Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Mércores, 31 de agosto de 2022 Páx. 46481

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 18 de agosto de 2022 pola que se convocan subvencións para a execución de proxectos ao abeiro da submedida 19.3 (cooperación no ámbito de Leader), da medida Leader do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, para as anualidades 2022 e 2023, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (código de procedemento MR710A).

A programación para a medida Leader correspondente ao período 2014-2020 réxese polo disposto nos artigos 32 a 35 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre disposicións comúns referidas aos fondos Feader, Feder, Fondo de Cohesión, FSE e FEMP, e polo disposto nos artigos do 42 a 44 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (en diante, Feader). Os citados artigos regulan o desenvolvemento local participativo a través dos grupos Leader de desenvolvemento rural (en diante, GDR).

O Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR), aprobado mediante a Decisión de execución da Comisión Europea, do 18 de novembro de 2015 (CCI: 2014ES06RDRP011), e modificado por diversas decisións de execución da Comisión, sendo a última a Decisión da Comisión C (2021) 4527 final, do 17 de xuño de 2021, prevé na ficha correspondente á medida 19 (Leader) a tramitación de subvencións destinadas á cooperación (submedida 19.3).

Neste marco, mediante o Acordo do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), do 30 de xullo de 2018, aprobáronse as bases reguladoras das axudas para a preparación e realización de proxectos de cooperación entre grupos de desenvolvemento rural (submedida 19.3 da medida Leader), cofinanciadas co Feader no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR), e publicáronse mediante a Resolución do director xeral da Agader do 30 de xullo de 2018 (DOG núm.153, do 10 de agosto). Mediante Acordo do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, do 28 de xuño de 2022, modificáronse as citadas bases reguladoras e publicáronse mediante a Resolución da directora xeral da Agader do 6 de xullo de 2022 (DOG núm. 134, do 14 de xullo. Corrección de erros, DOG núm. 139, do 21 de xullo).

Esta convocatoria está sometida ás bases reguladoras anteriores e refírese unicamente ao importe dispoñible na submedida 19.3 da medida Leader do PDR de Galicia 2014-2020 para as anualidades 2022 e 2023.

Para esta convocatoria a Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, ten consignado un crédito de 276.600,00 € e, con respecto á anualidade 2023, está previsto un gasto de 645.400,00 €.

Desde o punto de vista da normativa de axudas de Estado, conforme o previsto no artigo 15 das bases reguladoras que rexen esta convocatoria, esta convocatoria de axudas non terá, en principio, a consideración de axuda de Estado, aínda que cando o destinatario último da subvención sexa unha empresa ou calquera outra entidade que realice unha actividade económica e/ou que poida influír na libre competencia, estará suxeita aos límites establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. En consecuencia, as axudas de minimis concedidas por un Estado membro non poderán exceder os 200.000,00 € durante tres anos fiscais.

Esta convocatoria de axudas está cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) nunha porcentaxe do 75 %.

O Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, en virtude do punto cuarto do citado Acordo do 30 de xullo de 2018, delegou na persoa titular da Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural a competencia para realizar esta convocatoria.

Tendo en conta o anterior,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten o obxecto de convocar, en relación coa medida 19 (Leader) do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR), con cargo ás anualidades 2022 e 2023, en réxime de concorrencia competitiva, as subvencións que corresponden coa submedida 19.3 do PDR (cooperación).

2. Esta convocatoria está sometida ás bases reguladoras das axudas para a preparación e realización de proxectos de cooperación entre grupos de desenvolvemento rural (submedida 19.3 da medida Leader), cofinanciadas co Feader no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR), que foron aprobadas mediante o Acordo do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, do 30 de xullo de 2018, e publicadas mediante a Resolución do director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural do 30 de xullo de 2018 (DOG núm. 153, do 10 de agosto). As ditas bases reguladoras foron modificadas mediante o Acordo do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, do 28 de xuño de 2022, e publicadas mediante a Resolución da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural do 6 de xullo de 2022 (DOG núm. 134, do 14 de xullo. Corrección de erros, DOG núm. 139, do 21 de xullo).

3. O código de procedemento que corresponde a esta convocatoria é MR710A.

Artigo 2. Finalidade

A finalidade das subvencións é fomentar a cooperación dos grupos de Galicia, tanto dentro da Comunidade Autónoma como no resto de España ou da Unión Europea ou nos territorios de terceiros países, que teñan intereses comúns nun determinado ámbito, sempre relacionado co desenvolvemento local Leader e con vistas a favorecer a aprendizaxe mutua e buscar solucións comúns a problemas concretos.

Artigo 3. Proxectos de cooperación obxecto de axuda: tipos, contido e requisitos

1. Os proxectos de cooperación poderán ser de tres tipos:

a) Proxectos de cooperación intraterritorial: proxectos en que participen exclusivamente grupos da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Proxectos de cooperación interterritorial: proxectos en que participen un ou varios grupos doutras comunidades autónomas do Reino de España e, como mínimo, un grupo da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Proxectos de cooperación transnacional: proxectos en que participen un ou varios grupos doutros Estados membros da Unión Europea ou doutros países e, como mínimo, un grupo da Comunidade Autónoma de Galicia.

Sen prexuízo do establecido nas bases reguladoras, os proxectos de cooperación interterritorial e transnacional suxeitaranse á normativa e procedementos que, se for o caso, se estableza a nivel nacional e/ou comunitario.

2. As accións incluídas nos proxectos de cooperación poderán ser:

a) Accións individuais: aquelas en que só participe un grupo.

b) Accións comúns: aquelas en que polo menos participen dous grupos.

3. Os proxectos de cooperación deberán conter:

a) A identificación do grupo coordinador e do grupo coordinador específico para Galicia, se for o caso, así como dos demais grupos cooperantes e das entidades colaboradoras se as houber, de acordo cos artigos 10, 11 e 12 das bases reguladoras.

b) Unha exposición clara das capacidades, deficiencias e potencialidades da zona, ámbito ou sector de aplicación.

c) Os obxectivos específicos perseguidos mediante a súa aplicación e como se articulan coas políticas de desenvolvemento rural, coas estratexias xestionadas polos grupos e cos obxectivos do resto de participantes.

d) A estratexia prevista para alcanzar os obxectivos.

e) As conclusións sobre a coherencia e plusvalía das actividades propostas e a repercusión que terán sobre o ambiente e sobre os grupos de mulleres, mozos ou outros colectivos que merezan unha especial consideración na zona.

4. Os proxectos de cooperación que se presenten deberán axustar a súa estrutura e contido ao anexo II das bases reguladoras.

5. Para seren obxecto de axuda, os proxectos deben cumprir os seguintes requisitos:

a) Implicarán a posta en común de ideas, coñecementos, recursos humanos e materiais, incluídos os financeiros, tendentes á consecución dun obxectivo de interese compartido e mediante a execución das accións que se consideren necesarias.

b) Os seus obxectivos deberán ser coherentes cos obxectivos definidos nas respectivas estratexias de desenvolvemento local Leader (en diante, EDLL).

c) Deberán respectar os principios de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e de non discriminación.

d) Deberán implicar a execución dunha acción en común. Os gastos preparatorios de estudos ou intercambio de información poderán ter a consideración de fase previa pero non de proxecto de cooperación como tal. A cooperación non se poderá limitar a un intercambio de experiencias e deberá supoñer a realización dunha acción común integrada.

e) Promoverán a participación dos sectores socioeconómicos do territorio, tanto públicos como privados, afectados polos fins e obxectivos do proxecto.

Artigo 4. Entidades beneficiarias da axuda, requisitos para solicitar a subvención e forma de acreditalos

1. Poderán ser beneficiarios os grupos da Comunidade Autónoma de Galicia seleccionados polo Consello de Dirección da Agader, do 16 de novembro de 2016, ao abeiro do Acordo do Consello de Dirección da Agader, do 10 de febreiro de 2016, polo que se aproban as bases reguladoras para a selección de estratexias de desenvolvemento local, para a selección e recoñecemento dos grupos de desenvolvemento rural como entidades colaboradoras na xestión da medida Leader de Galicia e para a concesión da axuda preparatoria, cofinanciada co Feader no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convoca o correspondente proceso de selección, publicado mediante a Resolución do 11 de febreiro de 2016, do director xeral da Agader (DOG núm. 42, do 2 de marzo).

2. Para seren beneficiarios destas axudas, os grupos deberán cumprir os requisitos seguintes:

a) Estar ao días nas súas obrigacións tributarias, tanto coa Facenda do Estado como coa da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e coa Seguridade Social, e non ter débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Comprometerse a destinar as dotacións financeiras asignadas exclusivamente á preparación e realización das actividades de cooperación.

c) Dispoñer dos medios materiais e humanos necesarios para levar a cabo de forma adecuada, tanto técnica como economicamente, as tarefas correspondentes.

d) Participar a título de coordinador ou cooperante, de acordo cos artigos 10 e 11 das bases reguladoras, nun proxecto de cooperación seleccionado de acordo coas citadas bases reguladoras no marco da submedida 19.3 do PDR de Galicia 2014-2020.

e) Non ter rescindido o convenio de colaboración asinado pola Agader, xa sexa de mutuo acordo ou por acordo da Agader debido á grave irregularidade no exercicio das funcións que como grupo lle son propias.

f) Cumprir o resto das condicións que prevén as bases reguladoras.

3. O grupo coordinador, os grupos cooperantes e, se for o caso, as entidades colaboradoras, subscribirán un convenio de colaboración ou documento vinculante, co contido mínimo que se detalla no anexo III das bases reguladoras.

Artigo 5. Solicitudes de axuda

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Esta convocatoria establece un só procedemento de selección. Neste senso, establécese o prazo dun mes para a admisión de solicitudes de axuda, contado desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) desta convocatoria.

O prazo máximo para a resolución e notificación do procedemento de selección será de catro meses, contados a partir da data de finalización do correspondente prazo de presentación de solicitudes, de acordo co artigo 25.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

As obrigacións de información e publicidade establecidas na normativa comunitaria aplicable a estas subvencións faranse efectivas a través da páxina web do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA).

A solicitude de axuda presentarase segundo modelo normalizado que estará á disposición das persoas interesadas a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/portada).

Artigo 6. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo IV das bases reguladoras) a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representación da entidade solicitante.

b) Descrición e resumo do proxecto co contido mínimo que se detalla no anexo II das bases reguladoras.

c) Un documento vinculante, co contido mínimo que se detalla no anexo III das bases reguladoras, que estea subscrito polo grupo coordinador, os grupos cooperantes e, se for o caso, as entidades colaboradoras.

d) Desagregación dos gastos por cada grupo participante e por concepto de gasto.

e) Se for o caso, convenios con terceiros.

f) Calquera outra documentación que se considere de interese para a descrición e valoración do proxecto.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de débedas tributarias coa AEAT.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 9. Emenda da solicitude

1. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano instrutor requirirá a persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, nos termos previstos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, coa indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ditarse nos termos previstos no citado artigo. Efectuarase igual requirimento no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT); á Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS) e á consellería competente en materia de facenda.

2. As notificacións do requirimento de emenda efectuaranse por medios electrónicos, nos termos previstos no artigo 6 desta convocatoria.

3. Co fin de completar a instrución do procedemento, a Agader poderá requirirlle á persoa solicitante que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Instrución

1. A instrución do procedemento corresponderá á Subdirección de Relacións cos GDR da Agader.

2. Conforme o artigo 21.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano instrutor comprobará a corrección documental das solicitudes, cantos datos relativos á actuación subvencionable considere convenientes e o cumprimento das condicións do solicitante para ser beneficiario da subvención. En particular, verificará:

a) A admisibilidade do beneficiario.

b) Os criterios de admisibilidade da acción proposta.

c) A localización do investimento en territorio elixible.

d) A xustificación da viabilidade técnica e financeira.

e) A elixibilidade dos investimentos propostos.

f) Os compromisos e as obrigas que debe cumprir a operación para a cal se solicita a axuda.

g) O cumprimento dos criterios de selección.

Artigo 12. Resolución

1. Tendo en conta a proposta de resolución efectuada polo órgano instrutor, o titular da Dirección Xeral da Agader resolverá motivadamente, por delegación do Consello de Dirección da Agader, sobre as solicitudes de axuda. A resolución deberá ser notificada no prazo máximo de 4 meses desde a data de finalización do prazo para a presentación de solicitudes. Transcorrido o citado prazo máximo sen que se notificase resolución expresa, o solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude.

2. A resolución de concesión emitirase tendo en conta o contido establecido no artigo 26.2 das bases reguladoras.

3. Contra a resolución de concesión ou non concesión de axuda, que pon fin á vía administrativa, poderá interporse recurso potestativo de reposición ante o Consello de Dirección da Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da notificación, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados igualmente desde o día seguinte ao da notificación. Tamén poderá interponerse calquera outro recurso que se considere oportuno.

Artigo 13. Prazo de xustificación da subvención

O prazo máximo para a execución e xustificación dos gastos e investimentos será o 20 de decembro de 2022 para os gastos correspondentes á anualidade 2022 e o 15 de outubro de 2023 para os gastos correspondentes á anualidade 2023. As resolucións de concesión de axuda establecerán, para cada resolución de concesión, os importes de axuda que correspondan para cada unha das dúas anualidades nas cales se distribúa a axuda concedida para cada proxecto.

Artigo 14. Criterios de selección

1. Tendo en conta o sinalado no artigo 23 das bases reguladoras, os proxectos para os cales se solicite a axuda serán avaliados en función dos seguintes criterios de selección:

a) Valor engadido que achegue o proxecto de cooperación ao desenvolvemento local dos territorios implicados: ata 40 puntos.

Valórase que o proxecto se desenvolva en relación con algún dos instrumentos de mobilización ou recuperación de terras regulados nos títulos III e V da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, entre eles, as aldeas modelo, os polígonos agroforestais, as agrupacións e actuacións de xestión conxunta ou as permutas de especial interese agrario, coa finalidade da recuperación e posta en produción de terra agraria abandonada ou infrautilizada, así como da recuperación demográfica do medio rural a través da fixación de poboación e a mellora da calidade de vida dos habitantes de núcleos rurais de pequeno tamaño situados na rede de aldeas modelo de Galicia.

O mecanismo de puntuación será o seguinte:

– Por cada instrumento de mobilización ou recuperación da terra agraria, previsto na Lei de recuperación de terras agrarias de Galicia, sobre o que o proxecto teña incidencia directa: 10 puntos (ata un máximo de 20 puntos).

– Por cada 10 hectáreas sobre as que se actúe no proxecto de cooperación cos instrumentos xurídicos sinalados nesta epígrafe: 1 punto (ata un máximo de 10 puntos).

– Por cada GDR de Galicia participante no proxecto de cooperación que incida sobre algún dos instrumentos de mobilización ou recuperación da terra agraria sinalados nesta epígrafe: 2 puntos (ata un máximo de 10 puntos).

– Experiencia dos grupos solicitantes na xestión de proxectos vinculados á mobilización ou recuperación da terra agraria ou outros de similar natureza: 3 puntos por cada GDR participante (ata un máximo de 10 puntos).

Inclúense nesta epígrafe todos os proxectos nos que algún GDR acredite relación directa coa ordenación e/ou xestión de terras e participación na súa xestión.

– Implicación de entidades privadas sen ánimo de lucro e/ou de entidades públicas de carácter local ou comarcal no desenvolvemento do proxecto de cooperación, que teñan acreditada experiencia en proxectos de mobilización ou recuperación da terra agraria ou outros de similar natureza: 2,5 puntos por cada entidade que acredite unha participación e/ou colaboración (non financeira) demostrable neste tipo de proxectos (ata un máximo de 10 puntos).

b) Resultados concretos a curto, medio e longo prazo que derivarán directamente do proxecto de cooperación: ata 10 puntos.

Valoraranse os resultados concretos e constatables que deriven directamente do proxecto de cooperación (exclúese a creación de emprego, que será obxecto de valoración a través dun criterio de selección específico):

Se como consecuencia do proxecto de cooperación se produce unha implantación dun servizo inexistente para a economía e/ou para a poboación ou ben a comercialización dun produto inexistente no ámbito territorial dalgunha das zonas de actuación: 10 puntos.

Se como consecuencia do proxecto de cooperación se constata a mellora dun servizo existente para a economía e/ou para a poboación ou ben a mellora dun produto comercializable xa existente no ámbito territorial dalgunha das zonas de actuación: 8 puntos.

No caso de que se constate calquera outro resultado positivo concreto, constatable e atribuíble directamente ao proxecto de cooperación: 5 puntos.

c) Creación de estruturas permanentes de cooperación como resultado do proxecto: ata 10 puntos.

Se como resultado do proxecto se crea unha estrutura nova, con vocación de estabilidade e permanencia en materia de cooperación e que, ademais, poida demostrar actuacións concretas e periódicas no tempo (incluso unha vez finalizado o proxecto de cooperación seleccionado): 10 puntos.

No caso que non se cree ningunha estrutura nova e permanente de cooperación con vocación de permanencia no tempo: 0 puntos.

d) Incidencia do proxecto de cooperación na creación de emprego ou no mantemento do tecido produtivo do territorio implicado: ata 15 puntos.

Por cada 0,5 unidades de traballo anual (UTA) creadas outorgaranse 5 puntos. Deberá acreditarse que a creación do emprego está directamente relacionada co proxecto de cooperación. O emprego deberá manterse durante polo menos 1 ano contado desde a data de pagamento final do proxecto.

Se o proxecto está enfocado ou ten relación directa co sector agrario outorgaranse 5 puntos.

Se o proxecto está enfocado ou ten incidencia directa na valorización dos produtos agroalimentarios dos mercados de proximidade outorgaranse 5 puntos.

e) Incidencia do proxecto de cooperación na conservación e valorización do ambiente, así como na conservación e valorización do patrimonio natural e cultural: ata 10 puntos.

Se se constata que o proxecto de cooperación incide directamente mediante calquera tipo de investimento físico na conservación e valorización do ambiente e/ou conservación e valorización do patrimonio natural e/ou cultural: 10 puntos.

Se o proxecto incide dunha maneira indirecta na conservación e valorización do ambiente e/ou patrimonio natural e/ou cultural (por exemplo un estudo, publicacións, informes): 5 puntos.

Se o proxecto non ten incidencia nin directa nin indirecta nos aspectos indicados neste criterio de selección: 0 puntos.

f) Implicación no proxecto de entidades públicas ou de entidades privadas distintas dos GDR que contribúan ao financiamento do proxecto e á consecución dos obxectivos: ata 10 puntos.

Se existen entidades que contribúen ao financiamento do custo do proxecto nunha porcentaxe igual ou superior ao 20 % do custo dos gastos subvencionables del: 10 puntos.

Se existen entidades que contribúen ao financiamento do custo do proxecto nunha porcentaxe igual ou superior ao 10 % e inferior ao 20 % do custo dos gastos subvencionables del: 7 puntos.

Se existen entidades que contribúen ao financiamento do custo do proxecto nunha porcentaxe igual ou superior ao 5 % do custo dos gastos subvencionables del: outorgarase un punto por cada 500 euros de aportación ao proxecto (ata un máximo de 5 puntos).

En caso de inexistencia de financiamento privado para o proxecto: 0 puntos.

g) Incidencia do proxecto de cooperación nas estruturas ou actividades levadas a cabo a través doutro/s proxecto/s de cooperación desenvolvido/s no territorio a través da medida Leader do PDR de Galicia: ata 5 puntos.

Se o proxecto supón a continuidade ou o desenvolvemento dunha nova fase que dea continuidade a un proxecto de cooperación levado a cabo previamente a través da medida Leader do PDR de Galicia 2014-2020: 5 puntos.

2. No caso de empate, terá prioridade o proxecto que obtivese máis puntuación no criterio a) do baremo (valor engadido que achegue o proxecto de cooperación ao desenvolvemento local dos territorios implicados) e, de persistir o empate, atenderase á puntuación obtida no criterio d) do baremo (incidencia do proxecto de cooperación, de maneira directa ou indirecta, na creación de emprego ou no mantemento do tecido produtivo do territorio implicado). Se aínda así persiste o empate, primará o momento de presentación da solicitude de axuda.

3. Un proxecto deberá obter unha puntuación mínima de 25 puntos para ser seleccionado.

Artigo 15. Financiamento

1. O financiamento desta convocatoria no ano 2022 será de 276.600,00 €, con cargo á aplicación orzamentaria da Agader 14.A1.712A.7810.

O financiamento desta convocatoria para o ano 2023 será de 645.400,00 €, con cargo á aplicación orzamentaria da Agader 14.A1.712A.7810.

A concesión de subvencións ao abeiro desta convocatoria está sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

Aplicacións-proxectos para a anualidade 2022:

Acción

(submedida)

Aplicación Agader

Proxecto Agader

Orzamento inicial GPT

Orzamento inicial Feader

19.3

14.A1.712A.7810

2017-00001

276.600,00 €

207.450,00 €

Aplicacións-proxectos para a anualidade 2023:

Acción

(submedida)

Aplicación Agader

Proxecto Agader

Orzamento Inicial GPT

Orzamento inicial Feader

19.3

14.A1.712A.7810

2017-00001

645.400,00 €

484.050,00 €

2. No marco da medida 19 (Leader), submedida 19.3 (cooperaciónl), do PDR de Galicia 2014-2020, o crédito indicado está cofinanciado nun 75 % polo Feader, nun 2,5 % pola Administración xeral do Estado e nun 22,5 % pola Comunidade Autónoma de Galicia.

3. As contías indicadas poderán incrementarse en función das solicitudes presentadas, sempre que teña lugar unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa, segundo prevé o artigo 31 da Lei de subvencións de Galicia e o artigo 30 do Regulamento da dita lei, que se aprobou mediante o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), debéndose publicar no DOG o aludido incremento de contía.

Artigo 16. Devolución de axudas

Conforme o previsto no artigo 64 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, os beneficiarios poderán devolver voluntariamente na conta da entidade financeira Abanca núm. ES19 2080 0388 2831 1000 1396, as axudas percibidas. No concepto da transferencia indicarase «Devolución da convocatoria Cooperación Leader 2022-2023» e mais o «Número de expediente».

Artigo 17. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlles á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional primeira. Recursos

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección da Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ou ben recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela que corresponda, no prazo de dous meses contados igualmente desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.

Disposición adicional segunda. Información

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web da Agader: http://agader.xunta.es

b) Na Guía de procedementos e servizos, no enderezo: https://sede.xunta.es/guia-de-procedementos

c) No teléfono 981 54 73 62 (Agader).

d) De xeito presencial, na Agader (lugar da Barcia, 56, Laraño, 15897 Santiago de Compostela), con cita previa no teléfono 981 54 73 62.

e) Páxina web e sede dos GDR de Galicia. A relación dos GDR está publicada na antedita páxina web da Agader.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para a xestión da convocatoria

A persoa titular da Dirección Xeral da Agader poderá ditar os actos necesarios para asegurar a correcta aplicación desta convocatoria.

Disposición derradeira segunda. Eficacia da convocatoria

Esta resolución será aplicable desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2022

Inés Santé Riveira
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural