Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Venres, 23 de setembro de 2022 Páx. 49482

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 9 de setembro de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

Conforme o establecido no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, modificado pola Lei orgánica 1/2000, do 7 de xaneiro, esta dirección xeral dispón a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2022

Blanca García-Señoráns Álvarez
Directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

ANEXO

Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas

A Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia adoptou o seguinte acordo:

I. De conformidade coas negociacións previas levadas a cabo polo grupo de traballo constituído en cumprimento do previsto no acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral da Estado-Comunidade Autónoma de Galicia para o estudo e a proposta de solución das discrepancias competenciais manifestadas en relación cos artigos 14, 21, 22, 24, 25, 26, 39 e a disposición adicional segunda da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, ambas as partes considéranas solucionadas nos seguintes termos:

1. En relación co artigo 39, punto terceiro, polo que se engade a disposición adicional sexta na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, ambas as partes acordan que a Comunidade Autónoma de Galicia promoverá unha modificación lexislativa desta, de forma que quede co seguinte teor literal:

«Disposición adicional sexta. Planificación de novas solicitudes de parques eólicos

1. Atendendo ao número de proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos que desborda a prevista no Plan sectorial eólico de Galicia, e co obxecto de procurar unha ordenación racional desde a perspectiva das competencias galegas en relación coa ordenación do territorio, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos.

Esta disposición non impedirá a modificación dos proxectos xa admitidos a trámite.

2. Exceptúanse do establecido no número anterior aqueles proxectos que teñan unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, posúan unha función vertebradora e estruturante do territorio e sexan declarados como tales polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de enerxía.

3. Atendendo ás eventuais desistencias, renuncias, declaracións de caducidade ou resolucións desestimatorias das solicitudes xa presentadas, o Consello da Xunta de Galicia, motivadamente, poderá reabrir temporalmente o prazo para presentar novas solicitudes utilizando como referencia os MW en trámite.

4. En todo caso, o establecido neste artigo será unicamente de aplicación a aquelas instalacións que sexan competencia da Comunidade Autónoma en virtude do disposto na lexislación básica».

2. Respecto do artigo 39, punto quinto, polo que se engade a disposición adicional oitava na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, ambas as partes acordan que a Comunidade Autónoma de Galicia promoverá unha modificación lexislativa desta, de forma que quede co seguinte teor literal:

«Disposición transitoria oitava. Tramitación de expedientes sen permisos de acceso e conexión

1. Os proxectos admitidos a trámite con anterioridade á entrada en vigor da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, que non dispoñan de permiso de acceso e conexión, disporán dun prazo de 12 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, para obter un permiso de acceso e conexión. No caso contrario, procederase ao arquivamento da solicitude.

2. O resto de proxectos admitidos a trámite que perdesen ou perdan a vixencia dos permisos de acceso e conexión, disporán dun prazo de 12 meses, contados desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, ou desde a data de perda de vixencia, se é posterior, para obter un novo permiso de acceso e conexión. No caso contrario, procederase ao arquivamento da solicitude.

En todo caso, a autorización administrativa de instalacións de xeración non poderá ser outorgada se o seu titular non obtivo previamente os permisos de acceso e conexión ás redes de transporte ou distribución correspondentes, e demais que requira a lexislación básica de aplicación».

Nesa modificación lexislativa promoverase tamén a inclusión no seu preámbulo ou na exposición de motivos do teor seguinte:

«Clarifícase a redacción da disposición transitoria oitava da Lei 8/2009, do 22 de decembro, na cal se regula o réxime xurídico aplicable daqueles expedientes que se atopan sen permisos de acceso e conexión e cuxa exixencia derivou da entrada en vigor da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia. Neste senso, e dado que se refire a proxectos en tramitación e, polo tanto, a proxectos admitidos a trámite que non obtiveron a autorización administrativa, lémbrase con esta modificación lexislativa que agora se leva a cabo que, en todo caso, a autorización administrativa de instalacións de xeración non poderá ser outorgada se o seu titular non obtivo previamente os permisos de acceso e conexión ás redes de transporte ou distribución correspondentes, con mención á exixencia do previsto no artigo 53.1.a) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, xunto co que, en definitiva, requira a lexislación básica de aplicación».

3. Respecto á disposición adicional segunda, ambas as partes acordan que o Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia se compromete a promover a correspondente modificación lexislativa, de maneira que esta disposición quede redactada co seguinte teor literal:

«Disposición adicional segunda. Medidas aplicables aos supostos de alteración extraordinaria e imprevisible dos prezos dos materiais nos contratos de obra pública

Un. Atendendo á concorrencia de razóns de interese xeral e para garantir a viabilidade económica dos contratos de obra pública, os órganos de contratación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do sector público autonómico quedan habilitados para adoptar as medidas previstas nesta disposición, naqueles supostos en que se produciu unha alteración extraordinaria e imprevisible dos prezos dos materiais tidos en conta na formalización do contrato ou, de ser o caso, nas modificacións posteriores que tivese o contrato.

Dous. As medidas que poden adoptarse nos supostos previstos neste artigo poderán consistir no seguinte:

a) A aplicación dunha revisión excepcional de prezos nos supostos e nos termos previstos no título II do Real decreto lei 3/2022, do 1 de marzo, de medidas para a mellora da sustentabilidade do transporte de mercadorías por estrada e do funcionamento da cadea loxística, e polo que se traspón a Directiva (UE) nº 2020/1057, do 15 de xullo, pola que se fixan normas específicas con respecto á Directiva 96/71/CE e á Directiva 2014/67/UE para o desprazamento dos condutores no sector do transporte por estrada, e de medidas excepcionais en materia de revisión de prezos nos contratos públicos de obras, sempre que concorran as circunstancias establecidas no devandito real decreto lei.

Para a adopción desta medida seguirase o procedemento previsto no artigo 9 do real decreto lei e a contía resultante da revisión excepcional calcularase conforme o previsto no seu artigo 8.

Tal normativa básica será de aplicación á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e ao seu sector público, así como ás universidades públicas e ás entidades locais do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a calquera das entidades que forman parte do seu sector público.

b) As medidas que resulten da aplicación da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro.

En concreto e con seguimento en todo caso ao establecido para iso na referida lei, caberá unha modificación dos materiais tidos en conta para a elaboración do proxecto que serviu de base para a licitación que permita un abaratamento dos seus prezos e que non implique unha minoración na funcionalidade da obra en execución. Neste caso, deberase optar, na medida do posible, por materiais cuxa elección responda a criterios que permitan unha redución das emisións e da pegada de carbono.

Tres. En todo caso, a adopción de calquera destas medidas acordarase necesariamente dentro dos límites das dotacións consignadas cada ano no orzamento dos distintos órganos de contratación.

Catro. Nos supostos da presente disposición, cando non sexa posible adoptar algunha das medidas previstas, o órgano de contratación poderá optar pola resolución do contrato, de conformidade co establecido na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

No caso de que o órgano de contratación acordase resolver o contrato, os órganos de contratación deberán proceder a unha nova licitación coa finalidade de finalizar a obra.

Do mesmo xeito, de acordo co disposto na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, cando concorra unha situación que supón grave perigo, o órgano de contratación quedará lexitimado para acudir ao procedemento de emerxencia para a execución da obra inacabada que permita garantir a prestación do servizo público afectado.

Nestes supostos, os órganos de contratación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico poderán impoñerlles como condición aos novos contratistas a asunción da parte de infraestrutura xa executada e de todos os riscos de construción inherentes a ela.

Cinco. Esta disposición só poderá aplicarse conforme a regulación establecida na lexislación básica para estes supostos. En todo caso, as cantidades percibidas ao amparo desta disposición deberán ser computadas e tidas en consideración en calquera outra resolución ou medida que se poida acordar orientada a garantir a viabilidade económica do contrato, de modo que non se poida obter unha dobre compensación pola mesma causa».

4. En relación co artigo 14 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas de Galicia, ambas as partes acordan que a Comunidade Autónoma de Galicia promoverá unha modificación lexislativa en relación co punto 1 do artigo 22 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais, de forma que quede co seguinte teor literal:

«Artigo 22. Procedemento para a xestión da biomasa no ámbito das redes de faixas

1. As persoas que resulten responsables de acordo co artigo 21.ter procederán á execución da xestión da biomasa no ámbito das redes de faixas de xestión de biomasa, incluída, se é o caso, a retirada de especies arbóreas, durante todo o ano. A xestión deberá estar concluída, en todo caso, antes de que finalice o mes de maio de cada ano.

Exceptúanse os supostos en que, pola extensión ou especial dificultade dos labores de xestión de biomasa ou retirada de especies, sexa precisa a elaboración dunha planificación anual das actuacións. Esta planificación anual terá que ser aprobada pola Administración forestal, agás no caso de que a infraestrutura sexa de titularidade estatal, nese caso corresponderalles a súa aprobación ás autoridades estatais, sen prexuízo das actuacións que se adopten entre ambas as administracións públicas en aplicación dos principios de colaboración e cooperación que establece o artigo 140.1 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público. A Administración forestal, na aprobación das actuacións de planificación da súa competencia, procurará a súa coordinación coa actuación doutras administracións públicas responsables da xestión da biomasa e da retirada de especies respecto a infraestruturas da súa titularidade, especialmente atendendo á seguridade nas zonas de interface urbano-forestal, conforme o establecido no artigo 44 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, ou a norma que a substitúa.

A xestión da biomasa e a retirada de especies arbóreas realizarase conforme os criterios establecidos mediante orde da consellería competente en materia forestal».

5. Por último, en canto aos artigos 21, 22, 24, 25 e 26 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas de Galicia, ambas as partes consideran solucionadas as discrepancias manifestadas por entenderen que os informes que deban ser solicitados e emitidos pola AXE en relación coas infraestruturas de transporte de interese xeral, sen prexuízo do establecido nos devanditos preceptos, se rexerán polo disposto na normativa estatal sectorial que resulte aplicable.

II. En razón do acordo alcanzado, ambas as partes coinciden en considerar resoltas as discrepancias manifestadas e concluída a controversia exposta.

III. Comunicar este acordo ao Tribunal Constitucional para os efectos previstos no artigo 33.2 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, así como inserilo no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Isabel Rodríguez García

Ministra de Política Territorial

Diego Calvo Pouso

Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes