Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Venres, 16 de setembro de 2022 Páx. 48806

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 7 de setembro de 2022 pola que se convoca o Curso superior de intervención policial en violencia de xénero, na modalidade de teleformación, dirixido ao persoal da seguridade pública de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 4.2 da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (en diante, Agasp), convócase o Curso superior de intervención policial en violencia de xénero, financiado con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (Ministerio de Igualdade), dirixido aos/ás policías locais de Galicia e demais persoal da seguridade pública que traballa nesta comunidade autónoma (Garda Civil, Policía Nacional e Unidade da Policía Autonómica), cuxas bases e características se especifican nos anexos desta resolución.

A Estrada, 7 de setembro de 2022

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO I

Bases

Primeira. Destinatarios/as

Poderán participar no curso convocado por esta resolución os/as policías locais de Galicia e demais persoal da seguridade pública que traballa nesta comunidade autónoma (Garda Civil, Policía Nacional e Unidade da Policía Autonómica) que estean en situación de servizo activo ou excedencia por coidado de familiares.

A baixa laboral por incapacidade temporal impide a participación nas accións formativas convocadas, polo que de producirse esta situación, as persoas interesadas deberán comunicarllo á Agasp de maneira inmediata. No caso de non facelo, serán penalizados coa non participación en accións formativas da Agasp durante un ano, contado desde o día seguinte a aquel en que se teña coñecemento do feito, e no caso de estar a realizar efectivamente un curso, non se emitirá o correspondente diploma.

Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal cando esta se producise por accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na recuperación.

Se as solicitudes para participar nun curso non superan as 10 persoas, a Agasp reserva para si a facultade de anular a actividade formativa.

Segunda. Solicitudes

a) O persoal que desexe participar neste curso convocado deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (htpp://agasp.xunta.gal), sen que se admita outra forma ou modelo de solicitude.

b) É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non seren correctos ou exactos os devanditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

c) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas solicitantes implicará a exclusión automática do curso solicitado, así como a imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano, computado desde o momento en que se detecte o feito.

d) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, non se axusten ao formulario de solicitude ou sexan presentadas fóra de prazo.

e) As persoas solicitantes deberán dispor dun equipamento informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un ordenador ou un teléfono móbil con conexión á internet.

– Calquera navegador web actualizado.

– A conta de correo electrónico especificada na solicitude.

– Un micrófono.

– Unha cámara web, no caso de conectarse desde un ordenador fixo ou pórtatil.

f) O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata o 27 de setembro de 2022. Os formularios poderán ser obtidos e cubertos desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización.

Terceira. Criterios de selección do alumnado participante

1. En primeiro lugar, terán prioridade aquelas persoas que estean traballando directamente nun servizo de protección/atención e intervención con mulleres vítimas de violencia de xénero (sistema Vioxen).

2. A continuación do primeiro criterio de prioridade de especialidade laboral establécense os seguintes criterios:

a) Menor número de cursos realizados polo/a alumno/a solicitante nos últimos dous anos, segundo conste nas bases de datos da Academia, e non ter feito con anterioridade o curso que se convoca.

b) A igual número de cursos, terá preferencia o alumnado que leve máis tempo sen participar nas actividades da Academia.

c) Antigüidade.

Reservarase o 50 % das prazas para as mulleres solicitantes que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. De non existiren suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentarán as da quenda xeral.

Cuarta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

1. A Agasp publicará no enderezo <https://agasp.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación, de acordo co establecido no artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda.

2. Transcorrido o prazo de alegacións, a Agasp publicará no enderezo <https://agasp.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas en cada curso. Contra esta listaxe poderase interpor recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto nos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Quinta. Carga lectiva

O curso estará composto por seis actividades formativas consecutivas:

1. Conceptualización da violencia de xénero: 15 horas.

2. Primeira actuación policial ante un suposto de violencia de xénero: 15 horas.

3. Actuación coas vítimas de violencia de xénero: 15 horas.

4. Intervención co maltratador: 15 horas.

5. Intervención diferida en violencia de xénero dixital: 15 horas.

6. A orde de protección: 25 horas.

A carga lectiva total de todo o itinerario formativo será de 100 horas.

Sexta. Metodoloxía e recursos didácticos

O deseño deste curso superior que se realizará na modalidade en liña facilita a participación do alumnado, compatibilizando o curso coa súa actividade profesional.

A acción formativa configúrase cun itinerario completo, formado por 6 cursos con contidos complementarios. Para avanzar no itinerario é necesario realizar e superar o curso anterior.

Cada curso está composto por varios módulos e cada módulo contén:

• Uns contidos que se constitúen como o temario para avaliar no exercicio tipo test que se realizará ao finalizar cada curso.

• Unha actividade, que tamén será obrigatorio realizar e superar.

• Un material complementario, que pode ser documentación de consulta, ligazóns a vídeos ou outro material, pero que non será avaliable nin se preguntará sobre este no test.

As clases na modalidade de telepresenza son obrigatorias e figurarán no calendario de actividades desde o comezo do curso. Nestas clases é obrigatorio o uso do micrófono e da imaxe (é decir, o/a docente ten que ver todo o alumnado e este ten que participar se así e requirido).

Sétima. Programa

– Curso 1. Conceptualización da violencia de xénero (15 horas):

Módulo I. Entendendo o fenómeno da violencia de xénero (10 horas).

• A igualdade efectiva de mulleres e homes.

• Principios básicos da igualdade.

• A dinámica da violencia de xénero.

• Tipos de violencia de xénero.

• Factores de risco para a violencia de xénero.

Módulo II. Delitos no ámbito da violencia de xénero (5 horas).

• Conceptos.

• Condutas delituosas.

• Suxeitos activos e pasivos.

• Penas accesorias.

• Agravantes.

– Curso 2. Primeira actuación policial ante un suposto de violencia de xénero (15 horas):

Módulo I. Protocolo cero (10 horas).

• Xustificación.

• Información relevante.

• Primeiras medidas.

• En ausencia de denuncia.

• Instrución 5/2021.

• Guía de actuación.

• Guía de indicadores.

Módulo II. Primeira intervención policial-asistencial (5 horas).

• Asistencia da vítima.

• Detención do autor.

• Achega de probas ou indicios.

• Comparecencia dos axentes.

• Colaboración na protección dás vítimas.

– Curso 3. Actuación coas vítimas de violencia de xénero (15 horas):

Módulo I. Interacción coas mulleres vítimas (5 horas).

• Habilidades de intervención con vítimas de violencia de xénero.

• Dificultades e aspectos para ter en conta.

• Intervención en crise.

• Entrevista coa vítima.

Módulo II. Dereitos das mulleres vítimas (5 horas).

• Nos servizos sociais.

• No momento da denuncia.

• Atención a menores.

• Acta de dereitos da vítima.

Módulo III. A protección policial das vítimas (5 horas).

• Inicio da protección.

• Contidos mínimos do atestado.

• A orde de protección.

• O camiño xudicial da denuncia.

• Breve referencia ao sistema Vioxen.

• Medidas policiais de protección.

• Plan de seguridade personalizado.

– Curso 4. Intervención co maltratador (15 horas):

Módulo I. Interacción co home maltratador (10 horas).

• Por que hai homes que maltratan?.

• Características dos agresores de parella.

• Tipoloxías de agresores de parella, características e risco.

• Habilidades de interacción co maltratador.

Módulo II. Intervención policial co maltratador (5 horas).

• O autor no sistema Viogen.

• Indicadores de risco referidos ao agresor.

• Outro instrumento de predición: a escala EPV-R.

• Cuestionario-entrevista co maltratador.

– Curso 5. Intervención diferida en violencia de xénero dixital (15 horas):

• Aproximación á violencia de xénero dixital.

• Delitos neste ámbito.

• Mención especial aos adolescentes.

• Entendendo a tecnoloxía.

• Problema probatorio e/o autoría (evidencias).

– Curso 6. A orde de protección (25 horas):

• A solicitude da orde de protección.

• A adopción da orde de protección.

• A execución da orde de protección.

Oitava. Expedición de certificado

O certificado de aptitude do alumnado que supere os cursos será expedido pola Agasp ao rematar o curso completo.

Non se expedirá certificado ningún se non se realiza o curso completo.

Como norma xeral, a certificación da acción formativa será ao finalizar todo o itinerario indicado, con todos os cursos (5) cualificados como aptos. Neste caso a certificación será pola carga lectiva total, na modalidade en liña, e con aproveitamento.

Logo de petición expresa e motivada do/da alumno/a interesado/a, poderase valorar e estimar a validación dalgún dos cursos impartidos pola Agasp (non por outras entidades), sempre que non transcorresen máis de 5 anos desde a finalización do curso e teñan unha carga lectiva igual ou maior de 15 horas, pero esa validación farase para os efectos de evitar duplicar unha formación xa impartida, non se certificará a realización deste curso completo.

Así, as validacións serán:

Curso realizado (últimos 5 anos)

Curso para validar do itinerario actual 2022

Primeira intervención policial en violencia de xénero

Curso 2º

Protección integral da muller vítima de violencia de xénero

Curso 2º

Intervención co home maltratador

Curso 4º

A orde de protección

Curso 5º

Novena. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

Décima. Facultades da Agasp

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal das actividades para adaptalas ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir os cursos, ampliar novas edicións ou suspendelos temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.