Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Mércores, 7 de setembro de 2022 Páx. 47697

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 31 de agosto de 2022 pola que se convoca un curso de formación sobre plans de autoprotección por incendios forestais.

De acordo co Convenio de colaboración entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e a Central Sindical Independente e de Funcionarios de Galicia (CSIF Galicia) para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación,

RESOLVO:

Convocar o curso que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2022

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos das persoas participantes

Poderá participar na acción formativa convocada mediante esta resolución o persoal empregado público da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que estea en servizo activo no prazo de presentación de solicitudes ou que estivese prestando servizos durante o ano 2022 en actividades principais ou auxiliares na defensa, prevención e/ou extinción de incendios forestais, tales como peóns/oas forestais, bombeiros/as forestais, condutores/as de motobomba, emisoristas e vixilantes fixos. Inclúese o persoal que teña concedido un permiso por motivos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral e reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para cada unha delas se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata o 19 de setembro de 2022.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>, desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade ou permisos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral) de acordo cos criterios de selección poderán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario, só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 53, 981 54 62 57 e 981 54 63 35, en horario de atención ao publico (das 9.00 ás 14.00 horas), e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Cuarta. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para tramitar o procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes das accións formativas necesarios para realizar o proceso, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso. Neste caso, a persoa interesada deberá indicalo incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e achegar, ademais, unha copia dos documentos a cuxa consulta se opón a través do seguinte enderezo electrónico: xestion.egap@xunta.gal

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e achegar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do seguinte enderezo electrónico: <xestion.egap@xunta.gal>.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Quinta. Criterios de selección

As persoas interesadas serán seleccionadas de acordo cos seguintes criterios:

1. Persoal da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que participe ou participase no desenvolvemento de tarefas de defensa e/ou extinción de incendios forestais, conforme o colectivo de destinatarios especificados na epígrafe correspondente.

2. A orde de inscrición na correspondente actividade formativa.

Sexta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

1. A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda.

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación, de acordo co artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Logo de transcorrer o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso. Contra esta listaxe poderase interpor recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sétima. Cambios ou substitucións na selección. A renuncia. A asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación de tres días ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

As persoas que incumpran o previsto nas letras a) e b) pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día de finalización desta actividade.

3. A asistencia:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e mais a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Oitava. Superación da actividade formativa

Para poder superar a actividade de formación, o alumnado deberá pasar unha proba de avaliación, que se realizará ao final dela.

Novena. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, quen emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Décima. Facultades da EGAP e CSIF Galicia

1. A EGAP e a CSIF Galicia poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir. Tamén lles corresponde a ambas as dúas entidades prover canto sexa necesario para a execución e cumprimento desta resolución.

2. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e a CSIF Galicia resérvanse o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso en que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e a CSIF Galicia garantirán na actividade derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV22082.

Área de coñecemento: coñecementos transversais.

Nome do curso: Plans de autoprotección por incendios forestais.

1. Obxectivos.

O persoal que participa directa e/ou indirectamente no desenvolvemento de tarefas de defensa e/ou extinción de incendios, á parte da necesaria información e formación en materia de prevención de riscos laborais que deben recibir en cumprimento daquelas obrigas legais a que están sometidas as empresas e/ou entidades en que prestan os seus servizos, require unha formación complementaria e especializada neste ámbito de intervención debido aos especiais riscos a que está sometida a referida actividade.

Neste contexto, tendo en conta o artigo 20 da lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, en colación co Real decreto 393/2007, do 23 de marzo, polo que se aproba a norma básica de autoprotección dos centros, establecementos e dependencias dedicados a actividades que poidan dar orixe a situacións de emerxencia, establécese como unha das ferramentas na loita contra incendios a preceptiva elaboración de plans de autoprotección de incendios forestais (PAIF) para determinadas instalacións ou actividades situadas en zonas de perigo catalogadas pola propia norma e que abranguen núcleos de poboación illados, así como urbanizacións, cámpings, empresas ou instalacións sitas en terreos forestais e/ou zonas de influencia forestal, entre outros.

2. Destinatarios/as.

O persoal empregado público da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que estea en servizo activo no prazo de presentación de solicitudes ou que estivese prestando servizos durante o ano 2022 en actividades principais ou auxiliares na defensa, prevención e/ou extinción de incendios forestais, tales como peóns forestais, bombeiros/as forestais, condutores/as de motobomba, emisoristas e vixilantes fixos/as, así como aquel que estea ou estivese gozando dun permiso por maternidade ou paternidade, adopción ou acollemento ou excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou familiar.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: presencial.

Duración: 16 horas.

Contido.

• Os plans de autoprotección por risco de incendio forestal (PAIF). Definición, obxecto e ámbito de actuación.

• Marco legal e marco competencial dos PAIF. Normativa estatal, autonómica e sectorial aplicable. Competencias dos diversos actores que interveñen.

• Os PAIF e a súa relación cos plans de emerxencia (PE) e os plans de actuación local.

• Contido, elaboración e redacción dun PAIF.

• Utilidade e aplicación práctica dos PAIF para os servizos de prevención e extinción de incendios.

• Simulacros, revisións e actualizacións dun PAIF.

Edicións: 7.

1. A Coruña (I): de luns a mércores, 3, 4 e 5 de outubro. Horario: das 16.00 ás 21.20 h. Lugar: avda. As Fresas de Eirís, 5, baixo, 15009 A Coruña.

Prazas: 30.

2. A Coruña (II): de luns a mércores, 17, 18 e 19 de outubro. Horario: das 9.00 ás 14.20 h. Lugar: avda. As Fresas de Eirís, 5, baixo, 15009 A Coruña.

Prazas: 30.

3. Lugo: de mércores a venres, 28, 29 e 30 de setembro. Horario: das 9.00 ás 14.20 h. Lugar: rúa Conde, 2, baixo posterior, 27003 Lugo.

Prazas: 25.

4. Ourense: de luns a mércores, 17, 18 e 19 de outubro. Horario: das 16.00 ás 21.20 h. Lugar: rúa Progreso, 141, 32003 Ourense.

Prazas: 20.

5. Pontevedra (I): de xoves a sábado, 20, 21 e 22 de outubro. Horario: das 9.00 ás 14.20 h. Lugar: rúa Marqués Riestra, 18, entresollado, 36001 Pontevedra.

Prazas: 30.

6. Pontevedra (II): de mércores a venres, 26, 27 e 28 de outubro. Horario: das 9.00 ás 14.20 h. Lugar: rúa Marqués Riestra, 18, entresollado, 36001 Pontevedra.

Prazas: 30.

7. Santiago: xoves a luns, 6, 7 e 10 de outubro. Horario: das 9.00 ás 14.20 h. Lugar: rúa Salgueiriños de Abaixo, 7, baixo, 15703 Santiago de Compostela.

Prazas: 25.