Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Xoves, 29 de setembro de 2022 Páx. 51732

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 26 de setembro de 2022 pola que se modifica a Orde do 10 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases para a concesión de subvencións individuais destinadas ao programa de mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa, dirixido ás persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, con cargo ao Fondo Social Europeo, programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento BS324A).

O 30 de agosto de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 164, a Orde do 10 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases para a concesión de subvencións individuais destinadas ao programa de mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa, dirixido ás persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, con cargo ao Fondo Social Europeo, programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento BS324A).

Esta orde establece o procedemento de concesión de subvencións individuais destinadas ao programa de mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa, para a realización de prácticas formativas non laborais en entidades ou empresas públicas ou privadas en países europeos. Concretamente no artigo 5 establece un período mínimo de realización das practicas formativas de 2 meses e tamén precisa que as prácticas deberán finalizar, como data límite, o 30 de novembro de 2022.

Tendo en conta a data de publicación da orde e á vista dos prazos de aceptación da axuda e de presentación de documentación preceptiva para persoas beneficiarias, resulta oportuno ampliar o prazo máximo establecido para a finalización das prácticas formativas, para que se poida garantir o período mínimo de 2 meses, concretamente ata o 22 de decembro de 2022.

Considerando a xestión da tramitación da concesión despois da resolución definitiva das axudas co comezo das prácticas e a complexidade administrativa que implica a dita resolución do procedemento administrativo, enténdese que concorren circunstancias suficientes que aconsellan a ampliación do dito prazo.

Consecuentemente co anterior cómpre a ampliación do prazo máximo de xustificación das actividades que se subvencionan. Ningunha destas modificacións terán incidencia no prazo de presentación de solicitudes.

Esta ampliación do prazo está amparada no artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o cal o órgano concedente da subvención poderá outorgar, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Na súa virtude, en uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, desenvolvida polo Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 10 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases para a concesión de subvencións individuais destinadas ao programa de mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa, dirixido ás persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, con cargo ao Fondo Social Europeo, programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento BS324A)

A Orde do 10 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases para a concesión de subvencións individuais destinadas ao programa de mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa, dirixido ás persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, con cargo ao Fondo Social Europeo, programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento BS324A), queda redactada como segue:

Un. Os números 2 e 3 do artigo 5 relativo á duración e características das prácticas formativas queda redactado como segue:

«2. Serán obxecto de subvención todos aqueles gastos que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen dentro do período subvencionable, que abrangue desde a publicación das bases no Diario Oficial de Galicia ata o 22 de decembro de 2022.

3. As prácticas poderán comezar a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, sempre que as persoas beneficiarias presenten o anexo II de aceptación da subvención e entreguen o anexo III de aceptación da empresa de prácticas. Deberán finalizar, como data límite, o 22 de decembro de 2022».

Dous. O punto primeiro do artigo 20 referido á xustificación da subvención que antecede á subdivisión en letras queda redactado como segue:

«A xustificación da subvención presentarase con data límite do 30 de decembro de 2022, para o cal se achegará a seguinte documentación, de acordo co previsto no artigo 7, e nos modelos que se publicarán e estarán ao seu dispor na páxina da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado».

Tres. Modifícanse o anexo III referido á aceptación da empresa ou entidade estranxeira e o anexo IV referido á certificación das prácticas formativas non laborais en canto as referencias á data límite para a realización das ditas prácticas a 22 de decembro de 2022.

Disposición adicional única. Presentación de solicitudes e disposición dos anexos

A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Os anexos III e IV, na súa nova redacción, estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2022

A conselleira de Política Social e Xuventude
P.A. (Decreto 153/2022, do 13 de setembro;
DOG núm. 175, do 14 de setembro)
Francisco José Conde López
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía,
Industria e Innovación

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file