Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Venres, 23 de setembro de 2022 Páx. 49505

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

EXTRACTO da Orde do 12 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as axudas destinadas a persoas tituladas universitarias en situación de desemprego para a matrícula nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2022/23 (código de procedemento ED421A).

BDNS (Identif.): 648822.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Persoas desempregadas con titulación universitaria matriculadas no curso 2022/23 nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia.

Segundo. Obxecto

Convocar, en réxime de concorrencia competitiva, axudas destinadas a financiar os gastos derivados da matrícula nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Orzamento e contía das axudas

O importe global previsto na orde é de 120.000,00 euros.

A contía da axuda cubrirá o importe das materias matriculadas por primeira vez, ata un máximo de 60 créditos do máster universitario oficial segundo os prezos públicos establecidos no anexo do Decreto 121/2022, do 23 de xuño, polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos nas universidades publicas do Sistema universitario de Galicia para o curso académico 2022/23 (DOG núm. 128, do 6 de xullo).

Para os incluídos nos números 2 e 3 do anexo do decreto, a contía máxima asignada será de 835,80 euros para os da epígrafe A) e de 591,00 euros para os da epígrafe B).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022; DOG núm. 151, do 9 de agosto)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades