Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Martes, 27 de setembro de 2022 Páx. 51464

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 19 de setembro de 2022 pola que se convoca, con carácter extraordinario, o programa de autoformación para o persoal ao servizo das administracións territoriais, institucionais e entes públicos instrumentais do sector público da Comunidade Autónoma, así como para o persoal da Administración de xustiza de Galicia e de administración e servizos (PAS) das tres universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG).

En liña coa decidida aposta da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) polo uso de modernas modalidades de formación e metodoloxías de ensino, o pasado 5 de abril convocáronse as probas do programa de autoformación dirixido a todo o persoal ao servizo das diferentes administracións da Comunidade Autónoma. Logo de vencer o prazo de presentación de solicitudes, verificouse a ampla aceptación deste programa polo persoal empregado público ao rexistrarse un elevado número de solicitudes nalgunhas das materias nel incluídas. En consecuencia, desde a EGAP decidiuse responder a esta demanda mediante a realización dunha convocatoria extraordinaria na cal non só se volven ofertar prazas nas actividades máis demandadas, senón que ademais se renovan algúns dos seus contidos formativos para incluír novos temas de interese.

Este programa de autoformación oriéntase cara á adquisición de coñecementos e habilidades de xeito autónomo, pois a persoa participante asume un papel activo no proceso de aprendizaxe a través do emprego das tecnoloxías da información e da comunicación. Ao mesmo tempo, esta modalidade permite achegar as actividades da Escola a un maior número de persoas ao servizo da Administración, especialmente a aquelas que, por barreiras xeográficas ou razóns de conciliación, non poden optar pola modalidade presencial. Ademais, con este programa procúrase unha maior independencia do alumnado para elaborar o seu propio plan de aprendizaxe, sen o condicionamento dos prazos.

Polo demais, esta convocatoria extraordinaria configurase novamente como unha oferta formativa conxunta e, en tal sentido, diríxese a todo o persoal ao servizo das diferentes administracións da Comunidade Autónoma, mediante a oferta dun amplo abano de cursos relativos a diferentes áreas formativas que facilitan a capacitación para o desenvolvemento eficiente de calquera posto de traballo.

Compre lembrar que as persoas que desexen participar no programa de autoformación dispoñen de dúas opcións, compatibles entre elas pero independentes unha da outra: por unha banda poden acceder aos contidos das actividades sen máis trámite que o de inscribirse na zona de matrícula da EGAP, tal e como se prevé no anexo I. Por outra banda, poden solicitar presentarse ás probas de avaliación reguladas no anexo II que lle ofrecen a posibilidade de acreditar a súa competencia mediante a obtención dun certificado de equivalencia.

Así mesmo, cómpre ter en conta que o acceso aos contidos non implica a obriga de presentarse ás probas de avaliación, nin é tampouco un requisito para matricularse nelas, pero só as persoas que se matriculen nestas probas e as superen teñen dereito a obter un certificado de equivalencia, que ten o mesmo valor que un de aproveitamento. En concreto, as probas de avaliación superadas nesta modalidade de formación valoraranse conforme o que establezan as bases dos concursos que convoque, no seu día, a Dirección Xeral da Función Pública.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Convocar as actividades do programa de autoformación que figuran nesta resolución, que deberán desenvolverse segundo as bases detalladas nos anexos I e II.

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2022

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Contidos das actividades do programa de autoformación

Bases

Primeira. As actividades

1. As actividades do programa de autoformación son as seguintes:

Código

Actividade

Administración electrónica, protección de datos e calidade administrativa

AF22133

A calidade da redacción administrativa. Técnicas para unha boa redacción dos documentos administrativos-Contidos

AF22041

Correo electrónico corporativo-Contidos

AF22053

Introdución á protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais-Contidos

AF22105

Uso avanzado de aplicacións informáticas de follas de cálculo (LibreOffice Calc)-Contidos

AF22107

Uso avanzado de aplicacións informáticas de tratamento de textos (LibreOffice Writer)-Contidos

Comunicación, organización do traballo e mellora das habilidades

AF22031

Básico en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero-Contidos

AF22033

Básico en prevención de riscos laborais-Contidos

AF22047

Formación básica en igualdade de xénero nas administracións públicas-Contidos

AF22073

Linguaxe administrativa non sexista e imaxe igualitaria na práctica da xestión pública-Contidos

AF22089

Prevención e xestión de conflitos-Contidos

AF22134

Iniciación ao protocolo-Contidos

AF22135

Prevención de riscos psicosociais: o estrés laboral-Contidos

Plan formativo ofimático de Galicia

AF22011

Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais (LibreOffice Base)-Contidos

AF22015

Aplicacións informáticas de follas de cálculo (LibreOffice Calc)-Contidos

AF22019

Aplicacións informáticas de tratamento de textos (LibreOffice Writer)-Contidos

AF22023

Aplicacións informáticas para presentacións gráficas de información (LibreOffice Impress)-Contidos

AF22099

Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (Windows 10)-Contidos

Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas

AF22029

Básico de subvencións e normativa aplicable-Contidos

AF22059

Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia-Contidos

AF22061

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas-Contidos

AF22065

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público-Contidos

AF22081

Os contratos do sector público-Contidos

2. Cada unha das actividades está composta de contidos multimedia actualizados, material complementario e, debido a que non existe a figura do/da titor/a, cuestionarios de corrección automática, que facilitan unha aprendizaxe autónoma máis efectiva.

Segunda. Acceso aos contidos

1. Todo o persoal destinado nas administracións territoriais, institucionais e entes públicos instrumentais do sector público da Comunidade Autónoma, así como o persoal da Administración de xustiza de Galicia e de administración e servizos (PAS) das tres universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG) que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria e, concretamente, na base primeira do anexo II, pode acceder aos contidos das actividades do programa de autoformación, sen pasar por un proceso de selección, inscribíndose na zona de matrícula da EGAP, no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>

2. A inscrición para o acceso aos contidos pode facerse en calquera momento a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Poderase acceder aos ditos contidos na aula virtual da EGAP a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e ata o 20 de decembro de 2022.

Os/as participantes deberán dispoñer do software que se poida requirir na actividade convocada.

3. Cada persoa determinará libremente o número de actividades en que queira inscribirse e mais o período durante o cal vai traballar na actividade ou actividades do programa de autoformación elixidas.

4. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a inscrición. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 53 y 981 54 63 35 ou no enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal> en horario de atención ao público (das 9.00 ás 14.00 horas).

5. Unha vez inscrita, a persoa recibirá unha mensaxe de correo electrónico de confirmación e despois poderá acceder aos contidos da actividade ou actividades na aula virtual, no enderezo <https://egap.xunta.gal/aulavirtual>

6. O acceso aos contidos das actividades do programa de autoformación non implica a obriga de presentarse ás probas de avaliación reguladas no anexo II, nin é tampouco un requisito para matricularse nelas.

7. O acceso aos contidos das actividades do programa de autoformación non dá dereito á expedición do certificado regulado na base oitava do anexo II.

ANEXO II

As probas de avaliación das actividades do programa de autoformación

Bases

Primeira. Participación nas probas

1. Pode participar nas probas de avaliación das actividades do programa de autoformación o persoal destinado nas administracións territoriais, institucionais e entes públicos instrumentais do sector público da Comunidade Autónoma, así como o persoal da Administración de xustiza de Galicia e de administración e servizos (PAS) das tres universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG), que non se encontre en situación de servizos noutras administracións públicas diferentes das que sexan obxecto desta convocatoria, excedencia voluntaria e suspensión de funcións, e reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos neste anexo II. Está exceptuado o persoal docente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, o persoal das escalas dos corpos da policía de Galicia e o persoal do Servizo Galego de Saúde, non entendendo por tal o persoal empregado público da escala de saúde pública e administración sanitaria creada pola Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas de persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda. Prazas convocadas, horas certificadas, datas, lugar e horario

As probas de avaliación das actividades do programa de autoformación desenvolveranse en liña de acordo coa seguinte táboa:

Código

Denominación

Prazas

Horas

Data e hora do exame

Administración electrónica, protección de datos e calidade administrativa

AF22111

A calidade da redacción administrativa. Técnicas para unha boa redacción dos documentos administrativos-Proba de avaliación

200

20

19.12.2022 19.30 h

AF22119

Correo electrónico corporativo-Proba de avaliación

200

12

12.12.2022 19.30 h

AF22122

Introdución á protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais-Proba de avaliación

200

30

15.12.2022 17.30 h

AF22131

Uso avanzado de aplicacións informáticas de follas de cálculo (LibreOffice Calc)-Proba de avaliación

200

50

19.12.2022 16.30 h

AF22132

Uso avanzado de aplicacións informáticas de tratamento de textos (LibreOffice Writer)-Proba de avaliación

200

50

20.12.2022 16.30 h

Comunicación, organización do traballo e mellora das habilidades

AF22117

Básico en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero-Proba de Avaliación

200

20

13.12.2022 19.30 h

AF22118

Básico en prevención de riscos laborais-Proba de avaliación

200

50

14.12.2022 17.30 h

AF22120

Formación básica en igualdade de xénero nas administracións públicas-Proba da avaliación

200

20

15.12.2022 19.30 h

AF22121

Iniciación ao protocolo-Proba de avaliación

200

20

13.12.2022 18.30 h

AF22126

Linguaxe administrativa non sexista e imaxe igualitaria na práctica da xestión pública-Proba de avaliación

200

30

15.12.2022 18.30 h

AF22128

Prevención de riscos psicosociais: o estrés laboral-Proba de avaliación

200

20

14.12.2022 19.30 h

AF22129

Prevención e xestión de conflitos-Proba de avaliación

200

25

20.12.2022 18.30 h

Plan formativo ofimático de Galicia

AF22112

Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais (LibreOffice Base)-Proba de avaliación

200

50

12.12.2022 18.30 h

AF22113

Aplicacións informáticas de follas de cálculo (LibreOffice Calc)-Proba de avaliación

200

50

13.12.2022 16.30 h

AF22114

Aplicacións informáticas de tratamento de textos (LibreOffice Writer)-Proba de avaliación

200

30

14.12.2022 16.30 h

AF22115

Aplicacións informáticas para presentacións gráficas de información (LibreOffice Impress)-Proba de avaliación

200

30

15.12.2022 16.30 h

AF22130

Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (Windows 10)-Proba de avaliación

200

30

16.12.2022 17.30 h

Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas

AF22116

Básico de subvencións e normativa aplicable-Proba de avaliación

200

30

13.12.2022 17.30 h

AF22123

Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia-Proba de avaliación

200

20

14.12.2022 18.30 h

AF22124

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas-Proba de avaliación

200

25

19.12.2022 18.30 h

AF22125

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público-Proba de avaliación

200

25

20.12.2022 19.30 h

AF22127

Os contratos do sector público-Proba de avaliación

200

30

20.12.2022 17.30 h

Terceira. Solicitudes de participación

1. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata o 14 de outubro de 2022.

2. As solicitudes de participación nas probas de avaliación só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. O número máximo de probas de avaliación das actividades do programa de autoformación que se poden solicitar durante o prazo de presentación de solicitudes limítase a tres.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das probas de avaliación das actividades do programa de autoformación solicitadas e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude ou non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección.

6. As persoas interesadas en recibiren mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

7. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade ou permisos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral) de acordo cos criterios de selección poden remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A devandita documentación debe enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación debe presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

8. Cando nalgunha das probas de avaliación das actividades do programa de autoformación non haxa un número suficiente de solicitantes que cumpran os requisitos, a EGAP poderá abrir un novo prazo de presentación de solicitudes na súa páxina web.

9. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 53 e 981 54 63 35 ou no enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal> en horario de atención ao público (das 9.00 ás 14.00 horas).

Cuarta. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes das accións formativas necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opoña a iso. Neste caso, a persoa interesada deberá indicalo incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e achegar ademais unha copia dos documentos a cuxa consulta se opón a través do seguinte enderezo electrónico: xestion.egap@xunta.gal

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e achegar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do seguinte enderezo electrónico <xestion.egap@ xunta.gal>

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Quinta. Criterios de selección

1. Con carácter xeral, a selección realizarase de acordo co previsto na Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 xaneiro).

2. Para os efectos do previsto no punto segundo da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos que 60 están vinculados ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e os 40 restantes á antigüidade na Administración.

3. Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG núm. 58, do 25 de marzo). Para o ano 2022, segundo a Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública do 28 de xaneiro (DOG núm. 24, do 4 de febreiro), comezarase pola letra T.

Sexta. Publicación da relación do persoal seleccionado

1. Para cada proba de avaliación das actividades do programa de autoformación a EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar na dita proba, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación, de acordo co artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de espera.

2. Logo de transcorrer o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas na proba. Contra esta listaxe poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sétima. Cambios ou substitucións na selección e renuncia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación dun mes con respecto á data da proba de avaliación. Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>

As persoas que incumpran o previsto nas letras a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Oitava. Desenvolvemento das probas de avaliación

1. Para superar as probas de avaliación, o alumnado deberá responder de forma correcta a un 50 % das preguntas do exame, que será de tipo test. As respostas incorrectas non descontarán acertos.

2. Para poder facer a proba de avaliación, cada participante debe lembrar o contrasinal que lle permite entrar na aula virtual, que coincide coa que lle dá acceso á zona de matrícula.

3. As persoas seleccionadas que non realicen as probas de avaliación pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Novena. O certificado de equivalencia

1. As persoas que superen a proba de avaliación obterán o correspondente certificado de equivalencia.

2. Este certificado equivale a un certificado de aproveitamento polas horas previstas na correspondente actividade do programa de autoformación. Estas actividades formativas valoraranse conforme establezan as bases dos concursos que convoque, no seu día, a Dirección Xeral da Función Pública.

Décima. As facultades da EGAP

1. Correspóndelle á EGAP dispor canto sexa necesario para o cumprimento do previsto nesta convocatoria e para a resolución das incidencias que se produzan. Tendo en conta as circunstancias relativas á organización das probas de avaliación das actividades do programa de autoformación, a EGAP pode modificar o desenvolvemento, os contidos e as datas das probas e mesmo suprimilas.

2. A EGAP pode suspender ou cancelar as probas de avaliación das actividades do programa de autoformación en que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas. As persoas afectadas disporán de toda a información no enderezo <https://egap.xunta.gal>. A información tamén se enviará por correo electrónico e, no caso das persoas que facilitasen o correspondente número, por telefonía móbil.

3. A execución material de todo o previsto nesta resolución queda condicionada á existencia de crédito orzamentario adecuado e dispoñible e mais á correspondente autorización do gasto.

4. A EGAP garantirá na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.