Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Venres, 28 de outubro de 2022 Páx. 56881

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 25 de outubro de 2022, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fan públicas as listas definitivas para o nomeamento de persoal funcionario do corpo de axudantes de carácter facultativo, escala de axentes facultativos ambientais da Xunta de Galicia.

Mediante a Resolución da Dirección Xeral da Función Pública, do 4 de outubro de 2022 (DOG núm. 192, do 7 de outubro), fixéronse públicas as listas provisionais para a contratación temporal de persoal funcionario do corpo de axudantes de carácter facultativo, escala de axentes facultativos ambientais da Xunta de Galicia, elaboradas en cumprimento do artigo 6.2 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia.

O 24 de outubro de 2022 rematou o prazo establecido no punto terceiro da dita resolución para presentar reclamacións.

Unha vez examinadas e resoltas as reclamacións, a comisión permanente constituída ao abeiro do artigo 4 do Decreto 37/2006 acordou elevar ao titular da Dirección Xeral da Función Pública as listas definitivas de admitidos e excluídos para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

En consecuencia, de conformidade co establecido no artigo 11 do decreto regulador, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Facer públicas as listas definitivas para o nomeamento de persoal funcionario do corpo de axudantes de carácter facultativo, escala de axentes facultativos ambientais da Xunta de Galicia.

Segundo. As listas poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de <Listas de contratación>, no Servizo de Atención e Información á Cidadanía a través do teléfono 012 e nas oficinas de rexistro e atención á cidadanía da Xunta de Galicia (oficinas dos edificios administrativos da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo).

As ditas listas incluirán a seguinte información:

– Solicitantes admitidos/as na lista, con indicación da puntuación resultante da aplicación do baremo establecido no artigo 9 do Decreto 37/2006.

– Solicitantes excluídos/as, con expresión da causa de exclusión.

Terceiro. As listas entrarán en vigor a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. As persoas solicitantes excluídas disporán do prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para solicitar a devolución das taxas por dereitos de inscrición, para o cal deberán consignar o nome e apelidos, NIF, número da conta bancaria (vinte díxitos) e localidade desta, segundo o modelo que figura no anexo III da Orde do 22 de febreiro de 2021 (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), xunto coa documentación xustificativa de ter aboado as taxas administrativas.

Quinto. Contra esta resolución e de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as persoas interesadas poderán interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2022

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública