Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Venres, 4 de novembro de 2022 Páx. 58037

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Cedeira

ANUNCIO da aprobación definitiva do estudo de detalle para a ordenación de volumes edificables e definición de aliñacións na parcela sita na travesía da Praia, número 12, esquina Camiño Real da Magdalena, promovido por Cedeira Apartamentos, S.L. ( expediente 2022/X999/000100).

O Pleno da Corporación, en sesión extraordinaria e urxente que tivo lugar o día 26 de outubro de 2022, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

«Primeiro. Aprobar definitivamente o estudo de detalle para a ordenación de volumes edificables e definición de aliñacións na parcela sita na Travesía da Praia, nº 12, esquina Camiño Real da Magdalena, promovido por Cedeira Apartamentos, S.L., e redactado polo arquitecto Diego Pérez Bargiela, asinado dixitalmente o 10 de agosto de 2022, coa seguinte condición:

– Antes do inicio das obras deberá solicitarse á Demarcación de Costas de Galicia a comprobación da implantación.

Segundo. Publicar o acordo de aprobación definitiva, no prazo dun mes desde a súa adopción, no Diario Oficial de Galicia, en cumprimento do previsto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e no artigo 199 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, que aproba o Regulamento da Lei 2/2016 do solo de Galicia (RLSG); así mesmo, xunto coa publicación do acordo, publicarase a referencia ao enderezo electrónico en que figurará o contido íntegro deste estudo de detalle á disposición do público.

Terceiro. Unha vez publicado o anuncio no Diario Oficial de Galicia, comunicar á consellería competente en materia de urbanismo, de conformidade co disposto no artigo 88 da LSG e nos artigos 209 e 212 do RLSG, o acordo de aprobación definitiva, á vez que se lle dará traslado dun exemplar en soporte dixital debidamente dilixenciado para a súa inscrición no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

Cuarto. Unha vez inscrito o instrumento do planeamento no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, ao abeiro do previsto nos artigos 82.3 e 88.4 da LSG e no artigo 199 do RLSG, publicar o texto dos documentos que integran o estudo de detalle, así como o índice de planos deste no Boletín Oficial da provincia.

En todo caso, a eficacia do acordo de aprobación definitiva e a entrada en vigor do estudo de detalle, conforme o estipulado no artigo 82.4 da LSG, quedan condicionadas á súa publicidade (de conformidade co establecido no artigo 82 da LSG), á inscrición do estudo de detalle no Rexistro de Planeamento de Galicia (conforme o artigo 88 da LSG), e ao transcurso do prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, por remisión do artigo 70 da mesma norma.

Quinto. Facultar o alcalde para subscribir e asinar toda clase de documentación e, en xeral, para todo o relacionado con este asunto.

Sexto. Notificar este acordo aos interesados».

– O contido íntegro do estudo de detalle definitivamente aprobado poderá consultarse no seguinte enderezo electrónico http://cedeira.gal/documentacion-estudo-de-detalle-expediente-2022-x99-000100/

– Contra este acordo, con carácter de disposición administrativa de carácter xeral, pódese interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (artigo 84.1 da Lei 2/2016 do solo de Galicia e artigo 201.1 do seu regulamento), nun prazo de dous meses, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que se poida interpoñer calquera outro recurso que se considere máis procedente e sexa conforme co dereito.

Cedeira, 27 de outubro de 2022

Pablo Diego Moreda Gil
Alcalde