Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Venres, 21 de outubro de 2022 Páx. 56062

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 22 de setembro de 2022 pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 15 de setembro de 2022, polo que se aproban o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas e definitivamente o proxecto de construción para a humanización da PO-323 no termo municipal de Vigo, primeira fase.

Antecedentes:

Con data do 11 de xaneiro de 2002, publícase no Diario Oficial de Galicia núm. 6 o Anuncio do 22 de novembro de 2021 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción para a humanización da PO-323 no termo municipal de Vigo, 1ª fase, de clave PO/20/012.09, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

En virtude do disposto no artigo 55.6 do Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia,

RESOLVO:

Publicar o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 15 de setembro de 2022, polo que se aproban o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas e definitivamente o proxecto de construción para a humanización da PO-323 no termo municipal de Vigo, 1ª fase, que se recolle como anexo a esta resolución.

Contra o dito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2022

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 15 de setembro de 2022, polo que se aproban o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas e definitivamente o proxecto de construción para a humanización
da PO-323 no termo municipal de Vigo, 1ª fase

Aprobar, ao abeiro dos artigos 54.2 e 55.4 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, aprobado polo Decreto 66/2016, do 26 de maio, o trámite de información pública e informe das administracións afectadas e definitivamente o proxecto de construción «Humanización da PO-323 no termo municipal de Vigo. 1ª fase, de clave PO/20/012.09», coas seguintes modificacións relativas ao trazado sometido a información pública:

 Destinarase a parcela de referencia castastral 5679213NG2757N de titularidade municipal (próxima ao IES de Teis e ao centro de saúde) a habilitar unha nova zona de aparcamento. Esta zona de aparcamento substituirá a proposta inicialmente fronte ao centro de saúde.

 Manteranse as prazas de aparcamento actuais, na avenida de Galicia, entre os números 104-120 e nos números 67-69.

Consonte establece o artigo 23.1 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Vigo, en que se asentan as infraestruturas obxecto do proxecto, deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, en que se establecen as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo dun ano e, en todo caso, na súa primeira modificación o revisión.

A aprobación definitiva do proxecto de construción implica a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para reposición de servizos afectados, previstos no proxecto, así como para a implantación do proxecto e as modificacións deste que, se é o caso, puidesen aprobarse posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes, segundo o disposto no artigo 22.5 da Lei 8/2013, do 28 de xuño.