Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Xoves, 20 de outubro de 2022 Páx. 55691

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 172/2022, do 6 de outubro, polo que se aproba o Catálogo de actividades que deben adoptar medidas de autoprotección e polo que se fixa o contido desas medidas.

O dereito á vida e á integridade física da cidadanía debe garantirse a través das administracións públicas, pero tamén se debe procurar a adopción de medidas destinadas á prevención e ao control de riscos na súa orixe, para o que se debe establecer cal debe ser a actuación inicial nas situacións de emerxencia que poidan presentarse.

O coñecemento dos riscos e a súa percepción por parte da cidadanía na sociedade tecnolóxica actual facilita a posta en marcha de políticas activas que minimizan o risco ou prevén a resposta no caso de que se materialice o perigo. A xestión e o control dos riscos require da implementación dunha serie de medidas preventivas, non só para o caso de que se produzan grandes desastres ou catástrofes senón tamén para outros perigos máis habituais, de xeito que se cree unha cultura social en que a seguridade se manifeste como un dereito e un deber dos cidadáns.

A Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, materializa a competencia asumida pola Comunidade Autónoma galega en materia de protección civil (sentenzas 123/1984, do 18 de decembro, e 133/1990, do 19 de xullo, do Tribunal Constitucional) e, no seu artigo 1.1, regula o Sistema integrado de protección civil e emerxencias en Galicia, dirixido a adoptar medidas preventivas que eviten situacións de risco, a actuar en caso de risco común e a protexer a integridade das persoas e dos bens de titularidade pública e privada. O mesmo precepto, no seu número segundo, considera a protección civil como un servizo público esencial. O artigo 2 da lei engade que as administracións públicas de Galicia garanten a existencia dun sistema integrado de protección civil e emerxencias baseado, entre outros, no principio de coordinación, promovendo a asistencia e o socorro mutuos con outras comunidades autónomas e no ámbito transfronteirizo e establecendo que a protección civil se desenvolverá de acordo co criterio de profesionalidade.

O artigo 39 da Lei 5/2007, do 7 de maio, sinala no número 1 que as persoas, as empresas e, en xeral, as entidades e os organismos que realizan actividades que poidan xerar situacións de grave risco colectivo, catástrofe ou calamidade, así como os centros e instalacións públicos e privados que poidan resultar afectados de forma especialmente grave por situacións deste carácter, están obrigados a adoptar medidas de autoprotección e a manter os medios persoais e materiais necesarios para afrontar situacións de risco e emerxencia, ademais do sinalado no artigo 20 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e normativa específica, e nos artigos 8 e 40 da Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia.

Por outra banda, o número 2 do artigo 39 da Lei 5/2007, do 7 de maio, establece que a Xunta de Galicia determinará por regulamento o catálogo de actividades e os tipos de centros a que se refire o número anterior, así como as medidas mínimas que se adoptarán en cada caso, de acordo coas directrices básicas de autoprotección establecidas na lexislación vixente.

Así, o Decreto 171/2010, do 1 de outubro, sobre plans de autoprotección na Comunidade Autónoma de Galicia, desenvolve o Real decreto 393/2007, do 23 de marzo, polo que se aproba a Norma básica de autoprotección dos centros, establecementos e dependencias dedicados a actividades que poidan dar orixe a situacións de emerxencia, fixando as condicións de aplicación deste. En particular, aproba o Catálogo de actividades obrigadas a realizar plans de autoprotección, o contido destes plans e a creación do Rexistro de Plans de Autoprotección. Polo tanto, dítase en execución da Lei 5/2007, do 7 de maio, que dedica o seu título IV ás medidas de autoprotección privada e que completa, no ámbito da comunidade autónoma, a regulación contida no Real decreto 393/2007, do 23 de marzo.

Doutra banda, a Lei 17/2015, do 9 de xullo, do Sistema nacional de protección civil, inclúe os plans de autoprotección como plans de protección civil, que define no seu artigo 15 como aqueles plans que establecen o marco orgánico e funcional previsto para os centros, establecementos, instalacións ou dependencias recollidas na normativa aplicable, co obxecto de previr e controlar os riscos de emerxencia de protección civil sobre as persoas e os bens e de dar unha resposta idónea a estas situacións.

A experiencia destes anos na aplicación do Decreto 171/2010, do 1 de outubro, fixo patente a conveniencia de revisar determinados aspectos relativos ás actividades obrigadas a adoptar medidas de autoprotección; en concreto, considérase oportuno establecer as medidas mínimas de autoprotección que deben recoller os devanditos plans. Tamén resulta conveniente que se fixen novos limiares para determinadas actividades que se incluían no catálogo en función da súa ocupación por persoas, que se fusiona agora nun criterio máis xenérico e de referencia e, en concreto, para as actividades sanitarias, docentes e residenciais públicas homoxeneízanse os criterios de ocupación. Tamén se inclúe un anexo con definicións, o que simplifica e facilita a interpretación da norma.

Así, este decreto establece o Catálogo de actividades, centros, establecementos, espazos, instalacións ou dependencias dos cales as persoas titulares teñen a obriga de elaborar e rexistrar un plan de autoprotección; determina o contido mínimo dos plans de autoprotección; establece os sistemas de coordinación entre as actividades, centros, establecementos, espazos, instalacións ou dependencias obxecto deste decreto e os servizos públicos que forman o Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia; regula a elaboración e a implantación material efectiva dos plans de autoprotección e o mantemento da súa eficacia, para o que as persoas titulares da actividade deben emitir unha declaración responsable da implantación, que mantén a denominación de certificado da implantación, coa finalidade de axustarse á empregada na Norma básica de autoprotección; asegura a existencia e o mantemento dos medios mínimos de autoprotección por parte das persoas titulares das actividades, centros, establecementos, espazos, instalacións ou dependencias a que é de aplicación; regula os mecanismos organizativos e a provisión dos medios necesarios para asegurar a detección e pronta resposta ante unha situación de emerxencia, e establece os casos en que é obrigatorio o rexistro dos plans de autoprotección na plataforma do Rexistro Electrónico de Plans de Autoprotección de Galicia.

Por todo o exposto, esta norma axústase aos principios de boa regulación previstos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, ao dar pleno cumprimento aos principios de necesidade, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e accesibilidade, simplicidade e eficacia, e ao constituír unha modificación necesaria e proporcional aos fins a que se dirixe.

A tramitación deste decreto realizouse de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Realizouse o trámite de consulta pública previa e o proxecto de decreto expúxose a información pública no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia e someteuse a audiencia dos grupos ou sectores con dereitos e intereses lexítimos na materia. Así mesmo, foi sometido ao informe económico-financeiro da consellería competente en materia de facenda, ao informe de impacto demográfico, ao informe sobre impacto de xénero, ao informe da Comisión Galega de Protección Civil, en cumprimento do artigo 29 da Lei 5/2007, do 7 de maio, e ao informe da Asesoría Xurídica Xeral.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, de acordo co Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do seis de outubro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto establecer o Catálogo de actividades que deben adoptar medidas de autoprotección e fixar o contido desta medidas.

Para iso, este decreto:

a) Establece o catálogo de actividades, centros, establecementos, espazos, instalacións ou dependencias dos cales as persoas titulares teñen o deber de elaborar e rexistrar un plan de autoprotección (en diante, PAU).

b) Determina o contido mínimo dos PAU.

c) Regula a elaboración e a implantación material efectiva dos PAU e o mantemento da súa eficacia.

d) Establece os casos en que é obrigatorio o rexistro dos datos dos PAU relevantes para a protección civil.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. Este decreto é de aplicación directa en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia ás actividades recollidas no anexo I e aplicarase con carácter supletorio ás actividades con regulamentación sectorial específica recollidas no número 1 do devandito anexo I.

2. Quedan excluídos do seu ámbito de aplicación os centros, establecementos ou instalacións dependentes do Ministerio de Defensa, as institucións penitenciarias, as forzas e corpos de seguridade e resgardo alfandegueiro, así como os órganos xudiciais, de conformidade co Real decreto 393/2007, do 23 de marzo, polo se aproba a Norma básica de autoprotección dos centros, establecementos e dependencias dedicados a actividades que poidan dar orixe a situacións de emerxencia.

Artigo 3. Definicións

Para os efectos deste decreto, enténdese por:

1. Actividade: conxunto de operacións ou tarefas que poidan dar lugar a situacións de emerxencia.

2. Actualización do plan de autoprotección: actuación que consiste en modificar de forma sistemática os datos do plan de autoprotección que tivesen algunha variación, de modo que os datos que consten no plan sexan os actuais. A actualización non implica unha revisión do plan.

3. Alarma: aviso ou sinal polo que se informan as persoas para que sigan instrucións específicas ante unha situación de emerxencia.

4. Alerta: situación declarada co fin de tomar precaucións específicas debido á probable e próxima ocorrencia dun suceso ou accidente.

5. Altura de evacuación: diferenza de cota entre o nivel dunha orixe de evacuación e o do espazo exterior seguro.

6. Autoprotección: sistema de accións e medidas, adoptadas polos titulares das actividades, públicas ou privadas, cos seus propios medios e recursos, dentro do seu ámbito de competencias, encamiñadas a previr e a controlar os riscos sobre as persoas e os bens, a dar resposta adecuada ás posibles situacións de emerxencia e a garantir a integración destas actuacións no sistema público de protección civil.

7. Cabida: número máximo de persoas previsto regulamentariamente para unha actividade. No caso dos usos previstos no Código técnico da edificación, é equiparable á ocupación.

8. Capacidade: número total de público nun recinto ou edificio destinado a espectáculos públicos ou actividades recreativas.

9. Centro, establecemento, instalación ou dependencia: a totalidade da zona, baixo o control dun titular, onde se desenvolve unha actividade.

10. Centro sanitario: conxunto organizado de instalacións e medios técnicos en que profesionais con capacitación, pola súa titulación oficial ou habilitación profesional, realizan actividades sanitarias co fin de coidar da saúde das persoas.

11. Confinamento: medida de protección das persoas, tras un accidente, que consiste en permanecer dentro dun espazo interior protexido e illado do exterior.

12. Efecto dominó: concatenación de efectos causantes de risco que multiplican as consecuencias, posto que os fenómenos perigosos poden afectar, ademais dos elementos vulnerables exteriores, outros recipientes, tubaxes, equipamentos ou instalacións do mesmo establecemento ou doutros próximos, de maneira que, pola súa vez, provoquen novos fenómenos perigosos.

13. Espazo delimitado: espazo acoutado por pechamentos, particións ou outros elementos perimetrais especificamente instalados para crear este espazo. Tamén se considerarán espazos delimitados aqueles que, a pesar de non estaren acoutados por pechamentos, teñan unha relación entre o número de persoas que ocupan un espazo non delimitado e a anchura en metros de dous pasos para acceder ou saír (cociente de saídas RS) igual ou superior a 175 ou ben aqueles que teñan unha relación entre a súa superficie en metros cadrados e o número de persoas que o ocupan (cociente de persoas RP) superior a 2,5.

14. Espazo non delimitado: espazo ao aire libre que non está acoutado por pechamentos, particións ou outros elementos perimetrais especificamente instalados para crear este espazo.

15. Evacuación: acción de traslado planificado das persoas afectadas por unha emerxencia dun lugar a outro provisional seguro.

16. Implantación: conxunto de medidas que hai que tomar para asegurar a eficacia operativa do plan de autoprotección.

17. Intervención: resposta á emerxencia para protexer e socorrer as persoas e os bens.

18. Medios: conxunto de persoas, máquinas, equipamentos e sistemas que serven para reducir ou eliminar riscos e controlar as emerxencias que se poidan xerar.

19. Modificación substancial: calquera modificación das características ou do funcionamento dunha actividade, centro, establecemento, instalación ou dependencia que poida ter repercusións prexudiciais importantes para as persoas, os bens e o ambiente, desde o punto de vista da protección civil.

20. Modificación non substancial: modificación das características ou do funcionamento dunha actividade, centro, establecemento, instalación ou dependencia que non implica consecuencias prexudiciais importantes para as persoas, os bens e o ambiente, desde o punto de vista da protección civil.

21. Ocupación: máximo número de persoas que pode conter un edificio, espazo, establecemento, recinto, instalación ou dependencia, en función da actividade ou uso que nel se desenvolva. O cálculo da ocupación faise atendendo as densidades de ocupación indicadas na normativa vixente. Porén, de preverse unha ocupación real maior á resultante do devandito cálculo, tomarase esta como valor de referencia. Do mesmo xeito, se legalmente é exixible unha ocupación menor á resultante daquel cálculo, tomarase esta como valor de referencia.

22. Perigo: probabilidade de que se produza un efecto daniño específico nun período de tempo determinado ou en circunstancias determinadas.

23. Persoa titular da actividade: persoa física ou xurídica que explota ou posúe o establecemento, espazo, dependencia ou instalación onde se desenvolven as actividades.

24. Persoal asignado ao PAU: persoas e equipos que deben levar a cabo os procedementos de actuación en emerxencias.

25. Plan de autoprotección: marco orgánico e funcional previsto para unha actividade, centro, establecemento, espazo, instalación ou dependencia, co obxecto de previr e controlar os riscos sobre as persoas e os bens e dar resposta adecuada ás posibles situacións de emerxencias, na zona baixo responsabilidade do titular, co fin de garantir a integración destas actuacións no sistema público de protección civil.

26. Plan de actuación en emerxencias: documento pertencente ao plan de autoprotección en que se prevé a organización da resposta ante situacións de emerxencias clasificadas, as medidas de protección e intervención que hai que adoptar e os procedementos e secuencia de actuación para dar resposta ás posibles emerxencias.

27. Planificación: preparación das liñas de actuación para facer fronte ás situacións de emerxencia.

28. Prevención e control de riscos: estudo e implantación das medidas necesarias e idóneas para manter baixo observación, evitar ou reducir as situacións de risco potencial e os danos que poidan derivar. As accións preventivas débense establecer antes de que se produza o incidente, emerxencia, accidente ou como consecuencia da experiencia adquirida tras a análise destas.

29. Portos comerciais: portos, en razón ás características do seu tráfico, que reúnen condicións técnicas, de seguridade e de control administrativo para que neles se realicen actividades comerciais portuarias. Enténdese por actividades comerciais as operacións de estiba, desestiba, carga, descarga, transbordo e almacenamento de mercadorías de calquera tipo, en volume ou forma de presentación, que xustifiquen a utilización de medios mecánicos ou instalacións especializadas.

30. Posto de mando avanzado (PMA): órgano de mando de carácter técnico desde o cal se dirixen e coordinan as actuacións dos diferentes actuantes, de acordo coas ordes do director do PAU. Constitúe a unidade multisectorial de coordinación e execución das operacións que se desenvolverán.

31. Recursos: elementos naturais ou técnicos cuxa función habitual non está asociada ás tarefas de autoprotección e cuxa dispoñibilidade fai posible ou mellora os labores de prevención e actuación ante emerxencias.

32. Rehabilitación: supón a volta á normalidade e a continuación da actividade.

33. Revisión do plan de autoprotección: actuación que consiste en examinar de forma detallada un plan de autoprotección e en efectuar as modificacións que procedan para adaptalo aos cambios que se puideron producir no risco ou ben na estrutura ou na operatividade. Os plans de autoprotección teñen que ser revisados sempre que haxa unha modificación substancial e nun prazo máximo de tres anos desde a súa elaboración.

34. Risco: grao de perda ou dano esperado sobre as persoas e os bens e a súa consecuente alteración da actividade socioeconómica, debido á ocorrencia dun efecto daniño específico.

35. Simulacro: consiste en poñer a proba a activación dun plan, en condicións ficticias, co fin de avaliar a súa operatividade.

36. Simulación: é un simulacro onde se pon a proba a toma de decisións dos principais órganos definidos nos plans, tanto no que ten que ver cos responsables operativos coma estratéxicos, para unha correcta resolución da emerxencia simulada. Non hai accións reais.

37. Vulnerabilidade: grao de predisposición dun elemento (persoa, edificio etc.) a ser afectado por un fenómeno dunha severidade (intensidade ou magnitude) determinada e a sufrir danos.

Artigo 4. Actividades obrigadas a realizar o PAU

1. No catálogo, que se inclúe como anexo I, determínanse as actividades susceptibles de xerar situacións de grave risco colectivo, catástrofe ou calamidade e os centros e instalacións públicos e privados que poidan resultar afectados de maneira especialmente grave por estas situacións.

2. As persoas titulares das actividades incluídas no anexo I están obrigadas a implantar, manter e revisar o PAU, elaborado por persoal técnico competente, segundo se establece na lexislación vixente sobre competencias profesionais.

CAPÍTULO II

Obrigas de autoprotección

Artigo 5. Obrigas das persoas titulares das actividades

As persoas titulares das actividades recollidas no anexo I están sometidas ás seguintes obrigas:

a) Elaborar o PAU correspondente á súa actividade, de acordo co contido mínimo e os criterios definidos no capítulo III deste decreto.

b) Presentar o PAU ao órgano da Administración pública competente para outorgar a licenza, permiso ou autorización determinante para a explotación ou inicio da actividade ou, se é o caso, ante o que presenta comunicación previa.

c) Desenvolver as actuacións para a implantación e o mantemento da eficacia do PAU, de acordo co contido definido no anexo II e cos criterios establecidos no capítulo III deste decreto.

d) Remitir ao Rexistro Electrónico de Plans de Autoprotección de Galicia os datos previstos no anexo IV deste decreto.

e) Informar e formar as persoas ao seu servizo nos contidos do PAU.

f) Facilitar a información necesaria para, se é o caso, posibilitar a integración do PAU noutros PAU de ámbito superior e nos plans de protección civil.

g) Informar o órgano que outorga a licenza, permiso ou autorización determinante para a explotación ou inicio da actividade ou, se é o caso, ante o que se realizase unha declaración ou comunicación previa, acerca de calquera modificación ou cambio substancial na actividade ou nas instalacións no que afecte a autoprotección.

h) Colaborar coas autoridades competentes das administracións públicas no marco das normas de protección civil que lle sexan de aplicación.

i) Informar coa antelación suficiente o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de protección civil e o concello ou concellos onde se desenvolve a actividade da realización dos simulacros ou exercicios previstos no PAU.

j) Dispoñer nos centros, establecementos, dependencias ou actividades que poidan dar orixe a situacións de emerxencia dunha copia impresa do PAU, que estará á disposición dos servizos de emerxencia e dos servizos de inspección.

k) Emitir o certificado de implantación do PAU, conforme o contido do anexo III do decreto.

l) Dispoñer dos medios mínimos de autoprotección a que fai referencia o anexo V.

m) Dirixir o PAU ou, se é o caso, designar unha persoa directora do plan de autoprotección, responsable das funcións e accións especificadas no plan.

n) Avisar o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia CIAE-112, no menor tempo posible, cando se active o PAU.

o) Designar unha persoa responsable que garanta a implantación das medidas de prevención e control de riscos.

p) Designar unha persoa que exerza a xefatura de emerxencia, con autoridade para a xestión das actuacións encamiñadas á resposta ante as emerxencias, de acordo co contido do manual de actuación, segundo se establece no anexo II deste decreto.

Artigo 6. Obrigas de autoprotección das persoas que presten servizo

As persoas que presten servizo nas actividades recollidas no anexo I teñen a obriga, na medida das súas capacidades, de participar no PAU e de asumir as funcións que lles sexan asignadas no devandito PAU. Así mesmo, están obrigadas a participar nas actividades formativas e de capacitación do persoal que se impartan para a implantación do PAU e nos simulacros e exercicios que se realicen para a avaliación deste.

CAPÍTULO III

O plan de autoprotección

Artigo 7. Concepto e réxime aplicable

1. O PAU é o documento que establece o marco orgánico e funcional previsto para unha actividade, centro, establecemento, espazo, instalación ou dependencia ou evento, co obxecto de previr e controlar os riscos sobre as persoas e os bens e de dar unha resposta adecuada ás posibles situacións de emerxencia na zona, baixo a responsabilidade das persoas titulares das actividades, co fin de garantir a integración destas actuacións no sistema público de protección civil.

2. A elaboración, implantación, mantemento e revisión do PAU é responsabilidade da persoa titular da actividade recollida no anexo I do decreto.

3. Os centros, establecementos, espazos, instalacións e dependencias que deban dispoñer do plan de autoprotección deberán integrar no seu plan os plans das distintas actividades que se atopen nel fisicamente, así como establecer o resto de actividades non incluídas na Norma básica de autoprotección. Nestes centros, establecementos, espazos, instalacións e dependencias do número anterior poderase admitir un plan de autoprotección integral único, sempre que se recollan todos os riscos particulares de cada unha das actividades que conteñan.

4. No caso de actividades temporais realizadas en centros, establecementos, instalacións e/ou dependencias que dispoñan de autorización para unha actividade distinta da que se pretende realizar e que estea incluída no anexo I, a persoa organizadora da actividade temporal estará obrigada a elaborar e a implantar, con carácter previo ao comezo da nova actividade, un PAU complementario.

5. As persoas titulares das distintas actividades, en réxime de arrendamento, concesión ou contrata, que se atopen fisicamente nos centros, establecementos, espazos, instalacións e dependencias que deban dispoñer de PAU, de acordo co establecido no anexo I, deberán elaborar, implantar e integrar os seus plans cos seus propios medios e recursos.

6. As administracións públicas competentes poderán, en todo momento, requirir da persoa titular da actividade correccións, modificacións ou actualizacións dos PAU elaborados no caso de que varíen as circunstancias que determinaron a súa adopción ou para adecualos á normativa vixente sobre autoprotección e ao disposto nos plans de protección civil.

Artigo 8. Estrutura e contido do PAU

1. O PAU comprenderá, polo menos, os aspectos recollidos na Norma básica de autoprotección, aprobada polo Real decreto 393/2007, do 23 de marzo, e recolleranse nun documento único cuxa estrutura e contido mínimo será o que figura no anexo II deste decreto.

2. O PAU deberá estar redactado e asinado por un técnico competente capacitado para ditaminar sobre aqueles aspectos relacionados coa autoprotección fronte aos riscos a que estea suxeita a actividade e estará subscrito igualmente polo titular da actividade, se é unha persoa física, ou pola persoa que o represente, se é unha persoa xurídica.

3. No caso das infraestruturas de subministracións básicas, viarias ou ferroviarias con instalacións incluídas no anexo I deste decreto, poderase admitir un único PAU para toda a infraestrutura, sempre que este integre a análise de todos os riscos e medidas de autoprotección.

4. Este ou outros documentos de natureza análoga que deban realizar as persoas titulares en virtude da normativa sectorial aplicable poderán fusionarse nun documento único para estes efectos, cando esta unión permita evitar duplicacións innecesarias da información e a repetición dos traballos realizados pola persoa titular ou a autoridade competente, sempre que se cumpran todos os requisitos esenciais desta norma.

