Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Xoves, 27 de outubro de 2022 Páx. 56615

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 21 de xullo de 2022 pola que se dá publicidade da encomenda á Axencia Galega de Infraestruturas para a xestión das actuacións en relación coa redacción do proxecto e a execución das obras de construción do novo centro de saúde de Boborás (Ourense).

De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade da Resolución da Consellería de Sanidade, do 14 de xullo de 2022, pola que se lle encomenda á Axencia Galega de Infraestruturas a xestión das actuacións para a redacción do proxecto e a execución das obras de construción do novo centro de saúde de Boborás (Ourense).

As actividades que vai realizar a Axencia Galega de Infraestruturas son:

1. A dirección da redacción do proxecto con base no Plan funcional redactado polo Servizo Galego de Saúde, así como a supervisión e aprobación técnica do proxecto.

2. Realizar os actos e negocios xurídicos propios da preparación, selección de contratista, adxudicación e execución dos contratos que sexan precisos para o cumprimento do obxecto da encomenda, e concretamente os de redacción de proxecto, obra, dirección da obra, dirección de execución material e coordinación de seguridade e saúde.

3. Asumir a función de responsable do contrato, para o cal o órgano de contratación designará unha persoa física ou xurídica vinculada a esta axencia, a quen lle corresponderá supervisar a súa execución e adoptar as decisións e ditar as instrucións necesarias co fin de asegurar a correcta realización da prestación pactada, dentro do ámbito de facultades que o órgano de contratación lle atribúa.

4. Convocar o Servizo Galego de Saúde para que designe unha persoa representante, que asistirá ao acto de recepción das obras en que se levará a cabo a súa entrega.

5. Calquera competencia que lle corresponda en virtude da normativa de aplicación.

A Axencia, no desenvolvemento da actividade encomendada, seguirá as directrices e instrucións da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, aos cales lles corresponden os poderes de verificación e control da encomenda.

Canto á natureza e alcance da xestión encomendada, a encomenda ten natureza de encarga a medio propio, de acordo co disposto nos artigos 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e no artigo 13 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. Tal condición de medio propio vén recollida no artigo 5 do Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos.

O prazo de vixencia será desde o día seguinte á súa sinatura ata a data de finalización do prazo de garantía deste.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2022

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade