Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Mércores, 2 de novembro de 2022 Páx. 57492

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 21 de outubro de 2022, de delegación de competencias na Xerencia deste organismo.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia é unha axencia pública autonómica que ten como obxectivos básicos a definición, o desenvolvemento e a execución dos instrumentos da política da Xunta de Galicia no ámbito das tecnoloxías da información e comunicacións, e a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico.

O artigo 17 dos estatutos da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), aprobados polo Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos (DOG num. 10, do 16 de xaneiro de 2012), modificado polo Decreto 9/2021, do 21 de xaneiro, polo que se suprime o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec) e se modifica o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos (DOG num. 17, do 27 de xaneiro de 2021), establece as competencias e funcións que lle corresponden á Dirección da Amtega.

Así mesmo, o artigo 28 dos devanditos estatutos dispón que actuará como órgano de contratación o/a director/a da Amtega, que precisará a autorización previa do Consello da Xunta de Galicia cando, por razón da contía, lle corresponda a este autorizar o gasto.

A actividade administrativa e a natureza das funcións que se concentran na persoa titular da Dirección da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia aconsellan acudir á delegación de determinadas competencias, coa finalidade de garantir o correcto funcionamento dos servizos públicos implicados, na procura dunha axilización administrativa que redunde en beneficio tanto da Administración como dos interesados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe, sen esquecer o debido respecto aos principios informadores da actividade administrativa, que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1.

A presente resolución regula a delegación de determinadas competencias da persoa titular da Dirección da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia na persoa titular da Xerencia da dita axencia pública autonómica.

En consecuencia, de conformidade cos estatutos da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, co artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, co artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e demais disposicións de xeral aplicación, a Dirección da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLVE:

1. Delegar na persoa titular da Xerencia da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia as seguintes competencias:

a) As funcións que como órgano de contratación corresponden á persoa titular da Dirección da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia de acordo coa lexislación vixente, agás nos casos en que estean expresamente delegadas noutros órganos, así como as facultades de autorización, disposición, recoñecemento de obrigas e pagamento dos gastos derivados do exercicio desta competencia.

b) Resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas.

2. A presente delegación quedará suxeita ao seguinte réxime xurídico:

a) O exercicio das competencias que se delegan nesta orde axustarase ao disposto no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

b) Os actos e resolucións administrativas que se adopten facendo uso desta delegación farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditados polo órgano delegante.

c) En calquera momento, a persoa titular da Dirección da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia poderá avocar o exercicio das competencias delegadas por esta resolución, así como acordar a súa revogación.

d) Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2022

Julián Cerviño Iglesia
Director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia