Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Venres, 2 de setembro de 2022 Páx. 47125

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 1 de setembro de 2022 pola que se establecen os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais nos centros dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar durante a folga convocada pola Confederación Nacional do Traballo (CNT) que comeza o día 5 de setembro de 2022.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga. O exercicio deste dereito queda condicionado ao mantemento dos servizos esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño). O artigo 3 deste decreto faculta as persoas titulares das consellerías competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para a fixación do persoal preciso para a súa prestación, oído o Comité de Folga.

A Confederación Nacional do Traballo (CNT) comunicou a convocatoria de folga no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (en diante, o Consorcio), indicando que a folga convocada terá lugar en xornadas de 24 horas, comezará ás 00.00 horas e rematará ás 24.00 horas de cada día de folga. Os días de folga serán os seguintes: 5, 6, 7, 8, 9, 10, 11, 12, 13, 14, 15 e 16 de setembro, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 9, 10, 11, 12, 13 e 14 de outubro, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 9, 10 e 11 de novembro e 12, 13, 14, 15, 16, 17, 18, 19, 20, 21, 22 e 23 de decembro de 2022.

Así pois, a necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obrigan esta Administración autonómica galega, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais que se concretan nesta orde.

Preténdense dar a coñecer máis xustificadamente, se cabe, os criterios en virtude dos cales se procedeu a identificar os servizos mínimos como esenciais e a determinar os efectivos necesarios para aseguralos á luz da presente convocatoria de folga. Todo isto observando a necesaria proporción entre o sacrificio para o dereito dos traballadores e os bens e intereses que se teñen que salvagardar.

Neste sentido, cómpre ter en conta que a especial necesidade de protección das persoas usuarias dos centros xestionados polo Consorcio –en particular, as persoas maiores en situación de dependencia e os nenos e nenas de 0-3 anos– fai necesaria a fixación duns servizos mínimos que permitan, cando menos, a apertura dos centros nunhas condicións que posibiliten a prestación duns servizos que, non sendo os ordinarios, fagan posible unha atención adecuada ás persoas usuarias destes servizos públicos.

Para a determinación dos servizos mínimos nos centros da Área de Benestar do Consorcio tivéronse en conta os seguintes criterios:

1. A actual evolución do contexto epidemiolóxico, sanitario e de saúde pública, que mantén a obriga de aplicar uns procedementos extraordinarios de traballo, recollidos na Resolución do 17 de setembro de 2020, conxunta da Consellería de Sanidade e de Política Social, pola que se aproban as medidas específicas que deberán adoptarse nos centros residenciais sociosanitarios en relación co réxime de visitas, saídas, outros aspectos organizativos e as medidas específicas para os centros de atención diúrna, no contexto da situación epidemiolóxica relacionada coa infección ocasionada polo virus SARS-COV-2 (COVID-19), e no protocolo conxunto da Consellería da Sanidade e da Consellería de Política Social para o manexo da crise sanitaria provocada polo virus SARS COV-2 (COVID-19) nas residencias de maiores e noutros centros sociosanitarios, na súa versión actualizada o 13 de abril de 2022.

2. A consideración dos recursos residenciais para maiores dependentes como centros destinados á vivenda permanente e común nos cales se presta unha asistencia integral e continuada ás persoas maiores con perda da súa autonomía física ou psíquica e en situación de dependencia ou en grave risco de padecela.

3. A consideración dos centros de día como equipamentos destinados á atención diúrna de persoas maiores con perda da súa autonomía física ou psíquica e en situación de dependencia ou en grave risco de padecela que, residindo nos seus propios fogares, precisan dunha serie de coidados e atencións de carácter persoal, terapéutico ou social.

4. A necesidade de manter a continuidade e estabilidade na asistencia terapéutica dos residentes e usuarios deste tipo de centros en favor do seu beneficio físico e psíquico, co obxectivo de alongar o máximo tempo posible o mantemento de capacidades necesarias para a realización das actividades da vida diaria, minorando o ritmo da súa deterioración física e cognitiva. Así pois, para a elaboración, a execución e o seguimento dos programas terapéuticos dirixidos aos maiores dependentes, é fundamental o traballo de diferentes técnicos especializados no traballo con persoas deste perfil, técnicos que forman parte do persoal dos centros do Consorcio.

5. A consideración de centros de atención continuada, tanto os de atención diúrna como os residenciais, que non interrompen a súa actividade en ningunha época do ano. Tanto é así que foron a declaración da pandemia provocada pola COVID-19 e o consecuente Decreto de estado de alarma os causantes do primeiro peche (entre o 13 de marzo e o 15 de xullo de 2020) producido desde a súa apertura nos centros de día do Consorcio. Débese engadir neste sentido, a todo o anteriormente exposto, que se trata de centros que constitúen un instrumento de conciliación imprescindible para as familias das persoas usuarias.

6. Evitar unha importante deterioración na evolución terapéutica dos usuarios e residentes, motivada por unha parada prolongada, diferente a anteriores convocatorias puntuais de folga circunscritas a unha soa xornada, nun momento decisivo en que se está a recuperar a desexada estabilidade física, psíquica e emocional de usuarios e residentes, tras o longo período de incertezas derivadas da situación pospandémica. Esta fatal experiencia que se viviu nos centros por mor da pandemia ocasionada pola COVID-19 deu boa conta da deterioración que sofren os maiores dependentes cando se ven interrompidas unhas terapias de grande importancia para a súa estabilidade e o seu benestar físico, psíquico e emocional.

7. A necesidade da presenza efectiva que garanta o funcionamento dos centros, nas condicións descritas, tendo como referencia o seguinte:

– Para os centros asistenciais de atención residencial establécense como servizos mínimos:

a) Días laborables de luns a venres:

Persoal xerocultor e persoal de servicios xerais (PSX): nestas categorías profesionais, o número de efectivos presentes de luns a venres serán os mesmos ca os que ordinariamente traballan as fins de semana. Estes son os días en que a prestación de servizos e a realización de actividades acada os seus niveis mínimos, limitándose ao mantemento básico e esencial dos centros, o cal non pode ser desatendido.

Persoal técnico: o número de efectivos de luns a venres será dun/dunha profesional en xornada completa por cada un dos centros. Deste modo garantirase o mínimo seguimento das terapias necesarias para manter a continuidade e estabilidade das terapias programadas coas persoas usuarias.

Un/unha destes/as profesionais asumirá entre as súas funcións a de responsable COVID do centro.

b) Fins de semana e festivos:

O número de efectivos presentes as fins de semana e festivos serán, en número e categoría profesional, os mesmos que ordinariamente figuran nas carteleiras de traballo. Estes son os días en que a prestación de servizos e a realización de actividades acada os seus niveis mínimos, limitándose ao mantemento básico e esencial dos centros, o cal non pode ser desatendido.

Un/unha destes/as profesionais asumirá entre as súas funcións a de responsable COVID do centro.

– Para os centros asistenciais de atención diúrna establécense como servizos mínimos:

O persoal mínimo de atención directa (persoal técnico e xerocultor) necesario para a súa apertura e prestación mínima do servizo que garanta unha atención adecuada ás persoas usuarias destes centros. En consecuencia, proponse o mantemento da ratio mínima disposta na Orde do 18 de abril de 1996 pola que se desenvolve o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, no relativo á regulación das condicións e requisitos específicos que deben cumprir os centros de atención a persoas maiores, que establece unha ratio mínima de persoal de atención directa en réxime de xornada completa en 0,10 profesionais por usuario, cun mínimo de 2. En favor do mantemento de diversas terapias, un destes profesionais de atención directa será un técnico. Cabe sinalar que a ratio propia dos centros de día do Consorcio excede sensiblemente a anteriormente mencionada como mínima legalmente exixida.

– Canto ao persoal de servizos xerais, un/unha profesional por centro que manteña, en cumprimento das súas funcións, a limpeza puntual necesaria para garantir o correcto nivel de hixiene e salubridade dos diferentes espazos destinados a maiores dependentes, tendo en conta que se mantén a vixencia dos protocolos de limpeza implementados por mor da pandemia orixinada pola COVID-19.

Un/unha destes/as profesionais asumirá entre as súas funcións a de responsable COVID do centro.

– Para as vivendas comunitarias establécense como servizos mínimos:

Co fin de cumprir coa Orde do 12 de xaneiro de 2021 pola que se regula a presentación e a comunicación das reclamacións en materia de servizos sociais, que exixe atención presencial as 24 horas do día, establécense como servizos mínimos: 1 traballador/a en quenda de mañá, 1 traballador/a en quenda de tarde, 1 traballador/a en quenda de noite. Un/unha destes/as profesionais asumirá entre as súas funcións a de responsable COVID do centro.

– No Centro de Emerxencia para Mulleres Vítima de Violencia de Xénero, ao tratarse dun centro de carácter residencial, establécense como servizos mínimos o número de efectivos presentes nun día festivo e a prestación limitarase ao mantemento básico e esencial do centro, o cal non pode ser desatendido.

– Na fixación dos servizos mínimos na Área de Escolas Infantís tívose en conta que:

1. A rede de escolas infantís do Consorcio, para o vindeiro curso, constará de 147 centros implantados tanto nos ámbitos rurais como urbanos. O número de prazas ocupadas en setembro rolda ás 6.500 que, con toda probabilidade, se incrementarán nunhas 500 novas matriculacións no mes de outubro como consecuencia do proceso extraordinario de baremación do mes de setembro. Polo tanto, temos a necesidade de prestar servizos a uns 13.000 pais/nais traballadores, considerando as escolas infantís como un instrumento imprescindible para a necesaria conciliación da vida laboral e familiar.

Polo tanto, o servizo de escola infantil é esencial para que moitas familias poidan conciliar a súa vida persoal e laboral sen ter que deixar os/as seus/súas fillos/as a cargo da rede familiar ou social de apoio que, na maior parte das ocasións, está constituída por persoas maiores de especial vulnerabilidade. A non prestación dun servizo como o das escolas infantís pode ocasionar nefastas consecuencias laborais e mesmo económicas para as familias, nun momento en que na meirande parte das ocasións non hai oco nin posibilidade para o teletraballo nas empresas no ámbito privado, e cando a inestabilidade laboral e o risco de perda de emprego poida supoñer un verdadeiro problema para as familias.

2. Ademais do anterior, e non menos importante, está o papel que a escola infantil desempeña máis aló da perspectiva dun servizo de conciliación, que en realidade é a esencia, a finalidade e o obxectivo desta etapa educativa: o coidado, a educación e o correcto desenvolvemento dos nenos e das nenas nesta etapa fundamental. Non hai que esquecer que na rede pública dáse entrada, a través dos baremos oficiais publicados, principalmente aos usuarios máis desfavorecidos, comezando por nenos en situación de emerxencia social e mesmo de familias en risco de exclusión, e outros moitos con baixos ingresos económicos. Unha das principais razóns de ser da escola infantil é dar acubillo, sostén e amparo principalmente a eses nenos e nenas e a aqueloutros con necesidades de atención específica (NEAE), que precisan dunha estimulación temperá en colaboración cos equipos de Atención Temperá das Consellerías de Sanidade e de Política Social. Neste sentido, as escolas infantís do Consorcio desde sempre serviron de rede de protección para moitos menores que, de non estar baixo a súa supervisión, vivirían situacións que pasarían desapercibidas polo sistema público que ten a obriga de protexer estes menores, sendo deste xeito, ademais de centros de educación e ensinanza das primeiras etapas da vida, centros de sostén e apoio a nenos con familias máis desfavorecidas, primeiramente nun sentido económico pero tamén canto a recursos e formación dos propios pais e nais, aos cales se acompaña no proceso da crianza dos seus fillos.

Esta función da escola infantil adquiriu unha relevancia especial desde a crise económica e social ocasionada pola COVID-19, xa que, dentro do contexto da pandemia, as situacións de desemprego e outras circunstancias derivadas dela non fixeron máis ca acrecentar as diferenzas, desigualdades e situacións límite para moitos menores para os cales a escola se converte no garante, moitas veces, dunha alimentación e de coidados básicos imprescindibles. Abondan os documentos e estudos en que se fai referencia á etapa da educación infantil como decisiva na formación de adultos máis competentes de modo xeral e, de xeito particular, daqueles onde se pon o acento precisamente na situación actual derivada da COVID-19 e da crise económica, sanitaria e social que implica, así como ao impacto negativo do peche dos centros en canto á saúde e ao benestar dos nenos e das nenas (UNESCO, Unicef, OMS, ONU, ECDC, Asociación Española de Pediatría, Save de Children e diversas ONG). Todos eles coinciden en que, ademais do impacto emocional e social, os centros educativos posibilitan a oferta doutros recursos que permiten cubrir necesidades de alimentación e apoio social, especialmente importantes nun momento de crise socioeconómica e de aumento de situacións de estrés no fogar (aumento de desemprego, problemas económicos, violencia intrafamiliar, estrés emocional pola COVID-19, etc).

3. Por outra banda, a situación de pandemia actual obriga a aplicar uns procedementos extraordinarios de traballo destinados a minimizar a carga viral dos centros que, no caso das escolas infantís 0-3, é moito máis completa que para outros ciclos superiores, posto que, ademais da actividade lectiva, esta compleméntase coa cobertura dunha serie de necesidades básicas como durmir ou xantar, ademais doutras afectivas. Os coidados dun lactante ou dun neno ou nena de 0-3 anos, tanto no fogar como na escola, precisa do estreito contacto humano e dun vencello afectivo que facilite o crecemento físico e emocional dos máis cativos.

Malia a evolución actual da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19, na cal se relaxaron en gran parte as medidas de prevención, segue a ser aconsellable manter os grupos estables de convivencia, especialmente nos momentos de comedor. Estes grupos manteranse como unidades de referencia, así como o establecemento dunha planificación para o mantemento da actividade presencial das escolas infantís de 0 a 3 anos, adoptando unha serie de medidas de carácter preventivo que teñen por obxecto a protección de todas as persoas usuarias dos centros e a do resto de persoas integrantes dos equipos técnicos e demais persoal traballador propio ou externo.

4. É preciso falar do comezo de curso nun contexto de pandemia e cunha folga convocada durante longos períodos de tempo. Do período de familiarización e adaptación, trátase dun momento especialmente delicado para bebés tan pequenos que precisan dun proceso lento e personalizado, adaptado ás necesidades de cada un dos nenos e das nenas da rede, segundo a súa evolución ao longo do primeiro mes, para os usuarios matriculados no proceso de baremación ordinario do pasado mes de marzo que iniciarían o curso o vindeiro setembro, e para aqueloutros que se matriculen despois do proceso extraordinario do mes de setembro, que iniciarían o curso no mes de outubro.

Estamos ante un período especialmente complexo e delicado nas escolas de 0-3 anos, onde o persoal de referencia dos máis cativos debe estreitar lazos de afectividade e confianza entre neno-adulto que marcarán os máis pequenos para o resto do curso. De aí a importancia de contar coa presencia dos proxenitores nas aulas nos momentos de adaptación e polo menos cun titor (mestre/a-educador/a) de referencia. É importante consolar os bebés e os/as nenos/as que estean tristes ou ansiosos, polo que o período de adaptación non é unha cuestión menor, senón que marcará o devir da vida escolar do neno ou da nena no centro para o resto do curso. Se á curta idade dos nosos usuarios engadísemos unha carencia de profesorado que implicase a non prestación do servizo garantindo os mínimos que permitan que os/as nenos/as poidan acudir a diario ao seu centro, sen perder a súa referencia, a realidade é que estes/as nenos/as estarían en permanente proceso de adaptación, ou mellor dito, de «inadaptación», que sen dúbida redundaría nun sufrimento emocional, na falta de afectividade e de xeración de vínculos afectivos que fomenten un crecemento e benestar emocional axeitado.

Manexar este momento de adaptación, probablemente o máis complexo de todo o curso, aínda nun contexto de pandemia, sen dúbida comportará un esforzo organizativo maior, o que significa unha maior responsabilidade e capacidade organizativa, non só dos responsables COVID dos centros senón tamén do conxunto dos equipos das escolas infantís, posto que teñen que velar por que ese proceso se poida levar a cabo nun contexto sanitario seguro. Ademais, hai que ter en conta que a participación das familias nos procesos de adaptación implica tamén o coñecemento por parte de pais e nais da normativa do centro, así como os protocolos e as recomendacións das autoridades sanitarias, tendo en conta que hai moitos nenos e nenas de nova incorporación cuxos proxenitores descoñecen as normas a seguir dentro da escola e o persoal, aínda que debe coidar principalmente dos nenos, non debe esquecer o control e as pautas para darlles ás familias presentes durante os períodos de familiarización.

5. Hai que ter en conta que o primeiro período de folga convocado do 5 ao 16 de setembro afecta desde o primeiro día do curso escolar e durante o período de dúas semanas consecutivas que coinciden co período inicial da adaptación dos/das nenos/as. Si non se establecen uns servizos mínimos que garantan unha persoa de referencia por aula, impediríase que as familias poidan levar os/as nenos/as ao centro ata o 19 de setembro, atrasando de facto o inicio do curso escolar e o dereito á conciliación das familias para o conxunto dos usuarios e, particularmente, para os/as nenos/as de nova incorporación aos que normalmente a adaptación lles supón períodos comprendidos entre 15 días e 1 mes.

Deste xeito, e dentro do primeiro cuadrimestre do curso, os seguintes períodos convocados de folga estarían cortando de forma reiterada cada 2 semanas os 3 primeiros meses do curso escolar. Así mesmo, no mes de decembro, ao no seren lectivos os días 9 e 26, segundo o calendario escolar das escolas infantís dependentes do Consorcio publicado no DOG número 52, do 16.3.2022, sumados aos días de convocatoria de folga entre o 12 e o 23, resultarían na práctica un total de 8 días de actividade normalizada no centro. Polo que sería un mes de case total desvinculación dos/das nenos/as co persoal de referencia do centro.

6. Dentro do contexto normativo das escolas infantís en Galicia, cómpre ter en consideración o que dispón o Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, relativo ás ratios de persoal das escolas infantís 0-3, que no artigo 27.2 establece que a proporción de persoal cualificado con que deberán contar os centros é dun número igual ao de unidades en funcionamento máis un.

7. Por outra banda, a situación xerada pola pandemia obriga á adopción de medidas extraordinarias referidas á hixiene, limpeza e desinfección máis frecuente dos espazos de uso común, equipamento e utensilios, e dos elementos máis comunmente usados ou tocados, coa utilización de desinfectantes como lixivia diluída ou calquera outro desinfectante virucida autorizado polo Ministerio de Sanidade, entre outras cuestións, lavado frecuente e esterilización diaria de chupetes e biberóns, lavado de sabas dos berces e camiñas empillables preferiblemente a diario e á temperatura adecuada, entre 60º e 90º, igual que na desinfección de camas, etc. Todas estas funcións e moitas outras son competencia do persoal de servizos xerais, o que fai imprescindible a presenza dunha persoa de servizos xerais (PXS) por seren estas as competencias deste posto de traballo e así permitir a organización das entradas e saídas dos/das nenos/as nos centros e a debida desinfección de superficies e utensilios.

8. En consecuencia, os servizos mínimos que se propoñen para todas as escolas da rede serán de dúas persoas traballadoras de persoal de atención directa aos nenos/as, que garantan a apertura e o peche dos centros ao longo da xornada. Nas escolas de dúas ou máis unidades abertas haberá ademais unha persoa de atención directa por cada unha das unidades que teña a escola en funcionamento a partir da hora prevista en que en cada escola se constitúa cada un dos grupos estables de convivencia, e un/unha PSX. Unha das persoas de atención directa asumirá entre as súas funcións a de responsable COVID no centro durante a xornada de folga.

– Para os restantes centros de traballo do Consorcio proponse a fixación como servizo mínimo dun/dunha traballador/a na súa quenda habitual para garantir a apertura e o peche dos centros de traballo e, no caso dos servizos centrais do Consorcio, tendo en conta que é a este a quen se limita o ámbito da folga, un/unha auxiliar administrativo/a do Departamento de Persoal para os efectos da tramitación dos datos de seguimento desta.

En consecuencia, por proposta da Xerencia do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, oído o Comité de Folga e en virtude das facultades que me confire o artigo 3 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

A convocatoria de folga realizada pola Confederación Nacional do Traballo (CNT) que afecta o persoal que presta servizos no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen no anexo.

Artigo 2. Designación dos efectivos

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, e que deberá recaer nos/nas profesionais de xeito rotatorio, será determinada polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Artigo 3. Salvagarda dos dereitos

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación nin tampouco sobre a tramitación e os efectos das peticións que a motiven.

Disposición derradeira única. Efectos da orde

Esta orde producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2022

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude

ANEXO

Para as xornadas de folga a que fai referencia esta orde terán a consideración de servizos mínimos a xornada completa os que se relacionan a seguir:

1. Nos centros de atención ás persoas maiores:

a) Centros residenciais:

– Vivenda comunitaria de Vilasantar.

1 traballador/a en quenda de mañá, 1 traballador/a en quenda de tarde e 1 traballador/a en quenda de noite.

– Vivenda comunitaria da Pontenova.

1 traballador/a en quenda de mañá, 1 traballador/a en quenda de tarde e 1 traballador/a en quenda de noite.

– Vivenda comunitaria de Riotorto.

1 traballador/a en quenda de mañá, 1 traballador/a en quenda de tarde e 1 traballador/a en quenda de noite.

– Vivenda comunitaria/Centro de Día de Vilar de Santos.

1 traballador/a en quenda de mañá, 1 traballador/a en quenda de tarde e 1 traballador/a en quenda de noite.

Laborables de luns a venres:

Engádese ao anterior: 1 técnico/a, 1 xerocultor/a e 1 PSX.

– Fogar residencial/Centro de Día de Taboadela.

Fin de semana e festivos:

3 xerocultores/as en quenda de mañá.

2 xerocultores/as en quenda de tarde.

1 xerocultor/a en quenda de noite.

1 PSX en quenda de mañá.

1 PSX en quenda de tarde.

Laborables de luns a venres:

Engádese ao anterior: 1 técnico/a e 1 xerocultor/a.

– Fogar residencial/Centro de Día de Cerdedo.

Fin de semana e festivos:

2 xerocultores/as en quenda de mañá.

2 xerocultores/as en quenda de tarde.

1 xerocultor/a en quenda de noite.

1 PSX en quenda de maña.

1 PSX en quenda de tarde.

Laborables de luns a venres:

Engádese ao anterior: 1 técnico/a e 1 xerocultor/a.

– Fogar residencial/Centro de Día de Cerceda.

Fin de semana e festivos:

3 xerocultores/as en quenda de mañá.

2 xerocultores/as en quenda de tarde.

1 xerocultor/a en quenda de noite.

1 PSX en quenda de mañá.

1 PSX en quenda de tarde.

Laborables de luns a venres:

Engádese ao anterior: 1 técnico/a e 2 xerocultores/as.

– Minirresidencia/vivenda comunitaria/Centro de Día de Melide.

Fin de semana e festivos:

5 xerocultores/as en quenda de mañá.

3 xerocultores/as en quenda de tarde.

2 xerocultores/as en quenda de noite.

3 PSX en quenda de mañá.

2 PSX en quenda de tarde.

Laborables de luns a venres:

Engádese ao anterior: 1 técnico/a e 2 xerocultores/as.

– Residencia/Centro de Día de Ortigueira.

Fin de semana e festivos:

5 xerocultores/as en quenda de mañá.

4 xerocultores/as en quenda de tarde.

2 xerocultores/as en quenda de noite.

2 PSX en quenda de mañá.

2 PSX en quenda de tarde.

Laborables de luns a venres:

Engádese ao anterior: 1 técnico/a e 1 xerocultor/a.

b) Centros de día:

Provincia da Coruña:

Centro de Día de Boiro: 1 técnico/a, 4 xerocultores/as e 1 PSX.

Centro de Día de Cabana de Bergantiños: 1 técnico/a, 2 xerocultores/as e 1 PSX.

Centro de Día de Dodro: 1 técnico/a, 4 xerocultores/as e 1 PSX.

Centro de Día de Muros: 1 técnico/a, 3 xerocultores/as e 1 PSX.

Centro de Día de Outes: 1 técnico/a, 3 xerocultores/as e 1 PSX.

Centro de Día de Sada: 1 técnico/a, 3 xerocultores/as e 1 PSX.

Provincia de Lugo:

Centro de Día de Abadín: 1 técnico/a, 4 xerocultores/as e 1 PSX.

Centro de Día de Chantada: 1 técnico/a, 4 xerocultores/as e 1 PSX.

Centro de Día de Monforte de Lemos: 1 técnico/a, 2 xerocultores/as e 1 PSX.

Centro de Día do Corgo: 1 técnico/a, 2 xerocultores/as e 1 PSX.

Centro de Día de Pantón: 1 técnico/a, 2 xerocultores/as e 1 PSX.

Centro de Día da Pobra do Brollón: 1 técnico/a, 2 xerocultores/as e 1 PSX.

Centro de Día de Ribadeo: 1 técnico/a, 2 xerocultores/as e 1 PSX.

Provincia de Ourense:

Centro de Día de Coles: 1 técnico/a, 2 xerocultores/as e 1 PSX.

Centro de Día de Oímbra: 1 técnico/a, 2 xerocultores/as e 1 PSX.

Centro de Día de Toén: 1 técnico/a, 3 xerocultores/as e 1 PSX.

Provincia de Pontevedra:

Centro de Día das Neves: 1 técnico/a, 2 xerocultores/as e 1 PSX.

Centro de Día de Ponteareas: 1 técnico/a, 2 xerocultores/as e 1 PSX.

Centro de Día de Portas: 1 técnico/a, 4 xerocultores/as e 1 PSX.

Centro de Día de Valga: 1 técnico/a, 3 xerocultores/as e 1 PSX.

Centro de Día de Vigo-Teis: 1 técnico/a, 3 xerocultores/as e 1 PSX.

2. No Centro de Emerxencia para Mulleres Vítima de Violencia de Xénero (CEMVI):

1 traballadora en quenda de mañá.

1 traballadora en quenda de tarde.

1 traballadora en quenda de noite.

3. Nas escolas infantís:

Os servizos mínimos que se propoñen para todas as escolas da rede serán de dúas persoas traballadoras de persoal de atención directa aos/ás nenos/as, que garantan a apertura e o peche dos centros ao longo da xornada. Nas escolas de dúas ou máis unidades abertas haberá ademais unha persoa de atención directa por cada unha das unidades que teña a escola en funcionamento a partir da hora prevista en que en cada escola se constitúa cada un dos grupos estables de convivencia, e un/unha PSX. Unha das persoas de atención directa asumirá entre as súas funcións a de responsable COVID no centro durante a xornada de folga.

4. Nos servizos centrais do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar:

1 auxiliar administrativo/a do Departamento de Persoal para os efectos da tramitación dos datos de seguimento da folga.

5. Nos centros de traballo do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar non incluídos nos puntos anteriores:

1 traballador/a na súa quenda habitual para garantir a apertura e o peche dos centros de traballo.