Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Mércores, 28 de setembro de 2022 Páx. 51623

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

EXTRACTO da Orde do 14 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución das clases B e C e D á mocidade galega, dirixidas ás persoas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento BS321A).

BDNS (Identif.): 650084.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas as persoas mozas que na data de presentación da súa solicitude cumpran os seguintes requisitos:

a) Teñan cumpridos os 18 anos, sen prexuízo da idade mínima para a obtención dos permisos de clase C e D, e que non superen a idade máxima que estableza a normativa vixente do Sistema nacional de garantía xuvenil, de conformidade co disposto no artigo 97.c) da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia.

b) Estean empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade mínima dun ano.

c) Estean inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil e figuren como beneficiarias no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Teñan o/os permiso/s para o/os cal/es se solicita a axuda con data de expedición entre o 1 de decembro de 2021 e a data de presentación da solicitude.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras das axudas para a obtención dos permisos de condución das clases B, C e D por parte das persoas mozas residentes en Galicia, coa finalidade de mellorar a súa autonomía, mobilidade e a súa empregabilidade, e convocar para o ano 2022.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 14 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución clases B e C e D á mocidade galega, dirixidas ás persoas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia cofinanciado polo Fondo Social Europeo, Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento BS321A).

Cuarto. Importe da convocatoria e contía da subvención

A contía global da convocatoria é de 761.780,00 euros, cofinanciada polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80 por cento, a través do Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020 e, en particular no obxectivo temático 8, eixe 1 B, prioridade de investimento 8.2, obxectivo específico 8.2.2, medida 8.2.2.8.

O importe da axuda será de 400 € para a obtención do permiso de condución de clase B, de 650 € para o permiso de clase C e de 1.300 € para o permiso de clase D.

O importe da axuda será acumulativo no caso de que unha mesma persoa solicite axuda para a obtención de dous ou dos tres permisos obxecto da orde.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Outros datos

O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, ao non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas, e concederánselles a todas aquelas persoas solicitantes que reúnan os requisitos exixidos. Se o orzamento previsto na orde non é suficiente para proceder ao pagamento de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación.

O gasto subvencionable é a suma a tanto alzado de obtención dos permisos de condución obxecto da orde. A xustificación da suma a tanto alzado realizarase en función da xustificación da obtención do/dos permiso/s de condución obxecto da solicitude, que se exixe como requisito das persoas solicitantes no artigo 5.d).

A xustificación da axuda presentarase no prazo de 10 días hábiles contado a partir da notificación da resolución de concesión.

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2022

A conselleira de Política Social e Xuventude
P.A. (Decreto 154/2022, do 13 de setembro; DOG núm. 175, do 14 de setembro)
Francisco José Conde López
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación