Ante a proximidade das eleccións sindicais para as xuntas de persoal dos funcionarios docentes dos centros educativos non universitarios do ámbito de xestión da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, que teñen como data prevista de votación o 1.12.2022, cómpre determinar o sistema de permisos para os membros das mesas electorais, interventores e apoderados, así como para os electores en xeral. En consecuencia, esta consellería
RESOLVE:
Primeiro. As persoas designadas titulares e suplentes das mesas electorais terán dereito a permisos polo tempo indispensable para asistir ás xuntanzas para a constitución da mesa electoral. Así mesmo, quen forme parte dunha mesa electoral durante o día da votación disporá dun permiso retribuído de xornada completa ese día e dunha redución de cinco horas na súa xornada de traballo do día inmediatamente posterior.
Segundo. Os membros das mesas coordinadoras provinciais terán permiso retribuído para exercer as súas funcións como tales durante o proceso electoral, desde o 30.9.2022 ao 22.12.2022, ambos incluídos.
Terceiro. Os apoderados e interventores que designen as candidaturas, se é o caso, terán permiso durante todo o día da votación.
Cuarto. Os electores en xeral terán permiso polo tempo indispensable para exercer o seu dereito ao voto. As direccións dos centros poderán exixir un xustificante do acto da votación expedido pola mesa electoral concreta en que vote, cando estea situada fóra do seu centro de traballo.
Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2022
Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades