Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Martes, 4 de outubro de 2022 Páx. 53063

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 23 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do Programa de mellora da accesibilidade en e ás vivendas do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025 e se procede á súa convocatoria para o ano 2022, con carácter plurianual (código de procedemento VI435B).

BDNS (Identif.): 651178.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa, sempre que se trate de persoas físicas ou xurídicas de natureza privada:

a) As persoas propietarias ou usufrutuarias de vivendas unifamiliares illadas ou agrupadas en fila.

b) As persoas propietarias ou usufrutuarias de edificios de tipoloxía residencial de vivenda colectiva.

c) As persoas propietarias ou usufrutuarias de vivendas incluídas nun edificio de tipoloxía residencial de vivenda colectiva.

d) As comunidades de persoas propietarias ou as súas agrupacións, constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.

e) As sociedades cooperativas de vivendas integradas por socios cooperativistas que precisen aloxamento para si ou os seus familiares, as sociedades cooperativas compostas de forma agrupada por persoas propietarias de vivendas ou edificios que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código civil, así como, polas persoas propietarias que conforman comunidades de persoas propietarias ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme o disposto no artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo.

f) As persoas propietarias que, de forma agrupada sexan propietarias de edificios, que reúnan os requisitos establecidos polo artigo 396 do Código civil e non tivesen outorgado o título constitutivo de propiedade horizontal.

g) As empresas construtoras, arrendatarias ou concesionarias dos edificios, así como cooperativas, que acrediten a dita condición mediante contrato vixente a suficiente prazo coa propiedade, que lles outorgue a facultade expresa para acometer as obras de rehabilitación obxecto do programa.

h) As persoas arrendatarias de vivendas, no suposto de que as obras ou actuacións non sexan de obrigada execución pola persoa propietaria e ambas as partes acorden que a arrendataria costee ao seu cargo as actuacións de mellora da accesibilidade, con cargo a parte ou á totalidade da renda arrendaticia.

2. Para que as persoas físicas sexan beneficiarias deberán posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. No caso de persoas estranxeiras non comunitarias deberán contar con autorización de estadía ou residencia en España.

3. Non poderán obter a condición de beneficiaria destas axudas as persoas ou entidades que incorran nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, nin aquelas ás cales se lles teña revogado algunha das axudas previstas neste ou no anterior plan estatal de vivenda por incumprimento ou causa que lles sexa imputable.

4. As persoas beneficiarias deberán atoparse ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non poderán ter pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

5. As persoas ou entidades beneficiarias destinarán o importe íntegro da axuda ao pagamento das obras e actuacións para a mellora da accesibilidade. Cando se trate de comunidades de persoas propietarias ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias, o importe da axuda deberá repercutirse entre as persoas propietarias de vivendas e, de ser o caso, as persoas propietarias de locais comerciais ou predios doutros usos compatibles, de conformidade coas regras previstas na lexislación de propiedade horizontal.

Non obstante o disposto no parágrafo anterior, se algún dos membros da comunidade de persoas propietarias ou da agrupación de comunidades de persoas propietarias incorre nunha ou varias das prohibicións establecidas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, non recibirá a parte proporcional que lle correspondería da axuda recibida. Esta parte ratearase entre os restantes membros da comunidade ou agrupación.

6. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda sexa unha persoa física ou xurídica de natureza privada que exerza actividades económicas ou comerciais, aplicarase o disposto no Regulamento (UE) n° 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. A axuda total de minimis a unha empresa determinada, en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) n° 1407/2013, non pode ser superior a 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión das axudas do Programa de mellora da accesibilidade en e ás vivendas do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025, as cales se tramitarán co código de procedemento VI435B.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas, con carácter plurianual, para a anualidade 2022.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras destas axudas están recollidas coa resolución de convocatoria.

Cuarto. Crédito orzamentario

As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas por un importe total de 4.324.756 euros con cargo ás seguintes anualidades e aplicacións orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2022:

Anualidade

Aplicación

Tipo de fondo

Importe

2022

08.81.451A.770.1

Fondos finalistas do Estado

74.756 €

08.81.451A.780.0

Fondos finalistas do Estado

1.550.000 €

08.81.451A.780.0

Fondos propios da Comunidade Autónoma

1.400.000 €

2023

08.81.451A.770.1

Fondos finalistas do Estado

50.000 €

08.81.451A.780.0

Fondos finalistas do Estado

950.000 €

2024

08.81.451A.770.1

Fondos finalistas do Estado

25.000 €

08.81.451A.780.0

Fondos finalistas do Estado

275.000 €

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes destas axudas estará aberto desde o primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG) e rematará o día 7 de novembro do presente ano e, en todo caso, no momento de esgotamento do crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2022

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo