Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Luns, 10 de outubro de 2022 Páx. 54030

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 14 de setembro de 2022, da Xerencia da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, pola que se deixa sen efecto a convocatoria do procedemento de traslados internos, convocada pola Resolución do 22 de xullo de 2021 (Diario Oficial de Galicia número 148, do 4 de agosto), con afectación exclusivamente á categoría de técnicos de anatomía patolóxica.

Desde a data de finalización do prazo para a presentación das solicitudes de participación no procedemento de traslados internos, os profesionais da categoría de técnico de anatomía patolóxica, incluídos no seu ámbito de aplicación, presentaron un número proporcionalmente significativo de queixas, todas elas coincidentes nunha queixa compartida e común.

Sinalan que a información facilitada no seu momento polos distintos responsables da dirección e mandos intermedios de enfermaría foi confusa, contraditoria e falta de claridade no referente a se todos os interesados en participar nel deberían presentar a preceptiva solicitude de participación ou, tal como manifestan, informar a parte deles que non era necesaria tal presentación; en virtude da fiabilidade, as fontes de información non presentaron a preceptiva solicitude.

Non se descoñece que nalgúns casos é posible que a información facilitada fose a correcta e que o erro sexa consecuencia da interpretación de determinados profesionais. Agora ben, o número de queixas presentadas e a súa coincidencia nos feitos inclinan a considerar que se cometeu un fallo na cadea de información correcta sobre o requisito de solicitude de participación no procedemento de traslados internos e que a versión dos profesionais é a correcta.

Ante esta circunstancia non parece lóxico excluír determinados profesionais da súa posibilidade de participaren no procedemento de traslados internos por un erro do que non son causantes; o procedente para emendalo é, por un principio de igualdade, deixar sen efecto a convocatoria de traslados internos para todo o colectivo de técnicos de anatomía patolóxica.

O posible prexuízo dos aspirantes que presentaron a súa solicitude en tempo e forma aféctaos minimamente ao supoñer unha demora non significativa, ata a resolución da nova convocatoria de traslados internos.

Polo que antecede,

DISPONSE:

Primeiro. Deixar sen efecto para todo o colectivo de técnicos de anatomía patolóxica o procedemento de traslados internos convocado pola Resolución da Xerencia do 22 de xullo de 2021 e, así mesmo, considerar non presentadas as solicitudes de participación presentadas en tempo e forma.

Segundo. No prazo máis breve posible, realizarase unha nova convocatoria de traslados internos para a categoría de técnicos de anatomía patolóxica.

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2022

Eloína Núñez Masid
Xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela
e Barbanza