Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Xoves, 13 de outubro de 2022 Páx. 54676

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 30 de setembro de 2022 pola que se convoca concurso de méritos para a provisión de postos de traballo do persoal funcionario de administración e servizos.

No cadro de persoal da Universidade de Vigo existen postos de traballo vacantes de persoal funcionario de administración e servizos, dotados orzamentariamente e adscritos aos subgrupos A1, A2, C1 e C2, e a súa provisión é estipulada mediante concurso, consonte o establecido no artigo 89 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

Deste xeito, esta reitoría, en uso das atribucións conferidas pola Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e polos estatutos da Universidade de Vigo, resolveu convocar concurso de méritos para a provisión dos postos de traballo vacantes, que se desenvolverá con suxeición ás seguintes bases da convocatoria:

Primeira. Normas xerais

Para o non establecido nesta convocatoria haberá que aterse ao disposto na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (LOU); na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (LEPG); no Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o Estatuto básico do empregado público; supletoriamente no Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, polo que se aproba o Regulamento xeral de ingreso do persoal ao servizo da Administración xeral do Estado e de provisión de postos de traballo e promoción profesional dos funcionarios civís da Administración xeral do Estado e nos estatutos da Universidade de Vigo.

Os actos deste proceso publicaranse no taboleiro electrónico da Universidade de Vigo (https://sede.uvigo.gal/public/bulletin/bulletin-index.xhtml), agás cando se requira a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG). Con efectos unicamente informativos tamén se publicarán no seguinte enderezo electrónico: https://secretaria.uvigo.gal/uv/web/convocatoria/public/tipo/convocatorias-pas

Segunda. Postos convocados

1. Convócanse os postos que se relacionan na listaxe que se publicará no taboleiro electrónico da Universidade de Vigo (https://sede.uvigo.gal/public/bulletin/bulletin-index.xhtml), correspondentes á relación de postos de traballo (RPT), publicada mediante a Resolución do 27 de outubro de 2016 (DOG número 211, do 7 de novembro).

2. Dado que na actualidade non está vacante ningún posto de nivel 28, non se inclúe nesta convocatoria o concurso específico para a cobertura destes postos. Non obstante, se na resolución pola que se aprobe a relación provisional de concursantes admitidos e excluídos constase como concursante persoal funcionario con destino definitivo nalgún dos postos de nivel 28 incluídos na RPT, podendo xerar algunha vacante, na propia resolución de aprobación da relación provisional establecerase un prazo dun (1) mes que non computará para os efectos do prazo máximo de resolución do concurso sinalado na base sétima, para que o persoal interesado que solicitase en resultas postos de nivel 28 poida presentar os méritos específicos sinalados na base 6.2.

Terceira. Requisitos e condicións de participación

1. Requisitos de participación:

a) Ter a condición de persoal funcionario de carreira de administración e servizos destinado na Universidade de Vigo calquera que sexa a súa situación administrativa, agás a de suspenso en firme, e acreditar dous anos de servizos prestados no destino definitivo. No caso de concursar a postos de nivel 28 deberá acreditar ademais unha antigüidade de tres anos como funcionario de carreira.

b) Quen se atope na situación de excedencia voluntaria por interese particular (nos termos establecidos no artigo 173 da LEPG), agrupación familiar, coidado de familiares ou por razón de violencia de xénero, deberá xuntar á súa solicitude unha declaración de non ter sido separado do servizo de calquera Administración pública nin estar inhabilitado para o exercicio de emprego público.

c) Se cumpre os requisitos anteriores, tamén poderá participar o persoal funcionario daquelas administracións coas que a Universidade de Vigo teña asinado un convenio de reciprocidade.

2. Ten a obriga de concursar quen se atope en adscrición provisional. Estará obrigado a participar e a solicitar todos os postos situados na mesma localidade ou en localidades que, de acordo co disposto no artigo 97.5 e a disposición transitoria quinta da LEPG, se atopen a unha distancia de 30 quilómetros en relación coa localidade do último posto que ocupou con carácter definitivo ou da localidade do posto a que está adscrito provisionalmente, elección que deberá manifestar expresamente na solicitude de elección de postos de traballo a que se refire a base cuarta. O incumprimento destas obrigas determinará a declaración da situación de excedencia voluntaria por interese particular (artigo 97 da LEPG). Para estes efectos, tomarase como data de referencia a da situación da persoa concursante no día da publicación da convocatoria de concurso de méritos no Diario Oficial de Galicia.

Ao persoal funcionario de carreira que, cumprindo a obriga establecida no artigo 97.5 da LEPG, non obteña praza no concurso, seralle adxudicado pola Xerencia da Universidade de Vigo, de oficio e con carácter definitivo, un posto de traballo correspondente ao seu corpo ou escala de entre aqueles que quedasen vacantes.

A devandita adxudicación realizarase seguindo os criterios contidos no parágrafo anterior.

Cuarta. Solicitude e documentación

1. As solicitudes tramitaranse de acordo coas instrucións que acompañan esta convocatoria (anexo I). Unicamente se admitirán as que se xeren por vía telemática tras introducir os postos solicitados e deberán presentarse no prazo de quince días hábiles contados desde o día seguinte ao de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, ben nos rexistros da Universidade de Vigo, ben consonte o previsto no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Os datos relativos ás circunstancias persoais e administrativas do persoal concursante, así como os concernentes aos méritos que aduzan, incluídos os previstos na base 6.2, deberán posuírse e estar referidos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditaranse documentalmente dentro do prazo de presentación das solicitudes exclusivamente. A Comisión de Valoración poderá requirir o contraste coa documentación orixinal ou compulsada.

3. Os méritos enumerados nas letras A, B, C e F acreditaraos, mediante o certificado expedido de oficio e consonte a documentación que conste no expediente persoal do/da solicitante, o Servizo de Persoal de Administración e Servizos, que llelo remitirá simultaneamente á Comisión de Valoración e ás persoas interesadas.

A valoración dos restantes méritos efectuarase exclusivamente sobre a documentación acreditativa achegada por cada concursante e, de ser o caso, sobre o proxecto referido na base 6.2.

4. Quen pertenza a dous ou máis corpos ou escalas do mesmo ou distinto grupo/subgrupo, só poderá participar no concurso desde un deles. A certificación deberá referirse aos requisitos e méritos correspondentes a referido corpo ou escala.

5. No caso de que lles fose adxudicado algún dos postos solicitados, as persoas funcionarias con algunha discapacidade poderán instar a adaptación, sempre que non supoña unha modificación exorbitante no contexto da organización. A Comisión de Valoración poderá reclamarlles que xustifiquen suficientemente esta adaptación.

6. Cando dúas persoas concursantes cónxuxes ou parella de feito estean interesadas en obter destino nun mesmo concello, poden condicionar os seus pedimentos na solicitude por razóns de convivencia familiar, ao feito de que ambos os dous os obteñan, entendendo no caso contrario anulado o pedimento efectuado por cada un deles. Deberán xuntar á súa solicitude con copia do pedimento do/da cónxuxe e do documento oficial xustificativo da convivencia familiar.

7. No suposto de que sexan varios os postos de traballo que se soliciten, a preferencia virá establecida pola orde indicada na solicitude de participación, en que se poderá incluír a opción por postos que poidan resultar vacantes a consecuencia da resolución do concurso.

8. As solicitudes serán vinculantes para a persoa peticionaria e non se admitirán renuncias unha vez transcorrido o prazo de presentación de instancias de participación.

9. Logo de transcorrer o prazo de presentación de solicitudes, o reitor ditará unha resolución que se publicará no taboleiro electrónico sinalado na base segunda, na cal se declarará aprobada a relación provisional de concursantes admitidos e excluídos, con expresión das causas que motivasen a exclusión e o prazo de emenda dos posibles defectos, que será de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da devandita publicación. Esta resolución tamén se publicará, con efectos unicamente informativos, na seguinte ligazón: https://secretaria.uvigo.gal/uv/web/convocatoria/public/tipo/convocatorias-pas

10. As persoas concursantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión xustificando o seu dereito a seren incluídas, serán definitivamente excluídas do concurso na resolución pola que se declare aprobada a relación definitiva de concursantes admitidos e excluídos, que se publicará nos lugares citados.

Quinta. Comisión de Valoración

1. A avaliación dos méritos efectuaraa unha Comisión de Valoración designada polo reitor, que terá a categoría primeira das previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de indemnizacións por razón do servizo, e integrada por cinco membros, todos eles con voz e voto. A composición da Comisión publicarase no DOG.

2. A Comisión adoptará os seus acordos consonte o establecido na Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público, e poderá dispoñer a incorporación aos seus traballos de asesores/as para aquelas tarefas que o requiran, que serán nomeados/as polo reitor.

3. Ademais da avaliación das persoas aspirantes, correspóndelle a interpretación destas bases e a resolución das incidencias que se presenten no desenvolvemento do procedemento, e pode solicitar do persoal concursante as aclaracións e a documentación adicional que considere necesarias.

Sexta. Valoración de méritos

1. Méritos xerais.

A valoración dos méritos xerais para a adxudicación dos postos de traballo efectuarase conforme o seguinte baremo:

A. Antigüidade: valorarase ata un máximo de 18 puntos (0,56 puntos por ano de servizo e fracción superior a 6 meses). Para estes efectos computaranse os servizos recoñecidos ao abeiro da Lei 70/1978, do 26 de decembro. Non se computarán os servizos que se prestasen simultaneamente con outros igualmente alegados.

B. Grao persoal consolidado: valorarase ata un máximo de 12 puntos o grao persoal consolidado do persoal concursante, consonte a seguinte escala:

Nivel

Puntos

Nivel

Puntos

Nivel

Puntos

Nivel

Puntos

30

12,0

26

10,0

22

8,0

18

6,0

29

11,5

25

9,5

21

7,5

17

5

28

11,0

24

9,0

20

7,0

16

5

27

10,5

23

8,5

19

6,5

<16

4,5

Nos supostos en que os/as funcionarios/as non teñan consolidado ningún grao persoal computarase, para efectos de puntuación nesta epígrafe, o nivel mínimo correspondente ao intervalo de niveis do subgrupo a que pertenza a persoa concursante na Universidade de Vigo.

C. Subgrupo de clasificación: valorarase ata un máximo de 12 puntos o subgrupo a que pertenza o/a concursante e desde o que participa no concurso, de acordo coa seguinte táboa:

Subgrupo

Puntuación

A1

12

A2

9

C1

6

C2

4

D. Formación: cursos de formación e perfeccionamento e titulación académica.

D.1. Titulación: valorarase ata un máximo de 3 puntos.

Por acreditar a titulación académica outórgase a seguinte puntuación:

• Titulación universitaria: 3 puntos.

• Titulación non universitaria: 1,5 puntos.

A superación dos tres primeiros anos dunha licenciatura ou equivalente considerarase como unha diplomatura. As titulacións obtidas no estranxeiro deberán estar debidamente recoñecidas ou homologadas polo ministerio competente na materia.

D.2. Cursos de formación e perfeccionamento: impartidos ou recibidos, valoraranse ata un máximo de 10 puntos, de acordo cos seguintes criterios:

– Valoraranse os cursos organizados pola Universidade de Vigo, EGAP, INAP, centros oficiais de calquera Administración pública, colexios oficiais regulados pola Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre colexios profesionais, cámaras de comercio, así como os homologados pola EGAP e os impartidos por organizacións sindicais e empresariais que estean suficientemente acreditados dentro dos programas de formación continua. Igualmente, para o persoal de bibliotecas, valoraranse os cursos específicos organizados polas entidades profesionais, membros da Federación Española de Sociedades de Arquivística, Biblioteconomía, Documentación e Museística, ou aqueles outros impartidos por centros oficiais e institucións de recoñecido prestixio.

– Non se valorarán cursos académicos completos nin por materias de forma illada.

– No caso de acreditar varios cursos sobre a mesma materia, só se terá en conta o de nivel superior e, de ser do mesmo nivel, o de maior duración. De acreditarse máis dun grao de coñecemento dun idioma (agás o galego, que se recolle no punto seguinte do baremo), só se computará o superior.

– Terán carácter xeral (ademais dos que determine a Comisión) os cursos de idiomas (agás os de galego, que se recollen no punto seguinte do baremo), informática, procedemento administrativo, atención ao público, protocolo e similares.

– Terán carácter específico os cursos que a Comisión considere que están directamente relacionados coas actividades que se van desempeñar na área a que pertenza o posto solicitado.

– Non serán obxecto de valoración os cursos preparatorios ou integrantes de procesos selectivos organizados por calquera Administración.

– De non figurar o número de horas, o curso puntuará 0,04 puntos se ten carácter xeral e 0,08 puntos se ten carácter específico.

– A puntuación asignarase de acordo cos seguintes criterios:

• Os cursos de carácter xeral valoraranse con 0,04 puntos por hora.

• Os cursos de carácter específico valoraranse con 0,08 puntos por hora.

E. Grao de coñecemento do idioma galego: valorarase consonte o establecido na Orde do 16 de xullo de 2007, modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014, ata un máximo de 10 puntos.

– Celga 5 ou equivalente: 10 puntos.

– Celga 4 ou equivalente: 9 puntos.

– Celga 3 ou curso de iniciación: 8 puntos.

– Curso de linguaxe administrativa ou de linguaxes especializadas (científica, técnica etc.): 0,5 puntos por curso.

– Curso de galego oral ou de redacción de textos en galego: 0,5 puntos por curso.

– Curso complementario de lingua galega: 0,5 puntos por curso.

No caso de acreditar varios cursos de lingua galega, só se terá en conta o de nivel superior.

F. Traballo desenvolvido: valoraranse ata un máximo de 33 puntos os postos desenvolvidos polo/a concursante desde o 1 de xaneiro de 1990, ocupados con carácter definitivo ou en adscrición provisional. O cómputo iniciarase desde:

a) A adquisición da condición de persoal funcionario de carreira co límite no 1 de xaneiro de 1990; non obstante, o persoal que como consecuencia da aprobación da RPT do PAS funcionario no ano 2000 vise modificada a área de adscrición do seu posto de traballo ou suprimido ou modificado este, consideraráselles o traballo realizado a partir do 21 de xuño de 2000 e ata a obtención dun destino definitivo no correspondente concurso, como o desempeñado nos postos que estaban a ocupar na data de aprobación da RPT de 2000.

b) A adquisición da condición de persoal laboral fixo da Universidade de Vigo, para os/as funcionarios/as desta universidade que adquirisen esta condición pola quenda de prazas afectadas polo artigo 25 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

c) O 1 de setembro de 2002, data da incorporación do persoal integrado na Universidade de Vigo e adscrito a postos da RPT do PAS funcionario.

O desempeño de postos en comisión de servizos polos funcionarios/as das outras universidades públicas de Galicia trasladados á Universidade de Vigo mediante convenios de mobilidade que comporten reciprocidade, mentres non obtivesen destino definitivo, consideraranse exclusivamente como postos base.

Cada ano (365 días) recibirá a seguinte puntuación e ratearanse por meses (1 mes= 30 días) os períodos inferiores ao ano (non se tomarán en consideración os períodos inferiores ao mes):

Niveis

Igual área

Anos

Diferente área

Anos

28

2,65

12,45

2,38

13,87

26

2,47

13,35

2,20

15,00

25

2,29

14,40

2,02

16,34

24

2,11

15,63

1,84

17,93

23

1,93

17,09

1,66

19,88

22

1,75

18,84

1,48

22,30

21

1,57

21,00

1,30

25,38

20

1,39

23,72

1,12

29,46

18

1,21

27,24

0,94

35,10

16

1,03

32,00

0,76

43,42

14 e inferiores

0,85

38,82

0,58

56,89

Nas condicións previstas:

a) Os servizos prestados en administracións públicas distintas á Universidade de Vigo puntuarán na columna de diferente área.

b) Para concursar a/desde as prazas de administradores/as de centros, os servizos prestados nesta universidade puntuarán na columna de igual área.

c) Para o persoal afectado pola Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia número 588/1996, do 2 de setembro, o período de tempo recoñecido nesa resolución xudicial tamén se lle computará en todas as áreas.

d) Ao persoal que no momento da publicación desta convocatoria estea adscrito provisionalmente a un posto de traballo, computaráselle este período como prestado no último posto definitivo.

G. Medidas de conciliación e igualdade de xénero: valorarase ata un máximo de 2 puntos. Coa finalidade de conciliar a vida laboral e familiar dos/das empregados/as públicos/as ao servizo da Administración universitaria, outorgarase puntuación polas seguintes circunstancias:

1. Polo destino previo do/da cónxuxe ou parella de feito rexistrada que sexa persoal funcionario de carreira, persoal estatutario ou persoal laboral fixo ao servizo de calquera Administración pública. Tamén no caso de relación contractual con calquera empresa privada ou cando realice outras actividades de tipo profesional acreditadas con contrato de traballo e informe de vida laboral na localidade solicitada polo/a funcionario/a que solicite o posto, sempre que o/a funcionario/a que concursa acceda desde un campus distinto a aquel en que radique o posto ou postos de traballo solicitados: 1,5 puntos.

2. Cando o/a funcionario/a solicite postos en campus distintos ao do destino definitivo corresponderalle a seguinte puntuación, compatible coa outorgada polo destino previo do/da cónxuxe ou parella de feito en función dos fillos/as menores de idade ao seu cargo:

– Tres ou máis fillos/as: 1,5 puntos.

– Dous/dúas fillos/as: 1 punto.

– Un/unha fillo/a: 0,5 puntos.

3. Polo coidado dun familiar, ata o segundo grao incluído de consanguinidade ou afinidade, sempre que por razóns de idade, accidente, enfermidade ou discapacidade non poida valerse por si mesmo e non desempeñe actividade retribuída, sempre que se acceda desde un campus distinto e se acredite fidedignamente polos/as interesados/as que o posto que se solicita permite unha mellor atención do familiar: 1,5 puntos.

Áreas funcionais

0. Sen adscrición a área

– Administradores/as de centros

1. Bibliotecas

– Escala facultativa e de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos

2. Alumnado e administración de centros

– Servizo de Alumnado

– Servizo de Axudas ao Estudo, Bolsas e Prezos Públicos

– Servizo de Xestión de Estudos de Grao

– Servizo de Xestión de Estudos de Posgrao

– Servizo de Extensión Universitaria

– Áreas académicas

– Xefaturas de Administración

3. Económica

– Servizo de Contabilidade

– Servizo de Xestión Económica e Contratación

– Servizo de Control Interno

– Servizo de Patrimonio e Inventario

– Áreas económicas

– Responsables de Asuntos Económicos

4. Persoal

– Servizo de Retribucións e Seguros Sociais

– Servizo de Persoal de Administración e Servizos

– Servizo de Persoal Docente e Investigador

5. Servizos á comunidade universitaria e atención aos órganos de goberno

– Área de Apoio á Investigación e á Transferencia

– Área de Apoio á Xestión de Centros e Departamentos

– Postos base de ámbitos e campus

– Persoal restante

2. Méritos específicos.

Esta fase do concurso será aplicable, de ser o caso, para a cobertura de postos de traballo con nivel de complemento de destino igual ao 28, entre as persoas candidatas que acadaran na fase anterior de méritos xerais polo menos 10 puntos. A puntuación definitiva do concurso será o resultado de sumar a puntuación obtida na fase de méritos xerais máis a outorgada nesta fase de méritos específicos, entre os cales nesta derradeira fase superen tamén os 10 puntos.

Esta segunda fase terá como obxecto valorar a adecuación dos coñecementos e competencias do profesional participante aos postos ofrecidos, en atención á súa responsabilidade. Así, os méritos específicos consistirán na valoración dos méritos profesionais axeitados ao posto que haxa que cubrir achegados polo/a solicitante, na elaboración dun proxecto do posto solicitado e a súa exposición e defensa pública ante a Comisión Específica de Valoración.

A Comisión de Valoración publicará os criterios e a puntuación asignada a cada un deles antes de efectuar a cualificación. Rematada a súa actuación, publicará a puntuación outorgada en cada un dos méritos específicos desenvolvidos nas subepígrafes a) e b) e a total desta fase nos lugares previstos na base 2, contra a que os/as interesados/as poderán presentar reclamación no prazo de cinco (5) días hábiles.

a) Méritos profesionais: valorarase ata un máximo de 5 puntos. Considerarase a titulación relacionada co posto que se ten que cubrir, a cualificación académica, os graos e posgraos, a formación recibida e impartida directamente relacionada coas funcións dos postos e a experiencia acreditada nelas ou equivalentes funcións ás do posto que haxa que cubrir.

A valoración conferida a cada epígrafe será o resultado da media aritmética da puntuación outorgada polos/as membros da Comisión de Valoración. A puntuación outorgada nesta epígrafe deberá reflectirse nunha acta a que poderán acceder as persoas concursantes tras a publicación das puntuacións.

Os méritos profesionais deberán acreditarse mediante unha copia dos documentos que xustifiquen os coñecementos, as aptitudes e a experiencia alegada, xunto cun curriculum vitae.

b) Proxecto: valorarase ata un máximo de 20 puntos. Elaborarase un proxecto con referencia á descrición do posto que se fará pública coa resolución pola que se aprobe a relación provisional de concursantes admitidos e excluídos, no cal se evidencie o coñecemento da área a que se concursa, cunha análise das tarefas do posto e os requisitos, condicións e medios necesarios para desempeñalo, así como unha proposta organizativa do posto e área na que se encadra, que conteña os obxectivos para desenvolver nos próximos dous anos e coa descrición de polo menos dúas accións para cada obxectivo marcado.

Os/as solicitantes deberán ademais defendelo oralmente ante a Comisión prevista na base 4.2 nun acto público e único para todas as persoas que concursan a un mesmo posto. Convocaranse os/as concursantes cunha antelación mínima de 3 días hábiles. O tempo máximo de exposición será de 30 minutos.

O proxecto terá unha extensión máxima de 12 folios, escritos a dobre espazo cun tipo de letra Times New Roman ou Arial, tamaño 12, e deberá presentarse nun sobre de tamaño 36 cm por 26 cm, pechado e sen ningún tipo de identificación no que apareza só a cabeceira da Universidade de Vigo. Dentro deste sobre incluirase un segundo sobre pechado coa cabeceira da Universidade de Vigo e tamén sen identificación, no cal o/a aspirante indicará os seus datos persoais (nome e DNI).

A valoración do proxecto será o resultado da media aritmética da puntuación outorgada polos membros da Comisión de Valoración, e deberá desestimarse para estes efectos a máxima e a mínima concedidas ou, de ser o caso, só unha das que aparezan reflectidas como tales se a puntuación máxima e mínima se repite.

Sétima. Resolución do concurso

1. Esta convocatoria resolverase no prazo máximo de seis meses contados desde o remate do prazo de presentación das solicitudes.

2. Os postos adxudicaranse a quen acade a maior puntuación segundo o baremo establecido para os méritos xerais, agás no caso dos postos de traballo con nivel de complemento de destino igual ao 28, nos cales se sumarán as puntuacións da fase de méritos xerais e da fase de méritos específicos. En caso de igualdade na puntuación total, dirimirase a prol de quen obtivese a maior puntuación segundo a seguinte orde de méritos: traballo desenvolvido, grupo de clasificación, antigüidade e formación. De persistir o empate, acudirase á data de ingreso na Administración como persoal funcionario de carreira. En último lugar dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.

3. A Comisión de Valoración fará pública a proposta provisional da adxudicación de destinos nos lugares previstos na base 2 e establecerase un prazo de dez (10) días naturais a partir do seguinte ao da publicación, para a vista do expediente e a formulación de reclamacións ante a persoa que presida a Comisión.

4. Resoltas pola Comisión de Valoración as posibles reclamacións presentadas contra a proposta provisional, o/a presidente/a remitirá ao reitor a proposta definitiva da adxudicación.

5. O reitor ditará e publicará a resolución do concurso, que se motivará con referencia ao cumprimento das normas regulamentarias e das bases da convocatoria. En todo caso, deberán quedar acreditadas no procedemento como fundamentos da resolución adoptada, a observancia do procedemento debido e a valoración final dos méritos.

6. Os destinos adxudicados serán irrenunciables, agás que con anterioridade ao remate do prazo de toma de posesión se obteña outro destino mediante convocatoria pública.

7. Os traslados que deriven da resolución deste concurso terán a consideración de voluntarios, polo que non darán dereito a ningún tipo de indemnización.

8. Esta convocatoria e os actos derivados dela poderán ser impugnados de acordo co previsto na Lei 39/2015.

9. Os prazos de cesamento e toma de posesión dos novos destinos serán determinados por resolución da Xerencia.

Vigo, 30 de setembro de 2022

Manuel Joaquín Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo

ANEXO I

Solicitude de participación

1. Acceso á aplicación. Desde a web da Universidade de Vigo, a través da secretaría virtual, na epígrafe Concursos PAS.

2. Solicitude. Dispón de tres pestanas:

– Axuda: figuran os pasos que hai que seguir.

– Solicitude: permite seleccionar os postos entre aqueles que polo subgrupo de pertenza se pode optar.

– Saír: permite abandonar a aplicación.

3. Selección de postos. Consonte o que se explica na pestana Axuda, poderase elixir os postos, eliminalos da relación ou modificar a orde de preferencia. Os cambios non se perden ao saír da aplicación e mantéñense ata o momento en que se decida consideralos como versión final.

4. Vista preliminar. Xerarase premendo en Versión final. Este documento ten carácter unicamente informativo, polo que non pode ser entregado como solicitude de participación.

5. Presentación. Premerase Solicitude e a continuación Xerar impreso, e xerarase o documento definitivo que se deberá asinar, para presentalo no prazo e nos lugares que se indican na base cuarta da convocatoria.

6. Méritos. Deberán achegarse xunto coa solicitude exclusivamente ata a fin do prazo de presentación desta, agás o establecido para as prazas de nivel 28.