Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Mércores, 28 de setembro de 2022 Páx. 51597

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 14 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución das clases B, C e D á mocidade galega, dirixidas ás persoas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento BS321A).

A Constitución española sinala, no seu artigo 48, que os poderes públicos promoverán as condicións para a participación libre e eficaz da xuventude no desenvolvemento político, social, económico e cultural.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 27, parágrafos 22, 23 e 24, que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias de promoción do deporte e a adecuada utilización do lecer, asistencia social, así como a promoción do desenvolvemento comunitario, que se aplica, entre outros, ao ámbito da xuventude.

A Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, sinala, no artigo 7, que constituirán obxectivos prioritarios da planificación xeral dos programas relacionados coa educación, o apoio da educación non formal da xuventude como complemento da educación regrada, co obxecto de contribuír á aprendizaxe permanente. Así mesmo, no artigo 8 recolle que a Xunta de Galicia promoverá políticas activas que favorezan o emprego xuvenil, que terán, con carácter xeral, os obxectivos da mellora da empregabilidade da mocidade, a mellora da adaptabilidade e a igualdade de oportunidades da mocidade, en especial, a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no ámbito laboral.

Mediante o Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito da xuventude e desenvolvemento comunitario.

Segundo o Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude, correspóndelle á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, entre outras funcións, a xestión das actuacións en materia de mocidade, así como das políticas xuvenís de carácter interdepartamental e de apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil, así como o fomento da participación da xuventude na vida social, da mobilidade xuvenil e dos intercambios xuvenís, tanto no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia como no resto do Estado e no ámbito internacional.

De conformidade co Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020, en diante POEX, a mellora na empregabilidade da mocidade permitirá reducir os desaxustes existentes no mercado de traballo e cubrir as necesidades de man de obra. Neste marco, as axudas reguladas nesta orde estarán cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE), nunha porcentaxe do 80 por cento, a través do POEX 2014-2020 e, en particular no:

– Obxectivo temático 8: promover a sustentabilidade e calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral.

– Eixe 1 B: fomento do emprego sustentable e de calidade e da mobilidade laboral.

– Prioridade de investimento 8.2. Integración sustentable no mercado de traballo das persoas mozas, en particular daqueles sen emprego e non integrados nos sistemas de educación ou formación, así como os mozos que corren o risco de sufrir exclusión social e os procedentes de comunidades marxinadas, tamén a través da aplicación da garantía xuvenil.

– Obxectivo específico 8.2.2. Reforzar a empregabilidade e as competencias profesionais das persoas mozas non ocupadas nin integradas nos sistemas de educación ou formación.

– Medida 8.2.2.8. Programas de mobilidade para a mellora das competencias profesionais.

Para a xustificación dos importes das axudas establécese un método de custos simplificados consistente nunhas sumas a tanto alzado, acorde co establecido no artigo 67.1.c) do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018.

A xustificación da suma a tanto alzado establecida nesta orde, realizarase en función da xustificación da obtención do/s permiso/s de condución obxecto da solicitude, que se esixe como requisito das persoas solicitantes no artigo 5.d) desta orde.

A liña de actuación de mellora da empregabilidade encádrase no catálogo de actuacións recollidas no Sistema nacional de garantía xuvenil, en diante SNGX, regulado na Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia, modificada pola Lei 25/2015, do 28 de xullo, de mecanismo de segunda oportunidade, redución da carga financeira e outras medidas da orde social, e polo Real decreto lei 6/2016, do 23 de decembro, de medidas urxentes para o impulso do Sistema nacional de garantía xuvenil, modificado polo Real decreto lei 8/2019, do 8 de marzo, de medidas urxentes de protección social e de loita contra a precariedade laboral na xornada de traballo, e modificado polo Real decreto lei 2/2021, do 26 de xaneiro, de reforzo e consolidación de medidas sociais en defensa do emprego.

No marco de implementación do SNGX, a Consellería de Política Social e Xuventude considera prioritario apoiar medidas que contribúan á activación das persoas mozas non ocupadas nin integradas nos sistemas de formación ou educación e que incrementen a súa mobilidade e autonomía persoal e, sobre todo, as súas oportunidades de emprego e acceso ao mercado de traballo.

Neste ámbito enmárcase esta orde, dirixida a implementar unha liña de axudas para facilitar a obtención do permiso de condución das clases B, C e D a persoas mozas que acrediten a condición de beneficiarios do SNGX, o que vai contribuír a mellorar as posibilidades de empregabilidade dun sector da poboación vulnerable, na medida en que se lles facilita aos mozos e mozas que buscan emprego e non se atopan en situación de estudar ou formarse, nin traballando por conta propia ou allea, un instrumento que amplía as súas competencias e o seu currículo, sobre todo no caso do carné clase C e do carné clase D, que se incorpora este ano como novidade, como elemento de profesionalización.

A presente orde é coherente coa normativa comunitaria, en particular co Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, que permite o financiamento de gasto realizado ata o 31 de decembro de 2023, e co Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1081/2006 do Consello, no eido da concesión e xustificación de subvencións por medio dos custos simplificados, que teñen por obxectivo a simplificación da xestión administrativa e das obrigas de xustificación impostas a persoas beneficiarias, regulamentos modificados polo Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1296/2013, (UE) nº 1301/2013, (UE) nº 1303/2013, (UE) nº 1304/2013, (UE) nº 1309/2013, (UE) nº 1316/2013, (UE) nº 223/2014 e (UE) nº 283/2014 e a Decisión nº 541/2014/UE e polo que se derroga o Regulamento (UE, Euratom) nº 966/2012.

Tamén é de aplicación a seguinte normativa europea: Regulamento (UE) nº 2020/558, do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de abril de 2020, polo que se modifica, entre outros, Regulamento (UE) nº 1303/2013 no que respecta a medidas específicas para ofrecer unha flexibilidade excepcional no uso dos Fondos Estruturais e de Investimento Europeos en resposta ao gromo da COVID-19; Regulamento (UE) nº 2020/460 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de marzo de 2020, polo que se modifica, entre outros, o Regulamento (UE) nº 1303/2013 no relativo a medidas específicas para mobilizar investimentos nos sistemas de atención sanitaria dos Estados membros e noutros sectores das súas economías, en resposta ao gromo da COVID-19 (Iniciativa de investimento en resposta ao coronavirus).

A orde axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; na Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020. A Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, segue estando vixente e de referencia para os gastos subvencionables polo FSE durante o período 2014-2020.

Atendendo ao colectivo de persoas físicas ás que vai destinada a convocatoria, que exixe como requisito para as persoas destinatarias estaren inscritas no SNGX e figuraren como beneficiarias no ámbito da C.A. de Galicia, e tendo en conta que as persoas inscritas no devandito sistema teñen que relacionarse, no ámbito deste, de xeito electrónico coa Administración, a través da páxina web do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) considérase procedente establecer a obriga de relacionarse coa Administración convocante a través de medios electrónicos.

Na súa virtude, en uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán as axudas para a obtención dos permisos de condución clases B, C e D por parte das persoas mozas residentes en Galicia, coa finalidade de mellorar a súa autonomía, mobilidade e a súa empregabilidade.

2. O código de procedemento administrativo é BS321A.

Artigo 2. Convocatoria e concesión

1. A Consellería de Política Social e Xuventude convoca estas axudas para o ano 2022. O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas, concedéndose a todas aquelas persoas solicitantes que reúnan os requisitos esixidos no artigo 5. Se o orzamento previsto na orde non é suficiente para proceder ao pagamento de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación.

2. No momento en que se esgote o crédito orzamentario, a Consellería de Política Social e Xuventude publicarao no Diario Oficial de Galicia e na páxina web: http://xuventude.xunta.es. A partir dese momento non se admitirán novas solicitudes.

Artigo 3. Gasto subvencionable e contía da axuda

O gasto subvencionable é a suma a tanto alzado de obtención dos permisos de condución obxecto da presente orde, baseado no prezo medio de mercado na Comunidade Autónoma de Galicia para cada tipo de carné.

O importe da axuda será de 400 euros para a obtención do permiso de condución de clase B; de 650 euros para o permiso de clase C e de 1.300 euros para o permiso de clase D.

O importe da axuda será acumulativo no caso de que unha mesma persoa solicite axuda para a obtención de dous ou dos tres permisos obxecto da orde.

Artigo 4. Orzamento

Para o financiamento destas axudas destínase un crédito de 761.780,00 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 13.06.313A.480.10 (código de proxecto 2022 00111), de acordo coa Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.

Artigo 5. Persoas destinatarias e requisitos

Poderán solicitar as axudas as persoas mozas que cumpran os seguintes requisitos na data de presentación da súa solicitude:

a) Ter cumpridos os 18 anos, sen prexuízo da idade mínima para a obtención dos permisos de clase C e D, e que non superen a idade máxima que estableza a normativa vixente do Sistema nacional de garantía xuvenil, de conformidade co disposto no artigo 97.c) da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia.

b) Estar empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade mínima dun ano.

c) Estar inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil e figurar como beneficiaria no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Ter o/os permiso/s de conducir para o/os cales se solicita esta axuda con data de expedición entre o 1 de decembro de 2021 e a data de presentación da solicitude.

Artigo 6. Compatibilidade da axuda

A obtención desta subvención é compatible con outras outorgadas coa mesma finalidade por todo tipo de organismos públicos ou privados nacionais, da UE ou de organismos internacionais, sen que en ningún caso o seu importe poida ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da obtención do permiso de condución que se solicite.

Artigo 7. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fora inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houbera día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

3. As persoas solicitantes poderán solicitar información e asesoramento en relación coa convocatoria nos teléfonos relacionados no anexo VI desta orde e tamén de modo presencial nas dependencias sinaladas no citado anexo.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Autorización temporal para conducir expedida pola Dirección Xeral de Tráfico, no caso de que a persoa solicitante teña aprobado o/os carné/s obxecto da solicitude pero o documento aínda non fose expedido. Esta xustificación debe conter a data de obtención do permiso, que debe estar no intervalo recollido no artigo 5.d).

b) O/os certificado/s de empadroamento histórico que acredite/n a antigüidade mínima esixida no artigo 5, no caso de que a última variación padroal sexa inferior a 1 ano.

A concorrencia dos demais requisitos esixidos no artigo 5 será obxecto de comprobación automática, conforme se recolle no artigo 9.

c) Anexo II (certificado da autoescola ou centro de formación que reflicta a data da matriculación para a obtención do/dos permiso/s de conducir obxecto da solicitude).

d) Anexo III (cuestionarios relativos aos indicadores de produtividade e de resultado inmediato).

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de residencia con data de última variación padroal da persoa solicitante. No caso de que a última variación padroal sexa inferior a 1 ano, deberá achegarse coa solicitude o certificado indicado no artigo 8.1.b).

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia.

g) Permiso de condución clase B, clase C e/ou clase D da persoa solicitante. No caso de que a persoa solicitante teña aprobado o/os carné/s obxecto da solicitude, pero o documento aínda non fose expedido, deberá achegarse coa solicitude a autorización temporal para conducir indicada no artigo 8.1.a).

h) Comprobación de estar inscrita e ser beneficiaria no SNGX.

i) Comprobación da obriga prevista no artigo 15.b), no ficheiro do SNGX.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas solicitantes a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Emenda das solicitudes

Se na solicitude se apreciasen defectos ou falta de documentación, o órgano instrutor requirirá a persoa solicitante para que nun prazo de dez días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Se non o fai, considerarase desistida da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo de resolución, que será ditada nos termos do seu artigo 21.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Instrución e resolución

1. O órgano instrutor do procedemento será o Instituto da Xuventude de Galicia, pertencente á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, quen elevará a súa proposta de resolución ao órgano competente para resolver, en aplicación do procedemento abreviado previsto no artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, por delegación da conselleira de Política Social e Xuventude e logo da fiscalización da Intervención, a competencia para a adxudicación das axudas mediante a correspondente resolución. A resolución será notificada de conformidade co disposto no artigo 40 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, no prazo máximo de cinco meses contado desde a entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para tramitar.

3. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen se ditar resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Na resolución de concesión informarase ao beneficiario de que a axuda é financiada polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do POEX, con expresión do eixe, obxectivo temático, prioridade de investimento, obxectivo específico, liña de actuación e porcentaxe de financiamento correspondente (80 %).

5. A resolución de outorgamento da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, contía da subvención e obrigas que correspondan ao beneficiario, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o prazo de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operacións que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

6. Para dar cumprimento ao requisito de recompilación dos datos sobre indicadores especificados no anexo I do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, inclúese nesta orde o anexo III, relativo aos indicadores de produtividade e de resultado inmediato, que deben presentar as persoas solicitantes coa súa solicitude (anexo I) e proporciónase a aplicación informática Participa 1420, que permite o rexistro dos indicadores de resultado a longo prazo, garantindo a integridade dos datos e a depuración automática da información.

7. Unha vez notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as persoas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para manifestar a aceptación ou presentar a renuncia, expresa e motivada, conforme o modelo que se achega como anexo IV. Transcorrido o prazo sinalado sen que se producise manifestación expresa de aceptación ou renuncia, entenderase que se acepta a subvención concedida, conforme ao disposto no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

8. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 13. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos derivadas da presente orde, practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal.

Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Réxime de recursos

1. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra elas poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da súa notificación se esta fose expresa. Se non o fose, o prazo será de seis meses e contarase a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

2. Malia o anterior, poderase interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da súa notificación, se esta fose expresa. Se non o fose, poderase interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias

A condición de persoa beneficiaria obriga a esta nos seguintes termos:

a) Con carácter previo á concesión e ao pagamento da axuda, estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e non ter débedas pendentes de ningunha natureza coa Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Actualizar o currículo no perfil do SNGX de xeito que reflicta a súa nova situación de titular do permiso de condución obxecto da axuda.

c) Reintegrar, total o ou parcialmente, o importe da axuda no suposto de incumprimento dos requisitos e condicións establecidos para a súa concesión e das demais obrigas contidas nesta orde, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou na restante normativa que sexa de aplicación. Para facer efectiva a devolución, tramitarase o procedemento de reintegro oportuno, que se axustará ao previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Política Social e Xuventude, ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do POEX 2014-2020, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Conservar os documentos orixinais ou copias debidamente compulsadas ou ben en soportes de datos comunmente aceptados, en especial versións electrónicas de documentos orixinais ou documentos existentes unicamente en versión electrónica, xustificativos da actuación realizada e da aplicación dos fondos recibidos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. A dispoñibilidade dos documentos será durante os dous anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas anuais nas que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída, de conformidade co disposto no artigo 140.1 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. O comezo dese prazo será oportunamente comunicado pola Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos.

f) Cumprir cantas obrigas deriven da normativa de aplicación do cofinanciamento polo FSE.

g) Cubrir os cuestionarios relativos aos indicadores de produtividade e de resultado (inmediato e a longo prazo), cos datos que lles sexan solicitados de entre os establecidos no anexo I do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, modificado polo Regulamento nº 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo.

Para estes efectos, as persoas solicitantes deben cubrir e achegar coa súa solicitude o anexo III, que recolle os cuestionarios de produtividade e de resultado inmediato.

O cuestionario de resultado a longo prazo porase á disposición das persoas beneficiarias en formato electrónico, a través da aplicación informática Participa 1420, coa obrigatoriedade de devolvelo cuberto coa totalidade dos datos no prazo de dez días hábiles desde a súa posta á disposición.

h) Comunicarlle á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, as modificacións que se produzan nos requisitos e condicións que determinaron a concesión da axuda. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza.

i) Comunicarlle á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado a solicitude e, de ser o caso, a obtención doutras axudas para este mesmo concepto. Para estes efectos, a persoa solicitante debe incluír no anexo I a declaración relativa a outras axudas e, con posterioridade a presentación da solicitude, comunicar a súa obtención, de ser o caso (anexo V).

j) Subministrar á Administración concedente a información necesaria ao abeiro do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 8 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

k) Cumprir cos requisitos e obrigas recollidas nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 3 de xuño, e coas restantes obrigas contidas nesta orde e demais normativa aplicable.

Artigo 16. Xustificación

1. As persoas beneficiarias deberán achegar no prazo de 10 días hábiles contado a partir da notificación da resolución, a seguinte documentación:

a) A declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes ou das entidades vinculadas ou dependentes (anexo V).

b) As certificacións de estar ao día das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, só no caso de que se tiveren oposto expresamente á súa consulta automática no trámite de solicitude.

Artigo 17. Pagamento

Unha vez recibida e comprobada a documentación indicada no artigo 16, poderase proceder ao pagamento da axuda concedida.

Artigo 18. Reintegro das axudas e réxime sancionador

1. Procederá o reintegro do 100 % da axuda nos termos e supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e, en concreto, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no establecido nesta orde.

b) Obtención da axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

c) Incumprimento das condicións, obrigas e incompatibilidades previstas nos artigos 5, 6 e 15 desta orde.

2. Procederá o reintegro do 5 % da axuda concedida nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de devolver cuberto á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, o cuestionario cos datos relativos aos indicadores de resultado a longo prazo que se lles soliciten.

b) Incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas.

3. Procederá o reintegro do exceso percibido máis xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas.

4. As persoas adxudicatarias quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 20. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase a información necesaria á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Disposición adicional primeira. Loita contra a fraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total o parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitado para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo.

Disposición adicional segunda. Ampliación do crédito

Poderase ampliar a contía máxima do crédito dispoñible para esta convocatoria, logo do informe favorable previo da modificación orzamentaria por parte do organismo intermedio do POEX 2014-2020 (actualmente, a Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos). O incremento queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dalgunha das circunstancias sinaladas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e, se é o caso, previa aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

A ampliación do crédito publicarase no Diario Oficial de Galicia, sen que tal publicidade implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo do prazo para resolver.

Disposición derradeira primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude na persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Supletoriedade

En todo o non previsto nesta orde, rexerá a normativa en materia de subvencións contida na Lei 9/2007, do 13 de xuño, no seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, así como na Lei 38/2003, do 17 de novembro.

Disposición derradeira terceira. Habilitación competencial

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para ditar cantas instrucións e actos sexan precisos para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2022

A conselleira de Política Social e Xuventude
P.A. (Decreto 154/2022, do 13 de setembro; DOG núm. 175, do 14 de setembro)
Francisco José Conde López
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VI

Información sobre a convocatoria. Axudas permisos de conducir clases B, C, D

Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado

Edificio Administrativo San Lázaro

15781 Santiago de Compostela

Teléfonos: 881 99 93 14, 881 99 91 94, 981 54 48 40

xuventude.programas@xunta.gal

Centro Coordinador de Información Xuvenil

Rúa de Ramón Piñeiro, 17-19

15701 Santiago de Compostela
Teléfonos: 881 99 76 05, 881 99 76 06, 881 99 76 08, 881 99 76 07

informacion.xuventude@xunta.gal

Xefatura Territorial da Coruña. Consellería de Política Social. Servizo de Xuventude e Voluntariado

Espazo Amizar, rúa Gregorio Hernández, 2-4

15011 A Coruña

Teléfonos: 881 88 12 38, 881 88 12 40

xuventudecoruna.benestar@xunta.gal

Xefatura Territorial de Lugo. Consellería de Política Social. Servizo de Xuventude e Voluntariado

Ronda da Muralla, 70

27071 Lugo

Teléfonos: 982 29 42 24, 982 29 45 99

xuventudelugo@xunta.gal

Xefatura Territorial de Ourense. Consellería de Política Social. Servizo de Xuventude e Voluntariado

Celso Emilio Ferreiro, 27

32004 Ourense

Teléfonos: 988 38 61 17, 988 38 61 18

servizo.xuventude.ourense@xunta.gal

Xefatura Territorial de Vigo. Consellería de Política Social. Servizo de Xuventude e Voluntariado

Praza da Estrela, s/n, 1º andar

36201 Vigo

Teléfonos: 986 81 70 78, 986 81 70 79

xuventude.voluntariado.vigo@xunta.gal

Espazos xoves da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado

Espazo Xove de Curtis

Estrada Estación s/n

15310 Curtis. A Coruña

Teléfono: 881 88 06 50

espazoxovecurtis.xuventude@xunta.gal

Espazo Xove de Vilalba

R/ Novo Cazón, s/n

27800 Vilalba. Lugo

Teléfono: 982 82 83 40

espazoxovevilalba.xuventude@xunta.gal

Espazo Xove de Noia

R/ Pedra Sartaña, s/n

15200 Noia. A Coruña

Teléfono: 881 86 61 85

espazoxovenoia.xuventude@xunta.gal

Espazo Xove de Viveiro

Avda. Cervantes, s/n

27850 Viveiro. Lugo

Teléfono 982 87 09 56

espazoxoveviveiro.xuventude@xunta.gal

Espazo Xove de Pontedeume

R/ Alameda de Raxoi, s/n

15600 Pontedeume. A Coruña

Teléfono: 881 93 04 76

espazoxovepontedeume.xuventude@xunta.gal

Espazo Xove de Ourense

R/ Celso Emilio Ferreiro, 27

32004 Ourense. Ourense

Teléfono: 988 78 82 41

espazoxoveourense.xuventude@xunta.gal

Espazo Xove de Betanzos

R/ Valdoncel, 7

15300 Betanzos. A Coruña

Teléfono: 881 88 02 79

espazoxovebetanzos.xuventude@xunta.gal

Espazo Xove de Lalín

R/ Pena Toares, 2

36500 Lalín. Pontevedra

Teléfono: 886 151 267

espazoxovelalin.xuventude@xunta.gal

Espazo Xove de Carballo

R/ Valle Inclán, 24

15100 Carballo. A Coruña

Teléfono: 881 88 04 21/20

espazoxovecarballo.xuventude@xunta.gal

Espazo Xove de Tui

R/ Sanz, 28

36700 Tui. Pontevedra

Teléfono: 886 11 07 97

espazoxovetui.xuventude@xunta.gal

Espazo Xove de Chantada

R/ Rosalía de Castro, 1

27500 Chantada. Lugo

Teléfono: 982 87 02 58

espazoxovechantada.xuventude@xunta.gal

Espazo Xove de Vilagarcía

R/ Juan Carlos I, 37

36600 Vilagarcía de Arousa. Pontevedra

Teléfono: 886 15 18 43

espazoxovevilagarcia.xuventude@xunta.gal