Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Mércores, 2 de novembro de 2022 Páx. 57494

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 25 de outubro de 2022 pola que se convocan actividades de formación continua en materia de economía pública.

A política económica vixente, derivada en boa parte das directrices europeas e das novas circunstancias, implica novos retos para as administracións que requiren de empregados públicos cualificados que poidan facer fronte ás tarefas de administración e dirección exixidas pola configuración da Facenda pública actual. Ademais, a evolución dos sistemas e dos conceptos de gobernanza e rendición de contas implica determinadas accións de avaliación e revisión de gasto baseadas en novos procedementos.

Por outra banda, a defensa dos intereses da Comunidade Autónoma nos eidos do sistema de financiamento autonómico e xestión de fondos estruturais e de investimentos da UE exixe un soporte de información técnica especializada e á medida de cada actuación.

Consonte os obxectivos do Instituto de Economía Pública de Galicia, recollidos no protocolo de colaboración polo que se establecen os principios reitores e de funcionamento do devandito instituto, e aprobado o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2022 polo Consello Reitor, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio,

RESOLVO:

Convocar as actividades formativas que figuran no anexo II e que deberán desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2022

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Bases

Primera. Requisitos dos/das participantes

1. Poderá participar nas actividades formativas convocadas nesta resolución o persoal empregado público ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais, da Administración institucional de Galicia, das entidades locais de Galicia e de administración e servizos (PAS) das universidades do Sistema universitario de Galicia, que se encontre en situación de servizo activo (incluído o persoal que teña concedido un permiso por motivos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral) e que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

Está exceptuado o persoal docente da Consellería de Cultura, Educación e Universidade; o persoal das escalas dos corpos da Policía de Galicia, Policía local e bombeiros e o persoal do Servizo Galego de Saúde. Non se entende por tal o persoal empregado público da escala de saúde pública e Administración sanitaria creada pola Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas de persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Para as actividades impartidas na modalidade de teleformación, as persoas interesadas deberán dispor dunha conta de correo electrónico, cuxo enderezo terán que indicar na solicitude, e dun equipo informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un computador con conexión á internet.

– Un navegador web actualizado.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

Os cursos realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para cada un deles se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

Tercera. Solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o día 8 de novembro de 2022.

As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>, desde as 9.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

4. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

5. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (como, por exemplo, discapacidade ou permisos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral), de acordo cos criterios de selección, poderán remitir á EGAP a correspondente documentación complementaria, ao enderezo de correo electrónico <iep.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario, só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

6. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través do número de teléfono 881 99 71 74, en horario de atención ao público (das 9.00 ás 14.00 horas), e do enderezo de correo electrónico <iep.egap@xunta.gal>.

Cuarta. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes das accións formativas necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso. Neste caso, a persoa interesada deberá indicalo incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e achegar ademais unha copia dos documentos a cuxa consulta se opón a través do seguinte enderezo electrónico: iep.egap@xunta.gal

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo expresamente, incluír os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e achegar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, o tipo de persoal e a antigüidade na Administración, a través do seguinte enderezo electrónico <iep.egap@xunta.gal>.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Quinta. Criterios de admisión

A admisión levarase a cabo de acordo cos criterios indicados na base primeira desta convocatoria. A orde de admisión virá determinada pola data e hora de inscrición.

Sexta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda ou están excluídas de acordo co disposto no ordinal segundo, punto 6º, da Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

Sétima. Cambios ou substitucións na selección. A renuncia. O seguimento das actividades formativas

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP coa maior brevidade posible e, en todo caso, con anterioridade ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <iep.egap@xunta.gal>.

As persoas que incumpran o previsto nas liñas a) e b) pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. O seguimento das actividades formativas:

As persoas que non completen o 50 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Oitava. Superación da actividade formativa

Para poder superar as actividades formativas será necesario cumprir os seguintes requisitos:

a) A adecuada realización de todas as actividades que o/a titor/a propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no exame final.

b) A superación dunha proba de avaliación final.

Ao inicio da actividade formativa publicarase o correspondente programa na plataforma de teleformación e indicaranse as probas de avaliación previstas, así como as datas en que estas terán lugar. Nestas actividades as probas de avaliación finais serán en liña. A EGAP informará a través da súa páxina web e tamén a través da plataforma de teleformación das datas concretas e das horas da proba final.

Novena. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento, o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe que declare apto/a ou non apto/a a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Décima. Facultades da EGAP

1. A EGAP resolverá aquelas incidencias que poidan producirse no desenvolvemento e na xestión das actividades formativas e pode suprimir algunha, ampliar novas edicións da programación ou programar outras actividades diferentes, cando así o exixan as circunstancias que afecten a súa organización ou docencia. Tamén corresponde á EGAP prover canto sexa necesario para a execución e o cumprimento desta resolución.

2. A execución material das actividades queda condicionada á existencia de crédito orzamentario adecuado e dispoñible e á autorización correspondente do gasto.

3. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP reserva para si o dereito a suspender ou cancelar as actividades, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

4. A EGAP poderá modificar os contidos, o desenvolvemento, as datas e os lugares das actividades formativas, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir. Todas as modificacións que afecten o desenvolvemento das actividades serán anunciadas na páxina web da escola.

5. A EGAP garantirá na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código

Denominación

Prazas

Horas

Cualificación

Persoal destinatario

Modalidade/localidade

Datas e horario

Data do exame

IE22015

Aplicación práctica da Lei de contratos. A integridade institucional e a prevención da corrupción

50

40

Aproveitamento

Persoal empregado público, dos subgrupos A1 e A2 do persoal funcionario e grupos I e II do persoal laboral, ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional, da Administración local de Galicia; persoal de administración e servizos (PAS) das universidades do Sistema universitario de Galicia (UDC, USC e Uvigo), preferentemente relacionados coa contratación pública.

Teleformación

21.11.2022 ao 15.12.2022

19.12.2022

IE22016

Imposto da renda das persoas físicas

50

25

Aproveitamento

Persoal empregado público ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional, da Administración local de Galicia; e persoal de administración e servizos (PAS) das universidades do Sistema universitario de Galicia (UDC, USC e Uvigo).

Teleformación

21.11.2022 ao 15.12.2022

16.12.2022

IE22017

Lei xeral tributaria

50

25

Aproveitamento

Persoal empregado público ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional, da Administración local de Galicia; e persoal de administración e servizos (PAS) das universidades do Sistema universitario de Galicia (UDC, USC e Uvigo).

Teleformación

14.11.2022 ao 9.12.2022

14.12.2022