Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Xoves, 1 de setembro de 2022 Páx. 46658

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

ORDE do 30 de agosto de 2022 pola que se regula o establecemento dunha minoración adicional e temporal nas tarifas bonificadas de aplicación no transporte público interurbano da competencia da Xunta de Galicia.

O Real decreto lei 11/2022, do 25 de xuño, polo que se adoptan e se prorrogan determinadas medidas para responder ás consecuencias económicas e sociais da guerra en Ucraína, para facer fronte a situacións de vulnerabilidade social e económica, e para a recuperación económica e social da illa da Palma, establece no seu capítulo segundo unha previsión para o outorgamento dunha axuda directa a favor, entre outras administracións, das comunidades autónomas que presten servizo de transporte colectivo urbano ou interurbano, que se comprometan a implantar unha redución do prezo dos abonos de transporte e títulos multiviaxe, excluído o billete de ida e volta, dos servizos de transporte terrestre da súa competencia, nunha porcentaxe dun 30 % respecto ao vixente no momento da entrada en vigor da referida disposición, e para o período abranguido entre o 1 de setembro de 2022 e o 31 de decembro de 2022.

Este Real decreto lei 11/2022, do 25 de xuño, configúrase, ademais, como a norma reguladora deste sistema de axudas directas, para o que prevé expresamente que non lle resultará de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, nin ningún outro requisito establecido noutras leis para a recepción de subvencións, máis alá do que se establece no dito capítulo segundo desta norma. Non obstante o anterior, faise expresa referencia á fixación mediante orde ministerial da persoa titular do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA), dos criterios para a distribución do crédito que establece para o fin de compensar pola referida bonificación.

Esta orde ministerial foi emitida o 15 de xullo de 2022 e publicada na sede electrónica do MITMA. Nela establécense os criterios con que a Administración xeral do Estado distribuirá as subvencións directas previstas para o conxunto de posibles beneficiarios (comunidades autónomas, entidades locais e outras entidades supramunicipais con competencias en materia de transporte público colectivo); mais do contido dela non é posible coñecer a priori cal será o importe que finalmente corresponderá á Comunidade Autónoma de Galicia nin, por tanto, se será abondo para facer fronte ás compensacións que se prevén que esta deberá aboar aos concesionarios como consecuencia deste abaratamento das tarifas. A cantidade exacta desta axuda será comunicada polo MITMA, unha vez feito o rateo a que fai referencia o artigo 6.6 da Orde ministerial do 15 de xullo, coa resolución provisional a que fai referencia o artigo 5.4 do Real decreto lei 11/2022, do 25 de xuño.

Co fin de que, ante a alza dos prezos en xeral e, de xeito específico, dos prezos do combustible, a actuación impulsada a través do Real decreto lei 11/2022, do 25 de xuño, e da presente orde, contribúa de xeito real a facilitar á cidadanía un sistema alternativo e económico de mobilidade, a Xunta de Galicia considera preciso reforzar o nivel de minoración nos prezos do transporte, motivo polo cal nesta orde se eleva a porcentaxe de redución ata ao 50 %.

Ademais, tendo en conta que, consonte as sucesivas comunicacións feitas polo MITMA, o desconto resulta de aplicación á TMG e, por tanto, tamén á TMGXN, ao se tratar de tarxetas moedeiro de uso exclusivo para a compra de títulos de transporte que requiran unha carga mínima de saldo por importe non inferior á compra de tres billetes, este abaratamento temporal das tarifas será aplicable aos servizos de transporte interurbano en autobús; pero a máis esencial coherencia do sistema de transporte require que se aplique tamén a aqueles outros modos de transporte, como o marítimo ou ferroviario, que presta servizos coincidentes. Por tanto, co fin de evitar as distorsións que suporía a aplicación desta norma estatal dun xeito parcial sobre servizos públicos de transporte que atenden conexións que tamén se prestan en autobús, sendo todos eles da competencia da Xunta de Galicia ou estando integrados no ámbito das áreas de transporte metropolitano, prevese a posibilidade de que a Xunta de Galicia estenda, con cargo ao seu propio orzamento, a aplicación desta bonificación temporal tamén aos servizos de transporte marítimo que, na ría de Vigo, conectan Cangas e Moaña coa cidade de Vigo, así como aos servizos ferroviarios de Renfe que se prestan na área de transporte metropolitano (ATM) de Ferrol.

Atendendo ao anterior, esta orde establece a aplicación dunha minoración adicional e temporal que resultará de aplicación no ámbito desta redución de tarifas acordada no marco do Real decreto lei 11/2022, do 25 de xuño, por parte da Administración xeral do Estado, completando estas previsións coas determinacións necesarias para articular as compensacións económicas ás empresas que deberán aplicar as ditas bonificacións.

Para tal fin, nesta orde establécese a aplicación dunha minoración adicional e temporal de aplicación ás tarifas bonificadas establecidas nos medios de transporte públicos interurbanos galegos, que reducirá o custo das viaxes en transporte público interurbano cando a forma de pagamento do billete sexa mediante un título multiviaxe, premiando a recorrencia no uso do servizo público de transporte interurbano.

En virtude do exposto, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Primeiro. Obxecto

Esta orde ten por obxecto desenvolver a regulación dunha minoración de carácter adicional e temporal que será de aplicación aos títulos multiviaxe vixentes nos servizos interurbanos de transporte regular de viaxeiros/as por estrada de uso xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. Para os efectos desta orde, terán a consideración de títulos multiviaxe:

– Os bonos mensuais comercializados polas empresas concesionarias que prestan, mediante contratos de concesión, servizos públicos de transporte regular de viaxeiros por estrada, sempre que os ditos bonos estivesen previstos nos correspondentes proxectos de explotación ou nas correspondentes ofertas contractuais de cada concesionaria.

– Os títulos de viaxe aboados coas tarxetas TMG e TMGXN en servizos públicos de transporte por estrada, de carácter interurbano, da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso das áreas de transporte metropolitano (ATM), a bonificación aplicarase á totalidade de tarifas correspondentes a viaxes de cero ou máis saltos, agás as prestadas polo transporte urbano das denominadas cidades cabeceiras, con independencia do modo de transporte, terrestre ou marítimo, en que a persoa viaxe.

Segundo. Minoración aplicable

1. Aos títulos de transporte multiviaxe que cumpran cos requisitos establecidos nesta orde aplicaráselles unha redución adicional do 50 % no prezo, tanto dos bonos mensuais comercializados polas operadoras, como no prezo que corresponderá ás viaxes aboadas coa tarxeta TMG ou TMG Xente Nova (TMGXN).

2. No caso de pagamento coa TMG, ou TMGXN, o desconto do 50 % aplicarase directamente no medio de transporte, e acumularase aos descontos previstos nas áreas de transporte metropolitano, ou ao desconto xeral do 10 % respecto da tarifa xeral no resto de servizos interurbanos; no suposto de tarifas bonificadas conveniadas con concellos, este desconto aplicarase tamén á tarifa final que, con base nos ditos convenios, viñan aboando as persoas usuarias. Igualmente, este desconto será previo e, polo tanto, acumulable, aos descontos por recorrencia que correspondan en cada caso.

Como excepción, no caso das ATM, cando a primeira etapa dunha viaxe interurbana con transbordo teña o carácter de urbana, e teña un prezo superior ao que corresponde á viaxe interurbana minorada, a diferenza aboada inicialmente de máis pola persoa usuaria seralle reintegrada con posterioridade á viaxe, seguindo a mesma sistemática que a que se aplica á tarifa Xente Nova. Xa que logo, eses importes poranse á súa disposición nos caixeiros automáticos da entidade financeira colaboradora nos mesmos prazos previstos para esta última tarifa e disporá desde ese momento de dous meses para a súa percepción.

3. No suposto dos bonos mensuais comercializados polas empresas concesionarias, estas aplicarán directamente o desconto adicional no momento de adquisición de todos aqueles bonos que vaian ser utilizados entre os meses de setembro e decembro de 2022; no suposto de adquisicións previas á entrada en vigor desta orde de bonos que fosen ser activados a partir do 1 de setembro, a empresa deberá reintegrar á persoa usuaria o importe correspondente á minoración adicional.

A minoración deixará de aplicarse, con independencia da data da súa comercialización, aos bonos que se comercialicen para a súa activación con posterioridade ao 31 de decembro de 2022, así como aos que, de feito, inicien o período do mes natural da súa vixencia despois desa data, correspondendo á concesionaria garantir que ningún bono adquirido coa bonificación poida ser activado, ou dea dereito a iniciar as viaxes do mes natural a que se refira, con posterioridade ao dito 31 de decembro.

Terceiro. Ámbito temporal de aplicación

A minoración temporal das tarifas bonificadas será de aplicación no ámbito temporal definido polo Real decreto lei 11/2022, do 25 de xuño, entre o 1 setembro e o 31 de decembro de 2022.

Cuarto. Compensación ás concesionarias dos servizos públicos de transporte

1. A Xunta de Galicia compensará directamente as concesionarias de servizos públicos de transporte da súa competencia pola minoración adicional e temporal das tarifas bonificadas que se establece.

2. No suposto dos pagamentos con tarxetas TMG ou TMGXN, a Xunta de Galicia aboará a diferenza entre o importe que a empresa viña descontando da tarxeta e o que descontará coa aplicación da bonificación temporal. Para tal fin, todas as concesionarias están obrigadas a remitir á Administración as correspondentes colectas financeiras no prazo de corenta e oito horas posteriores ao día da viaxe, excepto sábados, domingos e festivos, que se remitirán o día hábil seguinte, que se fixa nos pregos de condicións polos cales rexen os seus contratos.

Recibidas en prazo as ditas colectas, logo do seu procesamento e validación, a Administración aboará quincenalmente ás concesionarias os importes que respectivamente lles correspondan seguindo a mesma metodoloxía que é aplicable nas ATM.

3. No suposto de bonos multiviaxe mensuais xestionados directamente polas concesionarias, estas remitirán o conxunto de información referente aos mesmos consonte os procedementos establecidos para a xestión dos contratos de concesión de servizos públicos de transporte. Recibida esta información completa, e unha vez verificada, a Administración aboará mensualmente os importes que respectivamente correspondan ás concesionarias de xeito análogo ao seguido para o pagamento daquelas outras compensacións fixadas no Plan de transporte público de Galicia e nos seus respectivos contratos de concesión.

No caso de remisión de información incompleta ou fóra do prazo correspondente, non será posible o pagamento das bonificacións que puidesen ter correspondido.

4. Para os efectos de dar cumprimento ao mandato que establece o artigo 10 da Orde do MITMA do 15 de xullo de 2022, ademais da remisión do conxunto de colectas procedentes das máquinas canceladoras no prazo de 48 horas posteriores ao día da viaxe, excepto sábados, domingos e festivos, que se remitirán o día hábil seguinte, durante o período en que teñan vixencia as minoracións tarifarias que se prevén nesta orde, as concesionarias deberán remitir a información completa referente á comercialización de bonos que se prevé no procedemento de facturación non máis tarde do día 10 do mes seguinte a aquel a que se refiran.

Quinto. Financiamento

O gasto derivado da aplicación desta minoración aboarase con cargo á axuda directa outorgada á Comunidade Autónoma de Galicia con base no Real decreto lei 11/2022, do 25 de xuño, a través da aplicación 2022.09.02.512A.470.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Non obstante, no caso de que a partida que finalmente asigne a Administración xeral do Estado non cubra as estimacións de gasto previstas, a Administración autonómica financiará o importe deficitario con cargo a fondos propios; finalmente, de estimar que, tendo en conta a insuficiencia daquela asignación, non resulte viable ou posible a dita consignación de fondos propios, aplicarase a suspensión da minoración nos termos previstos na disposición derradeira segunda.

Sexto. Publicidade e información

1. As concesionarias dos servizos públicos de transporte deberán dar a máxima publicidade á minoración adicional e temporal das tarifas bonificadas que se incorporan mediante a presente orde.

As concesionarias dos servizos públicos de transporte garantirán o acceso por parte das persoas usuarias a esta información coa máxima transparencia, para o que deberán incorporar información directamente nas infraestruturas e medios de transporte adscritos aos servizos públicos. Igualmente, formarán o seu persoal para garantir a óptima transmisión de información ás persoas usuarias.

Na dita publicidade farase expresa indicación a que a minoración adicional e temporal aplicable ás tarifas bonificadas recibe financiamento do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, e recollerá, xunto cos logotipos oficiais da Xunta de Galicia e do Proxecto transporte público de Galicia, o logotipo específico que prevé o anexo IV da Orde do MITMA do 15 de xullo de 2022. A dirección xeral con competencias en materia de transporte público poderá comunicar ás concesionarias criterios de utilización dos anteriores logos, que serán de obrigado cumprimento nas referidas actuacións de publicidade.

2. A Xunta de Galicia dará información destas minoracións adicionais e temporais na web bus.gal

3. As empresas concesionarias facilitarán á Dirección Xeral de Mobilidade canta información resulte preciso para os efectos de remitir a información que establece o artigo 10 da Orde do MITMA do 15 de xullo de 2022.

Disposición derradeira primeira. Extensión a outros modos

Por resolución da persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de transporte público poderá acordarse, logo da tramitación contable que resulte oportuna e con cargo a fondos propios da Comunidade Autónoma, a extensión da minoración que establece esta orde a aqueles outros modos de transporte integrados en áreas de transporte metropolitano que comparten tráficos con servizos públicos de transporte interurbano por estrada, como os servizos de transporte marítimo na ría de Vigo ou os servizos ferroviarios na ATM de Ferrol.

Esta ampliación poderá ser para o conxunto do período previsto con carácter xeral, de setembro a decembro de 2022, e coa mesma porcentaxe de minoración do 50 %, ou poderá establecerse un período temporal ou unha porcentaxe de minoración máis limitado, atendendo ás análises técnicas levadas a cabo e ás estimacións da súa incidencia real sobre as persoas usuarias.

Neste caso, a dita resolución, ademais de ser notificada ás empresas que presten aqueles servizos a que se estenda a aplicación da minoración, será publicitada na web bus.gal, e nela estableceranse as condicións para a aplicación da compensación correspondente ás empresas afectadas.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor e vixencia

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A aplicación da minoración temporal das tarifas bonificadas que se prevén manterá a súa vixencia entre o 1 de setembro e o 31 de decembro de 2022.

Non obstante, habilítase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de transporte público para acordar, mediante resolución, a suspensión da aplicación das minoracións adicionais que nesta orde se establecen no suposto de que o crédito finalmente asignado non resulte suficiente para cubrir o seu custo, así como no caso de que, pola incorporación de variacións nas condicións establecidas pola normativa do Estado, a Comunidade Autónoma de Galicia deba renunciar á súa aplicación.

Habilítase igualmente a persoa titular da dirección xeral competente en materia de transporte público para acordar, logo da tramitación contable que resulte precisa, a ampliación do prazo de aplicabilidade das minoracións temporais no suposto de que a dita ampliación fose acordada pola Administración xeral do Estado e aceptada a adhesión a esta pola Comunidade Autónoma. Esta habilitación esténdese tamén á modificación da porcentaxe de desconto adicional aplicable, no caso de resultar esta posible consonte coa normativa estatal de aplicación.

Finalmente, habilítase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de transporte público para ditar cantos actos ou instrucións sexan convenientes para a correcta e plena execución da presente orde.

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2022

Ethel M. Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade