Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Venres, 2 de setembro de 2022 Páx. 47147

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 29 de agosto de 2022 pola que se modifica a Orde do 25 de marzo de 2015 pola que se inicia o procedemento de integración como persoal laboral da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo da extinta Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (EPOSH), adscrito á entidade pública empresarial Augas de Galicia, e se regula a desistencia das solicitudes presentadas no procedemento iniciado ao abeiro dela.

O Diario Oficial de Galicia do 9 de abril de 2015 publicou a Orde da Consellería de Facenda do 25 de marzo de 2015 pola que se inicia o procedemento de integración como persoal laboral da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo da extinta Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos, adscrito á entidade pública empresarial Augas de Galicia. O proceso para a integración deseñado pola orde non acadou a fase de resolución, como consecuencia, entre outras causas, de sucesivos cambios organizativos nas estruturas dos departamentos da Administración autonómica que interromperon o procedemento. Durante este período de tempo producíronse, ademais, importantes acordos e modificacións normativas que modifican substancialmente as expectativas do persoal que presentou solicitudes ao abeiro da mencionada orde.

En primeiro lugar, o Acordo de concertación de emprego público de Galicia, asinado o día 15 de xaneiro de 2019 coas organizacións sindicais CC.OO. e UXT (DOG nº 19, do 28 de xaneiro), abre a porta á funcionarización do persoal laboral fixo da Xunta de Galicia. Esta opción materializouse a través do Decreto 165/2019, do 26 de decembro, polo que se establece o procedemento para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira polo persoal laboral fixo do Convenio colectivo único da Xunta de Galicia. O obxectivo destes instrumentos é o de posibilitar o cumprimento das normas establecidas, tanto no Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, como na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, no relativo aos postos cuxa cobertura é propia de persoal funcionario, e homoxeneizar o réxime xurídico e as condicións de traballo aplicables a este, co fin de facilitar a eficaz prestación dos servizos públicos.

En segundo lugar, a recente Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas, introduce na súa disposición adicional primeira, como novidade, o complemento persoal de mantemento das retribucións en concepto de antigüidade para o persoal laboral fixo procedente das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia, mediante o procedemento establecido no Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable a persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción. A través desta modificación, o persoal que, en virtude do seu convenio colectivo de orixe, perciba en concepto de antigüidade unhas cantidades superiores ás establecidas polo mesmo concepto no Convenio colectivo único, terá dereito a un complemento adicional e independente do complemento persoal de integración establecido na disposición transitoria primeira do devandito Decreto 129/2012, do 31 de maio. Este complemento consistirá na diferenza positiva entre a cantidade percibida por antigüidade no momento anterior a esta integración e a cantidade resultante de aplicar o establecido no número 5 do artigo 12 do devandito decreto e, manténdose coa mesma contía independentemente das variacións nos restantes conceptos retributivos, incluso no caso da funcionarización deste persoal laboral integrado.

Ademais detectáronse erros no anexo I-B da mencionada Orde do 25 de marzo de 2015 que afectan tanto o número como a denominación de postos que se van adxudicar clasificados por grupos profesionais, aspectos que lles impiden ás persoas incluídas nas categorías afectadas ter un coñecemento real das súas condicións de integración.

Por todo o anterior, cómpre modificar a referida Orde do 25 de marzo de 2015 coa seguinte finalidade:

a) Corrixir o número e a denominación dos postos relacionados no anexo I-B.

b) Dotar dunha maior seguridade xurídica o procedemento de integración, abrir un novo prazo para que o persoal poida desistir da súa solicitude de integración, dado que desde a publicación da orde de inicio do procedemento se introduciron modificacións nas relacións xurídico-laborais do persoal afectado pola integración a través do Decreto 165/2019, do 26 de decembro, e da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, que o persoal que presentara solicitudes de integración no puido ter en conta no seu momento.

c) Posibilitar a continuación do procedemento iniciado coas solicitudes presentadas ao abeiro da Orde do 25 de marzo de 2015.

Por todo iso, en virtude das competencias conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia; polo Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción, e logo de negociación coas organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Empregados Públicos,

ACORDO:

Artigo único. Modificación da Orde do 25 de marzo de 2015 pola que se inicia o procedemento de integración como persoal laboral da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo da extinta Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos, adscrito á entidade pública empresarial Augas de Galicia

O anexo I-B da Orde do 25 de marzo de 2015 pola que se inicia o procedemento de integración como persoal laboral da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo da extinta Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos, adscrito á entidade pública empresarial Augas de Galicia, queda redactado como segue:

ANEXO I-B

Relación de postos para adxudicar

Nº de postos

Denominación do posto

Grupo profesional

20

Titulado/a superior

I

7

Titulado/a grao medio

II

2

Delineante de 1ª

III

8

Administrativo/a

III

2

Condutor/a

IV

8

Auxiliar administrativo/a

IV

Disposición adicional única. Desistencia do persoal que presentara a solicitude de integración no prazo (código de procedemento AP203A)

1. O persoal laboral fixo da extinta Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos, adscrito á entidade pública empresarial Augas de Galicia, que presentara a solicitude de integración dentro do prazo habilitado pola Orde do 25 de marzo de 2015 xunto coa documentación enumerada no artigo 2.3 da devandita orde, poderá desistir desa solicitude dentro do prazo de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, sen prexuízo da posibilidade de desistir en calquera momento do procedemento anterior a se ter ditada a resolución expresa, de conformidade do disposto no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A desistencia producirá a terminación do procedemento iniciado ao abeiro da Orde do 25 de marzo de 2015.

2. O non exercicio do dereito a que se fai referencia no punto primeiro desta disposición permitirá a continuación do procedemento iniciado coa solicitude presentada ao abeiro da Orde do 25 de marzo de 2015.

3. As solicitudes de desistencia deberán dirixirse á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, segundo o modelo de instancia que se xunta no anexo I, e deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
https://sede. xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que for realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2022

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública

ANEXO

Desistencia da solicitude de integración como persoal laboral fixo
da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo do ente público
empresarial Augas de Galicia

Datos persoais:

Apelidos e nome:

NIF:

Enderezo:

Localidade:

Provincia:

Teléfono:

Grupo e categoría de integración:

....................................................…. (nome e apelidos) DESISTE da solicitude de integración como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, presentada con data do ................................, ao abeiro da Orde do 25 de marzo de 2015 (DOG nº 65, do 8 de abril).

....................., ................ de ............................. de ...............

Sinatura

Secretaría Xeral Técnica

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade