Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Venres, 28 de outubro de 2022 Páx. 56785

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 24 de outubro de 2022 pola que se modifica a Orde do 29 de decembro de 2021, pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2022, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia (Diario Oficial de Galicia número 16, do 25 de xaneiro).

Mediante a Orde do 29 de decembro de 2021 reguláronse os criterios de repartición e establecéronse as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2022, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia (DOG núm. 15, do 26 de xaneiro), que foi modificada pola Orde do 14 de xuño de 2022 para ampliar a dotación orzamentaria da liña competitiva (DOG núm. 120, do 23 de xuño).

Esta orde tramitouse como expediente anticipado de gasto segundo o previsto na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, e de acordo co establecido no proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2022, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 18 de outubro de 2021, na cal se acordou a súa remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

No artigo 30 da orde fíxase no 31 de outubro de 2022 a data límite do prazo para a realización e xustificación das actuacións subvencionadas. Tendo en conta o número de proxectos subvencionados e a complexidade do proceso de tramitación e de contratación nas entidades locais beneficiarias e considerando que as bases reguladoras non conteñen precepto en contra e que non se causa prexuízo a terceiros, é procedente ampliar o devandito prazo de execución e xustificación das actuacións subvencionadas ata o 18 de novembro de 2022, para facer viable o proceso de execución dos proxectos subvencionados e posibilitar o cumprimento do procedemento de xestión.

Esta ampliación do prazo está amparada no artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, segundo o cal o órgano concedente da subvención poderá outorgar, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación que non exceda a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Con base en todo o anterior, de acordo coa Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental; coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; co Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, e co disposto na Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2022, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida,

DISPOÑO:

Artigo único

Modifícase o artigo 30.1 da Orde do 29 de decembro de 2021, que queda redactado nos seguintes termos:

«1. As entidades beneficiarias terán de prazo para executar o proxecto subvencionado e presentar a conta xustificativa ata o 18 de novembro de 2022».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2022

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes