Mediante a Resolución do 4 de xullo de 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 134, do 14 de xullo) publicouse o modelo definitivo de respostas dos distintos exercicios, así como as puntuacións provisionais da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso na categoría de pinche, polos sistemas de acceso libre, promoción interna e discapacidade xeral, convocado pola Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 13 de decembro de 2019 (Diario Oficial de Galicia núm. 245, do 26 de decembro).
A base oitava da resolución de convocatoria do proceso dispón que, tras a publicación das puntuacións provisionais dos exercicios, os/as aspirantes poderán presentar reclamación ante o tribunal no prazo de cinco días hábiles seguintes ao da devandita publicación, unicamente de existiren erros na confección aritmética da puntuación obtida.
A estimación ou desestimación das reclamacións entenderase implícita na resolución pola que se aproben as puntuacións definitivas dos distintos exercicios, que se publicará no Diario Oficial de Galicia. Se no mesmo período o tribunal, de oficio, aprecia algún erro na confección aritmética da puntuación obtida na fase de oposición por algún/algunha aspirante, poderá proceder á súa corrección.
Finalizado este prazo, e de conformidade coa devandita base, este centro directivo
RESOLVE:
Primeiro. Dar publicidade, a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), ás puntuacións definitivas obtidas polos/as aspirantes presentados/as en cada un dos exercicios que integran a fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso na categoría de pinche, polos sistemas de acceso libre, promoción interna e discapacidade xeral, convocado pola Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 13 de decembro de 2019 (Diario Oficial de Galicia núm. 245, do 26 de decembro).
Segundo. Declarar finalizada a fase de oposición do referido proceso selectivo.
Terceiro. Esta resolución poderá ser impugnada polos/as interesados/as nos termos previstos nas bases 7) e 11) da resolución de convocatoria do proceso.
Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2022
Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos