Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Mércores, 31 de agosto de 2022 Páx. 46498

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

EXTRACTO da Resolución do 18 de agosto de 2022 pola que se convocan subvencións para a execución de proxectos ao abeiro da submedida 19.3 (cooperación no ámbito de Leader), da medida Leader do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, para as anualidades 2022 e 2023, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (código de procedemento MR710A).

BDNS (Identif.): 645482.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.minhap.gob.es/bsnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarios

Os grupos de desenvolvemento rural (GDR) seleccionados polo Consello de Dirección da Agader, do 16 de novembro de 2016, ao abeiro do Acordo do Consello de Dirección da Agader, do 10 de febreiro de 2016, polo que se aproban as bases reguladoras para a selección de estratexias de desenvolvemento local, para a selección e recoñecemento dos grupos de desenvolvemento rural como entidades colaboradoras na xestión da medida Leader de Galicia e para a concesión da axuda preparatoria, cofinanciada co Feader no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convoca o correspondente proceso de selección, publicado mediante a Resolución do 11 de febreiro de 2016, do director xeral da Agader (DOG núm. 42, do 2 de marzo).

Segundo. Obxecto

Convocar, en réxime de concorrencia competitiva, en relación coa medida 19 (Leader) do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR) e con cargo ás anualidades 2022 e 2023, as subvencións que se corresponden coa submedida 19.3 do PDR (cooperación no ámbito de Leader).

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 6 de xullo de 2022 pola que se publica o Acordo do Consello de Dirección do 28 de xuño de 2022 polo que se modifica o Acordo do 30 de xullo de 2018 polo que se aproban as bases reguladoras das axudas para a preparación e realización de proxectos de cooperación entre grupos de desenvolvemento rural, ao abeiro da medida Leader (submedida 19.3), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (DOG núm. 134, do 14 de xullo).

Cuarto. Contía

A contía global da convocatoria é de 276.600,00 € para a anualidade 2022 e 645.400,00 € para a anualidade 2023. Este crédito está cofinanciado nun 75 % polo Feader.

Quinto. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Sexto. Outros datos

A finalidade das subvencións é fomentar a cooperación dos grupos de Galicia, tanto dentro da Comunidade Autónoma como no resto de España ou da Unión Europea ou nos territorios de terceiros países, que teñan intereses comúns nun determinado ámbito, sempre relacionado co desenvolvemento local Leader e con vistas a favorecer a aprendizaxe mutua e buscar solucións comúns a problemas concretos.

O prazo máximo para a resolución e notificación do procedemento de selección será de catro meses, contados a partir da data de finalización do correspondente prazo de presentación de solicitudes, de acordo con o artigo 25.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2022

Inés Santé Riveira
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural