En cumprimento do disposto na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia; na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental; na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, e demais normas vixentes de aplicación, sométese a información pública a solicitude relacionada coa instalación que se describe a seguir.
Antecedentes:
– O 20 de marzo de 2020 a empresa Aventoa, S.L. presenta a solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción, aprobación do proxecto sectorial e declaración de utilidade pública da infraestrutura eléctrica citada no asunto. Posteriormente, o 24 de decembro de 2020 presenta unha nova solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción, aprobación do proxecto sectorial e declaración de utilidade pública do proxecto modificado.
– O 27 de abril de 2021 e de acordo co artigo 33.9 da Lei 8/2009, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais achega a esta xefatura territorial o expediente para continuar coa súa tramitación.
– O 22 de decembro de 2021, Aventoa, S.L. solicita a paralización da información pública do proxecto de execución da liña do asunto, co obxecto de adaptar o proxecto á futura autovía A-56 Ourense-Lugo, no tramo Guntín-Narón, na provincia de Lugo.
– O 4 de agosto de 2022, a promotora envía á DXPERN a nova documentación para satisfacer os requirimentos feitos ata o momento, incluída a posible afección á futura A-56.
– O 17 de agosto de 2022 e de acordo co artigo 33.9 da Lei 8/2009, a citada dirección xeral achega a esta xefatura territorial a nova documentación presentada polo promotor en orde a continuar coa tramitación.
Declaración da tramitación de urxencia:
De acordo co establecido no artigo 43 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento de implantación de iniciativas empresariais en Galicia, e con base nos artigos 44 da mencionada Lei 5/2017, do 19 de outubro, e 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o 26 de agosto de 2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais resolveu declarar a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes á LMT 30 kV de evacuación PE Monte do Marco (expediente IN408A 2020/51), promovido por Aventoa, S.L., o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento común, salvo os relativos á información pública e á presentación de solicitudes e recursos.
Os datos do proxecto son os seguintes:
Solicitante/promotora: Aventoa, S.L. NIF: B70256987.
Denominación do proxecto: proxecto de execución LMT evacuación PE Monte do Marco.
Municipios afectados: concellos de Monterroso, Guntín e Portomarín (Lugo).
Orzamento de execución material: 528.650,10 €.
Características técnicas das instalacións: liña de evacuación da enerxía eléctrica xerada polo PE Monte do Marco de 30 kV de tensión nominal, cunha lonxitude de 5.007 m e un trazado que discorre polos concellos de Monterroso, Guntín e Portomarín. Conta con dous tramos subterráneos intercalados por un tramo aéreo. O tramo aéreo discorrerá desde o apoio 1 ata o apoio 26 e será de simple circuíto en triángulo con condutor LA-78 e cable de garda OPGW 24 FO. O tramo subterráneo partirá do CSM Monte do Marco ata o apoio de paso aéreo-subterráneo número 1 e logo desde o apoio número 26 de paso aéreo-subterráneo ata a entrada á SET Eirexe e levará unha terna de cables tipo HEPRZ1 18/30kV 1×150 Al + H25 enterrados en gabia, dispostos en triángulo e cable de comunicacións PKP 24 FO Monomodo.
Órgano competente: o órgano competente para autorizar o proxecto da referida instalación eléctrica é a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais.
Procedemento de avaliación ambiental: o proxecto da referida instalación eléctrica está suxeito a avaliación de impacto ambiental ordinaria, segundo o establecido no artigo 7.1.a) da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.
Obxecto da información pública:
A solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) das instalacións. A declaración de utilidade, de acordo co artigo 56.1 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, levará implícita en todo caso a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.
Documentación que se expón:
• O proxecto de execución (asinado o 16 de marzo de 2022).
• A relación concreta e individualizada dos propietarios de bens e dereitos afectados (RBDA-asinada o 6 de setembro de 2022), que figura no anexo I deste acordo. Planos dos predios afectados (asinado o 6 de setembro de 2022).
• O estudo de impacto ambiental (EIA) (asinado en xullo de 2022).
• O proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) (asinado o 16 de marzo de 2022).
O que se fai público, de conformidade co artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia), para o coñecemento xeral, así como en particular, dos propietarios dos predios que figuran na relación anexa a este acordo, e das persoas que sendo titulares de dereitos reais ou intereses económicos sobre os bens afectados que fosen omitidas, para que poidan examinar a documentación técnica anteriormente relacionada e, se for o caso, presentar as alegacións ou observacións que xulguen oportunas dentro do prazo de trinta (30) días, que se contará a partir do día seguinte ao da última publicación deste acordo.
A documentación estará á disposición dos interesados nas dependencias da sección de Enerxía desta xefatura territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (rolda da Muralla, nº 70, baixo 2º, 27071 Lugo), das 9.00 ás 14.00 horas, de luns a venres, con cita previa no correo electrónico enerxia.lugo@xunta.gal ou no teléfono 982 88 94 39), así como nos concellos de Monterroso, Guntín e Portomarín (Lugo).
Ademais, tamén se poderá consultar no portal web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación a través da seguinte ligazón:
https://ceei.xunta.gal/transparencia/instalacions-electricas/lat-monte-do-marco
Lugo, 8 de setembro de 2022
O xefe territorial de Lugo
P.A. (Artigo 41.3 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño)
Juan Carlos Morán del Pozo
Xefe do Servizo de Industria