Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Mércores, 31 de agosto de 2022 Páx. 46465

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 23 de agosto de 2022 pola que se convocan seis edicións dun curso da titulación náutica para a licenza de navegación para persoal das agrupacións de voluntarios/as de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realicen algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección das persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Mediante a Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga), onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que poidan producirse en Galicia derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Aprobado o programa anual de actividades para o ano 2022 da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) polo Consello Reitor e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Agasp, anúnciase a convocatoria de seis edicións dun curso da titulación náutica Licenza de navegación para persoal das agrupacións de voluntarios/as de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia, cuxas bases e características, especifícanse nos anexos desta resolución:

A Estrada, 23 de agosto de 2022

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO

Bases

Primeira. Actividades formativas

Tipo

Curso

Denominación

Licenza de navegación

Modalidade

Semipresencial

Edicións

6

Horas lectivas

6

Prazas

20 por edición

Segunda. Obxectivos e contido

Obxectivos:

Adquirir coñecementos de navegación, así como a capacitación necesaria para poder pilotar unha embarcación ata 6 metros no desenvolvemento das funcións encomendadas.

Contido:

Teoría (2 horas):

a) Introdución aos contidos prácticos.

b) Limitacións á navegación en praias non balizadas, balizadas e as súas canles de acceso.

c) Normativa respecto ao tráfico marítimo e navegación interior nos portos.

d) Marcas laterais da rexión A.

e) Forma de gobernar a embarcación para evitar abaneos e cabeceos e importancia de non atravesarse no mar.

f) Nocións básicas para o uso dunha estación de radio VHF portátil, limitándose ao coñecemento da canle 16, o seu uso en caso de emerxencia e as comunicacións básicas de rutina, así como a forma de contactar con Salvamento Marítimo (canle 16, teléfonos 112 e 900 20 22 02).

Práctica (4 horas):

a) Seguridade e comprobacións antes de saír ao mar: coñecemento e manexo do material de seguridade, revisión dos puntos críticos da embarcación e comprobacións previas á saída ao mar.

b) Motores: identificación dos elementos da instalación propulsora. Arranque do motor e comprobacións de funcionamento.

c) Cordame: manexo de cabos e nós básicos.

d) Manobras: manobras en dársena, atracadas e desatracadas. Velocidade de seguridade.

e) Fondeo, vixilancia e control da derrota: manobra de fondeo e virado da áncora. Precaucións con bañistas e mergulladores.

f) Manobras de seguridade: identificación dos diferentes riscos e procedemento de recollida en caso de home a auga.

Terceira. Destinatarios/as

Persoal voluntario de agrupacións de voluntarios de protección civil (AVPC) dos concellos de Galicia.

Este persoal forma parte do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

Cuarta. Desenvolvemento da actividade

O curso será impartido por unha escola náutica homologada pola Xunta de Galicia

Lugar y datas:

Edición

Provincia

Concello

Lugar

Datas

Parte teórica (en liña)

Parte práctica (presencial)

A Coruña

Muros

Porto deportivo

4, 5, 6 e 7 de outubro

8 e 9 de outubro

A Coruña

A Coruña

Porto deportivo

25, 26, 27 e 28 de outubro

29 e 30 de outubro

3er

Lugo

Viveiro

Porto deportivo

27, 28, 29 e 30 de setembro

1 e 2 de outubro

Ourense

Castrelo de Miño

Clube náutico Castrelo

11, 12, 13 e 14 de outubro

15 e 16 de outubro

Pontevedra

Vilanova de Arousa

Porto deportivo

4, 5, 6 e 7 de outubro

8 e 9 de outubro

Pontevedra

Vigo

Náutico de Punta Lagoa

18, 19, 20 e 21 de outubro

22 e 23 de outubro

Desenvolvemento da carga horaria práctica:

Os días e as datas das prácticas de navegación deberán consultarse na páxina web http://agasp.xunta.gal dentro da ficha específica do curso seleccionado.

Desenvolvemento da carga horaria teórica:

1. Desenvólvese en liña.

2. A través da plataforma de formación da Agasp.

3. Datas: as edicións realizaranse segundo se especifica no calendario do curso.

4. Horario: segundo disposición e necesidade do alumnado. Axustarase ao calendario establecido no propio curso.

As persoas que non accedan ao curso no prazo indicado serán dados de baixa nel, sen prexuízo de que poidan ser penalizados coa non admisión en cursos da Agasp durante o prazo de seis (6) meses.

O alumnado participante deberá realizar a través da plataforma de formación da Agasp, e de acordo cun calendario de presentación, as actividades incluídas no curso, que son:

• Visualización dos contidos.

• Superación do cuestionario.

O/a alumno/a que non realice algunha desas actividades no prazo establecido será sancionado/a coa baixa no curso, sen prexuízo de que poida ser penalizado/a coa non admisión en cursos da Agasp durante o prazo de seis (6) meses.

Quinta. Requisitos de participación dos/das solicitantes

1. Requisitos xerais:

Ter superado o curso básico de protección civil e estar adscrito/a como voluntario/a activo/a nunha AVPC pertencente a un concello que cumpra algún dos seguintes requisitos:

– Entidades locais adscritas ao Plan de salvamento en praias de Galicia (Sapraga) no ano 2021.

– Entidades locais que teñan encoros en que leven a cabo probas deportivas ou de adestramentos.

– Entidades locais que conten con praias fluviais habilitadas para o baño.

A agrupación/asociación de voluntarios de protección civil a que pertenza o solicitante deberá estar inscrita regulamentariamente no Rexistro de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Requisitos físicos/psíquicos: os/as solicitantes deberán acreditar que non padecen enfermidade nin están afectados por limitación física ou psíquica incompatible coa realización das accións formativas ou co desempeño das funcións correspondentes ao curso a que se opta, mediante declaración que se efectuará xunto coa solicitude de matrícula no curso, e será obriga de cada alumno/a poñer en coñecemento da Agasp calquera alteración relacionada con ela.

3. O alumnado seleccionado deberá entregar a seguinte documentación ao coordinador do curso no prazo requirido para o efecto:

– Certificado psicotécnico para embarcacións de recreo expedido por calquera centro homologado

– Fotocopia do DNI

4. Os requirimentos técnicos para usar a web dos cursos da Agasp (baseada nunha ferramenta de aprendizaxe electrónica ou e-learning) son de nivel básico:

Aspectos recomendables para o PC:

• A configuración mínima dun PC doméstico (en xeral, calquera con menos de cinco anos) é suficiente.

• Preferentemente conexión á internet de banda larga e un antivirus actualizado.

• Navegador: Mozzila Firefox 2 (recomendado), Internet Explorer 6.0 ou superior ou Google Chrome.

• Ter Javascript e cookies activadas no navegador.

• Para ver os documentos en PDF, necesítase ter instalado Acrobat Reader.

• Para que funcionen algúns elementos correctamente, necesítase ter instalado o Adobe Flash Player.

Sexta. Solicitudes

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal); non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non seren correctos ou exactos estes datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

b) As persoas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp deberán previamente darse de alta nela, para o que é necesario facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 37, 886 20 61 38 e 886 20 6 1 11 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

d) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

e) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normalizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

f) Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro no cal xa foi seleccionado, debe renunciar a un deles.

g) Se as solicitudes para participar nun curso non superan as 10 persoas, a Agasp resérvase a facultade de anular a actividade formativa.

Sétima. Prazo de inscrición

O prazo de inscrición será ata o 20 de setembro de 2022 a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, coa antelación posible en función da data do curso e para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

Oitava. Criterios xerais de selección

Os criterios xerais de selección son os que a continuación se relacionan e na orde indicada, sen prexuízo de que algúns cursos requiran criterios específicos, os cales se indicarán na ficha de cada acción formativa concreta publicada na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.gal

1º. De acordo co artigo 50 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, en cada edición do curso reservarase un cincuenta por cento das prazas para mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria.

Cando no proceso de selección non se complete a dita reserva, de existir suficiente número de solicitantes, completarase co resto de solicitudes.

2º. Terán preferencia as persoas con residencia na provincia onde se realice o curso.

3º. Se despois de aplicar os criterios anteriores hai empate, terán preferencia as persoas con menos cursos feitos na Agasp nos últimos dous anos, e se o empate persiste, terán preferencia as persoas que cronoloxicamente soliciten a realización dos cursos con anterioridade.

4º. Admitiranse como máximo un aspirante por cada AVPC. En caso de que logo de realizar a selección de solicitudes, queden prazas vacantes admitirase un novo aspirante por cada AVPC, e así sucesivamente ata completar a totalidade das prazas convocadas.

Novena. Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.gal unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Os/as alumnos/as seleccionados/as serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

O alumnado seleccionado só poderá renunciar ao curso por causas de forza maior suficientemente xustificadas.

A renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal, e cunha antelación mínima de tres días hábiles ao inicio do curso, co fin de poder cubrir a vacante.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

Décima. Uniformidade

É obrigatorio asistir ao curso co uniforme de traballo. As persoas que incumpran esta norma poderán ser dadas de baixa na actividade.

Décimo primeira. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp.

Décimo segunda. Faltas de asistencia

O Regulamento de réxime interior da Agasp regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente e penalizaranse disciplinariamente en caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % das clases do curso de formación será declarado non apto e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estea motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o director xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitir ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non cheguen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso a xefatura de ensino proporá ao director xeral o número de horas que se deban recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e a actitude da/do alumna/o ao longo do curso.

Décimo terceira. Certificado de aproveitamento

Ao finalizar a actividade entregarase un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen a proba final.

Décimo cuarta. Facultades da Agasp

A Agasp poderá modificar sen necesidade de nova publicación o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá, sen necesidade de nova publicación, suprimir o curso, cambiar as datas ou o lugar da súa realización, ampliar novas edicións ou prazas deste, ou suspendelo, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

Así mesmo, facúltase o director xeral para ditar resolución sen necesidade de nova publicación para interpretar, se for o caso, o desenvolvemento da convocatoria ou docencia.