Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Xoves, 8 de setembro de 2022 Páx. 47804

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 31 de agosto de 2022 pola que se amplía o prazo de realización das accións formativas recollidas na Orde do 5 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras polas que se rexerán as accións formativas do Plan de formación no Xacobeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2021-2022, e se procede á súa primeira convocatoria para os períodos 2021 e 2022 (código de procedemento TR303B).

A Orde do 5 de agosto de 2021 (DOG núm. 162, do 24 de agosto) estableceu as bases reguladoras para o período 2021-2022 e realizou a primeira convocatoria de axudas para o financiamento das accións formativas do Plan de formación no Xacobeo na Comunidade Autónoma de Galicia dirixidas prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas e xestionadas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade (código de procedemento TR303B).

Un dos sectores especialmente afectados pola crise sobrevida a consecuencia da COVID-19, nun ano Xacobeo que debeu ser de consolidación e crecemento, foi o da hostalaría e o turismo.

A celebración cada certo número de anos dos denominados anos xacobeos incrementa o número de persoas que, por distintos motivos, deciden achegarse a Galicia e visitar a Comunidade Autónoma galega.

Neste contexto, os postos de traballo que máis demanda presentan para este verán de 2022 encóntranse nos sectores do turismo, comercio, transporte, loxística, lecer e agricultura. O sector turístico e hostaleiro é un dos sectores con máis dinamismo na época estival. Neste senso, os datos de contratos rexistrados no Servizo Público de Emprego de Galicia apuntan a un aumento no número de contratos neste sector en Galicia, nos meses de xuño e xullo de 2022, dun 21,5 % e dun 6,3 % respectivamente, aglutinando o 22 % de toda a contratación neste último mes. Do mesmo xeito, no que atinxe aos parados rexistrados neste sector, observamos unha diminución dun 4,7 % no mes de xuño de 2022 e dun 4,1 % en xullo de 2022.

Malia que as subvencións que se conceden ao abeiro do disposto na citada orde de bases reguladoras e primeira convocatoria teñen como finalidade o financiamento de programas de formación destinados prioritariamente á cualificación profesional, no ámbito sectorial da hostalaría e o turismo, das persoas traballadoras ocupadas, non se pode esquecer o feito de que na época estival o incremento da contratación e da conseguinte carga de traballo, tal e como demostran os datos obxectivos recollidos, dificulta a conciliación da xornada laboral das persoas ocupadas coas actividades de formación, o que xustifica a ampliación do prazo de realización das accións formativas a que se refire a dita orde.

Consecuentemente con todo o anterior, con vistas a favorecer a mellor e maior execución das accións formativas e o seu impacto no emprego, e en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Ampliación dos prazos de realización e de xustificación das accións formativas da primeira convocatoria

1. Modifícase o contido do artigo 46 da Orde do 5 de agosto de 2021, que queda redactado do seguinte xeito:

«As accións formativas correspondentes á presente convocatoria non poderán comezar antes do 1 de novembro de 2021, polo que non se admitirá ningunha solicitude que formule datas anteriores.

A data límite para o remate das accións formativas que se desenvolvan exclusivamente durante a anualidade 2021 será o 20 de decembro de 2021.

Para cursos que se desenvolvan durante as anualidades 2021 e 2022 ou, exclusivamente, durante a anualidade 2022, a data límite para o remate das accións formativas será o 30 de novembro de 2022.

Non poderá iniciarse ningunha acción formativa sen a validación previa, a través da aplicación informática SIFO, do cumprimento de requisitos e condicións por parte de persoal técnico da unidade administrativa competente».

2. Modifícase o contido do número 1 do artigo 47 da Orde do 5 de agosto de 2021, que queda redactado do seguinte xeito:

«1. Consonte o disposto no artigo 38 desta orde, a xustificación das accións formativas deberá realizarse dentro do prazo dun mes desde o remate da última acción formativa do programa de formación e de acordo cos seguintes límites:

a) Nas accións formativas que rematen ata o 20 de decembro de 2021, a data límite para a presentación da xustificación final dos cursos será o 30 de decembro de 2021.

b) Nas accións formativas que rematen despois do 20 de decembro de 2021, a data límite para a presentación da xustificación final dos cursos será o 15 de decembro de 2022.

No caso das accións formativas que rematen despois do 20 de decembro de 2021 deberá facerse unha xustificación parcial da actividade realizada ata o 31 de decembro de 2021.

A data límite para a presentación desta xustificación parcial dos cursos será o 31 de marzo de 2022».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2022

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade