Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Venres, 21 de outubro de 2022 Páx. 56059

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 22 de setembro de 2022 pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 4 de agosto de 2022, polo que se aproban o trámite de información pública e o proxecto de trazado da I fase de actuación na variante de Ribeira.

Antecedentes:

Con data do 7 de febreiro de 2020, publícase no Diario Oficial de Galicia o Anuncio do 21 de xaneiro de 2020, da Axencia Galega de Infraestruturas, polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental: «I fase da actuación: variante de Ribeira, de clave: AC/18/074.01», así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Con data do 23 de novembro de 2021, publícase no Diario Oficial de Galicia o Anuncio do 10 de novembro de 2021, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto da I fase da variante de Ribeira.

En virtude do disposto no artigo 55.6 do Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia,

RESOLVO:

Publicar o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 4 de agosto de 2022, polo que se aproban o trámite de información pública e o proxecto de trazado da I fase da actuación na variante de Ribeira, que se recolle como anexo a esta resolución.

Contra o dito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2022

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 4 de agosto de 2022, polo que se aproban o trámite de información pública e o proxecto de trazado da I fase da actuación na variante de Ribeira

Aprobar, ao abeiro dos artigos 54.2 e 55.4 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, aprobado polo Decreto 66/2016, do 26 de maio, o trámite de información pública e informe das administracións afectadas e o proxecto de trazado «I fase da actuación: variante de Ribeira, de clave AC/18/074.01», coas seguintes modificacións relativas ao trazado sometido a información pública, que se terán en conta na redacción do proxecto construtivo:

 Por pedimento do Concello de Ribeira, desprazarase a glorieta GL 1.3 (punto quilométrico (p.q.) 1+340, enfrontada á rúa Mariño) ata dispoñela enfrontada á rúa Ameneiro (aprox. p.q. 1+240), mantendo a conexión da rúa Mariño de Rivera coa nova vía mediante unha intersección en «T». Esta alcanzará un ancho en todo o percorrido de 12 m, de acordo co previsto no planeamento municipal.

 Substituirase o paso inferior 0,6 e os seus muros anexos por un viaduto dunha lonxitude aproximada de 60 metros.

 Por pedimento de Augas de Galicia, deberase modificar a tipoloxía tipo marco proposta para a ODT 1.7 por outra tipo pórtico.

Consonte establece o artigo 23.1 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Ribeira, en que se asentan as infraestruturas obxecto do proxecto, deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, en que se establecen as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo dun ano e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión.

A aprobación definitiva do proxecto de trazado implica a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para reposición de servizos afectados, previstos no proxecto, así como para a implantación do proxecto e as modificacións deste que, se é o caso, puidesen aprobarse posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes, segundo o disposto no artigo 22.5 da Lei 8/2013, do 28 de xuño.