O artigo 10 do Decreto 81/2017, do 3 de agosto, polo que se crea a Axencia Galega da Industria Forestal e se aproban os seus estatutos, crea o Consello Reitor como órgano colexiado de goberno da Axencia.
O número 2 do artigo 13 do referido decreto regula a composición deste consello reitor e dispón o seguinte:
a) Presidente/a: a persoa titular da Presidencia da Axencia.
b) Vicepresidente/a: a persoa titular da Dirección da Axencia.
c) Nove vogais, nomeados/as pola persoa titular da consellería de adscrición:
1º. Dous vogais representarán a consellería competente en materia de economía e serán designados por esta entre as persoas titulares dos órganos superiores ou de dirección.
2º. Dous vogais representarán a consellería competente en materia de medio rural e serán propostos por esta entre as persoas titulares dos órganos superiores ou de dirección.
3º. Dous vogais representarán a consellería competente en materia de ambiente e ordenación do territorio, e serán propostos por esta entre as persoas titulares dos órganos superiores ou de dirección.
4º. Un/unha vogal representará a consellería competente en materia de facenda, e será proposto/a por esta entre as persoas titulares dos órganos superiores ou de dirección.
5º. Dous vogais representarán as corporacións locais e serán propostos pola Fegamp.
d) Secretario/a: designado/a e nomeado/a polo Consello Reitor entre o persoal que presta servicios na Axencia. A persoa titular da Secretaría asistirá ás reunións con voz pero sen voto
O Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, adscribiu no seu artigo 10.b).4 a Axencia Galega da Industria Forestal á Consellería do Medio Rural.
En consonancia con esta regulación, o Decreto 109/2022, do 16 de xuño, modificou o artigo 2.2 do Decreto 149/2018, do 5 de decembro, creando un novo parágrafo d) nese artigo, en que se regula a dita adscrición.
En consecuencia, de acordo co establecido no artigo 13 do Estatuto da Axencia Galega da Industria Forestal e das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
ACORDO:
Primeiro. Nomear como vogais titulares do Consello Reitor da Axencia Galega da Industria Forestal as persoas titulares dos órganos que se indican:
– Axencia Galega de Innovación (Gain), en representación da consellería competente en materia de economía.
– Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), en representación da consellería competente en materia de economía.
– Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, en representación da consellería competente en materia de medio rural.
– Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, en representación da consellería competente en materia de medio rural.
– Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en representación da consellería competente en materia de ambiente, territorio e vivenda.
– Dirección Xeral de Patrimonio Natural, en representación da consellería competente en materia de ambiente, territorio e vivenda.
– Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, en representación da consellería competente en materia de facenda.
Segundo. Nomear como vogais titulares do Consello Reitor da Axencia Galega da Industria Forestal as dúas seguintes persoas que propuxo a Fegamp, en representación das corporacións locais:
a) Juan Vicente Penabad Muras, alcalde do Concello de Ortigueira.
b) Pablo Pérez Pérez, tenente alcalde do Concello de Quintela de Leirado.
Terceiro. Esta orde producirá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2022
José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural