Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Martes, 30 de agosto de 2022 Páx. 46196

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

EXTRACTO da Orde do 10 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases para a concesión de subvencións individuais destinadas ao programa de mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa, dirixido ás persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, con cargo ao Fondo Social Europeo, programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento BS324A).

BDNS (Identif.): 645364.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios/as

1. Poderán solicitar as axudas as persoas mozas que cumpran os seguintes requisitos na data de presentación da solicitude:

a) Ter feito os 18 anos e non superar a idade máxima que estableza a normativa vixente do Sistema nacional de garantía xuvenil (SNGX), de conformidade co disposto no artigo 97.c) da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia.

b) Estar empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade mínima dun ano.

c) Estar inscritas no SNGX e figurar como beneficiarias no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia na data de presentación da solicitude.

2. Serán excluídas as persoas mozas solicitantes que se encontren nalgunha das situacións de prohibición recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

O obxecto é a concesión de subvencións individuais para o programa de mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa, para a realización de prácticas formativas non laborais por persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil (en diante, SNGX) en entidades ou empresas públicas ou privadas en países europeos, con cargo ao programa operativo de emprego xuvenil. O procedemento de concesión das subvencións será en réxime de concorrencia competitiva e conforme os principios de publicidade, transparencia, igualdade e non discriminación.

A duración das prácticas formativas non laborais nas empresas ou entidades de países europeos será como mínimo de dous (2) meses e como máximo de tres (3) meses consecutivos, cun mínimo de 100 horas formativas mensuais e un mínimo de catro días semanais de prácticas.

O período de realización das prácticas formativas non laborais nas empresas ou entidades deberá finalizar, como data límite, o 30 de novembro de 2022.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 10 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases para a concesión de subvencións individuais destinadas ao programa de mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa, dirixido ás persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, con cargo ao Fondo Social Europeo, programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento BS324A).

Cuarto. Contía

Para o financiamento destas subvencións existe crédito adecuado e suficiente na Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, cunha contía total de 550.000,00 euros con cargo á aplicación orzamentaria 13.06.313A.480.0 (código de proxecto 2022 00109).

As subvencións reguladas nesta convocatoria están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo nunha porcentaxe do 80 %.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Sexto. Outros datos

Todas as persoas ás cales se lles conceda a subvención recibirán un anticipo do 80 % sobre o total da cantidade concedida, se así o solicitan.

A concesión da subvención tramítase en réxime de concorrencia competitiva e efectúase por orde de puntuación ata esgotar o crédito orzamentario.

As subvencións están suxeitas ao réxime de custos simplificados baseados en custos unitarios. Na convocatoria establécense unhas táboas con importes que varían en función do país de destino, do número e da duración das mobilidades.

Serán gastos subvencionables para a realización das prácticas os relativos a manutención e aloxamento, seguros, gastos de desprazamento e transporte local no país de destino de prácticas das persoas mozas participantes, incluíndo a subvención para o apoio lingüístico.

Para os efectos da subvención non son subvencionables os días de viaxe (ida e volta) da persoa moza participante.

O prazo para xustificar a acción subvencionada será o 15 de decembro de 2022.

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2022

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude