aos servizos sanitarios, en poboacións especialmente vulnerables ás ITS.

9. Actividades preventivas da transmisión de ITS, coa participación de pares.

10. Educación para a saúde con perspectiva de xénero, sobre hábitos sexuais saudables, infección polo VIH e a sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS).

11. Programas de loita contra o estigma e a discriminación das persoas afectadas polas ITS e de modo especial polo VIH e a sida.

12. Campañas divulgativas a través de redes sociais e/ou de aplicacións de móbil (app) de contactos.

Todos os programas e actividades que se planifiquen deberán prever necesariamente a perspectiva de xénero.

Artigo 7. Conceptos subvencionables

1. Consideraranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido no artigo 1.

2. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

3. En particular, subvencionaranse os seguintes conceptos de gasto:

a) Gastos de persoal. Subvencionarase ata un máximo de dous mil cincocentos euros (2.500,00 €) mensuais por importe total de nómina. Para os efectos de cálculo dos gastos de persoal subvencionables, ao importe bruto que resulte para cada nómina sumaránselle os custos de seguridade social que van con cargo á empresa.

Soamente terán consideración de subvencionables os custos en que incorran as entidades beneficiarias respecto ao persoal en situación de incapacidade laboral temporal cando:

1) A baixa non supoña a paralización da actividade, mediante substitución da persoa de baixa, reasignación das súas tarefas ou subcontratación puntual. Este feito deberá ser informado á Dirección Xeral de Saúde Pública.

2) A baixa, aínda supondo a paralización da actividade, non supere os trinta días para un mesmo contrato laboral durante o período de execución do programa.

b) Axudas de custo por desprazamento (aloxamento, manutención, quilometraxe, debidamente xustificadas en relación co proxecto), cun máximo de 1.000,00 € por proxecto e ano.

c) Gastos de vehículos, cuxa titularidade corresponda á entidade privada que reciba a subvención, empregados para desenvolver o proxecto: imposto de circulación, ITV, seguro, mantemento, reparacións, consumo de combustible, peaxe, garaxe e aparcadoiro. As facturas incluirán a matrícula do vehículo.

d) Gastos de material de oficina, preventivo, divulgativo e de visualización social do proxecto.

e) Gastos vinculados ao local: alugueiro, electricidade, gas, auga, lixo, comunidade, limpeza, seguros, imposto sobre bens inmobles. Os gastos en reparacións e mantemento do local serán ata un máximo de 1.000,00 € por proxecto e ano. Quedan excluídos os gastos de investimento inmobiliario.

f) Telefonía e tecnoloxías da información e comunicación (TIC), correos e mensaxaría.

g) Gastos de publicidade e xestión de redes sociais e/ou app de contactos.

h) Gastos de formación continuada do persoal que participa no proxecto en áreas relacionadas co obxectivo do proxecto. Inclúense gastos de cursos de formación continuada, xornadas e congresos, cun máximo de 1.000,00 € por proxecto e ano.

i) Gastos de xestión e administración directamente relacionados coa actividade desenvolvida ao abeiro do correspondente programa.

Poderán imputarse os derivados de auditorías externas sobre a xestión do programa por parte da entidade e da revisión da conta xustificativa, de ser o caso, ata un máximo do 5 % do importe da subvención.

j) Gastos de xestoría, gastos financeiros, de asesoría xurídica ou financeira, gastos notariais e rexistrais e gastos periciais se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a súa preparación ou execución.

k) Os tributos consideraranse gastos subvencionables cando a entidade/s beneficiaria/s desta axuda os aboe efectivamente e sempre que, no caso dos impostos indirectos, non sexan pola súa parte susceptibles de recuperación ou compensación.

l) En ningún caso terán a consideración de gastos subvencionables os xuros debedores de contas bancarias, así como os xuros, recargas ou sancións administrativas ou os gastos de procedementos xudiciais.

4. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionabilidade dos gastos serán resoltas pola Dirección Xeral de Saúde Pública, por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades solicitantes.

5. Considerarase gasto realizado o que fose efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación correspondente e os pagamentos deberán acreditarse a través de xustificantes de pagamento. Exceptuaranse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior, por axustarse aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) no que se reflicta o importe de retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación. Queda obrigada a entidade subvencionada a presentar os documentos acreditativos da súa liquidez nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario; en todo caso, esta presentación terá como data límite o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.

En todo caso, a forma de xustificación deberá atender ao previsto no artigo 28, números 1, 2, 3 e 4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 8. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Unha memoria técnica do proxecto que se estea realizando, ou se pretenda realizar, cunha extensión máxima de 10 páxinas, debidamente asinada pola persoa que exerce a representación legal da entidade solicitante. O formato da memoria técnica debe ser:

1. Tipo de letra: Arial.

2. Estilo: normal.

3. Tamaño de letra: 11.

4. Interliñado: 1,15 puntos.

5. Marxes laterais: 1,5-3,0 cm.

6. Marxe superior: 2,5-4 cm.

7. Marxe inferior: 2,5-3 cm.

8. O formato do arquivo será de texto ou PDF.

b) Copia do material divulgativo que se pretenda empregar no proxecto e que non fora editado por administracións públicas nin recibira o informe favorable do Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles da consellería competente en materia de Sanidade.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) NIF da entidade representante.

c) DNI/NIE da persoa representante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas fronte á Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas fronte á Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas fronte á Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h) Concesión de subvencións e axudas.

i) Concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 11. Características da memoria técnica

A memoria técnica deberá incluír a seguinte información:

a) Descrición xeral do proxecto, datos de identificación:

– Nome da entidade, título do proxecto, cronograma e lugar de realización.

– Datos da persoa coordinadora do proxecto: nome, apelidos, DNI, teléfono e correo electrónico.

– Datos das persoas asalariadas para o proxecto: nome, apelidos, DNI, formación académica, funcións e tempo dedicado.

– Datos das persoas voluntarias para o proxecto: nome, apelidos, DNI, formación académica, funcións e tempo dedicado.

b) Deseño do proxecto:

A memoria técnica debe incorporar unha parte de xustificación, de obxectivos, de material e métodos e avaliación.

c) Orzamento anual e total previsto para o desenvolvemento do proxecto durante o período 2022-2025.

No orzamento desagregaranse anualmente as diferentes partidas que o compoñen.

d) Importe solicitado de subvención.

e) Lugar, data e sinatura da persoa representante legal da entidade.

Artigo 12. Emenda da solicitude

As unidades administrativas da Dirección Xeral de Saúde Pública responsables da concesión das subvencións reguladas nesta orde comprobarán que as solicitudes reúnen todos os requisitos exixidos.

Se unha solicitude non está debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, requirirase a entidade solicitante para que, no prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixer así, se terá por desistida da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Instrución e Comisión de Valoración

1. Órganos competentes.

O órgano competente para instruír o procedemento de concesión será a Dirección Xeral de Saúde Pública.

A Subdirección Xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, a través do Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles, realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación de datos que deben motivar a proposta de resolución.

2. Comisión de Valoración.

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva, polo que, durante a instrución do procedemento se constituirá como órgano colexiado unha Comisión de Valoración, que terá como función controlar e validar o proceso de revisión das solicitudes presentadas; a avaliación técnica dos proxectos preventivos e a asignación de puntuacións con base en criterios de valoración das solicitudes establecidos no artigo 15 desta orde; a selección das entidades que recibirán subvención e o cálculo das contías correspondentes. Unha vez finalizado este proceso, a comisión elaborará un informe que lle remitirá ao órgano instrutor.

Esta comisión poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan a persoa que exerza a presidencia, ou persoa en quen delegue, a persoa que exerza a secretaría e, polo menos, a metade das persoas que a compoñen. Se por calquera causa, no momento en que a Comisión de Avaliación examine as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puider asistir, será substituída na forma en que se establece máis adiante neste mesmo artigo.

Para o seu funcionamento a comisión rexerase polo establecido nos artigos 14 ao 22 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, relativos aos órganos colexiados.

A Comisión de Valoración, facendo a motivación oportuna, poderalles requirir ás entidades solicitantes das axudas a información ou a documentación adicional que, non estando en poder da Administración, sexa relevante para unha avaliación correcta das solicitudes.

A Comisión de Valoración terá a seguinte composición:

a) Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, ou persoa en quen delegue.

b) Vogalías:

1º. A persoa titular da xefatura do Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles, ou persoa en quen delegue de igual rango.

2º. Unha persoa técnica do Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles.

3º. Unha persoa técnica do devandito servizo, que exercerá as funcións de secretaría.

Na composición da Comisión de Valoración procurarase acadar unha composición equilibrada de homes e mulleres.

3. Unha vez avaliadas as solicitudes e á vista do informe da Comisión de Valoración, a Dirección Xeral de Saúde Pública formulará a proposta de resolución debidamente motivada.

4. A proposta de resolución non crea ningún dereito a favor da entidade beneficiaria proposta mentres non se lle notifique a resolución de concesión.

Artigo 15. Criterios de valoración

Os criterios de baremación que se aplicarán á hora de seleccionar os proxectos presentados son os seguintes:

1. Calidade técnica do proxecto: ata un máximo de 30 puntos.

a) A xustificación do proxecto: 0 a 5 puntos. Puntuación mínima exixida: 2 puntos.

Valoraranse os recursos existentes nas áreas de actuación para atender estas persoas, necesidades demandadas no campo do VIH/sida e outras ITS, resultados desagregados por sexo de anos anteriores nas persoas atendidas polo proxecto, etc.

b) Definición e cuantificación de obxectivos: 0 a 5 puntos. Puntuación mínima exixida: 2 puntos.

Valorarase a priorización dos obxectivos (xerais e específicos), a concreción, a claridade, a viabilidade, a cuantificación, etc.

c) Material e método empregado, con definición da poboación, dos contidos e do plan de traballo: 0 a 15 puntos. Puntuación mínima exixida: 7 puntos.

Valorarase a definición das características da poboación sobre a cal se vai a traballar (área xeográfica, número de persoas, factores de risco fronte ao VIH e outras ITS, vulnerabilidade, etc.), a información que se difunde nas charlas e obradoiros, a planificación das actividades (lugar de realización, cronograma, local empregado, titulación e experiencia das persoas que desenvolven as actividades), etc.

d) Criterios de avaliación do proxecto: 0 a 5 puntos. Puntuación mínima exixida: 2 puntos.

Valorarase a definición de indicadores, a incorporación de indicadores por razón de sexo, estándar de referencia de cada indicador, a identificación cos obxectivos marcados e a fonte da información.

Deberá acadarse a puntuación mínima en todas e cada unha destas epígrafes. Só se admitirán e se valorarán os proxectos que acaden a puntuación mínima en todas as epígrafes deste punto, independentemente da puntuación acadada noutros puntos deste artigo.

2. Tipo de colectivo albo a que vai dirixido. Valorarase só o colectivo principal e, de existir máis dun, valorarase só o definido como principal no proxecto. Nesta epígrafe só se puntuarán os proxectos que teñen claramente definido un colectivo principal. A valoración dos colectivos será a seguinte:

Transexuais: 30 puntos.

HSH: 25 puntos.

Persoas que vivan co VIH/sida e o seu contorno: 10 puntos.

Prostitución: 7 puntos.

Inmigrantes procedentes de países de elevada prevalencia*: 7 puntos.

Persoas internas en prisións: 2 puntos.

Mocidade non escolarizada ou pertencente a grupos con elevada vulnerabilidade social (residentes en centros tutelares de menores, minorías étnicas marxinadas, familias desestruturadas, etc.): 1 punto.

Transeúntes, persoas sen fogar e minorías étnicas marxinadas: 1 punto.

Mulleres: 1 punto.

Persoas con máis de 54 anos: 1 punto.

Outros colectivos: 0 puntos.

* Países recollidos nas recomendacións de diagnóstico precoz do VIH en Galicia.

https://www.sergas.es/Saude-publica/Recomendacions-diagnostico-precoz-VIH-Galicia-2017

3. Dispor de persoal contratado pola entidade beneficiaria para realizar o proxecto: ata un máximo de 30 puntos. Por cada persoa traballadora contratada para a realización do proxecto: 15 puntos.

4. Proporción do emprego de persoas con discapacidade do 33 % ou superior, en relación co número total de persoas contratadas para o proxecto. Valorarase con ata 5 puntos do seguinte xeito:

– Ata o 20 %: 2 puntos.

– Máis do 20 %: 5 puntos.

5. Valorarase a incidencia de VIH da provincia en que se realiza o proxecto segundo os datos publicados pola Dirección Xeral de Saúde Pública na páxina web do Servizo Galego de Saúde:

https://www.sergas.es/Saude-publica/Informes-epidemioloxicos-de-VIH-sida

a) Provincia de maior incidencia: 20 puntos.

b) Segunda provincia de maior incidencia: 18 puntos.

c) Terceira provincia de maior incidencia: 12 puntos.

d) Provincia de menor incidencia: 9 puntos.

De traballar en máis dunha provincia, puntuarase a de maior puntuación.

6. Proxectos que continúan os subvencionados na convocatoria anterior: 20 puntos.

7. Valorarase a porcentaxe da partida orzamentaria de gastos de persoal sobre o total do orzamento do proxecto:

a) Igual ou máis do 80 %: 0 puntos.

b) Entre o 60-79 %: 20 puntos.

c) Entre o 40-59 %: 10 puntos.

d) Entre o 20-39 %: 5 puntos.

e) Igual ou menos do 19 %: 0 puntos.

8. Duración das actividades do proxecto: 1 punto por mes.

9. Probas rápidas de VIH:

a) Realizar probas rápidas de VIH en fluído oral a persoas con prácticas de elevado risco para a infección polo VIH dentro do Proxecto de detección anónima do VIH en Galicia do Plan galego anti VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS): 18 puntos.

b) Promover a realización da proba do VIH nas persoas con prácticas de risco para a infección polo VIH: 5 puntos.

10. Realizar actividades de prevención en casas de acollida para persoas afectadas polo VIH/sida: 15 puntos.

11. Recoller a perspectiva de xénero, a diversidade sexual (LGBTI) e o emprego da linguaxe non sexista: 15 puntos. Para poder puntuar esta epígrafe debe presentarse unha acreditación de formación neste aspecto da persoa que coordina ou traballa no proxecto.

12. Integración da igualdade na política de emprego das entidades solicitantes.

A existencia nas entidades de plans de igualdade nos termos previstos na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, e no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, que recollan, entre outras medidas, o fomento da conciliación da vida persoal, familiar e laboral, valorarase con 5 puntos.

13. Valorarase o uso do galego no desenvolvemento xeral do proxecto e na elaboración de documentación como a memoria técnica ou o material divulgativo: 15 puntos.

14. Dispor de local social por parte da entidade beneficiaria. Puntuarase un máximo de dous locais, valorados do seguinte modo cada un:

a) En propiedade: 5 puntos.

b) En arrendamento: 3 puntos.

c) En cesión dunha Administración pública: 2 puntos.

d) En cesión dunha persoa ou institución privada: 2 puntos.

15. Realizar actividades de loita contra a discriminación das persoas afectadas polo VIH/sida: 10 puntos.

16. Participación de persoas formadas en educación de pares no desenvolvemento do proxecto: 8 puntos.

17. Tamaño poboacional das áreas sanitarias en que se realiza o proxecto:

Grupo 1 (< 200.000 hab.): Ferrol: 1 punto.

Grupo 2 (200.000 - 400.000 hab.): Pontevedra e O Salnés; Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras: 2 puntos.

Grupo 3 (> 400.000 hab.): Santiago de Compostela e A Barbanza; A Coruña e Cee; Vigo: 4 puntos.

Para puntuar cada área o proxecto disporá de local e persoa contratada para traballar en cada unha desas áreas. Puntuaranse un máximo de dúas áreas sanitarias.

18. Número de persoas voluntarias participantes no proxecto: ata un máximo de 5 puntos. Por cada persoa voluntaria participante: 1 punto.

19. Desenvolver campañas a través de redes sociais: 4 puntos.

20. Presentar unha certificación acreditativa de calidade da entidade solicitante: ata un máximo de 5 puntos, de acordo co seguinte baremo:

a) ISO: 5 puntos.

b) EFQM: 2 puntos.

c) Outras: 1 punto.

21. Porcentaxe de cofinanciamento do proxecto con fondos propios e/ou outras subvencións asumido pola entidade solicitante.

Valorarase con ata 5 puntos do seguinte xeito:

a) Superior ao 15 %: 5 puntos.

b) Entre o 5 % e o 15 %: 3 puntos.

c) Menor do 5 %: 1 punto.

Para resolver os posibles empates empregaranse os seguintes criterios:

1º. O que dispoña de Plan de igualdade na entidade, nos termos previstos na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, e no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, que recollan, entre outras medidas, o fomento da conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

2º. O que obteña maior valoración no punto 1.

3º. O que obteña maior valoración no punto 2.

4º. O que empregue o galego no desenvolvemento xeral do proxecto.

De persistir o empate, logo de aplicados estes criterios, prevalecerá a solicitude cuxa data e hora de presentación sexa anterior segundo conste no Rexistro Electrónico Xeral e, en último caso, prevalecerá aquela á cal o sistema lle asignase automaticamente o número de entrada máis baixo.

Artigo 16. Contías das subvencións

1. A contía solicitada pode ser como máximo o orzamento do proxecto.

2. O importe máximo subvencionable de cada proxecto é a contía solicitada para desenvolver o proxecto que non está subvencionada por ningunha outra entidade pública ou privada.

3. Determinación das contías das subvencións:

Os dez proxectos máis puntuados ordenaranse de maior a menor puntuación e o importe que se lle adxudicará a cada proxecto estará determinado por esta orde de puntuación.

3.1. Cálculo dos importes das subvencións para os anos 2022, 2023, 2024 e 2025:

Os importes concedidos en función da puntuación acadada serán, por defecto, os seguintes:

1º máis puntuado: 14 % da partida orzamentaria dispoñible dese ano.

2º máis puntuado: 12 %.

3º máis puntuado: 11 %.

4º máis puntuado: 10,5 %.

5º máis puntuado: 10 %.

6º máis puntuado: 9,5 %.

7º máis puntuado: 9 %.

8º máis puntuado: 8,5 %.

9º máis puntuado: 8 %.

10º máis puntuado: 7,5 %.

3.2. Comprobarase que non se conceden contías superiores ao importe máximo subvencionable de cada proxecto. Sumaranse os importes concedidos para os anos 2022, 2023, 2024 e 2025 de cada proxecto e se o resultado desta suma é superior ao importe máximo subvencionable, concederase este último.

3.3. O posible resto orzamentario que poida xurdir adxudicarase ao proxecto máis puntuado. De non esgotarse o resto orzamentario con este proxecto, adxudicarase o importe restante ao seguinte proxecto máis puntuado, e así sucesivamente. A adxudicación do resto orzamentario terá sempre en conta que se cumpre o punto 2 deste artigo.

No caso de subvencionar menos de 10 proxectos, seguirase o mesmo proceso de adxudicación de importes definido neste artigo e os importes menores que queden sen adxudicar consideraranse resto orzamentario e, polo tanto, distribuirase entre os demais proxectos como tal.

3.4. O importe que se concederá a cada proxecto será o resultado de seguir os catro puntos anteriores.

Artigo 17. Resolución

1. A proposta de resolución será remitida polo órgano instrutor á persoa titular da Consellería de Sanidade, quen, de conformidade co previsto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, ditará a resolución definitiva, que deberá ser motivada. Esta resolución conterá, de maneira expresa, a relación de proxectos das entidades solicitantes ás cales se lles concede a subvención e a desestimación do resto das solicitudes, xunto coas contías destas axudas para o período 2022-2025.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución das axudas será de cinco meses desde a data de publicación desta orde de convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia. O vencemento deste prazo máximo establecido sen que se ditase nin se notificase resolución expresa desta convocatoria terá carácter desestimatorio das solicitudes por silencio administrativo. A resolución expresa posterior ao vencemento do prazo será adoptada pola Administración sen vinculación ningunha ao sentido do silencio, de acordo co establecido no artigo 24.3.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Todo incumprimento ou alteración das condicións en que se basea a concesión da subvención e, se é o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

4. Poderán existir circunstancias que, como consecuencia da alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, dean lugar á modificación da resolución de concesión.

5. As entidades interesadas son informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións, regulado no artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 18. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 19. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, unha vez notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as entidades interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación. Transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. A aceptación ou renuncia da subvención farase presentando os formularios normalizados propostos nos anexos III e IV segundo corresponda, ou por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. No caso de que se comunique a renuncia en prazo, a Consellería de Sanidade ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 20. Publicación

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, a relación de proxectos aos cales se lles concede subvención, cos importes concedidos por anualidade e a motivación da non concesión de subvención aos demais proxectos solicitantes.

Así mesmo, será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da consellería competente en materia de Sanidade, www.sergas.es

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 22. Recursos

1. A resolución do procedemento pon fin á vía administrativa e contra ela as entidades interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, ante a persoa titular da Consellería de Sanidade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución á entidade beneficiaria ou, no caso de silencio, a partir do día seguinte ao remate do prazo fixado no artigo 17.2 para a resolución das solicitudes de subvencións.

2. Igualmente, poderase interpor directamente recurso contencioso-administrativo, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xuño, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación se a resolución é expresa; se non for así, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

3. De presentarse recurso potestativo de reposición, non se poderá acudir á vía contencioso-administrativa ata que este sexa resolto expresamente ou se produza a súa desestimación presunta.

4. Non obstante, de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xuño, poderá ser requirido previamente o órgano que ditou a resolución para que derrogue a disposición, anule ou revogue o acto, no prazo de dous meses contados desde a notificación da resolución. O requirimento entenderase rexeitado se non fose contestado no mes seguinte á súa recepción.

Artigo 23. Xustificación

Ao longo do período 2022-2025 deberán remitirse as seguintes contas xustificativas:

a) Primeira conta xustificativa:

Data límite: 31 de marzo de 2023.

Contido: gastos realizados desde o 1 de xullo de 2022 ata o 31 de decembro de 2022.

b) Segunda:

Data límite: 30 de xuño de 2023.

Contido: gastos realizados no primeiro semestre de 2023.

c) Terceira:

Data límite: 31 de outubro de 2023.

Contido: os gastos realizados desde o 1 de xullo de 2023 ata o 31 de outubro de 2023.

d) Cuarta:

Data límite: 30 de xuño de 2024.

Contido: os gastos realizados desde o 1 de novembro de 2023 ata o 30 de xuño de 2024.

e) Quinta:

Data límite: 31 de outubro de 2024.

Contido: os gastos realizados desde o 1 de xullo de 2024 ata o 31 de outubro de 2024.

f) Sexta:

Data límite: 30 de xuño de 2025.

Contido: os gastos realizados desde o 1 de novembro de 2024 ata o 30 de xuño de 2025.

De conformidade co previsto no número 3 do artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, cada conta xustificativa abranguerá:

1. Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación do proxecto, das actividades realizadas e dos resultados obtidos, cun máximo de 5 páxinas. O formato da memoria de actuación debe ser:

1º. Tipo de letra: Arial.

2º. Estilo: normal.

3º. Tamaño de letra: 11.

4º. Interliñado: 1,15 puntos.

5º. Marxes laterais: 1,5-3 cm.

6º. Marxe superior: 2,5-4 cm.

7º. Marxe inferior: 2,5-3 cm.

Os datos relativos ás actividades realizadas e aos resultados obtidos deben recollerse desagregados por sexo. Así mesmo, deberán recollerse desagregados por sexo os datos relativos ás persoas asalariadas e voluntarias que participan nas actividades subvencionadas, incluída a persoa coordinadora.

2. Unha memoria económica das actividades realizadas, que conterá:

a) Unha relación clasificada dos gastos da actividade que inclúa a seguinte información:

– Número de orde do documento na relación de gastos.

– Nome da entidade beneficiaria que emite o documento de gasto.

– NIF da entidade beneficiaria que emite ese documento.

– Concepto do gasto (se é unha nómina deberá indicar o nome, os dous apelidos da persoa empregada, xunto co mes e o ano da nómina).

– Número identificativo do documento.

– Data de emisión do documento.

– Data de pagamento dese gasto.

– Importe total do documento de gasto.

– Importe do documento de gasto dedicado ao proxecto obxecto desta subvención.

– Importe do documento do gasto imputado a esta subvención.

Ao final desa relación debe incluírse o importe total dos gastos pagados do proxecto e o importe total dos gastos pagados imputados a esta subvención, a sinatura da persoa responsable da entidade beneficiaria identificada con nome e apelidos, o lugar e a data da sinatura.

b) A presentación dixital das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa, incorporados na relación a que se fai referencia no anterior punto e a documentación acreditativa do pagamento. Esta documentación debe estar numerada co número correspondente ao posto que ocupa na relación de gastos e ordenada de xeito consecutivo tal como aparece na relación de gastos, sen prexuízo de que se presenten varios arquivos na xustificación económica.

Os recibos asinados terán validez para xustificar pagamentos ata un importe máximo de 1.000,00 € por proxecto e ano.

3. Anexo II actualizado coa relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen o proxecto, con indicación do importe e da súa procedencia. Este documento terá que estar asinado pola persoa que representa a entidade beneficiaria.

Artigo 24. Pagamento e xestión económica

Os pagos correspondentes a cada subvención concedida realizaranse de conformidade co previsto no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e farase efectiva para cada un dos exercicios orzamentarios do seguinte xeito:

Pagarase o importe máximo anticipable da subvención concedida tras a publicación da resolución de concesión destas axudas, de acordo co punto 1.1 do artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Este importe será como máximo o importe concedido para o ano 2022. Para o caso de que, respecto dalgún dos proxectos subvencionados, o importe pagado en concepto de anticipo non acade o importe concedido para ese proxecto no ano 2022, o pagamento da diferenza realizarase no mes de decembro, logo de xustificación dos correspondentes gastos. A data límite para a xustificación dos ditos gastos será o 30 de novembro de 2022.

Os importes restantes de 2023, 2024 e 2025 pagaranse unha vez completados correctamente os procesos de xustificación. Poderanse facer pagamentos fraccionados, que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas, e aboaranse por contía equivalente á xustificación presentada, que non poderá exceder, en ningún caso, a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

O pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada, calculado en función da porcentaxe subvencionada do custo final da actividade.

En todo caso, segundo o disposto no artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 60.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias, con anterioridade ao pagamento deberán estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, na forma que se determine regulamentariamente, e sen prexuízo do establecido na disposición derrogatoria única da Lei 11/2007, do 22 de xuño.

Artigo 25. Obrigas das entidades beneficiarias

Tendo en conta o artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o capítulo III do título preliminar do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, son obrigas das entidades beneficiarias:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Xustificar ante o órgano concedente, se é o caso, o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente ou á entidade colaboradora a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, na forma que se determine regulamentariamente.

f) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ás entidades beneficiarias en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas de difusión contidas no número 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 23 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

j) Calquera outra obriga imposta ás entidades beneficiarias na normativa estatal ou autonómica aplicable, así como nesta orde.

Artigo 26. Revogación e reintegro das axudas

Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 27. Infraccións e sancións

No relativo a esta materia, rexerá o disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 28. Contraprestacións da consellería competente en materia de sanidade

A consellería competente en materia de sanidade facilitará, para a realización dos proxectos, materiais divulgativos e preventivos de maneira gratuíta segundo as dispoñibilidades e protocolos da Dirección Xeral de Saúde Pública.

Disposición adicional única. Información para a Base nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, enviarase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Órgano responsable

A Dirección Xeral de Saúde Pública adoptará as medidas oportunas para o seguimento, avaliación, difusión e execución dos proxectos seleccionados, previstos nesta orde, así como para o seguimento, a avaliación e a difusión dos proxectos seleccionados para o seu financiamento.

Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Saúde Pública para ditar as resolucións e instrucións necesarias que permitan a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2022

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file