Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Luns, 12 de setembro de 2022 Páx. 48322

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 18 de agosto de 2022 pola que se acorda a adxudicación, polo procedemento de alleamento, dun inmoble situado no concello de Tomiño.

Mediante a Orde da Consellería de Facenda e Administración Pública do 18 de maio de 2022 foi autorizado o alleamento, mediante poxa pública, dun ben inmoble situado no concello de Tomiño.

Logo de publicarse o 8 de xuño de 2022 no Diario Oficial de Galicia número 109, e nun xornal de ampla difusión (Faro de Vigo do mesmo día) o anuncio da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio de alleamento do citado inmoble, tivo lugar o día 22 de xullo de 2022 a poxa pública anunciada co que, á vista da acta da mesa de contratación, de conformidade co disposto no artigo 70 do Decreto 50/1989 polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e tras a proposta da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio,

DISPOÑO:

Primeiro. Aprobar a seguinte adxudicación:

A José Ramón Cardoso Durán, polo prezo de 68.000,00 €, o inmoble constituído por un terreo de 1.232 m2, situado no lugar da Costa, Mosteiro, concello de Tomiño. Sobre esta parcela hai unha edificación de planta baixa de 93,87 m2 de superficie, que consta dunha vivenda de 63,74 m2 de superficie e, acaroada a ela e prolongando a fachada posterior, construíuse unha ampliación de 30,13 m2, destinada a uso de almacén. Estrema: ao norte, coa estrada; ao sur, coas parcelas nº 772 e 773 do polígono 67; ao leste, coas parcelas nº 770 e 771 do polígono 67; e ao oeste coa parcela nº 767 do polígono 67. Inscrita no Rexistro da Propiedade de Tui a nome da Comunidade Autónoma de Galicia como predio nº 15.867, folio 107, tomo 1.356 do libro 290. Referencia catastral 36054A067007680000EJ.

Segundo. O pagamento do prezo de adxudicación efectuarase segundo o estipulado no artigo 70.3 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei de patrimonio.

Terceiro. A venda formalizarase como corpo certo en escritura pública, e serán por conta do adquirente os custos do seu outorgamento. Os tributos derivados da transmisión serán exixidos conforme o disposto na lexislación tributaria. Así mesmo, queda a cargo do adxudicatario o pagamento dos custos dos anuncios que se producisen neste procedemento de alleamento.

Cuarto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante esta consellería no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses.

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2022

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 15.12.2021; DOG nº 246, do 24 de decembro)
Jorge Atán Castro
Secretario xeral técnico e do Patrimonio
da Consellería de Facenda e Administración Pública