Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Xoves, 29 de setembro de 2022 Páx. 51739

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 20 de setembro de 2022 polo que se convocan cursos de formación continua para o persoal dos corpos da Policía Local dos concellos de Galicia e demais persoal dos servizos de seguridade pública.

Tras ser aprobado o programa anual de actividades para o ano 2022 da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) polo Consello Reitor, e de acordo co establecido no artigo 9.2.b) da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Agasp, convócanse os cursos de formación continua na modalidade presencial, dirixidos aos/ás policías locais de Galicia, correspondentes ao segundo semestre do ano 2022, cuxas bases e características se especifican nos anexos desta resolución.

A Estrada, 20 de setembro de 2022

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO I

Bases

Primeira. Persoas destinatarias

Poderán participar nos cursos convocados por esta resolución os/as policías locais de Galicia e demais persoal da seguridade pública que traballa nesta Comunidade Autónoma (Garda Civil, Policía Nacional e Unidade da Policía Autonómica) que se encontren en situación de servizo activo ou excedencia por coidado de familiares.

A baixa laboral por incapacidade temporal impide a participación nas accións formativas convocadas, polo que, de producirse esta situación, as persoas interesadas deberán comunicarllo á Agasp de maneira inmediata. No caso de non facelo serán penalizadas coa non participación en accións formativas da Agasp durante un ano, contado desde o día seguinte a que se teña coñecemento do feito. No caso de estar a realizar efectivamente un curso, non se emitirá diploma deste.

Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal cando esta veña producida por accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na recuperación.

Con carácter xeral, reservarase o 20 % das prazas convocadas para persoal das forzas e corpos de seguridade do Estado que traballen en Galicia, e poderá ser superada a dita porcentaxe no suposto de quedaren prazas vacantes.

Así mesmo, en caso de quedaren prazas vacantes, poderá acceder aos cursos convocados a través desta resolución o persoal dependente da Axencia Galega de Emerxencias e do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112-Galicia.

Se as solicitudes para participar nun curso non superan as 10 persoas, a Agasp reserva para si a facultade de anular a actividade formativa.

Segunda. Solicitudes

1. O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (htpp://agasp.xunta.es), e non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o telefono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non seren correctos ou exactos os ditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados ás persoas interesadas.

2. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas solicitantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano, computado desde o momento en que se detecte o feito.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normativizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. No caso de atoparse nalgún dos supostos que a continuación se indican, o/a solicitante deberá remitirlle á Agasp, no mesmo prazo establecido para o envío da solicitude de inscrición, a certificación orixinal ou fotocopia legalizada que acredite tal situación (non será preciso se tal documentación xa consta en poder da Agasp, caso en que deberán comunicalo na propia solicitude).

a) Profesionais que estean gozando ou gozasen nos dous últimos anos dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución de xornada ou dunha excedencia por coidado de familiares.

5. Cando o curso para o que presenta solicitude requira a presentación de documentación complementaria co obxecto de acreditar circunstancias específicas de acordo cos criterios de selección, deberá remitir tal documentación por correo electrónico (formación.agasp@xunta.gal) ou de acordo co establecido no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6. O prazo de presentación de solicitudes será desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata as 14.00 horas do día 5 de outubro de 2022.

7. O número máximo de cursos que se poden solicitar nesta convocatoria limítase a 5.

No caso de que unha mesma persoa presente máis solicitudes das permitidas, a Agasp, de xeito automático, elixirá as primeiras 5 accións formativas solicitadas.

8. Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro no cal xa foi seleccionado debe renunciar a un deles. No caso de que se comprobe con posterioridade a realización simultánea de varias actividades, non se expedirá certificación de ningunha delas, e o/a alumno/a non poderá participar noutros cursos durante un ano desde que se detecte este feito.

A previsión contida neste punto numero 8 inclúe as clases de telepresenza dos cursos convocados na modalidade de teleformación deste organismo.

Terceira. Criterios xerais de selección

Os criterios xerais de selección son os que a continuación se indican, sen prexuízo de que en cursos específicos se requiran outros diferentes, o cal se indicará na ficha de cada acción formativa concreta.

1. Menor número de cursos realizados na Agasp nos dous últimos anos.

2. Por orde de inscrición.

Terán preferencia na selección os/as candidatos/as que estean gozando ou gozasen, nos dous últimos anos, dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución da xornada ou dunha excedencia para o coidado de familiares, sempre que cumpran cos requisitos obxectivos para seren destinatarios do curso.

Ademais, de conformidade co establecido no artigo 37.bis da Lei 7/2004, para a igualdade de homes e mulleres, nos cursos, xornadas ou outras actividades formativas organizadas ou financiadas pola Administración pública galega reservará para si un 50 % das prazas a mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria.

Cuarta. Admisión

1. A Agasp publicará na súa páxina web a relación de persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, con polo menos 5 días antes do inicio de cada curso.

O alumnado seleccionado será informado da súa selección a través do correo electrónico e da mensaxería telefónica.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar aos concellos de procedencia todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

2. O alumnado seleccionado só poderá renunciar ao curso por causas de forza maior suficientemente xustificadas ou necesidade do servizo, sempre que acredite documentalmente o feito alegado o/a xefe/a do corpo da Policía Local do concello en que traballe ou persoa responsable del.

No caso de cambios de cuadrante ou quendas de traballo, deberán quedar acreditados suficientemente os motivos e que se coñeceron con posterioridade á solicitude de inscrición no curso.

A renuncia debe ser comunicada por escrito a través do modelo que figura na páxina web da Agasp e cunha antelación de 3 días hábiles ao inicio do curso, co fin de poder cubrir a vacante.

A renuncia non xustificada ou a non acreditación documental da causa que a produce suporá a exclusión da persoa seleccionada nos seguintes 10 cursos que convoque o Servizo de Formación en Seguridade Pública da Agasp e nos cales a persoa figurase como posible destinataria, sen contar edicións repetidas, cursos xa realizados e que, polo menos, teñan a mesma carga horaria ca o curso polo que foi penalizada.

Quinta. Asistencia aos cursos

1. É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións dos cursos.

Durante a realización dos cursos levarase un control permanente da asistencia a través dos sistemas que se establezan para o efecto, e poderanse realizar controis de asistencia extraordinarios.

Unicamente se autorizará a ausencia por causas xustificadas e debidamente acreditadas, e en ningún caso poderá superar o 10 % das horas lectivas.

A ausencia xustificada superior ao 10 % do total das horas lectivas suporá a perda do dereito á expedición do diploma. No caso de haber unha segunda edición do curso en cuestión, o Servizo de Formación en Seguridade Pública poderá valorar a posibilidade de que o/a alumno/a poida recuperar as horas non realizadas na edición anterior. En todo caso, para poder valorar esta posibilidade non poden transcorrer máis de seis meses entre unha edición e a seguinte.

A falta de asistencia dun número superior ao 10 % das horas lectivas sen xustificación ou falta de acreditación documental da causa alegada no só dará lugar á perda do dereito ao diploma do curso, senón tamén á penalización coa non participación en cursos da Agasp durante un ano, contado desde o día seguinte ao da finalización do curso.

2. O alumnado asistirá aos cursos co uniforme regulamentario. No caso de non facelo e non existir causa suficientemente xustificada, a Agasp poderalle impedir a asistencia ao curso e non emitira diploma nin certificado acreditativo ningún.

En relación cos cursos que se realizarán na modalidade en liña:

Todas as edicións dos cursos de teleformación e/ou formación semipresencial que se convocan na presente resolución desenvolveranse da seguinte maneira:

• Lugar: a través da plataforma de formación en liña. Todos os cursos contan cunha proba final presencial na sede da Agasp.

• Estableceranse sesións de videoconferencias ou clases en directo, de obrigada asistencia. No suposto de non asistir, non se terá por realizado nin superado o curso.

• Horario: segundo a disposición e a necesidade do alumnado, fóra das clases programadas por videoconferencia, en directo ou presencial na sede da Agasp.

Cuestionarios e tarefas: durante o desenvolvemento dos cursos o alumnado participante deberá realizar unha serie de cuestionarios e tarefas de acordo cun calendario de presentación. A non realización dalgún no prazo establecido será sancionada coa baixa no curso. No caso de que os exercicios non acaden un nivel de exixencia mínimo segundo o criterio do profesor, faráselle unha primeira advertencia ao alumnado e, de non atender a indicación, poderá ser dado de baixa no curso.

Os cuestionarios, excepto a proba presencial final, e a realización das tarefas faranse a través da plataforma de formación en liña.

Naquelas actividades recollidas no anexo cuxa modalidade de impartición sexa a formación semipresencial establecerase na plataforma de teleformación o horario das clases presenciais na Agasp.

É obrigatorio conectarse nas clases de telepresenza, ou clases en directo con imaxe e son (é decir, é obrigatorio para acceder a estes cursos dispor dunha cámara web e micrófono ou conectarse a través do dispositivo móbil). De non facelo, terase como non asistente.

Sexta. Certificación

Nos cursos de aproveitamento o alumnado debera superar unha proba de avaliación, que se levará a cabo ao remataren.

Sétima. Desenvolvemento dos cursos

1. A Agasp poderá suspender a realización de actividades formativas convocadas cando sexa necesario por motivos técnicos ou insuficiencia de solicitudes de participación.

2. A Agasp poderá modificar as datas, os horarios, os contidos e o desenvolvemento dos cursos, así como resolver todas as continxencias e incidencias que poidan xurdir.

3. A Agasp poderá programar cursos diferentes cando así veña exixido por circunstancias que afecten a organización, xestión e docencia.

ANEXO II

Denominación da actividade

Nº de prazas

Datas

Nº de horas

Modalidade

Detección de drogas na condución

25

28-29.11

16

Presencial

Documentación de vehículos estranxeiros

30

2.11 a 12.12

30

En liña

Tacógrafo dixital

25

19.10

8

Presencial

Saúde mental. Traballo coas persoas con enfermidade mental

25

20.10

8

Presencial

Trato e intervención con persoas con discapacidade intelectual

25

15.11

8

Presencial

Persoas maiores en situación de vulnerabilidade e maltrato

25

29.11

8

Presencial

Actualización xurídica en materia de seguridade cidadá

25

28.10

6

Presencial

Contaminación acústica. Control de ruídos

12

7 ao 11.11

25

Presencial

A actuación policial en accidentes laborais

25

16.11

8

Presencial

Actualización en estranxeiría

25

9, 16, 26 e 30.11

20

Presencial

Espectáculos. Atraccións da feira. Artículos pirotécnicos

25

25.10

5

Presencial

Técnicas de apertura policial e situacións de emerxencias

25

7, 8, 9.11

20

Presencial

Detención e neutralización de individuos potencialmente perigosos en sitios confinados

20

10, 11.11

20

Presencial

Protección de persoas e edificios públicos

20

29, 30.11

20

Presencial

Operador de inmobilizador electrónico e a súa aplicación na forza*

20

14, 15, 16.11

16

Presencial

Condución policial

12

15 e 18.11

12

Presencial

PER

20

24.10-30.11

50

Semipresencial

PNB

20

17.10-30.11

30

Semipresencial

Condución 4×4

12

22 e 24.11

16

Presencial

Comunicación xestual

20

24.10 a 21.11

30

Telepresenza

Avaliación e tratamento a menores vítimas de violencia sexual, 1ª edición

20

28.10

5

Presencial

Avaliación e tratamento a menores vítimas de violencia sexual, 2ª edición

20

29.10

5

Presencial

Inspección de transportes de mercadorías perigosas (iniciación)

20

20.10

8

Presencial

Intervención policial no transporte de estrada

20

14.11-19.12

20

En liña

Curso de aperturas en entradas dinámicas

20

12, 13, 14.12

20

Presencial

Lei orgánica 10/2022, do 6 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual

30

14.11 ao 12.12

16

En liña

*As solicitudes para estes curso deberá ser formulada polos concellos e terán preferencia aqueles que acrediten a posesión do inmobilizador electrónico. Cada alumno/a estará dotado/a dun inmobilizador electrónico de adestramento para a realización de prácticas de manipulación, cambio de cargas e intervención policial, que deberán traer do seu concello.