Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Xoves, 25 de agosto de 2022 Páx. 45761

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 4 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas á dotación de equipamentos e activos que fomenten a innovación e a competitividade da industria cultural e creativa galega ao abeiro do programa Hub da industria creativa galega, financiadas ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT207N).

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no artigo 27.19 que lle «corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia e o fomento da cultura e da investigación en Galicia», sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, ten a responsabilidade de promover e fomentar a cultura galega, e ten na Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) o ente instrumental en que centraliza os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais, empresas e industrias culturais privadas.

A Axencia Galega das Industrias Culturais, creada pola Lei 4/2008, do 23 de maio, concíbese, segundo o previsto nos artigos 3, 4 e 5, como unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego.

O obxectivo da Axencia é consolidar o tecido industrial no sector cultural galego para promover un tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentar a creación e potenciar a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, co fin de favorecer a difusión da lingua e da cultura galegas como elementos singulares.

A Axencia pretende fomentar a demanda de produtos culturais na sociedade galega e, ao tempo, aumentar a exportación. Os destinatarios da actividade da Axencia son as empresas culturais privadas dedicadas principalmente á produción, distribución ou comercialización de produtos culturais.

A nova liña de subvencións encádrase no proxecto Hub audiovisual-industria cultural, vinculado ao programa REACT da Unión Europea, actuación 20.1.3.2.4 de axudas para o impulso da industria cultural e creativa galega, que promove a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, co cal se pretende aumentar a capacidade competitiva das empresas culturais galegas e incentivar a creación de traballos sustentables que integren a totalidade da cadea de valor desta industria.

Concretamente, esta actuación corresponde a:

Eixe prioritario: 20. Favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais, e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía.

Prioridade de investimento 13i. Favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais, e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía.

Obxectivo específico OE 20.1.3.2 OE REACT-UE 3.2.

Actuación CPSO 20.1.3.2.4 Axudas para o impulso da industria cultural e creativa galega.

Campo de intervención 067-Desenvolvemento empresarial das pemes, apoio ao espírito de empresa e a incubación (incluído o apoio a empresas incipientes e empresas derivadas).

Liña de actuación 81-Medidas de impulso do sector audiovisual.

A Estratexia Europa 2020 (EE2020) fixa o marco xeral de actuación cara ao cal se deben enfocar os esforzos da política de cohesión europea, que financian os fondos estruturais e de investimento europeos, entre eles o Fondo de Desenvolvemento Rexional (Feder). A EE2020 fixa tres modelos de crecemento e desenvolvemento, así como os criterios de intervención para logralos:

1. Desenvolvemento intelixente: favorecer unha economía fundamentada no coñecemento e a innovación.

2. Desenvolvemento sustentable: promoción dunha economía máis eficiente no uso dos recursos, máis ecolóxica e competitiva.

3. Desenvolvemento integrador: fomento dunha economía con altas taxas de emprego que permita avanzar na cohesión social territorial.

Neste contexto, a UE recomenda que a intervención dos fondos Feder no ámbito da cultura deben ir dirixidos ao apoio dos sectores culturais estreitamente ligados á innovación e á creatividade. Por iso, o impulso ás industrias culturais e creativas debe dar resposta aos retos a que se enfronta o sector, tanto derivados da globalización como do cambio tecnolóxico ou das novas demandas das audiencias.

Esta resolución ten como obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas á dotación de equipamentos e activos que fomenten a innovación e a competitividade da industria cultural e creativa galega.

Con esta nova liña de axudas preténdese apoiar os procesos de investimento tecnolóxico e impulso á competitividade das empresas das industrias culturais e creativas de Galicia a través do investimento en activos fixos que faciliten a prestación de servizos avanzados, o aproveitamento das oportunidades derivadas da dixitalización, a adaptación ás novas canles e plataformas de distribución, a atención ás novas demandas dos consumidores culturais e o incremento da sustentabilidade ambiental.

De acordo co anterior,

RESOLVO:

Primeiro. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas cales se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, da axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais para a dotación de equipamentos e activos que fomenten a innovación e a competitividade da industria cultural e creativa galega ao abeiro do programa Hub da industria creativa galega, financiadas ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT207N).

2. As actuacións subvencionables con cargo a estas axudas estarán financiadas ao 100 % a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), polo que se deberán cumprir as obrigas específicas e as demais disposicións que se establecen ao respecto nestas bases reguladoras.

3. Estas subvencións, que teñen carácter plurianual, financiaranse con cargo aos créditos orzamentarios da Axencia Galega das Industrias Culturais asignados para esta finalidade nos orzamentos 2022 e 2023 do ente a través da aplicación 10.A1.432B.770.0, código de proxecto 2021 00001.

Segundo. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas neste programa as persoas físicas (autónomos) e as empresas privadas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, con sucursal, ou oficina permanente, de polo menos un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea. Estas entidades deberán desenvolver a súa actividade principal de xeito habitual en Galicia e nalgunha das epígrafes da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE 2009) que se establecen nas bases, e o investimento realizado obxecto da subvención ten que estar localizado nun centro de traballo en Galicia así como cumprir as condicións e os requisitos que estas determinan.

Terceiro. Solicitudes

1. Para poder ser persoa beneficiaria das subvencións deberase presentar unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 9 das bases reguladoras.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. O prazo para a presentación das solicitudes será de dous meses desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Prazo de duración do procedemento de concesión

As solicitudes serán tramitadas de acordo co procedemento de concorrencia competitiva e non se poderá exceder os cinco meses contados a partir do día seguinte ao da presentación da solicitude.

Quinto. Información ás persoas interesadas

1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Galega das Industrias Culturais, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Galega das Industrias Culturais: http://agadic.gal

b) Os teléfonos 881 99 60 77/881 99 60 78.

c) No enderezo electrónico agadic@xunta.gal

d) Persoalmente.

e) Na Guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento poderase facer uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

3. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións.

Sexto. Réxime de recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao de publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela.

Sétimo. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2022

Román Rodríguez González
Presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas á dotación de equipamentos e activos que fomenten a innovación e a competitividade da industria cultural e creativa galega ao abeiro do programa Hub da industria creativa galega, financiadas ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19 (código de procedemento CT207N)

Artigo 1. Obxecto e réxime das axudas

1. Estas bases teñen por obxecto determinar as condicións polas cales se regulará a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, da Axencia Galega das Industrias Culturais para a dotación de equipamentos e activos que fomenten a innovación e a competitividade da industria cultural e creativa galega (código de procedemento CT207N).

2. Estas subvencións serán tramitadas polo procedemento de concorrencia competitiva e concedidas de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

3. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) núm. 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Nos anexos desta resolución deberase cubrir a declaración das axudas percibidas polas persoas solicitantes.

Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro.

4. A obtención doutras axudas ou subvencións deberase comunicar á Agadic tan pronto como se coñeza e, en todo caso, no momento en que a persoa beneficiaria presente documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase do solicitante unha declaración escrita ou en soporte electrónico sobre calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas neste programa as persoas físicas (autónomos) e as empresas privadas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, con sucursal, ou oficina permanente, de polo menos un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea. Estas entidades deberán desenvolver a súa actividade principal de xeito habitual en Galicia e nalgunha das epígrafes da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE 2009) que se relacionan a seguir:

1820: Reprodución de soportes gravados.

5811: Edición de libros.

5821: Edición de videoxogos.

5912: Actividades de posprodución cinematográfica, vídeo e programas TV.

5915: Actividades de produción cinematográfica, vídeo e programas TV.

5916: Actividades de producións de programas de televisión.

5917: Actividades de distribución cinematográfica e vídeo.

5918: Actividades de distribución de programas de televisión.

5920: Actividades de gravación de son e edición musical.

6020: Actividades de programación e emisión de televisión.

7420: Actividades de fotografía.

7739: Alugueiro doutra maquinaria, equipamentos e bens tanxibles.

9001: Artes escénicas.

9002: Actividades auxiliares ás artes escénicas.

9003: Creación artística e literaria.

Así mesmo, de conformidade co disposto no artigo 3 da Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020, modificada pola Orde HAC/114/2021, do 5 de febreiro, o investimento realizado obxecto desta subvención ten que estar localizado nun centro de traballo en Galicia.

2. Non poderán ser beneficiarias destas subvencións:

As asociacións ou outras formas xurídicas sen ánimo de lucro, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas que carezan de personalidade xurídica propia, tales como comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado.

a) As agrupacións de interese económico.

b) As administracións públicas, os seus organismos autónomos, empresas públicas e outros entes públicos.

c) As persoas ou entidades públicas ou privadas en que concorra algunha das circunstancias ou prohibicións indicadas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado, que figura no anexo II.

d) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.

e) As empresas titulares, por calquera título válido en dereito, de salas de artes escénicas ou musicais.

f) As empresas titulares, por calquera título válido en dereito, de salas de exhibición cinematográfica.

3. Así mesmo, as entidades beneficiarias deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme) segundo a definición contida no Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, sobre a definición de microempresas, pequenas e mediana empresas (DOUE-L-2014-187/1), en función dos seus efectivos, do seu volume de negocio e do seu balance anual.

Así, microempresa é a que ocupa menos de 10 persoas, cun volume de facturación e balance xeral anual menor ou igual a dous millóns de euros; pequena empresa é aquela empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocio anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocio anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance anual non excede os 43 millóns de euros.

O órgano xestor realizará as comprobacións necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme.

Artigo 3. Financiamento

1. As axudas obxecto desta resolución financiaranse cun crédito total de 1.300.000 euros imputables á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0, código de proxecto 2021 00001, da Axencia Galega das Industrias Culturais, coa seguinte distribución: 650.000 euros para 2022 e 650.000 euros para 2023.

2. Estas subvencións terán carácter plurianual e admitiranse aqueles gastos que fosen realizados e pagados entre o 1 de xaneiro de 2022 e o 31 de marzo de 2023. O período subvencionable, polo tanto, abrangue o período comprendido nestas datas.

3. Poderanse ampliar os créditos dedicados a esta convocatoria logo da declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 31.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda, de acordo coa orde de prelación de solicitudes establecida no artigo 1.3.

4. No caso de que os créditos fosen ampliados, publicarase esta circunstancia nos mesmos medios que esa convocatoria, sen que esta publicidade implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

5. No caso de existiren solicitudes que non acadan o dereito á subvención por terse esgotado o orzamento dispoñible, pasarán a formar parte dunha lista de espera constituída polas entidades solicitantes que poderían ser susceptibles de recibir a axuda se se produce un incremento de crédito, ben por dispoñer de crédito por producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente propostos, ben por incremento do orzamento inicialmente destinado a esta liña de axudas.

6. Estas subvencións son incompatibles con outras axudas da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e os seus organismos dependentes, para o mesmo proxecto. Así mesmo, estas axudas están suxeitas ao réxime de incompatibilidade establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, de forma que unha operación poderá recibir axuda dun ou varios fondos EIE ou dun ou varios programas ou outros instrumentos da Unión Europea, sempre e cando o gasto declarado nunha solicitude de pagamento correspondente a un dos fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro fondo ou instrumento da Unión Europea ou axuda do mesmo fondo no marco dun programa distinto.

7. Ademais, estas subvencións son compatibles con outras axudas do resto dos departamentos da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade e compatibles co mercado interior, segundo o disposto no artigo 107, parágrafo 3, do Tratado, de conformidade co disposto no Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108.

8. Non obstante o anterior, en ningún caso a suma dos importes das axudas concedidas ao abeiro desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas, ingresos ou recursos doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o 100 % do custo do proxecto.

9. No caso de percibirse outras axudas, deberanse acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberase efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

10. Esta convocatoria está financiada ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 no eixe REACT-UE (obxectivo específico OE 20.1.3.2 - OE REACT-UE 3.2 de axudas para o impulso da industria cultural e creativa galega), como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19.

11. Os indicadores de produtividade relativos a esta convocatoria son o CO01 Número de empresas que reciben axudas, o CO02 Número de empresas que reciben subvencións e o CO05 Número de novas empresas beneficiarias da axuda. Así mesmo, o indicador de resultado é o RO30A Taxa de supervivencia nacional/rexional de pemes no cuarto ano de vida.

Artigo 4. Intensidade das axudas e contías máximas

Os proxectos obxecto da subvención poderán acadar unha intensidade e unha contía máxima de axuda por solicitude en función do custo total do proxecto, da forma que segue:

Os proxectos de investimento obxecto de subvención deberán ter importe total mínimo de 25.000 euros (sen IVE).

1. O importe máximo da axuda será de 100.000 euros, impostos recuperables excluídos.

2. A intensidade máxima da axuda que perciban as persoas beneficiarias é do 80 % do gasto subvencionable.

Artigo 5. Actividades subvencionables

1. Serán obxecto de subvención aqueles proxectos de investimento en activos fixos vinculados á actividade produtiva das empresas da industria cultural e creativa, con especial atención á dixitalización, innovación, xeración de novos públicos e incremento da eficiencia enerxética e sustentabilidade ambiental.

2. As accións elixibles que se financiarán a través desta liña de axudas son:

• Adquisición de equipamentos e doutros activos fixos materiais.

• Adquisición de activos fixos inmateriais, incluíndo licenzas de programas informáticos destinados ao proceso produtivo da empresa pero non á súa renovación.

• Adquisición de servizos Software as a Service (SaaS).

• Adecuación do espazo físico para a colocación dos equipamentos obxecto da subvención.

Os proxectos poderán incluír unha ou varias tipoloxías de accións elixibles. Só se poderá presentar unha solicitude por empresa.

Artigo 6. Concepto de gastos subvencionables

1. Son gastos subvencionables os que, de maneira indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do proxecto obxecto da subvención. Todo gasto non xustificado pola entidade beneficiaria será eliminado do orzamento elixible do proxecto.

2. A estes gastos seralles de aplicación o previsto na Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020, e a HAC/114/2021, do 5 de febreiro, que a modifica.

3. Só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados e pagados dentro do período de execución indicado na resolución da concesión da axuda, respectando sempre o período subvencionable incluído nesta convocatoria, que abrangue desde o 1 de xaneiro de 2022 ata o 31 de marzo de 2023.

4. Para os efectos desta convocatoria, terán a consideración de gastos subvencionables:

a) Obra civil, entendendo por esta o acondicionamento de oficinas, laboratorios, almacenamento ou espazos de produción, levada a cabo en edificacións propiedade do solicitante, ou sobre as cales o solicitante teña un dereito de superficie ou unha concesión administrativa –outorgados por entidades non vinculadas ao solicitante– cunha vixencia mínima de cinco (5) anos, contados desde a data de finalización do proxecto, sempre e cando sexan consecuencia da instalación dos equipamentos obxecto do proxecto subvencionado. Os custos de obra civil non poderán superar o 20 % do gasto total subvencionable e esta deberá ser respectuosa co ambiente, na procura da máxima eficiencia.

b) Bens de equipo: maquinaria de proceso, medios de protección do ambiente, ferramentas e outros bens de equipo vinculados á actividade principal da entidade solicitante.

c) Activos intanxibles relacionados directamente co proceso produtivo (ou co de prestación de servizos, se é o caso), que serán empregados exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda, salvo os relacionados coa fase de produción das industrias culturais e creativas.

3. Os activos adquiridos deberán ser novos.

4. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade pola persoa beneficiaria.

5. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos a terceiros a prezos de mercado. Os provedores non poderán estar vinculados á entidade solicitante ou aos seus órganos de administración, directivos ou xestores.

6. Os activos deberán ter a consideración de amortizables e figurarán no activo da empresa, e permanecerán no establecemento beneficiario da axuda durante un período mínimo de tres (3) anos contados desde o pagamento final da axuda.

7. No caso da adquisición de servizos Software as a Service (SaaS), deberá ser a primeira adquisición ou subscrición da empresa beneficiaria ao programa ou servizo.

8. Quedan excluídos os investimentos de reposición ou mera substitución de elementos, salvo que a nova adquisición corresponda a elementos distintos dos anteriores, ben pola tecnoloxía usada, ben polo seu incremento de rendemento manifesto. Así mesmo, exclúense expresamente os equipamentos e medios de transporte interno, e os vehículos especiais de transporte externo.

9. De conformidade co artigo 29.7 da Lei de subvencións de Galicia, non serán gastos subvencionables os gastos relativos a impostos indirectos, en concreto o importe do imposto sobre o valor engadido e outros impostos cando sexan susceptibles da recuperación ou compensación.

Artigo 7. Presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Na solicitude (anexo II) a persoa solicitante ou representante terá que facer as seguintes declaracións responsables:

3.1. Declaración responsable de que os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos e acepta as condicións e as obrigas recollidas para cada liña de axudas nesta convocatoria.

3.2. Declaración responsable de que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

3.3. Declaración responsable de que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3.4. Declaración responsable de que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e de reembolso de préstamos ou anticipos concedidos con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

3.5. Declaración responsable de que a persoa solicitante ten coñecemento que os provedores non poderán estar asociados nin vinculados á entidade solicitante ou aos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorren neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, nin no artigo 43 do Regulamento que desenvolve a citada lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, tendo en conta, ademais, o disposto no Regulamento (UE) núm. 651/2014 sobre empresas vinculadas.

3.6. Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal solicita a axuda.

3.7. Declaración responsable de que manterá un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

3.8. Declaración responsable de que conservará toda a documentación relativa a esta subvención durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación (artigos 125.4.d) e 140.1 do Regulamento 1303/2013).

3.9. Declaración responsable de que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

3.10. Declaración responsable de que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación.

3.11. Declaración responsable de ser peme. O organismo xestor realizará as comprobacións necesarias para garantir que as empresas teñan a dita condición.

3.12. Declaración responsable do cumprimento da regra de minimis.

Artigo 8. Prazo para presentar as solicitudes e emenda

1. O prazo para a presentación das solicitudes será de dous meses desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta, non se achega a documentación exixida ou non se reúnen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a persoa interesada será requirida para que, no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non o facer, se considerará que desiste da súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. Deberase achegar xunto coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación complementaria:

– Documentación administrativa:

1.1. Certificado do acordo social da solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine e nome da entidade, se a persoa solicitante é persoa xurídica.

1.2. Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no Rexistro Mercantil ou o que corresponda, se a persoa solicitante é persoa xurídica.

1.3. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

– Documentación técnica.

2.1. Ficha resumo-memoria técnica do proxecto (anexo III). Nun máximo de 10 páxinas, a entidade solicitante deberá explicar o proxecto para o cal solicita a axuda, así como unha breve referencia á traxectoria da empresa e á súa actividade dentro da industria creativa, e á incidencia que este proxecto terá na estratexia de futuro da empresa.

2.2. Plan económico-financeiro/orzamento desagregado (anexo IV).

2.3. De ser o caso, copia da escritura de propiedade ou doutros documentos válidos en dereito que amose a dispoñibilidade por parte da persoa solicitante do espazo onde se realizará o proxecto obxecto da subvención (se inclúe obra civil).

2.4. Documentación acreditativa do volume de negocio dos anos 2018 e 2019.

2.5. Documentación acreditativa do cadro de persoal.

2.6. Documentación acreditativa, de ser o caso, da certificación da empresa no modelo EFQM e/ou normas ISO.

2.7. Calquera outra documentación que a entidade solicitante considere que poida servir para acreditar os criterios de valoración establecidos nestas bases.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen achegados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou a outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderaselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

3. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta.

• DNI ou NIE da persoa solicitante.

• NIF da entidade solicitante.

• DNI ou NIE da persoa representante.

• Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

• Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

• Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

• Certificado de estar ao día no pagamento de débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma.

• Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

• Consulta de concesión de subvencións e axudas.

• Consulta de concesión pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderaselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico.

En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 14. Instrución do procedemento

1. A dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas, especificamente, as seguintes funcións:

1.1. Examinar as solicitudes e a documentación presentadas.

1.2. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou a achega da documentación que resulte de obrigado cumprimento.

1.3. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.

2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderáselles pedir información complementaria ás persoas interesadas, a profesionais ou expertos na materia, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

En todo caso, a Dirección da Agadic poderalles requirir aos solicitantes que proporcionen calquera información aclaratoria que resulte necesaria para a xestión da súa solicitude.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e do seguimento do expediente respectivo poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levará a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que deriven destas bases.

Para estes efectos, as persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención.

Artigo 15. Comisión de Valoración

1. O director da Agadic nomeará as persoas, con asignación de funcións, que formarán parte das dúas comisións de valoración que se constituirán para a avaliación das solicitudes e proxectos presentados. Estas comisións terán a consideración de órganos colexiados e seralles de aplicación a sección terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. A Comisión de Avaliación dos criterios automáticos estará formada por tres persoas do cadro de persoal da Agadic, que realizarán as funcións de presidente, vogal e secretario, quen actuará con voz pero sen voto.

3. A Comisión de Avaliación dos criterios técnicos está formada por catro persoas: dúas persoas técnicas profesionais vinculadas ao mundo cultural con coñecementos e cualificación profesional acorde co obxecto das axudas, e dúas persoas do cadro de persoal da Agadic. Destas catro persoas que forman a Comisión, unha delas realizará as funcións de presidente, e a responsabilidade da Secretaría da Comisión, con voz pero sen voto, recaerá nunha das dúas persoas do cadro de persoal da Agadic.

4. A condición de persoa membro da Comisión ten carácter persoal e esta non pode actuar por delegación nin ser substituída en ningún caso. As persoas que formen parte da Comisión declararán por escrito non teren relación coas persoas solicitantes ou, se é o caso, cos partícipes das persoas xurídicas solicitantes na correspondente convocatoria e absteranse se se da algunha das circunstancias do artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

5. A avaliación das solicitudes presentadas farase en dúas fases. A primeira será a avaliación dos criterios automáticos establecidos no artigo 17 e a segunda fase será a avaliación dos criterios técnicos. Estas comisións poderán solicitar das persoas beneficiarias cantos datos e acreditacións xulguen necesarios para unha máis correcta avaliación dos proxectos.

6. A Comisión de Valoración técnica, previamente á cualificación das solicitudes, elaborará unha acta en que concretará os criterios técnicos definidos nestas bases para aplicalos de xeito semellante e obxectivo. Así mesmo, tras a súa avaliación deixarase constancia documental cun informe da motivación das puntuacións.

7. Finalizadas as avaliacións, as dúas comisións reuniranse para poñer en común o resultado de cada unha das fases e emitirán un informe conxunto en que relacionarán os proxectos examinados por orde de prelación e indicarán a puntuación asignada a cada un deles.

Artigo 16. Criterios de valoración

1. A valoración das solicitudes presentadas realizarase de acordo cos criterios:

a) Criterios automáticos:

Criterios automáticos

Puntos

40

1. Antigüidade da empresa (alta continuada na CNAE)

Puntos

6

a) De 1 a 5 anos

1

b) De 6 a 10 anos

3

c) Máis de 11 anos

6

2. Importe neto da cifra de negocios 2019/Importe neto da cifra de negocios 2018. Valorarase o crecemento positivo na cifra de negocio

Puntos

6

≥ 1,00 e < 1,10

2

≥1,10 e < 1,20

4

≥1,20 e < 1,50

5

≥1,50

6

3. Emprego. Cadro de persoal estable ou temporal en nómina, tomando como referencia a maior cifra demostrable e a maior duración do período dos contratos entre o 31 de decembro de 2020 e a data da publicación desta convocatoria

Puntos

8

a) Entre 2 e 8 traballadores

2

b) Entre 9 e 14 traballadores

5

c) Máis de 15 traballadores

8

4. Emprego feminino (valórase o emprego feminino do total do emprego declarado como cadro de persoal)

3

a) Máis do 40 % de emprego feminino entre o cadro de persoal

3

b) Entre o 20 % e o 40 % de emprego feminino entre o cadro de persoal

2

c) Entre o 10 % e o 20 % de emprego feminino do cadro de persoal

1

5. Nº. de habitantes do concello onde se sitúa o centro produtivo da empresa

Puntos

6

a) Menos de 5.000 habitantes

6

b) Entre 5.001 e 20.000 habitantes

4

c) Entre 20.001 e 50.000 habitantes

2

d) Máis de 50.001 habitantes

1

6. Compromiso coa calidade. Valorarase a certificación da entidade solicitante en sistemas de calidade do modelo EFQM ou normas ISO ou equivalentes

3

a) Máis dunha certificación

3

b) Unha certificación

1

7. Porcentaxe de axuda solicitada con respecto ao proxecto presentado

Puntos

8

a) Ata o 40 %

8

b) Entre o 41 % e o 60 %

5

b) Entre o 61 % e o 70 %

3

c) Entre o 71 % e o 80 %

1

b) Criterios técnicos:

Criterios técnicos

Puntos

20

a) Memoria técnica en que se describa a relevancia, o grao de innovación e a consistencia da proposta, para valorar o interese do proxecto, a súa calidade técnica, o seu carácter innovador, o seu impacto na competitividade da empresa, na súa eficiencia enerxética, na creación de emprego de calidade e na adaptación das empresas ás novas demandas do mercado

Ata 12

b) Viabilidade técnica e económica do proxecto que permita valorar a coherencia entre os medios e os obxectivos marcados, así como a súa incidencia no desenvolvemento do sector e a capacidade para vincular outras entidades e crear sinerxías

Ata 8

Artigo 17. Resolución e notificación

1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor, á vista do expediente, da documentación requirida e unha vez entregado o informe preceptivo por parte da Comisión de Valoración, ditará a proposta de resolución en que indicará o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas, que elevará á Presidencia da Agadic.

2. A Presidencia da Agadic deberá ditar resolución expresa no prazo de quince (15) días desde a data de elevación da proposta de resolución.

3. As resolucións expresarán, cando menos:

a) A relación de entidades beneficiarias da axuda.

b) O importe global da axuda para cada entidade e a desagregación do dito importe por anualidades.

c) A lista de solicitudes denegadas, xunto coa súa causa de denegación.

d) A desestimación expresa do resto das solicitudes.

4. En todo caso, deberáselle notificar a cada persoa beneficiaria un documento en que deberán figurar, como mínimo, a identificación da persoa beneficiaria, a contía da subvención e as obrigas que correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que se deban obter coa axuda, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operacións que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

5. A aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión da operación e dos seus datos na listaxe de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013 (RDC), e de acordo cos requisitos previstos no anexo XII do dito regulamento, que se publicará no Portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda https://www.dgfc.sepg.hacienda.gob.es/sitios/dgfc/es-ES/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx

6. No expediente da subvención tamén se fará constar o informe do órgano instrutor en que conste que da información que ten no seu poder se desprende que as persoas beneficiarias cumpren os requisitos necesarios para accederen ás axudas.

7. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da presentación das solicitudes. De non mediar resolución expresa no dito prazo mediante a publicación da correspondente resolución no Diario Oficial de Galicia, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

8. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, a notificación individual de concesión da axuda poderá ir acompañada tamén da publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web http://agadic.gal, con indicación da data da convocatoria, da persoa beneficiaria, da cantidade concedida e da finalidade da axuda outorgada.

Artigo 18. Modificación da resolución

1. As actuacións subvencionadas débense executar no tempo e forma que se determinen nas resolucións de concesión, e deberase obter a autorización previa da Axencia Galega das Industrias Culturais para realizar cambios no proxecto.

2. O feito de que xurdan circunstancias concretas que alteren as condicións técnicas ou económicas tidas en conta para a concesión da axuda poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión por parte do órgano concedente.

3. Tamén se poderá acordar a modificación da resolución de concesión por instancia da persoa beneficiaria de se cumpriren os seguintes requisitos:

a) Que a modificación sexa autorizada expresamente polo órgano concedente.

b) Que a modificación non afecte os obxectivos perseguidos coa axuda, os seus aspectos fundamentais ou que fosen determinantes para a concesión da axuda, a determinación da persoa beneficiaria, nin dane dereitos de terceiros.

c) Que as modificacións obedezan a causas sobrevidas que non se puideron prever no momento da solicitude. Os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non poderían supoñer a denegación da subvención, nin poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

Permitiranse, sen necesidade de autorización previa por parte do órgano concedente, incrementos que non superen o 20 % dos conceptos subvencionables de axuda que figuren na resolución de concesión, sempre que se compensen con diminucións doutros, que non afecten custos de persoal, que non se supere o límite do 7 % para os gastos xerais e que non se altere o importe total da anualidade e da axuda no seu conxunto. A persoa beneficiaria deberá acreditar, debidamente, o cambio na documentación de xustificación presentada.

4. A solicitude de modificación debe ser formulada polo representante legal da entidade beneficiaria e nela expresará os motivos dos cambios que se propoñen e xustificará a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.

Salvo naqueles supostos en que proceda a aplicación do establecido no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non se admitirán cambios con data anterior á entrada no Rexistro da solicitude de modificación.

5. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución ditarao o presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia ao interesado. A autorización da modificación deberase realizar de forma expresa, notificándoselle ao interesado.

6. Para os efectos de facilitar a xestión do orzamento adxudicado, poderase solicitar unha redistribución entre as anualidades variando proporcionalmente a seguinte anualidade orzada e sempre respectando as limitacións establecidas no artigo 35.5 do Decreto 11/2009.

Artigo 19. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se publicará na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da dita norma.

Artigo 20. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais. O prazo para interpoñer o recurso de reposición será dun mes, se o acto for expreso, ou desde o día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Transcorrido o dito prazo, unicamente se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, de ser o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión. Se o acto non é expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 21. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como daqueloutras específicas que se indican nesta convocatoria, as persoas beneficiarias das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigadas a:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención e a acreditala ante o órgano concedente, así como ao cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nas normas reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión, e no documento no cal se establecen as condicións da axuda.

b) Xustificar ante a Axencia Galega das Industrias Culturais, de acordo co previsto nestas bases e na normativa reguladora de subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinan a concesión e o desfrute da subvención.

c) Reintegrar, total ou parcialmente, a subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto dos casos previstos na Lei 9/2007.

d) Subministrar á Administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

e) Cumprir coa normativa aplicable ao Feder, en particular o Regulamento (UE) núm. 1303/2013 e o Regulamento (UE) núm. 1301/2013, así como coa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

f) Someterse ás actuacións de comprobación e control que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión, ás comprobacións do artigo 125 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Consello e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, facilitando canta información e documentación lles sexa requirida.

g) Comunicar á Axencia Galega das Industrias Culturais a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberase efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

h) Realizar as actividades financiadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

i) Solicitarlle á Axencia Galega das Industrias Culturais autorización para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento das actuacións aprobadas que estean suxeitas a autorización previa. A realización de modificacións non autorizadas no orzamento subvencionable supoñerá a non admisión das cantidades desviadas.

j) Dar publicidade ás axudas recibidas nos contratos de servizos, así como en calquera outro convenio ou contrato relacionado coa execución da actuación, incluída a subcontratación, e en axudas, publicacións, relatorios, equipamentos, material inventariable e actividades de difusión de resultados financiadas con elas, mencionando expresamente a súa orixe e o financiamento con fondos estruturais da Unión Europea. Ademais, deberán publicar a concesión da axuda na páxina web e mantela actualizada. Na páxina web deberán figurar, como mínimo, os obxectivos que se perseguen e os principais avances. Concretamente, na documentación, carteis, propaganda ou publicacións que se elaboren para a súa difusión pública deberán figurar o logotipo da Xunta de Galicia e a frase «Axencia Galega das Industrias Culturais», así como financiado con cargo aos fondos Feder. Así mesmo, deberase informar de que foi apoiado pola Xunta de Galicia.

As instrucións detalladas relativas ás obrigas de publicidade da axuda estarán á disposición na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais (http://www.agadic.gal), na súa epígrafe de Axudas.

k) De ser o caso, os tres orzamentos que se requiren en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

l) Ao tratarse de subvencións financiadas con fondos da Unión Europea, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, punto 2.2, do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, e atendendo ao sinalado no capítulo II do Regulamento de execución (UE) núm. 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, a persoa beneficiaria deberá, durante a realización da operación e na futura documentación e ou produtos que se xeren vinculados a esta subvención:

I. Recoñecer o apoio do Feder á operación mostrando, en todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, o emblema da Unión, así como referencias á Unión Europea, ao fondo Feder e unha mención a que a operación está financiada como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19. Tamén se incluirá o lema «Unha maneira de facer Europa».

II. Informar o público do apoio obtido do Feder durante a realización do proxecto, facendo unha breve descrición na páxina web da entidade beneficiaria, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, destacando o apoio financeiro da Unión e colocando un cartel con información sobre o proxecto, dun tamaño mínimo A3, no cal se mencionará a axuda financeira da Unión, nun lugar ben visible para o público, por exemplo na entrada dun edificio.

Cando se mencione o fondo Feder completarase cunha referencia relativa a que se financia como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19.

m) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes aos investimentos realizados ao abeiro desta resolución.

n) Conservar os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante un período de tres (3) anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas anuais en que estean incluídos os gastos da operación (artigo 125.4.d) e 140.1 do Regulamento 1303/2013).

O órgano concedente informará a persoa beneficiaria da data de inicio a que se refire esta obriga.

ñ) As persoas beneficiarias deberán asegurar a regularidade do gasto subxacente e a adopción de medidas dirixidas a previr, detectar, comunicar e corrixir a fraude e a corrupción, previr o conflito de interese e o dobre financiamento.

o) As persoas beneficiarias serán responsables da fiabilidade e do seguimento da execución das actuacións subvencionadas, de maneira que se poida coñecer, en todo momento, o nivel de consecución de cada actuación e dos fitos e obxectivos que se estableceron respecto diso.

p) De conformidade co artigo 71 do Regulamento 1303/2013, os activos deberán ter a consideración de amortizables e figurarán no activo da empresa, permanecendo no establecemento beneficiario da axuda durante un período mínimo de tres (3) anos contados desde o pagamento final da axuda.

q) Segundo o disposto no artigo 60.2 do Decreto 11/2009, nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, destinadas a activos tanxibles, será requisito imprescindible a súa comprobación material, polo que quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada tanto pola Administración como polo beneficiario.

Artigo 22. Pagamento da subvención

1. Para ter dereito ao pagamento da axuda deberase presentar electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a documentación xustificativa da subvención, ademais dos formularios establecidos para o efecto (anexos V e VI).

2. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acredite que a actividade foi executada de acordo co proxecto presentado e se xustifique correctamente o seu emprego e o cumprimento das obrigas establecidas nesta resolución, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados ou pagamentos á conta, para o cal se observará o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Para a realización dos pagamentos á conta ou dos pagamentos anticipados, as persoas beneficiarias estarán exoneradas de constituír as garantías a que fan referencia os artigos 62.3 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en aplicación da excepción prevista no artigo 67.4 desta.

3. Pagamentos anticipados.

As entidades beneficiarias, unha vez ditada a resolución de concesión da subvención, poderán solicitar un anticipo de ata o 80 % da subvención concedida sen que se superen as cantidades previstas para cada anualidade, en virtude do disposto no artigo 63.3 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobada polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que prevé a excepcionalidade de modificar as porcentaxes sinaladas no artigo 63.2 logo de autorización do Consello da Xunta de Galicia. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada.

4. Pagamentos á conta.

As entidades beneficiarias poderán solicitar pagamentos á conta ata un 80 % da subvención concedida sen que se superen as cantidades previstas para cada anualidade, respondendo ao ritmo de execución do proxecto obxecto da subvención e logo de xustificación dos gastos conforme o establecido nestas bases para a xustificación.

Artigo 23. Xustificación da subvención

1. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarase de forma electrónica a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal).

2. Os prazos para a xustificación son os seguintes:

a) Primeira anualidade: desde a resolución definitiva de concesión ata o 20 de novembro de 2022.

b) Segunda anualidade: desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 31 de marzo de 2023.

3. No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen se ter presentado ningunha documentación, requirirase igualmente a persoa beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente. A presentación da xustificación no prazo adicional de dez (10) días non eximirá das sancións que correspondan conforme a lei.

4. O investimento xustificado ten que coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Só serán computados para efectos de xustificación os gastos que fosen efectivamente pagados no momento da xustificación do gasto e así se acredite documentalmente, mediante facturas ou outros documentos de valor probatorio equivalente no tráfico mercantil, que teñan como destinatario a empresa produtora e cuxo expedidor quede identificado nelas, así como mediante nóminas que estean emitidas pola empresa produtora. As facturas e os documentos xustificativos similares serán expedidos conforme o disposto na normativa reguladora das obrigas de facturación que resulte aplicable. En todos os supostos deberase presentar copia das facturas ou documentos xustificativos xunto coa copia da documentación acreditativa do seu pagamento; en concreto, os extractos e as certificacións bancarias que deixen constancia do pagamento dos gastos por parte da persoa beneficiaria.

5. Se a xustificación é inferior ao investimento previsto, sempre que se manteña o cumprimento da finalidade da subvención, minorarase a concesión proporcionalmente ao investimento non xustificado. No caso de que non se xustifique a subvención en prazo, ou de que o executado non cumpra o fin para o cal se concedeu a subvención, quedaría anulada na súa totalidade.

6. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación das subvencións aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polas persoas beneficiarias, poñerá no seu coñecemento esta circunstancia e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Tamén efectuará un requirimento a Agadic no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social e comunidades autónomas.

7. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro das cantidades percibidas, no caso de habelas, e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso, a persoa titular da Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

8. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros destinadas a investimentos en activos tanxibles será de aplicación o establecido no artigo 60.2 do Decreto 11/2009, polo que o órgano concedente fará unha comprobación material deles.

Artigo 24. Documentación xustificativa da subvención

1. Os documentos de xustificación deberanse presentar dentro do prazo establecido nestas bases reguladoras, e, nese momento, os investimentos deberán estar plenamente realizados, operativos e verificables.

2. A documentación xustificativa que ten que presentar a entidade beneficiaria é a seguinte:

a) Conta xustificativa composta de facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados, en orixinal ou copias. Os gastos aparecerán desagregados por conceptos ou unidades de obra.

b) No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

c) A expedición das facturas e o seu contido axustaranse ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

d) No caso de que o proxecto sexa financiado, ademais da subvención, con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberanse acreditar na xustificación o importe, a procedencia e a aplicación de tales fondos, de conformidade co disposto no artigo 28.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o modelo de declaración de axudas do anexo VI.

e) De ser o caso, os tres orzamentos que se requiren en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Certificados expedidos polos organismos competentes acreditados de estar ao día nas súas obrigas tributarias coa Axencia Tributaria Estatal e a Axencia Tributaria da Comunidade Autónoma, así como nas súas obrigas coa Seguridade Social, e de non ter débedas pendentes por ningún concepto con ningunha Administración pública, só no caso de que se lle denegue expresamente ao órgano xestor para solicitalos.

g) Documentación de ter realizado a publicidade adecuada (fotografías, carteis informativos, publicidade a través de páxina web, etc.) que xustifique o cumprimento coas obrigas establecidas no artigo 23.2.d) destas bases.

h) Dossier fotográfico que reflicta o proxecto obxecto de subvención, co estado anterior ao investimento e o resultado final.

i) Orzamento final do investimento realizado (anexo V).

Non se admitirán supostos de autofacturación (facturas emitidas pola propia persoa beneficiaria da subvención).

Os provedores non poderán estar vinculados ao organismo solicitante ou á empresa beneficiaria final, ou aos seus órganos directivos ou xestores.

3. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

1º. Xustificante bancario (transferencia bancaria, certificación bancaria, xustificante bancario do ingreso efectivo polo portelo), en que consten o titular da conta desde a cal se realiza a operación ou a persoa que realiza o ingreso efectivo, que debe coincidir, en todo caso, coa persoa beneficiaria da subvención, o receptor do pagamento (empresa ou autónomo) e o número de factura obxecto do pagamento.

2º. Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta da persoa beneficiaria, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta da persoa beneficiaria dentro do prazo de xustificación.

No caso de que non quede acreditado o concepto do gasto, deberá achegar, ademais, xustificante de recepción asinado e selado polo provedor, en que se especifiquen o número de factura pagada, número e data do cheque e NIF e nome da persoa receptora do cobramento.

Tanto no caso do cheque nominativo como de obriga de pagamento, para os efectos de data de pagamento, considerarase a data de cargo na conta do extracto bancario. En ningún caso se considerará data de pagamento efectivo a entrega do cheque ao provedor.

4º. Non se admitirán en ningún caso como xustificante os documentos acreditativos de pagamentos en metálico, nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou se non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento debe ser posterior á data de solicitude de axuda e terá como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de xustificación previsto nas bases reguladoras.

En ningún caso poderá concertar a persoa beneficiaria a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos previstos nas letras a), b) e c) do artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Perda do dereito ao cobramento da subvención

1. É causa de perda do dereito ao cobramento da subvención o incumprimento por parte da persoa beneficiaria da súa obriga de estar ao día nas súas obrigas coa Facenda estatal e autonómica e coa Seguridade Social.

2. Así mesmo, son causas de perda do dereito ao cobramento da subvención as previstas como causas de reintegro se non se aboase a axuda.

3. O procedemento para declarar a perda do dereito ao cobramento da subvención é o establecido para o reintegro.

Artigo 26. Causas de reintegro

1. A entidade beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como cos compromisos asumidos durante o tempo de duración da axuda. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención.

2. Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención e aos xuros de demora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos no artigo 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no Decreto 11/2009.

3. Son causas de reintegro as seguintes:

a) O falseamento, a inexactitude ou a omisión dos datos subministrados pola persoa beneficiaria que serviron de base para a concesión da axuda, ou a ocultación daqueles datos que a impediron.

b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, tarefas, compromisos ou condicións do proxecto inicial ou da finalidade para a cal foi concedida a axuda.

c) O incumprimento da obriga de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultación nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables, o incumprimento do mantemento do activo na empresa durante tres anos contados desde o último pagamento ou o incumprimento doutras obrigas impostas na resolución de concesión da axuda.

d) O incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no artigo 30 desta resolución.

e) A resistencia, a escusa, a obstrución ou a negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e a regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) A obtención de financiamento de distintas procedencias ou a concorrencia de subvencións por riba do custo das actividades subvencionadas.

g) Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007.

Artigo 27. Gradación dos incumprimentos

1. O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do proxecto ou da obriga de xustificación, será causa de perda do dereito ao cobramento ou de reintegro total da subvención.

En particular, consideraranse incumpridos os obxectivos da axuda cando non se xustifique, polo menos, o 60 % dos custos previstos no proxecto con respecto ao gasto que se realizará en Galicia.

2. O incumprimento parcial dos obxectivos ou a non execución de actividades concretas do proxecto dará lugar á perda parcial do dereito ao cobramento da subvención nas porcentaxes que se determinen nos parágrafos seguintes ou, de ser o caso, ao reintegro parcial da subvención.

O alcance do incumprimento determinarase en proporción ao investimento deixado de efectuar ou efectuado indebidamente, e minorarase a subvención proporcionalmente.

3. Son casos de reintegro parcial os seguintes feitos:

a) Se se incumpre a obriga de dar publicidade do financiamento do proxecto, consonte o establecido nesta resolución, ou a obriga de comunicar a obtención doutras axudas para o mesmo proxecto, aplicarase un factor de corrección do 2 %.

b) Supoñerá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder.

c) Supoñerá a perda dun 5 % non comunicar á Axencia Galega das Industrias Culturais a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención, unha vez recalculada a subvención e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

d) Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido supoñerá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumpra este requisito.

A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta destas, aplicando á intensidade da axuda o factor que resulte da suma de todos os factores de corrección. No caso de que algún dos factores de corrección sexa negativo, a intensidade da axuda será cero.

A aplicación do factor de corrección realizarase coa revisión da xustificación da última anualidade e, de ser o caso, requirirase a entidade beneficiaria para que proceda á devolución dos fondos percibidos indebidamente. A falta de devolución destes nos prazos requiridos dará lugar á incoación do expediente de reintegro nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009.

No caso das condicións que constitúan obrigas que a persoa beneficiaria debe acreditar na fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc.), estas deberanse xustificar en todo caso para proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto soamente resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecten en controis posteriores ao pagamento por algún incumprimento relativo a estas obrigas.

Artigo 28. Procedemento de reintegro e réxime sancionador

1. Se, aboada parte ou a totalidade da axuda, acaecen os motivos que se indican no artigo 27 desta resolución, incoarase o correspondente expediente de reintegro, o cal se tramitará conforme o previsto no artigo 37 e seguintes da Lei 9/2007.

2. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento de pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

3. O procedemento de reintegro de subvencións iniciarase de oficio, por acordo do órgano concedente destas, e comunicaráselle á persoa beneficiaria a iniciación do procedemento de declaración de perda do dereito, ou de reintegro, e as causas que o fundamentan, seguindo o procedemento establecido para o reintegro no artigo 37 e seguintes da Lei 9/2007, e 77 e seguintes do Decreto 11/2009.

4. A resolución do procedemento de reintegro poñerá fin á vía administrativa. Contra esta resolución de reintegro, os interesados poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se o acto non for expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpoñer o recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo. Todo isto segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015. Transcorrido o dito prazo, unicamente se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, sen prexuízo, de ser o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outros posibles interesados poderán interpoñer o recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo. Todo isto segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.

5. Sen prexuízo do anterior, ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007, e no título VI do Decreto 11/2009.

Artigo 29. Control

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.

2. A Axencia Galega das Industrias Culturais, polos medios que considere, poderá realizar en calquera momento as visitas, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento das actuacións financiadas, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de orixe dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou o desvío dos obxectivos, propoñerase o reintegro da subvención concedida.

3. Así mesmo, no caso de axudas plurianuais, a Axencia Galega das Industrias Culturais poderá convocar anualmente as persoas beneficiarias a unha entrevista para coñecer a planificación das actividades en curso e valorar a consecución dos obxectivos e resultados do ano anterior.

4. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión do programa operativo Feder, así como ás verificacións do artigo 125.5 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 30. Normativa aplicable

1. Será de aplicación a seguinte normativa:

1.1. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, e, supletoriamente, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións.

1.2. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

1.3. Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

1.4. Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

1.5. Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema; Real decreto 1084/2015, do 4 de decembro, que a desenvolve, e Real decreto 1090/2020, do 9 de decembro, que modifica o anterior.

2. As axudas obxecto desta convocatoria réxense polas normas comunitarias aplicables por razón do financiamento pola Unión Europea e polas normas nacionais de desenvolvemento ou transposición destas. En particular, seralles de aplicación a seguinte normativa comunitaria:

2.1. Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello.

2.2. Regulamento (UE) núm. 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre as disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1080/2006.

2.3. Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

2.4. Orde HAC/114/2021, do 5 de febreiro, pola que se modifica a Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

2.5. Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

2.6 Regulamento (UE) núm. 2020/460 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de marzo de 2020, polo que se modifican os regulamentos (UE) núm. 1301/2013, (UE) núm. 1303/2013 e (UE) núm. 508/2014, no relativo a medidas específicas para mobilizar investimentos nos sistema de atención sanitaria dos Estados membros e noutros sectores das súas economías, en resposta ao gromo da COVID-19 (Iniciativa de investimento en resposta ao coronavirus).

2.7. Regulamento (UE) núm. 2020/558 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de abril de 2020, polo que se modifican os regulamentos (UE) núm. 1301/2013 e (UE) núm. 1303/2013 no que respecta a medidas específicas para ofrecer unha flexibilidade excepcional no uso dos fondos estruturais e de investimento europeos en resposta ao gromo da COVID-19.

2.8. Regulamento (UE) núm. 2020/2221 que establece as normas e disposicións de execución referentes aos recursos adicionais achegados en calidade de Axuda á Recuperación para a Cohesión e os Territorios de Europa (REACT-UE), co fin de prestar asistencia para favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais e para preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía.

2.9. Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado e se regulan os réximes de axuda concibidos para apoiar a elaboración de guións e o desenvolvemento, a produción, a distribución e a promoción de obras audiovisuais.

Artigo 31. Publicidade

No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, persoa beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Artigo 32. Medidas antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total o parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto:

http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

A detección de irregularidades pode implicar a aplicación de correccións financeiras e a solicitude de devolución dos importes percibidos indebidamente.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase ao director da Axencia Galega das Industrias Culturais para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2022. Román Rodríguez González, presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file