Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Mércores, 19 de outubro de 2022 Páx. 55506

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

ORDE do 6 de outubro de 2022 pola que se modifica a Orde do 27 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento IN519B).

O día 26 de xaneiro de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 27 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento IN519B).

Con posterioridade á publicación da mencionada orde no Diario Oficial de Galicia producíronse modificacións estruturais e de denominación nos órganos e consellerías da Xunta de Galicia. Así, o Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, crea a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación. Posteriormente, o Decreto 73/2022, do 25 de maio, fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia e, pola súa parte, o Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, establece a estrutura e as funcións da dita vicepresidencia e consellería incluíndo un novo órgano, a Secretaría Xeral de Industria, que exercerá, entre outras, as competencias en materia de impulso do desenvolvemento de infraestruturas en parques empresariais, así como o fomento do desenvolvemento de novas actividades industriais e, en xeral, calquera actuación de promoción e execución de actuacións de modernización e dotación de servizos avanzados no solo empresarial.

Por outra banda, no artigo 21.1 das bases da mencionada orde establécese que os concellos beneficiarios terán ata o 31 de outubro de 2022 para presentar a documentación xustificativa da subvención.

Tendo en conta tanto a data de resolución das axudas, motivada polo elevado volume de solicitudes recibidas, como a problemática existente nestes momentos na subministración de materiais de construción que ocasiona atrasos ás empresas construtoras na execución das obras, e co fin de facilitar os procesos de execución e xustificación por parte dos beneficiarios resultantes sen que con iso se cause prexuízo a terceiros, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación.

De acordo co anterior, vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificacións estruturais e de denominación de órganos

As referencias efectuadas no texto da Orde do 27 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento IN519B), á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación entenderanse realizadas á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación; e as referencias efectuadas no texto da mencionada orde á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais entenderanse realizadas á Secretaría Xeral de Industria.

Artigo 2. Ampliación do prazo de execución e xustificación

Amplíase ata o día 15 de novembro de 2022 (incluído) o prazo para a execución e xustificación dos investimentos que foron obxecto de subvención ao abeiro da Orde do 27 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento IN519B).

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2022

Francisco Conde López
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía,
Industria e Innovación