5. O documento do PAU incluirá todos os procedementos e protocolos necesarios para reflectir as actuacións preventivas e de resposta á emerxencia.

Artigo 9. Actualización e revisión do PAU

1. O PAU deberá estar permanentemente actualizado. A persoa titular da actividade incluída no anexo I será a responsable da modificación dos datos.

2. O PAU revisarase cando se produza unha modificación substancial na actividade e, como mínimo, cada tres anos, salvo que na normativa sectorial específica se estableza un prazo menor.

3. No caso de que se modifiquen os datos relevantes para a protección civil, a persoa titular da actividade recollida no anexo I deberá tramitar unha modificación no Rexistro Electrónico de Plans de Autoprotección de Galicia.

Artigo 10. Implantación do PAU

1. Para os efectos do previsto no número 3.5 da Norma básica de autoprotección, aprobada polo Real decreto 393/2007, do 23 de marzo, a persoa titular da actividade recollida no anexo I emitirá un certificado da implantación do PAU, de conformidade co contido mínimo establecido no anexo III.

2. A implantación do PAU comprenderá, polo menos, a formación e capacitación do persoal, o establecemento de mecanismos de información ao público e a provisión dos medios e recursos precisa para a aplicabilidade do plan. Para tal fin, o PAU atenderá aos seguintes criterios:

a) Información previa. Estableceranse mecanismos de información dos riscos da actividade para o persoal e o público, así como do PAU para o persoal da actividade. Está información deberá incluír os riscos da actividade e as medidas que se deben tomar en caso de emerxencia, así como os medios existentes para facer efectivas estas medidas –entre elas, vías de evacuación, puntos de reunión e, se procede, zonas de confinamento etc.–, co fin de garantir que os puntos de reunión queden fóra das vías de acceso dos servizos de emerxencia á instalación ou que permitan un fácil acceso destes servizos, en caso de imposibilidade material.

b) Formación teórica e práctica do persoal asignado ao PAU, para o que se debe establecer un adecuado programa de actividades formativas periódicas adecuado e dimensionado á actividade, co fin de asegurar o mantemento da formación teórica e práctica do persoal, así como os sistemas ou formas de comprobación de que estes coñecementos foron adquiridos.

c) Definición, provisión e xestión dos medios e recursos económicos necesarios.

d) Realización e comunicación ao Centro Integrado de Atención a Emerxencias CIAE-112 dos simulacros de emerxencia.

3. A persoa titular da actividade recollida no anexo I debe elaborar un informe anual das actuacións de implantación do plan, asinado polo xefe ou xefa da emerxencia. Quedan exentas as actividades temporais, eventos ou outras de natureza non fixa.

4. A persoa titular do centro ou actividade debe conservar a documentación de todas as actuacións de implantación do PAU. A Administración competente poderá requirir, como obriga derivada do plan, a documentación mencionada.

Artigo 11. Mantemento da eficacia do PAU

1. As actividades de mantemento da eficacia do PAU deben formar parte dun proceso de preparación continuo, sucesivo e iterativo que, incorporando a experiencia adquirida, permita alcanzar e manter un adecuado nivel de operatividade e eficacia.

2. Establecerase un adecuado programa de actividades formativas periódicas para asegurar o mantemento da formación teórica e práctica do persoal asignado ao PAU, e para iso implementaranse sistemas ou formas de comprobación de que estes coñecementos foron adquiridos.

3. Preverase un programa de mantemento dos medios e recursos materiais e económicos necesarios.

4. Para avaliar os PAU e asegurar a eficacia e a operatividade dos plans de actuación en emerxencias, realizaranse simulacros de emerxencia coa periodicidade mínima que fixe o propio plan e, en todo caso, polo menos unha vez ao ano, e avaliaranse os seus resultados.

5. A realización de simulacros terá como obxectivos a verificación e comprobación da eficacia da organización de resposta ante unha emerxencia, a capacitación do persoal adscrito á organización de resposta, o adestramento de todo o persoal da actividade na resposta fronte a unha emerxencia, a suficiencia e idoneidade dos medios e recursos asignados e a adecuación dos procedementos de actuación.

6. Os simulacros implicarán a activación total ou parcial das accións contidas no plan de actuación en emerxencias.

7. A empresa conservará a información sobre as actividades de mantemento da eficacia do PAU, así como os informes de avaliación realizados debidamente asinados polo responsable do PAU, que poñerá á disposición das administracións públicas.

Artigo 12. Medios mínimos de autoprotección

1. As actividades recollidas no anexo I deste decreto están obrigadas a dotarse dos medios de autoprotección mínimos que se especifican no anexo V, para os efectos de asegurar a boa execución do PAU.

2. Os recursos que conforman os medios mínimos de autoprotección poden ser mancomunados por actividades, centros, establecementos, espazos ou instalacións próximas, no caso de que o tempo de resposta fronte a unha emerxencia non sexa superior a dez minutos.

CAPÍTULO IV

Control da autoprotección polos poderes públicos

Artigo 13. Rexistro Electrónico de Plans de Autoprotección de Galicia

1. O Rexistro Electrónico de Plans de Autoprotección de Galicia, dependente da dirección xeral da Xunta de Galicia con competencias en materia de protección civil, ten como finalidade fundamental o establecemento dunha base de datos sobre o contido dos PAU, ao cal poderán acceder os servicios de emerxencias do Sistema integrado de atención ás emerxencias da Comunidade Autónoma de Galicia, para os efectos de ampliar a información sobre as actividades recollidas no anexo I deste decreto e co fin de facilitar e optimizar as súas posibles intervencións en caso de sinistro.

2. As persoas titulares das actividades recollidas no anexo I están obrigadas a solicitar, con carácter previo ao comezo da actividade, a inscrición dos datos recollidos no anexo IV no Rexistro Electrónico de Plans de Autoprotección de Galicia, de acordo co procedemento establecido para o efecto mediante orde da consellería competente en materia de protección civil.

As persoas titulares de actividades non recollidas no anexo I poderán solicitar con carácter voluntario a inscrición dos datos establecidos no anexo IV no Rexistro Electrónico de Plans de Autoprotección de Galicia.

3. A resolución da Administración pola que se acorde a inscrición deberá notificarse no prazo máximo de tres meses, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. En caso de solicitar emendas, suspenderase o prazo conforme o artigo 22.1.a) da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Logo de transcorrido o devandito prazo sen que fose notificada resolución expresa, a persoa interesada poderá entender estimada a súa solicitude. En todo caso, a inscrición no Rexistro Electrónico de Plans de Autoprotección de Galicia non supón a concesión do permiso ou licenza para o comezo da actividade nin, se é o caso, unha declaración ou comunicación previa.

4. Sen prexuízo das obrigas que fixe a normativa específica que sexa aplicable, unha vez finalizada a actividade obxecto de inscrición no rexistro, a persoa titular debe solicitar a baixa da inscrición no prazo máximo de tres meses desde o cesamento da actividade. En caso de se produciren modificacións na actividade que supoñan a súa exclusión do catálogo do anexo I deste decreto, o prazo para solicitar a baixa será de tres meses.

Artigo 14. Inspección e control

1. As administracións públicas, no ámbito da autoprotección, exercerán funcións de vixilancia, inspección e control.

2. Os órganos das administracións públicas competentes para o outorgamento da licenza ou permiso para a explotación ou inicio de actividade ou, se é o caso, ante os que se presente comunicación ou declaración previa, están facultados para:

a) Recibir a documentación correspondente aos PAU.

b) Requirir cantos datos consideren oportunos no exercicio das súas competencias.

c) Obrigar as persoas titulares das actividades situadas nunha mesma edificación ou recintos contiguos para que presenten e/ou implanten un plan conxunto de autoprotección, cando a valoración das circunstancias concorrentes e a protección de bens e persoas así o recomende, no prazo dun ano.

d) Velar polo cumprimento das obrigas impostas en materia de autoprotección, exercendo a inspección e control da autoprotección.

e) Comunicar aos órganos competentes en materia de protección civil aquelas circunstancias e informacións que resulten do seu interese en materia de autoprotección.

3. O centro directivo con competencias en materia de protección civil da Xunta de Galicia estará facultada para:

a) Exixir a presentación e/ou a implantación material e efectiva do PAU ás persoas titulares das actividades recollidas no anexo I, así como inspeccionar o cumprimento da Norma básica de autoprotección nos termos previstos na normativa vixente.

b) Instar os órganos das administracións públicas competentes na concesión de licenzas ou permisos de explotación ou inicio de actividades ou, se é o caso, receptoras da comunicación ou declaración previa para que exerzan as atribucións contidas no parágrafo d) do número anterior.

c) Exercer a atribución contida no parágrafo d) do número anterior, cando os órganos das administracións públicas competentes na concesión de licenzas ou permisos de explotación ou inicio de actividades ou, se é o caso, receptoras da comunicación ou declaración previa, desatendan o requirimento formulado. Notificarase diso a Administración pública destinataria do requirimento.

d) Establecer e manter os correspondentes rexistros e arquivos de carácter público previstos neste decreto.

e) Promover a colaboración entre as empresas ou entidades cuxas actividades presenten riscos especiais, co fin de incrementar o nivel de autoprotección nas súas instalacións e na súa contorna.

f) Exercer a potestade sancionadora conforme o establecido na Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia.

Disposición transitoria única. Actividades existentes

As persoas titulares de actividades recollidas no anexo I que xa tivesen concedida licenza de actividade ou, se é o caso, que presentasen comunicación na data de entrada en vigor deste decreto, e non xuntasen o PAU, deberán achegalo no prazo de seis meses desde a entrada en vigor deste decreto.

As persoas titulares de actividades recollidas no anexo I que xa presentasen o PAU terán un prazo de seis meses para adaptar o PAU, se é o caso, desde a entrada en vigor deste decreto.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogado o Decreto 171/2010, do 1 de outubro, sobre plans de autoprotección na Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Mantén a súa vixencia a Orde do 27 de febreiro de 2012 pola que se crea o Rexistro Electrónico de Plans de Autoprotección na Comunidade Autónoma de Galicia e pola que se regula o seu procedemento.

Disposición derradeira primeira. Modificación da Orde do 27 de febreiro de 2012 pola que se crea o Rexistro Electrónico de Plans de Autoprotección na Comunidade Autónoma de Galicia e pola que se regula o seu procedemento

As referencias feitas ao Decreto 171/2010, do 1 de outubro, na Orde do 27 de febreiro de 2012 pola que se crea o Rexistro Electrónico de Plans de Autoprotección na Comunidade Autónoma de Galicia e pola que se regula o seu procedemento entenderanse referidas a este decreto.

Disposición derradeira segunda. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da consellería con competencia en materia de protección civil a ditar as ordes necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos seis meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de outubro de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO I

Catálogo de actividades

1. Actividades con regulamentación sectorial específica.

a) Actividades industriais, de almacenamento e de investigación.

Establecementos en que interveñen substancias perigosas: aqueles en que están presentes substancias perigosas en cantidades iguais ou superiores ás especificadas na columna 2 das partes 1 e 2 do anexo 1 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñan substancias perigosas.

As actividades de almacenamento de produtos químicos acollidas ás instrucións técnicas complementarias e nas cantidades seguintes:

ITC APQ-1 (almacenamento de líquidos inflamables e combustibles) de capacidade maior a 200 m3.

ITC APQ-2 (almacenamento de óxido de etileno) de capacidade maior a 1 t.

ITC APQ-3 (almacenamento de cloro) de capacidade maior a 4 t.

ITC APQ-4 (almacenamento de amoníaco anhidro) de capacidade maior a 3 t.

ITC APQ-5 (almacenamento de botellas e bombonas de gases comprimidos licuados e disoltos a presión) de categoría 4 ou 5.

ITC APQ-6 (almacenamento de líquidos corrosivos) de capacidade maior a 500 m3.

ITC APQ-7 (almacenamento de líquidos tóxicos) de capacidade maior a 200 m3.

ITC APQ-8 (almacenamento de fertilizantes a base de nitrato amónico, con alto contido en nitróxeno) de capacidade maior a 200 t.

Establecementos en que interveñen explosivos: aqueles regulados na ITC 10 sobre prevención de accidentes graves, recollida no Real decreto 130/2017, do 24 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de explosivos.

Actividades de xestión de residuos perigosos: aquelas actividades de recollida, almacenamento, valorización ou eliminación de residuos perigosos, de acordo co que establece a Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados.

Explotacións e industrias relacionadas coa minaría: sempre que se desenvolva unha actividade subterránea ou ben que haxa máis de vinte traballadores, as reguladas polo Real decreto 863/1985, do 2 de abril, polo que se aproba o Regulamento xeral de normas básicas de seguridade mineira, e polas súas instrucións técnicas complementarias.

Instalacións de utilización confinada de organismos modificados xeneticamente: as clasificadas como actividades de risco alto (tipo 4) no Real decreto 178/2004, do 30 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento xeral para o desenvolvemento e execución da Lei 9/2003, do 25 de abril, pola que se establece o réxime xurídico da utilización confinada, liberación voluntaria e comercialización de organismos modificados xeneticamente.

Instalacións para a obtención, transformación, tratamento, almacenamento e distribución de substancias ou materias biolóxicas perigosas: as instalacións que conteñan axentes biolóxicos do grupo 4, determinados no Real decreto 664/1997, do 12 de maio, sobre a protección dos traballadores contra os riscos relacionados coa exposición a axentes biolóxicos durante o traballo.

b) Actividades de infraestruturas de transporte.

Túneles de estrada con máis de 1.000 m de lonxitude ou entre 500 e 1.000 m de lonxitude, cunha intensidade media diaria (IMD) superior a 5.000 vehículos/día, incluídos os que formen parte da mesma vía e que estean separados entre si por unha distancia inferior a 500 m.

Portos comerciais: os portos de interese xeral con uso comercial e os seus usos complementarios ou auxiliares, definidos no Real decreto lexislativo 2/2011, do 5 de setembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante.

Aeroportos, aeródromos e demais instalacións aeroportuarias: aqueles regulados pola Lei 21/2003, do 7 de xullo, de seguridade aérea, e pola normativa internacional (normas e recomendacións da Organización da Aviación Civil Internacional-OACI) e nacional da Dirección Xeral de Aviación Civil aplicable.

c) Actividades e infraestruturas enerxéticas.

Instalacións nucleares e radioactivas: as reguladas polo Real decreto 1836/1999, do 3 de decembro, polo que se aproba o Regulamento sobre instalacións nucleares e radioactivas.

Infraestruturas hidráulicas (presas e encoros): as clasificadas como categorías A e B na Orde do 12 de marzo de 1996 pola que se aproba o Regulamento técnico sobre seguridade de presas e encoros, así como na Resolución do 31 de xaneiro de 1995 pola que se dispón a publicación do Acordo do Consello de Ministros polo que se aproba a Directriz básica de planificación de protección civil ante o risco de inundacións.

d) Actividades de espectáculos públicos e recreativas.

Lugares, recintos e instalacións nos cales se celebren eventos regulados pola normativa vixente en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas, sempre que cumpran coas seguintes características:

En espazos pechados:

Edificios pechados permanentes non desmontables, cubertos total ou parcialmente, cunha cabida ou capacidade igual ou superior a 1.000 persoas ou cunha altura de evacuación igual ou superior a 28 m.

Instalacións ou locais pechados desmontables ou de tempada, cubertos total ou parcialmente, cunha cabida ou capacidade igual ou superior a 1.500 persoas.

Outras actividades en espazos delimitados cun número de asistentes e participantes previstos igual ou superior a 5.000 persoas.

En espazos non delimitados:

Actividades cun número de asistentes e participantes previstos igual ou superior a 10.000 persoas.

e) Outras actividades reguladas por unha normativa sectorial de autoprotección. Aquelas actividades desenvolvidas en centros, establecementos, espazos, instalacións ou dependencias ou medios análogos sobre os que unha normativa sectorial específica estableza obrigas de autoprotección nos termos definidos nesta norma.

2. Actividades sen regulamentación sectorial específica.

a) Actividades industriais e de almacenamento.

Aquelas cunha carga de lume ponderada e corrixida igual ou superior a 3200 Mcal/m2 ou 13.600 MJ/ m2, con risco intrínseco alto (tipo 8), segundo a táboa 1.3 do anexo I do Real decreto 267/2004, do 3 de decembro, polo que aproba o Regulamento de seguridade contra incendios nos establecementos industriais ou aquelas en que estean presentes substancias perigosas en cantidades iguais ou superiores ao 60 % das especificadas na columna 2 das partes 1 e 2 do anexo 1 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro.

Instalacións frigoríficas con líquidos refrixerantes do segundo e terceiro grupo cando superen as cantidades totais empregadas en 3 t.

Establecementos con instalacións acollidas ás ITC IP02, IP03 e IP-04 con más de 500 m3.

b) Actividades e infraestruturas de transporte.

Estacións e intercambiadores de transporte terrestre: aqueles cunha ocupación igual ou superior a 1.500 persoas.

Túneles ferroviarios de lonxitude igual ou superior a 1.000 m, incluídos os que forman parte da mesma vía e que están separados entre si por unha distancia inferior a 500 m.

Autoestradas de peaxe:

Áreas de estacionamento para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e ferrocarril.

Portos comerciais:

Os condutos que transportan substancias perigosas: gasodutos, oleodutos ou condutos similares. No caso dos gasodutos, inclúense as conducións que transportan gas natural por encima de 16 bares (presión de transporte secundario).

c) Actividades e infraestruturas enerxéticas.

Centros ou instalacións destinados á produción de enerxía eléctrica: os de potencia nominal igual ou superior a 300 MW.

Subestacións de distribución de enerxía eléctrica en alta tensión da rede de transporte á de distribución.

d) Actividades sanitarias.

Establecementos de usos sanitarios en que se prestan coidados médicos en réxime de hospitalización e/ou tratamento intensivo ou cirúrxico, cunha dispoñibilidade igual ou superior a 100 camas ou ben que, sen chegar ás 100 camas, se atopen na zona de intervención de accidentes graves nos cales interveñan substancias perigosas, definida conforme o disposto no artigo 2 do Real decreto 1196/2003, do 19 de setembro, polo que se aproba a Directriz básica de protección civil para o control e planificación ante o risco de accidentes graves en que interveñen substancias perigosas.

Calquera outro establecemento de uso sanitario que dispoña dunha altura de evacuación igual ou superior a 28 m ou dunha ocupación igual ou superior a 1.000 persoas.

e) Actividades docentes.

Para os efectos deste catálogo, entenderanse como centros de uso docente os centros educativos descritos no artigo 40.1 da Lei 5/2007, do 5 de maio, de emerxencias de Galicia.

Establecementos de uso docente especialmente destinados a persoas discapacitadas físicas, sensoriais, intelectuais ou con enfermidades mentais ou a outras persoas que non poidan realizar unha evacuación polos seus propios medios.

Calquera outro establecemento de uso docente sempre que dispoña dunha altura de evacuación igual ou superior a 28 m ou dunha ocupación igual ou superior a 1.000 persoas, ou ben que, sen chegar a eses limiares, se atope na zona de intervención de accidentes graves nos cales interveñan substancias perigosas, definida conforme o disposto no artigo 2 do Real decreto 1196/2003, do 19 de setembro.

f) Actividades residenciais públicas.

Establecementos de uso residencial público: aqueles en que se desenvolven actividades de residencia ou centros de día destinados a persoas anciás, con discapacidade física, sensorial, intelectual ou con enfermidade mental, ou aqueles en que habitualmente haxa usuarios e usuarias que non poidan realizar unha evacuación polos seus propios medios.

Calquera outro establecemento de uso residencial público sempre que dispoña dunha altura de evacuación igual ou superior a 28 m ou dunha ocupación igual ou superior a 1.000 persoas ou ben que, sen chegar a eses limiares, se atope na zona de intervención de accidentes graves nos cales interveñan substancias perigosas, definida conforme o disposto no artigo 2 do Real decreto 1196/2003, do 19 de setembro.

g) Outras actividades.

Aquelas actividades desenvolvidas en centros, establecementos, espazos, instalacións ou dependencias ou medios análogos que reúnan algunha das seguintes características:

Edificios que alberguen actividades comerciais, administrativas, de prestación de servizos ou de calquera outro tipo, sempre que a altura de evacuación do edificio sexa igual ou superior a 28 m ou ben que dispoñan dunha ocupación igual ou superior a 1.000 persoas.

Instalacións ou locais pechados desmontables ou de tempada, cubertos total ou parcialmente, cunha cabida ou capacidade igual ou superior a 1.500 persoas.

Instalacións de cámping cunha cabida ou capacidade igual ou superior a 1.000 persoas.

Outras actividades en espazos delimitados cun número de asistentes e participantes previstos igual ou superior a 5.000 persoas.

Actividades en espazos non delimitados cun número de asistentes e participantes previstos igual ou superior a 10.000 persoas.

Os espazos naturais protexidos definidos na Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, cando teñan unha afluencia media anual de visitantes nos últimos 5 anos de máis de 10.000 persoas.

ANEXO II

Contido mínimo do PAU

O documento do PAU estruturarase co contido que figura a continuación, tanto se se refire a edificios como a instalacións ou actividades a que sexan aplicables os diferentes capítulos.

Índice paxinado

Histórico de revisións.

Nome da persoa redactora ou redactoras, data da redacción inicial e das diferentes actualizacións, modificacións, revisións ou cambios a que fose sometido.

Sinatura da persoa ou persoas redactoras do PAU e da persoa titular.

Capítulo 1. Identificación das persoas titulares e da localización da actividade.

1.1. Enderezo postal da localización da actividade. Denominación da actividade, nome e/ou marca. Teléfono e fax.

1.2. Identificación das persoas titulares da actividade. Nome e/ou razón social, enderezo postal, teléfono e fax.

1.3. Nome da persoa que dirixe o PAU e da persoa que dirixe o plan de actuación ante emerxencias, no caso de que sexan distintos. Enderezo postal, teléfono e fax.

Capítulo 2. Descrición detallada da actividade e do medio físico en que se desenvolve.

2.1. Descrición de cada unha das actividades desenvolvidas obxecto do plan.

2.2. Descrición do centro ou establecemento, dependencias e instalacións onde se desenvolvan as actividades obxecto do plan.

2.3. Clasificación e descrición das persoas usuarias.

2.4. Descrición da contorna urbana, industrial ou natural en que figuren os edificios, instalacións e áreas onde se desenvolve a actividade.

2.5. Descrición dos accesos. Condicións de accesibilidade para a axuda externa. Este capítulo desenvolverase mediante documentación escrita e acompañarase, como mínimo, da documentación gráfica seguinte:

Plano de situación que comprenda a contorna próxima urbana, industrial ou natural en que figuren os accesos, comunicacións etc.

Planos descritivos de todos os andares dos edificios, das instalacións e das áreas onde se realiza a actividade.

Capítulo 3. Inventario, análise e avaliación de riscos.

Deben terse presentes, como mínimo, aqueles riscos regulados por normativas sectoriais. Este capítulo comprenderá o seguinte:

3.1. Descrición e localización dos elementos, instalacións, procesos de produción etc. que poidan dar orixe a unha situación de emerxencia ou incidir de maneira desfavorable no desenvolvemento desta.

3.2. Identificación, análise e avaliación dos riscos propios da actividade e dos riscos externos que puidesen afectarlle (riscos recollidos nos plans de protección civil e actividades de risco próximas).

3.3. Identificación, cuantificación e tipoloxía das persoas tanto afectas á actividade como alleas a esta que teñan acceso aos edificios, instalacións e áreas onde se desenvolve a actividade.

Este capítulo desenvolverase mediante documentación escrita e acompañarase, como mínimo, da documentación gráfica seguinte:

Planos de situación por andares de todos os elementos e/ou instalacións de risco, tanto os propios coma os da contorna.

Capítulo 4. Inventario e descrición das medidas e medios de autoprotección.

4.1. Inventario e descrición das medidas e medios, humanos e materiais, dos que dispón a entidade para controlar os riscos detectados, enfrontar as situacións de emerxencia e facilitar a intervención dos servizos externos de emerxencias.

4.2. As medidas e os medios, humanos e materiais, dispoñibles en aplicación de disposicións específicas en materia de seguridade. Este capítulo desenvolverase mediante documentación escrita e acompañarase, como mínimo, da documentación gráfica seguinte:

Planos de situación dos medios de autoprotección, conforme a normativa UNE. Este plano deberá tamén recoller o punto de recepción dos medios externos.

Planos de percorridos de evacuación e áreas de confinamento que reflictan o número de persoas para evacuar ou confinar por áreas segundo os criterios fixados na normativa vixente.

Planos de compartimentación de áreas ou sectores de risco.

Capítulo 5. Programa de mantemento de instalacións.

5.1. Descrición do mantemento preventivo das instalacións de risco que garanta o seu control.

5.2. Descrición do mantemento preventivo das instalacións de protección que garanta a súa operatividade.

5.3. Realización das inspeccións de seguridade de acordo coa normativa vixente.

Este capítulo desenvolverase mediante documentación escrita e acompañarase, como mínimo, dun libro de follas numeradas onde queden reflectidas as operacións de mantemento realizadas e as inspeccións de seguridade, conforme a normativa dos regulamentos de instalacións vixentes.

Capítulo 6. Plan de actuación ante emerxencias.

Deben definirse as accións que haxa que desenvolver para o control inicial das emerxencias, de modo que se garantan a alarma, a evacuación e o socorro. Comprenderá:

6.1. Identificación e clasificación das emerxencias:

En función do tipo de risco.

En función da gravidade.

En función da ocupación e medios humanos.

6.2. Procedementos de actuación ante emerxencias:

a) Detección e alerta.

b) Mecanismos de alarma.

b.1) Identificación da persoa que dará os avisos.

b.2) Identificación do Centro de Coordinación de Atención de Emerxencias de Protección Civil.

c) Mecanismos de resposta fronte á emerxencia.

d) Evacuación e/ou confinamento.

e) Prestación das primeiras axudas.

f) Modos de recepción das axudas externas.

6.3. Identificación e funcións das persoas e equipos que levarán a cabo os procedementos de actuación en emerxencias.

6.4. Identificación da persoa responsable da posta en marcha do plan de actuación ante emerxencias.

Capítulo 7. Integración do PAU noutros plans de ámbito superior.

7.1 Os protocolos de notificación da emerxencia ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias CIAE-112.

7.2. A coordinación entre a dirección do PAU e a dirección do plan de protección civil onde se integre o PAU.

7.3. As formas de colaboración da organización de autoprotección cos plans e as actuacións do sistema público de protección civil.

Capítulo 8. Implantación do PAU.

8.1. Identificación do responsable da implantación do PAU.

8.2. Programa de formación e capacitación para o persoal con participación activa no PAU.

8.3. Programa de formación e información a todo o persoal sobre o PAU.

8.4. Programa de información xeral para as persoas usuarias.

8.5. Sinalización e normas para a actuación de visitantes.

8.6. Programa de dotación e adecuación de medios materiais e recursos.

Capítulo 9. Mantemento da eficacia e actualización do PAU.

9.1. Programa de reciclaxe de formación e información.

9.2. Programa de substitución de medios e recursos.

9.3. Programa de exercicios e simulacros.

9.4. Programa de revisión e actualización de toda a documentación que forma parte do PAU.

9.5. Programa de auditorías e inspeccións.

Anexo I do PAU. Directorio de comunicación.

1. Teléfonos do persoal de emerxencias.

2. Teléfonos de axuda exterior.

3. Outras formas de comunicación.

Anexo II do PAU. Formularios para a xestión de emerxencias.

Anexo III do PAU. Planos.

ANEXO III

Certificado de implantación do PAU

Datos do centro, establecemento, espazo, instalación e dependencia.

Nome:

Enderezo completo:

Actividade ou uso:

Teléfono:

Correo electrónico:

Datos da persoa titular da actividade ou do seu representante legal.

Nome:

DNI:

Enderezo completo:

Teléfono:

Correo electrónico:

Certifico que se realizou a implantación completa do PAU, o día ..., nos termos que se recollen no citado plan e de acordo cos criterios establecidos na Norma básica de autoprotección.

..., ... de ... de ...

(Lugar e data)

Asinado: ...

(A persoa titular da actividade ou o seu representante legal)

DIRECCIÓN XERAL DE EMERXENCIAS E INTERIOR

ANEXO IV

Contido mínimo do Rexistro Electrónico de Plans de Autoprotección da Comunidade Autónoma de Galicia

Datos xerais.

Nome do establecemento.

Enderezo completo.

Teléfono, fax, correo electrónico.

Número de ocupantes (clasificación).

Número de empregadas/os (clasificación).

Actividade ou uso do establecemento. Actividades ou usos que convivan na mesma edificación.

Datos da persoa titular (nome, enderezo, teléfono...).

Data da última revisión do PAU.

Datos estruturais.

Tipo de estrutura.

Número de andares sobre e baixo rasante.

Superficie útil ou construída (por andares).

Número de saídas ao exterior.

Número de escaleiras interiores.

Número de escaleiras exteriores.

Sectorización de incendios.

Información relevante sobre a estrutura e/ou edificio.

Localización das chaves de corte de subministración enerxética (gas, electricidade, gasóleo...).

Contorna.

Información sobre a contorna (urbana ou rural; proximidade a ríos, a rutas polas que transitan vehículos con mercadorías perigosas, a industrias, a zonas forestais; edificio illado ou medianeiro con outras actividades). Tipo de actividades da contorna e os seus titulares.

Vulnerables existentes na contorna.

Accesibilidade.

Datos e información relevante sobre o acceso.

Características dos accesos de vehículos ás fachadas do establecemento.

Número de fachadas accesibles a bombeiros.

Focos de perigo e vulnerables.

Tipo de risco más significativo do edificio.

Tipo e cantidade de produtos perigosos que se almacenan e/ou procesan.

Vulnerables.

Instalacións técnicas de protección contra incendios. Dispón de:

Detección e alarma de incendios. Data de revisión da instalación.

Pulsadores de alarma de incendios. Data de revisión da instalación.

Extintores de incendios. Data de revisión da instalación.

Bocas de incendio equipadas. Data de revisión da instalación.

Hidrantes. Data de revisión da instalación.

Columna seca. Data de revisión da instalación.

Extinción automática de incendios. Data de revisión da instalación.

Iluminación de emerxencia. Data de revisión da instalación.

Sinalización. Data de revisión da instalación.

Grupo electróxeno e sistema de alimentación ininterrompida (SAI). Data de revisión da instalación.

Equipamento de bombeo e alxibe ou depósito de auga. Data de revisión da instalación.

Planos.

ANEXO V

Medios de autoprotección mínimos

1. Dispositivos para a vixilancia, identificación da emerxencia, coordinación da resposta e ordenación da autoprotección.

As actividades recollidas no anexo I deste decreto téñense que dotar de persoal suficiente ou de sistemas tecnolóxicos adecuados e suficientes para a identificación das emerxencias e hai que garantir o aviso aos servizos públicos para a súa xestión.

As actividades con afluencia de público superior a 2.000 persoas teñen que dispoñer, ademais, do persoal oportuno para a prevención e identificación de emerxencias por aglomeracións e para garantir unha evacuación ordenada ou un confinamento, de ser necesario.

Cando o evento teña unha afluencia de público prevista superior a 5.000 persoas, en espazos delimitados ou non delimitados, será condición indispensable para a súa celebración a constitución dun posto de mando avanzado que garanta o mando único e a coordinación dos servizos públicos e privados de intervención, seguridade e sanitarios, e que teña contacto permanente co Centro Integrado de Atención ás Emerxencias CIAE-112 en caso de emerxencia. Ademais, a persoa titular da actividade deberá comunicar á Axencia Galega de Emerxencias a realización do evento cunha antelación mínima dun mes.

2. Medios sanitarios.

As actividades ou centros incluídos no ámbito de aplicación deste decreto téñense que dotar, como mínimo, dos medios materiais e persoais que estableza a normativa sectorial específica.

A formación específica para o uso de aparellos desfibriladores externos automatizados (en adiante, DEA) realizarase de acordo co establecido no Decreto 38/2017, do 23 de marzo, polo que se regula a instalación e o uso de desfibriladores externos fóra do ámbito sanitario, e se crea o seu rexistro.

Subsidiariamente, na falta de normativa sectorial específica, establécese que os medios materiais e persoais mínimos son os seguintes:

Epígrafe decreto

Instalación

Medios mínimos*

1b

Portos comerciais: os portos de interese xeral con uso comercial e os seus usos complementarios ou auxiliares definidos no Real decreto lexislativo 2/2011, do 5 de setembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante.

1 DEA

2 primeiros interventores formados en ASI e DEA

*

1b

Aeroportos, aeródromos e demais instalacións aeroportuarias: aqueles regulados pola Lei 21/2003, do 7 de xullo, de seguridade aérea e pola normativa internacional (normas e recomendacións da Organización da Aviación Civil Internacional –OACI) e nacional da Dirección Xeral de Aviación Civil aplicable.

1 DEA

2 primeiros interventores formados en ASI e DEA

*

1d

Edificios pechados permanentes non desmontables, cubertos total ou parcialmente, con cabida ou capacidade igual o superior a 1.000 persoas, ou cunha altura de evacuación igual ou superior a 28 m.

1 DEA

2 primeiros interventores formados en ASI e DEA

1d

Instalacións ou locais pechados desmontables ou de tempada, cubertos total ou parcialmente, con cabida ou capacidade igual ou superior a 1.500 persoas.

1 DEA

2 primeiros interventores formados en ASI e DEA

1d

Outras actividades en espazos delimitados cun número de asistentes e participantes previstos igual ou superior a 5.000 persoas.

5.000 a 10.000: 1 ambulancia clase B.

10.000 a 20.000: 2 ambulancias clase B

A partir de 20.000: 2 ambulancias clase B e 1 ambulancia clase C

1d

Actividades en recintos ou espazos non delimitados: aquelas cun número de asistentes e participantes previstos igual o superior a 10.000 persoas.

10.000 a 20.000: 1 ambulancias clase B

20.000 a 30.000: 2 ambulancias clase B

A partir de 30.000: 2 ambulancias clase B e 1 ambulancia clase C

2b

Estacións e intercambiadores de transporte terrestre: aqueles cunha ocupación igual ou superior a 1.500 persoas.

1 DEA

2 primeiros interventores formados en ASI e DEA

2e

Establecementos de uso docente especialmente destinados a persoas con discapacidades físicas, sensoriais, intelectuais ou con enfermidades mentais, ou destinados a outras persoas que non poidan realizar unha evacuación polos seus propios medios.

1 DEA

2 primeiros interventores formados en ASI e DEA

2e

Calquera outro establecemento de uso docente sempre que dispoña dunha altura de evacuación igual o superior a 28 m, ou dunha ocupación igual o superior a 1.000 persoas.

1 DEA

2 primeiros interventores formados en ASI e DEA

2f

Establecementos de uso residencial público: aqueles en que se desenvolven actividades de residencia ou centros de día destinados a persoas anciás, con discapacidade física, sensorial, intelectual ou con enfermidade mental, ou aqueles en que habitualmente haxa usuarios que non poidan realizar unha evacuación polos seus propios medios.

1 DEA

2 primeiros interventores formados en ASI e DEA

2f

Calquera outro establecemento de uso residencial público sempre que dispoña unha altura de evacuación igual ou superior a 28 m, ou dunha ocupación igual ou superior a 1.000 persoas.

1 DEA

2 primeiros interventores formados en ASI e DEA

2g

Edificios que alberguen actividades comerciais, administrativas, de prestación de servizos, ou de calquera outro tipo, sempre que a altura de evacuación do edificio sexa igual ou superior a 28 m, ou ben dispoñan dunha ocupación igual ou superior a 1.000 persoas.

1 DEA

2 primeiros interventores formados en ASI e DEA

* Ambulancia clase A1: segundo o Real decreto 836/2012, do 25 de maio, polo que se establecen as características técnicas, o equipamento sanitario e a dotación de persoal dos vehículos de transporte sanitario por estrada, ambulancias non asistenciais, destinadas ao transporte de pacientes en padiola.

Ambulancia clase A2: segundo o Real decreto 836/2012, do 25 de maio, polo que se establecen as características técnicas, o equipamento sanitario e a dotación de persoal dos vehículos de transporte sanitario por estrada, ambulancias non asistenciais, que non están acondicionadas para a asistencia sanitaria en ruta, acondicionadas para o transporte conxunto de enfermos cuxo traslado non revista carácter de urxencia nin estean afectados de enfermidades infectocontaxiosas.

Ambulancia clase B: segundo o Real decreto 836/2012, do 25 de maio, polo que se establecen as características técnicas, o equipamento sanitario e a dotación de persoal dos vehículos de transporte sanitario por estrada, ambulancias asistenciais, acondicionadas para permitir asistencia técnico-sanitaria en ruta e destinadas a proporcionar soporte vital básico e atención sanitaria inicial.

Asistencia sanitaria inmediata (ASI): conxunto de medidas destinadas a tratar emerxencias con risco vital, incluídas a AVB (atención vital básica) e a RCP (reanimación cardiopulmonar).

Desfibrilador externo automatizado (DEA): equipamento técnico homologado para usalo de acordo coa lexislación vixente, capaz de analizar o ritmo cardíaco, de identificar arritmias tributarias de desfibrilación e de administrar unha descarga eléctrica para restablecer o ritmo cardíaco viable, con altos niveis de seguridade. Cando este aparello requira unha acción humana de pulsar o botón de conexión, denomínase desfibrilador externo semiautomatizado (DESA), aínda que internacionalmente ambos –o DESA e o completamente automatizado– se agrupan baixo a denominación xenérica de DEA.