Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Venres, 16 de setembro de 2022 Páx. 48878

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 6 de setembro de 2022, da Área de Deseño de Infraestruturas, pola que se fai pública a aprobación do expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción de senda peonil no Camiño de Santiago Primitivo, na estrada LU-530, entre os puntos quilométricos 6+800 e 8+100, de clave LU/21/113.06.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade (Orde do 7 de setembro de 2017, Diario Oficial de Galicia do 20 de setembro), vistos os informes das administracións afectadas no trámite de información pública, ditou o 6 de setembro de 2022 a seguinte resolución:

«Resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción de senda peonil no Camiño de Santiago Primitivo, na estrada LU-530, entre os puntos quilométricos (pp.qq.) 6+800 e 8+100, de clave LU/21/113.06.

Antecedentes de feito:

Primeiro. O artigo 6.2 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, e o artigo 12.2 do Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia, determinan que os espazos destinados a sendas para peóns ou para a circulación de ciclistas teñan a consideración de elementos funcionais da estrada. Tendo en conta este precepto, a Xunta de Galicia elaborou a Estratexia en materia de mobilidade alternativa de Galicia, entre cuxos obxectivos está o fomento dos sistemas de transporte alternativos aos motorizados que permitan minimizar as repercusións sobre o ambiente e os seus impactos sociais e económicos.

Segundo. A actuación prevista no proxecto comprende a implantación dun itinerario peonil que mellora a seguridade viaria da estrada, mediante a separación física do tráfico de vehículos do tráfico peonil. A dita senda coincide co trazado do Camiño Primitivo-Camiño de Santiago, na marxe esquerda da estrada LU-530, e terá un largo mínimo de 4 metros, buscando en todo caso a integración do Camiño de Santiago nunhas condicións de seguridade axeitadas e cuns criterios de deseño sustentables ambiental e economicamente.

Terceiro. No Diario Oficial de Galicia número 93, do 13 de maio de 2022, publicouse o Anuncio do 2 de maio de 2022 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción de senda peonil no Camiño de Santiago Primitivo, na estrada LU-530, entre os pp.qq. 6+800 e 8+100, de clave LU/21/113.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

Cuarto. As administracións afectadas emitiron os correspondentes informes e no trámite de información pública non se formularon alegacións.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade é competente para resolver os expedientes de información pública en materia de estradas e informes das administracións afectadas, de acordo co Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Esta competencia está delegada na persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, segundo o artigo 8.1.b) da Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería (Diario Oficial de Galicia núm. 179, do 20 de setembro).

Segundo. Someteuse ao trámite de información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización da obra, durante un período de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, para os efectos previstos no artigo 56.1 do Regulamento de expropiación forzosa.

De acordo con todo o exposto e tras os informes e certificados presentados,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o expediente de información pública de senda peonil no Camiño de Santiago Primitivo, na estrada LU-530, entre os pp.qq. 6+800 e 8+100, de clave LU/21/113.06.

Segundo. Aprobar o proxecto de construción de senda peonil no Camiño de Santiago Primitivo, na estrada LU-530, entre os pp.qq 6+800 e 8+100, de clave LU/21/113.06, sen modificacións respecto do trazado sometido a información pública.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.»

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2022

Carlos Lefler Gullón
Xefe da Área de Deseño de Infraestruturas