Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Luns, 29 de agosto de 2022 Páx. 46054

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 12 de agosto de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se realiza a segunda convocatoria do ano 2022 das subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero, no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (código de procedemento SI461A).

A competencia en materia de igualdade correspóndelle á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, segundo o disposto no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e no Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia.

O Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, establece que lle corresponde á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica, entre outras funcións, as de impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como a eliminación da violencia de xénero nos termos establecidos na Constitución, no Estatuto de autonomía de Galicia, no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e na demais lexislación aplicable na materia.

En novembro de 2016, o Pleno do Congreso dos Deputados aprobou, por unanimidade, unha Proposición non de lei pola que se instaba o Goberno a promover a subscrición dun Pacto de Estado en materia de violencia de xénero polo Goberno da Nación, as comunidades autónomas e cidades con Estatuto de autonomía e a Federación Española de Municipios e Provincias, que siga impulsando políticas para a erradicación da violencia sobre a muller como unha verdadeira política de Estado. Así, no seo da Comisión de Igualdade do Congreso creouse unha subcomisión que tivo como obxectivo elaborar un informe en que se identificasen e analizasen os problemas que impiden avanzar na erradicación das diferentes formas de violencia de xénero, e en que se incluísen un conxunto de propostas de actuación, entre elas as principais reformas que deben acometerse para dar cumprimento efectivo a ese fin, así como ás recomendacións dos organismos internacionais.

O 27 de decembro de 2017, todas as comunidades autónomas ratificaron de común acordo o documento final do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, que no seu eixe 3 recolle, de xeito específico, medidas para «o perfeccionamento da asistencia, axuda e protección ás vítimas» e, entre elas a elaboración de propostas para mellorar o apoio social, educativo, de formación e inserción laboral das mulleres que sofren violencia de xénero.

Son as comunidades autónomas as que asumen as competencias da asistencia social integral das mulleres vítimas de violencia de xénero e dos seus fillos e fillas e están, polo tanto, chamadas a xogar un papel clave na prevención, atención e reparación do dano.

Considerando que a independencia económica é clave para garantir que as mulleres en situación de violencia de xénero consigan maior estabilidade persoal, social e laboral, esta resolución supón un paso máis na mellora da súa inserción laboral, articulando axudas económicas ás entidades locais para fomentar a contratación de mulleres que sofren violencia de xénero e que, a curto prazo, non poden acadar un posto de traballo no mercado laboral ordinario.

No Diario Oficial de Galicia do 19 de xaneiro de 2022, publicouse a Resolución do 23 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero, no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento SI461A).

A liña de axudas amparada na dita resolución acadou un alto grao de aceptación entre as entidades locais galegas, o que deu lugar ao esgotamento do crédito previsto e á correspondente publicación da resolución de esgotamento de crédito a través da Resolución do 5 de abril de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se fai público o esgotamento do crédito da Resolución do 23 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero, no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2022 (DOG núm. 74, do 19 de abril de 2022).

Na data actual, dado o volume de solicitudes presentadas da antedita axuda e que non poden ser atendidas co crédito asignado, así como as necesidades das potenciais beneficiarias finais (mulleres vítimas da violencia de xénero que serán contratadas), resulta necesario aprobar unha nova convocatoria de subvencións para o fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, co obxecto de dar cobertura ás necesidades de financiamento das contratacións que non puideron ser atendidas polo esgotamento de fondos e mellorar o acceso ao mercado laboral das mulleres.

Por todo o exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, en uso das atribucións que me foron conferidas,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto proceder á segunda convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións destinadas a financiar a contratación por parte das entidades locais galegas, de mulleres que sofren violencia de xénero, para a realización de obras ou servizos de interese xeral ou social, ata un máximo de 12 mensualidades, para mellorar e facilitar a súa inserción laboral, segundo o disposto nas bases reguladoras para a concesión da dita subvención, aprobadas pola Resolución do 23 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade (DOG núm. 12, do 19 de xaneiro de 2022).

O código do procedemento correspondente a estas axudas é o SI461A.

2. A súa finalidade é contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía, a través da promoción da súa independencia económica e do seu empoderamento, e reforzando, ao mesmo tempo, as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable, co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramítase mediante o réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo a cal as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4 da mesma lei.

4. As subvencións recollidas nesta resolución concederanse cando a contratación se produza con posterioridade á súa publicación.

Artigo 2. Bases reguladoras

As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras establecidas na Resolución do 23 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, publicadas no Diario Oficial de Galicia núm. 12, do 19 de xaneiro de 2022, coas especificacións que se establecen nesta resolución.

Artigo 3. Orzamento

1. Para a concesión desta axudas destinarase un crédito por un importe de 980.119,28 euros, que se imputarán á aplicación orzamentaria 11.02.313D.460.1 (código do proxecto 2018 00112).

A dita partida orzamentaria finánciase con fondos finalistas do Estado, que os orzamentos xerais do Estado destinan ao desenvolvemento ou ampliación das medidas recollidas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

2. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

3. O incremento de crédito, así como o crédito liberado polas renuncias ou revogacións das subvencións outorgadas, se for o caso, destinarase á concesión daqueloutras solicitudes que por insuficiencia de crédito non chegaron a obter subvención.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións previstas nesta resolución os concellos galegos, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, mancomunidades de concellos de Galicia e consorcios locais de Galicia, constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal.

2. Para poder acceder ás subvencións deberán cumprirse os requisitos e condicións establecidos na Resolución do 23 de decembro de 2021, nesta resolución e na normativa xeral de subvencións.

3. Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. As entidades locais que resulten beneficiarias non poderán contratar novamente as mulleres que xa se contratasen con cargo ás axudas concedidas ao abeiro das resolucións da Secretaría Xeral da Igualdade do 14 de decembro de 2020, do 1 de xuño de 2020, do 16 de maio de 2019 e do 6 de setembro de 2019, nas cales se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero, no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, no marco do Pacto do Estado contra a violencia de xénero.

5. Para poder ser beneficiaria destas axudas, con anterioridade a que remate o prazo de presentación de solicitudes ou, de ser o caso, o de contestación ao requirimento realizado para o efecto, a entidade deberá ter cumprido o requisito de ter remitidas as contas do exercicio orzamentario 2020 ao Consello de Contas de Galicia.

6. Os concellos agrupados ou asociados terán en todo caso a condición de entidade beneficiaria, polo que para poder conceder a subvención solicitada todos eles teñen que cumprir os requisitos indicados nos puntos anteriores, así como as condicións, as obrigas e os compromisos establecidos nesta resolución, nos termos establecidos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Os concellos integrantes da agrupación ou asociación nomearán unha persoa como representante única que actuará como coordinadora e interlocutora ante a Secretaría Xeral da Igualdade e que será quen solicite, reciba e xustifique a subvención no nome da agrupación ou asociación.

7. Cada concello só poderá participar nunha solicitude, individual ou conxunta con outros concellos. A inclusión dun concello nunha solicitude conxunta exclúe a posibilidade de presentar unha solicitude individual e de participar con outros concellos noutra solicitude.

No caso de producirse solicitudes simultáneas, individuais e conxuntas, daráselle validez á solicitude conxunta. Nos supostos non previstos, o órgano instrutor porao de manifesto á entidade para que, no prazo máximo de dez días, poida desistir da solicitude ou solicitudes necesarias para dar cumprimento ao establecido neste artigo.

8. Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes, sen prexuízo do previsto no punto 4 deste artigo.

Artigo 5. Requisitos da contratación

Os requisitos, a selección e a contratación das traballadoras serán os recollidos nos artigos 7, 8 e 9 das bases reguladoras aprobadas pola Resolución do 23 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade.

A data límite para a formalización dos contratos será o 30 de outubro de 2022.

Artigo 6. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

De acordo co disposto no artigo 29 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, o prazo de presentación de solicitudes de subvención establecidos nas correspondentes convocatorias en ningún caso será inferior a un mes.

Artigo 7. Forma e lugar da presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), conforme o anexo I desta resolución, debidamente cuberto e asinado pola persoa que exerce a representación da entidade solicitante.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada das bases reguladoras publicadas na Resolución do 23 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero, no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2022 (DOG. núm. 12, do 19 de xaneiro de 2022).

3. Será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo II: certificación ou documento equivalente emitido pola persoa que exerza as funcións da secretaría da entidade local en que consten os seguintes aspectos:

1º. A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude.

2º. A adopción do acordo de solicitar a subvención.

3º. A disposición de orzamento para financiar a acción obxecto da subvención solicitada, na parte non subvencionable, de ser o caso.

4º. As retribucións salariais brutas das traballadoras que se van contratar.

b) Anexo III (só no caso de agrupacións ou asociacións de concellos): certificación do secretario ou secretaria do concello representante, en que se faga constar, con base nos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos agrupados ou asociados, as cuestións que se recollen no dito anexo.

c) Copia do convenio de colaboración (só no caso de agrupacións ou asociacións de concellos).

d) Documentación acreditativa da remisión das contas xerais do exercicio 2020 ao Consello de Contas.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de xeito motivado o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención.

b) NIF da entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente, habilitado no formulario de inicio, e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Publicación na BDNS

De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, deberase transmitir á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida pola dita base de datos.

Artigo 12. Instrución

1. A instrución do procedemento correspóndelle á Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero da Secretaría Xeral da Igualdade.

2. As solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase ao seu arquivamento sen posibilidade de emenda as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na correspondente convocatoria.

Artigo 13. Resolución

1. A resolución dos expedientes das subvencións reguladas nesta resolución correspóndelle á Secretaria Xeral da Igualdade que, logo da fiscalización da proposta do órgano instrutor pola intervención delegada, resolverá a concesión ou denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada.

2. O prazo de resolución e notificación será de 3 meses contados a partir da finalización do prazo de presentación da solicitude. Se no prazo indicado non se dita resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A resolución pola que se conceda a subvención indicará as contratacións subvencionables e determinará a súa duración, así como a contía da subvención que se vai outorgar, que deberán ser xustificadas na forma sinalada no artigo 16 desta resolución.

4. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez días a súa aceptación, comprometéndose a executar a actuación subvencionada no prazo e condicións establecidos na convocatoria. No caso de non comunicar o dito aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.

5. As entidades beneficiarias das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidas.

6. Será causa de denegación da concesión da subvención o esgotamento do crédito consignado para estes efectos na partida orzamentaria fixada no artigo 2 desta resolución.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia, Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Réxime de recursos

1. Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante a Secretaría Xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no mesmo diario oficial.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro desta resolución poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante a Secretaría Xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

Artigo 16. Xustificación e pagamento

1. O pagamento axustarase ao establecido na Lei 38/2003, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A contía da subvención concedida aboaráselle ás entidades beneficiarias nun pagamento único polo importe que lle corresponda, logo de presentar a documentación xustificativa que se relaciona no número 3 deste artigo, unha vez cumprido o obxecto para o cal foi concedida. No caso de que o número de contratacións sexa superior a un, entenderase cumprido o obxecto para o cal foi concedida a subvención unha vez realizada a última das contratacións.

3. A xustificación realizarase mediante a presentación da seguinte documentación desde o cumprimento do obxecto para o cal foi concedida, é dicir, a contratación e, en todo caso, con data límite do 15 de novembro de 2022:

a) Anexo IV: solicitude de pagamento.

b) Anexo V: declaración complementaria e actualizada na data da xustificación de todas as axudas ou subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma actuación, das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais ou, se é o caso, declaración de que non se solicitaron outras axudas ou subvencións; e declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

c) Anexo VI: certificado do/da secretario/a da entidade local beneficiaria que incluirá unha táboa coas retribucións salariais brutas da/das traballadora/s contratada/s ao abeiro desta resolución, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social.

d) Contratos de traballo formalizados e debidamente comunicados á oficina de emprego.

e) Partes de alta na Seguridade Social.

f) Documentos de información da subvención ás traballadoras, debidamente asinados, (segundo modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade).

4. Transcorridos os prazos indicados sen que as entidades beneficiarias presenten a documentación xustificativa, o órgano instrutor requiriralla para que a presente nun prazo improrrogable de dez (10) días.

5. A falta de presentación da documentación xustificativa para o pagamento no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da citada lei.

No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

Artigo 17. Seguimento

1. Sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nesta norma, co fin de efectuar un seguimento adecuado das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución, as entidades beneficiarias deberán remitirlle á Secretaría Xeral da Igualdade, no prazo dun mes desde a finalización da última mensualidade subvencionada, a seguinte documentación:

a) Memoria final, asinada polo órgano competente da entidade, que recolla o perfil das traballadoras contratadas ao abeiro desta subvención, así como a práctica profesional adquirida e a perspectiva de inserción laboral, segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

b) Certificado de fin de actuación asinado pola/o secretaria/o da entidade, segundo o modelo que consta na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

c) Nóminas aboadas ás persoas traballadoras e xustificante de pagamento expedido pola entidade bancaria.

d) Boletíns de cotización á Seguridade Social (recibo de liquidación de cotizacións e relación nominal de persoas traballadoras ou documento equivalente expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social), así como os documentos bancarios que acrediten o seu pagamento. Esta documentación deberá ser presentada no prazo de 15 días desde o seu pagamento.

e) Modelo 111 e xustificantes do seu pagamento correspondentes ao período en que se levou a cabo a contratación. Esta documentación deberá ser presentada no prazo de 15 días desde o seu pagamento.

Artigo 18. Réxime xurídico

As solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria rexeranse polo disposto nela, así como polo disposto na Resolución do 23 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero, no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento SI461A).

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no punto 4 do citado artigo.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2022

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file