Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Martes, 27 de setembro de 2022 Páx. 51372

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

EXTRACTO da Orde do 14 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a entidades de acción voluntaria e entidades locais de Galicia para a elaboración e execución de proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural vinculados co proxecto piloto Talento interxeracional, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para os anos 2022 e 2023 (código de procedemento BS508E).

BDNS (Identif.): 649715.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de subvencións, polo procedemento de concorrencia competitiva, ás entidades de acción voluntaria, tanto ás de carácter asociativo como ás que teñan o carácter de entidades locais e agrupacións de entidades locais de Galicia, inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, para o financiamento da elaboración e execución de proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural vinculados co proxecto piloto Talento interxeracional, que conteñan actividades baseadas no recoñecemento da experiencia das persoas maiores que poidan servir como catalizador para fomentar as iniciativas das persoas máis novas, naqueles sectores e actividades que presenten maiores dificultades de remuda xeracional e que estean comprendidos nas liñas especificadas no artigo 6 da orde, que permitan achegar novas oportunidades de emprego e asentamento poboacional ao territorio e que garantan, en todo caso, a consecución dos obxectivos marcados no Plan de recuperación, transformación e resiliencia dentro das políticas panca da nova economía dos coidados e políticas de emprego e, de xeito transversal, da axenda urbana e rural, da loita contra o despoboamento e desenvolvemento da agricultura, e proceder á súa convocatoria para os anos 2022 e 2023. A execución dos proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural terá como data límite o 20 de outubro de 2023.

Con estas subvencións financiarase o desenvolvemento de proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural, integrados no proxecto piloto Talento interxeracional, cuxa finalidade é aproveitar o talento e a experiencia das persoas maiores voluntarias implicadas para contribuír á modificación da estrutura poboacional, tratando de aumentar a taxa de poboación nas zonas rurais, ofrecendo oportunidades vitais axeitadas ás necesidades reais do medio rural e mellorar as condicións de vida e os servizos sociais e asistenciais de proximidade mediante un modelo planificado de recuperación económica onde se poidan desenvolver proxectos vitais con certas garantías de futuro e permanencia coa axuda da tecnoloxía e da innovación.

Neste marco fomentaranse iniciativas de investigación, innovación e mellora do medio rural coa instauración de modelos de intervención axeitados á realidade social e económica da zona onde se leven a cabo. A finalidade do proxecto é recoñecer as posibilidades que ofrece o medio rural e mostrar á mocidade as oportunidades de futuro que pode achegar tanto a nivel individual como social e, por outra banda, recoñecer a experiencia das persoas maiores en diferentes eidos produtivos, así como captar as súas necesidades asistenciais, culturais ou vitais máis inmediatas en función das súas preferencias e desexos.

Segundo. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións as entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia que a seguir se relacionan:

a) As entidades locais ou agrupacións delas que teñan a consideración de entidades locais de carácter rural e que desenvolvan proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural enmarcados no proxecto piloto Talento interxeracional a que se fai referencia no artigo 1 da orde.

Para os efectos da orde, considéranse entidades locais de carácter rural aqueles concellos que contan con algunha zona, no nivel de parroquia, con baixa densidade de poboación (ZDP) segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística GU2016 (https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl), polo que teñen a consideración de entidades locais de carácter rural todos os concellos galegos agás Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

b) As entidades de acción voluntaria de carácter asociativo, que desenvolvan proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural enmarcados no proxecto piloto Talento interxeracional a que se fai referencia no artigo 1 da orde.

Estas deberán desenvolver os ditos proxectos en calquera dos concellos galegos que teñan a consideración de entidade local de carácter rural consonte o disposto na letra a), sen necesidade de que a súa actividade principal ou sede social radique nalgún deles.

Terceiro. Orzamento

O financiamento deste proxecto efectuarase con cargo ao crédito consignado no orzamento de gastos da Consellería de Política Social e Xuventude por importe total de setecentos sesenta e un mil trescentos trinta e un euros con vinte céntimos (761.331,20 €), que se imputarán ás aplicacións orzamentarias 13.06.312F.460.0 para as actuacións subvencionables que desenvolvan as entidades locais, e 13.06.312F.481.0, para as que desenvolvan as entidades de acción voluntaria de carácter asociativo (código de proxecto 2022 00112) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte distribución por aplicación e anualidades:

Aplicación orzamentaria

Anualidade 2022

Anualidade 2023

Total

13.06.312F.481.0

159.334,00 €

221.331,60 €

380.665,60 €

13.06.312F.460.0

159.334,00 €

221.331,60 €

380.665,60 €

Totais

318.668,00 €

442.663,20 €

761.331,20 €

As subvencións previstas na orde financiaranse con cargo aos recursos financeiros derivados do Instrumento europeo de recuperación (NextGenerationEU), a través do Mecanismo de recuperación e resiliencia establecido polo Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e quedan englobadas dentro do compoñente 22, Plan de choque para a economía dos coidados e reforzo das políticas de inclusión, na liña de investimento C22.I2 Proxectos de innovación dos servizos sociais.

Cuarto. Bases reguladoras

Orde do 14 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a entidades de acción voluntaria e entidades locais de Galicia para a elaboración e execución de proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural vinculados co proxecto piloto Talento interxeracional no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para os anos 2022 e 2023 (código de procedemento BS508E).

Quinto. Proxectos subvencionables e liñas obxecto de subvención

1. Para teren a consideración de subvencionables, os proxectos deberanse desenvolver coa participación de persoas voluntarias a través de grupos interxeracionais, que estarán integrados por un sistema de parellas en que cada persoa voluntaria de 55 ou máis anos se encargará de titorizar unha persoa voluntaria de 16 a 35 anos, sen prexuízo de integrar outras idades comprendidas ata os 54 anos.

Ademais, as actuacións teñen que ir dirixidas a un ou varios dos seguintes obxectivos no ámbito territorial definido por concellos de carácter rural:

a) Deseño e estruturación dunha nova economía de coidados baseada na atención centrada na persoa (ACP).

b) Recuperación e/ou renovación de actividades e oficios relacionados coa produtividade da zona.

c) Impulso de novas iniciativas locais en materia de produción de produtos agroalimentarios de calidade e sustentables de cara á súa proxección no mercado.

d) Recoñecemento e posta en valor da riqueza ambiental, patrimonial ou turística da zona coas súas fortalezas e debilidades.

e) Deseño e estruturación de novos modelos dixitais ou tecnolóxicos que atendan ás necesidades da zona ou que permitan mellorar os existentes.

2. Ademais do indicado no número anterior, para ter a consideración de subvencionables os proxectos deberán desenvolverse integramente no ámbito territorial de entidades locais de carácter rural, entendendo por tales as que se indican no artigo 3 da orde.

3. Igualmente, para ter a consideración de subvencionables, os proxectos deberán contar cun mínimo de 4 persoas voluntarias e, de ser o seu número superior, a subvención prevista na orde só abranguerá 14 das persoas voluntarias que participen no proxecto, sen prexuízo do disposto no punto 5. A participación de cada persoa voluntaria estará comprendida entre os 15 e os 60 días.

4. Son liñas subvencionables e, por tanto, nelas deberán desenvolverse os proxectos que se presenten, as seguintes:

a) Liña 1. Coidados.

b) Liña 2. Agroalimentaria.

c) Liña 3. Protección do ambiente.

d) Liña 4. Turística.

e) Liña 5. Cohesión tecnolóxica e dixital.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Sétimo. Outros datos

Para ter acceso á subvención requírese obter un mínimo de 50 puntos na avaliación técnica dos proxectos. Unha vez esgotado o crédito, aquelas solicitudes que non obtivesen subvención, aínda que conten con 50 puntos ou máis, pasarán a formar parte dunha lista de espera, que seguirá a orde de prelación establecida e á cal se acudirá no caso de producirse a renuncia dalgunha das subvencións concedidas.

A contía da axuda por proxecto será de 15.000 € para un proxecto en que participe o número mínimo de persoas voluntarias que se prevén na orde; o dito importe incrementarase linealmente atendendo ao número de persoas voluntarias previstas no proxecto ata a contía máxima de 25.000 €, que correspondería a un proxecto no cal participasen 14 persoas voluntarias.

No caso de presentación por máis dunha entidade local conxuntamente baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade ou calquera outra similar) ou por entidades locais que sexan resultado dunha fusión doutras anteriores, os anteriores importes serán de 36.000 € para proxectos co número mínimo previsto na orde, que se incrementaría linealmente ata os 60.000 € para un proxecto en que participase un total de 42 persoas voluntarias.

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2022

A conselleira de Política Social e Xuventude
P.A. (Decreto 154/2022, do 13 de setembro;
DOG núm. 175, do 14 de setembro)
Francisco José Conde López
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía,
Industria e Innovación